A finais do curso pasado a Consellería de Educación, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, mandaron a todos os pais de rapaces que cursaban a secundaria o cuestionario que temos máis abaixo. Un cuestionario semellante foilles entregado en infantil e primaria. O documento ten a súa importancia, pois tómase como unha das bases nas que se fundamenta o que se prevé será o novo decreto sobre o uso do galego no ensino. Para sermos máis precisos, o cuestionario é a ferramenta dun pretendido estudo estatístico para xustificar o cambio normativo.
Anxo Lorenzo, o secretario xeral de política lingüística, un dos que asinan as "Bases para o decreto de plurilingüismo", é o coautor dun traballo publicado no 2002 que fai un estudo precisamente sobre a enquisa estatística xa que constitúe un instrumento tradicionalmente vencellado á investigación cuantitativa orientada á observación e á análise da estructura social, trátase do traballo "A enquisa na investigación sociolingüística".
Nese traballo indica:
Se tódalas etapas da investigación mediante enquisas son importantes, a elaboración dun cuestionario é, se cadra, a fundamental. Unha inadecuada elaboración pode botar por terra boa parte do traballo.
Tendo en conta que Anxo Lorenzo xustificou reiteradamente a distribución destes cuestionarios, e xustificou as súas (supostas) conclusións, debemos entender que a elaboración dos mesmos foi suficientemente coidada.
Miremos a primeira pregunta. Trátase de saber sobre a preferencia do pai sobre a lingua das materias troncais. Primeiro, non hai tales materias troncais. Segundo, non se fai ningunha pregunta que valore se ese pai responde desde algún tipo de prexuízo lingüístico ou non ( se pensa que o galego non serve para nada, ou para o ensino, ou para a ciencia,...). Terceiro, non se fai ningunha pregunta sobre a preferencia dese pai sobre a lingua do ensino noutras materias.
Miremos a segunda pregunta. Trátase de saber sobre a preferencia do pai sobre a lingua dos materiais de uso na escola. Primeiro, esta pregúnta refírese, como a primeira, ás materias troncais? a todas? Segundo, non hai ningunha pregunta sobre os prexuízos lingüísticos que permita valorar no seu contexto a resposta a esta. Terceira, idem á primeira no caso de que a pregunta se refira só ás troncais.
Miremos a terceira pregunta. Trátase de saber sobre a preferencia do pais sobre a lingua de uso nos exames. Idem á segunda. Ademais, este ítem será o que pretendidamente xustificará que no novo decreto os alumnos poidan usar na aula a lingua que lles pete.
Miremos a cuarta pregunta: "Está de acordo con que se impartan materias en inglés?". Primero, que materias? a materia de inglés? Segundo: a quen? aos meus fillos? aos alumnos de diversificación curricular?... Terceiro: voluntariamente? por parte dos pais? dos alumnos?. Cuarto: este ítem será o que se usará para xustificar a imposición dun terzo das materias en inglés segundo o novo decreto (!).
Por todo isto, conínúo a citar a Anxo Lorenzo no traballo antes nomeado: A elaboración das preguntas é a parte central de calquera cuestionario.
E o que di a RAG ao respecto: unha enquisa oficial e legal nunca debe formular preguntas de resposta condicionada. (en negriña no orixinal)
Polo que nun estudo estatístico, e máis se este ten implicacións sociais e legais como o ten este, debe ter unhas características contrastadas. Continuamos citando a Anxo Lorenzo:
O cuestionario, como artefacto de medida, debe aglutinar algunhas características. Entre elas, as máis relevantes son a fiabilidade e a validez..... En primeiro lugar, cómpre determinar a súa validez, é dicir, comprobar que o que se está a medir é precisamente o que se quere medir.
Para avaliar a validez, continúa, un instrumento de análise é válido se os seus indicadores –as preguntas do cuestionario–“indican lo que se pretende que indiquen; si ‘miden’ correctamente el significado dado al concepto teórico en consideración”
Preguntámonos que é o que pretendía medir o cuestionario aquí en cuestión.
Sobre a fiabilidade a di que ten que ver coa consistencia do instrumento, coa súa capacidade de obter resultados semellantes en distintos momentos
Despois de facer públicas as Bases, por exemplo, os resultados serían os mesmos?
Consulta aos pais. Secundaria
Para rematar unha cuestión fundamental. Cando se fan enquisas (serias) tense moito coidado na selección da mostra, isto é, daqueles aos que se lle fai a enquisa. Normalmente escóllense os enquisados mediante procesos ao chou.
Para que os resultados sexan fiables ou creíbles, a mostra debe ser homoxénea. Dito doutro xeito, debe suceder o mesmo que cando queremos saber a que sabe a sopa que nos poñen nun restaurante, basta con probar unha cullerada para sabelo xa que esa cullerada terá o mesmo sabor que todo o prato. Neste caso, tívose algún coidado na escolla da mostra? A que sabe esta sopa?
Os cuestionarios entregábenselle aos alumnos. Estes deberían entragarllos aos pais. (!) Non debían cubrilos eles nin os seus amigos (!). Os pais (ou as nais? ou o amigo da familia que nese momento estaba de visita?) por fin a cubrirían para despois, normalmente, encargar, outra vez, aos fillos para que a entregaran nos centros. Téñase en conta que hai pais que teñen varios fillos en idade escolar, entón responden varias veces... Que esas enquisas debían acabar na Consellería de Educación, que é precisamente a interesada en que os resultados sexan os que xustifiquen as Bases do novo decreto...
E con todo isto pretendíase dar a entender que os resultados serían ademais rigorosos e indefectiblemente certos porque, ademais, a mostra estaba formada por todos os pais. Pois deixemos falar a Anxo Lorenzo:
Traballar con poboacións enteiras é un obxectivo realmente desbotado na práctica investigadora: en primeiro lugar, porque ás veces é imposible na práctica conseguir información de toda a poboación; e en segundo lugar porque os resultados non serían cribles. E se fosen cribles, xa non serían aplicables á poboación obxectivo, pois esta estaría transformada.
Tendo en conta a necesidade de dispoñer dunha selección da poboación, a precisión e a rigorosidade deben extremarse xa que a análise desa parte do total producirá conclusións que aplicaremos ó conxunto da poboación .
Pois iso. Que te pasaches co sal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario