Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 16 de febreiro de 2010

Prolingua e Albert Camus

por Laura Caveiro, escritora, na Nosa Terra

Ano 2010. 50º aniversario da morte de Albert Camus en accidente de tránsito. Ano 2010, 5 de febreiro. Presentación simultánea, en 70 afastados lugares do mundo, de 55 mentiras sobre a lingua galega (Laiovento), libro colectivo coordenado polo profesor da Universidade de Vigo, Xosé-Henrique Costas.
Sempre me chamou a atención o comentario de certo estudoso de Camus de que na súa literatura manifestábase o respecto aos silencios como unha forma de culto pola súa nai, unha muller analfabeta que non sabía expresarse. Igual que me chama a atención que sexa tan necesario un libro en defensa da lingua galega. Silencios e amor, lingua e mentiras. A plataforma Prolingua fai súa a causa dos traballos da liberdade de Camus, e carga coa pedra de Sísifo no 50º aniversario da morte do autor do ensaio O mito de Sísifo. Vai subindo con ela a montaña, con milleiros de ombreiros empurrando. Como Camus, pode afirmar Prolingua que sempre cabe defender, dende o posto de cadaquén, os valores sen os que non vale a pena vivir no mundo. Recoller a súa mensaxe, tan vixente, de que hai que cargar con todos os riscos e todos os traballos da liberdade.
Coma no pensamento de Camus, só podemos rebelarnos pola esixencia dunha imposible transparencia. Imposible mentres sexan repetidas mil veces as 55 mentiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario