Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 12 de febreiro de 2010

O tellado da Academia e o temporal

Ben se ve quen sabe escribir ben. Excelente artigo.
Para os interesados colocamos aquí a ligazón a outro do mesmo autor: A pedagoxía da trapallada
por Manuel Rivas, escritor, no xornal El País

A información meteorolóxica é o espazo máis visto en todas as televisións. Por suposto, tamén na TVG. Non falo da prehistoria, cando o noso Home do Tempo, Santiago Pemán, apantallaba o país enteiro co seu facundo "ata mañá!". Non. Confírmase que os minutos con máis audiencia en todas as canles seguen a ser hoxe os dedicados a ese grande espectáculo que a natureza ofrece cada día, cun protagonista que sempre dá que falar, que decote se expresa cun matiz imprevisíbel: o tempo!
Con gran esforzo de pouco persoal estanse a catalogar todos os fondos documentais da Academia
Hai moreas de persoas nas televisións e nas produtoras para darlle ao maxín e crear entretementos ou ficcións que enfeiticen á xente. Penso que ten moito mérito apreixar a atención dunha persoa por un minuto, aínda que sexa cunha parvada. Hai quen despreza a televisión como a "caixa parva", mais tamén nas parvadas ten de haber algo especial para que funcionen. Para facer ben o parvo hai que ser competente. Aí é onde eu noto, dispensando, unha decadencia política en Galicia.
Pola contra, o tempo endexamais decepciona. Móvese sempre en coordenadas de mestría. Podemos estar ou non en desacordo co estilo dunha borrasca ou dun anticiclón. Pero o tempo sempre funciona. Sempre dá que falar. Hai sempre unha calidade nos movementos das isobaras.
En lugar de facer unha segunda ou terceira canle, o que debería pór en marcha a TVG era unha canle do Tempo. Estou seguro que unha maioría da audiencia ficariamos fans desa cadea, sentadiños no tresillo a ver os ciclón dos Azores aterrando en Touriñán, o celeste convoi dos nubeiros gabeando polo cordal de Montouto e a Serra da Loba e a Cova da Serpe, o filme marabilloso das folerpas pousando na pel do Alto do Boi ou no colmo das pallozas do Cebreiro e Piornedo, a treboada expresionista de Soneira, o estrelampo post-impresionista nas Cíes, o levedar da brétema nos fornos mariños de Herbeira e Cabo Home... e os refachos do vento inclemente no tellado da Real Academia Galega.
A xente pensará que isto é unha metáfora. Pois non. É un tellado.
Un tellado en estado ruinoso. Un tellado coas tellas destelladas, uralita corroída e unha mesta selva na que funga e asubía a sección de vento do nordés. Un tellado tan precario que calquera día pode ceder ou voar en cachizas. Ou que as pingueiras que agora, cando chove, escorregan polas paredes con certa educacion experimenten de vez o cambio climático e de carácter e entren a caneiro cheo, en enxurrada feroz.
Hai un termo do que non gusta nada o actual Goberno, dito en boca do presidente Feijóo e do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez. Unha palabra maldita na súa meteoroloxía política. A de "inmersión". Na impecábel análise académica da RAG sobre o borrador de novo decreto lingüístico había algunha que outra clase de balde: explicar o que significa "inmersión" en pedagoxía lingüística. É o único xeito verdadeiro de aprender as linguas. E é perfectamente compatíbel unha dobre "inmersión". É dicir, tentar utilizar o castelán cando se estuda en castelán e o galego se se fai neste idioma. Xustamente unha das grandes eivas do proxecto de decreto é indesexábel efecto de alentar, en nome dunha presunta "liberdade", o exercicio da ignorancia (e da insolencia) nas aulas.
Pois ben, cando ingresei na Academia o que agardaba ilusionado era unha auténtica "inmersión", un mergullo a fondo no ancho mar dos saberes da cultura galega. O que era para min era un xeito poético de falar, axiña comprendín que pertencía á realidade meteorolóxica. O primeiro que ten que aprender o académico é a respirar como un anfibio. O segundo, dar prioridade nas lecturas ao prognóstico do tempo. O terceiro, rezar para capear o temporal. E o cuarto, ser un experto na detección de pingueiras e no manexo de aparellos deshumidificadores. De feito, na Academia non hai ningún Audi A8 nin Citroën C6, pero o que hai é un parque de seis deshumidificadores domésticos.
Debaixo deste tellado hai un dos maiores tesouros culturais de Galicia, aquilo que de fértil podemos ofrecer e partillar nun cosmopolitismo racional. Aquí se custodia boa parte da herdanza escrita. Manuscritos inesquecíbeis dos devanceiros que tecen a historia emocional. A letra miúda de Rosalía ou a máis flamante de Pondal a comprimir en anacos de papel información básica para a humanidade. En soto, planta baixa e catro andares gárdase unha das máis singulares e mellores bibliotecas de Europa, con máis de 70.000 volumes, e unha hemeroteca que contén as coleccións de 1.700 cabeceiras, cos máis importantes títulos editados na diáspora galega mundo adiante. Hai mil caixas de arquivo con documentos esenciais da memoria laboriosa. Hai cadros e esculturas de gran valor artístico. Hai 60.000 daguerrotipos e fotografías, dende os inicios desta arte. Con gran esforzo de pouco persoal, que se move nun espazo achicado, e con tecnoloxía insuficiente, estase a facer a catalogación informática de todo este fondo. Unha parte pode ser xa consultada na web da RAG, mais tamén a capacidade do sitio non é abonda.
A Real Academia Galega foi unha creación da sociedade civil, unha elevación transatlántica de librepensadores galeguistas (galeguismo no sentido que dende Galicia podemos "pensar o mundo", ter unha ollada universal e expresala na nosa lingua). A sede actual da Academia foi unha doazón da familia de Emilia Pardo Bazán. Pola demais, esta institución sobreviviu por un esforzo de vontades persoais. E en grande parte segue a ser así. Ser da Academia é formar parte dunha especie de voluntariado, sen retribución. Pertence á natureza diso que Beckett chamaba "estraña obriga". E está ben que así sexa no que aos académicos se refire. Mais outra cousa é que se potencie o que a Academia debe ser, e de feito está a ser en potencia: unha "factoría da lingua galega" e a "célula universal" na suma de esforzos para espallar o patrimonio e os recursos naturais. E iso esixe, como está a suceder de xeito exemplar coa Real Academia Española, que dirixe Víctor de la Concha, o compromiso dos políticos e as empresas galegas. A Xunta de Galicia forma parte da Fundación Pro Real Academia Española. Son "membros benfeitores" da RAE todas as entidades bancarias galegas. Está ben que así sexa.
Mais vai sendo hora de, entre todos, poñer un tellado sólido á Real Academia Galega. Por desgraza, parece que o que hai son movementos para afogala máis por ser libre. Ai, a liberdade!

Ningún comentario:

Publicar un comentario