Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 23 de febreiro de 2010

“O decreto pode ser contrario a dereito”

entrevista a Íñigo Urrutia, profesor da Universidade do País Vasco, e participante nas xornadas convocadas polo CCG sobre o CELRM, no Xornal de Galicia

A Xunta aposta por substituír a norma que fixa un mínimo de 50% de materias en galego, que efectos pode ter?
Pasar dun sistema que funciona ben, cun mínimo de 50% en galego que garante o coñecemento das dúas linguas, a un decreto que introduza o inglés e o coloque no mesmo plano que as linguas oficiais, a impresión que dá é unha regresión a respecto do anterior.

Interpreta igual a eliminación dos exames en galego para funcionarios?
O Comité de Expertos da Carta Europea esixe claramente un reclutamento de persoal bilingüe. Se ata o de agora as probas de acceso eran en galego e agora se fan só en castelán, dá a impresión de regresión. É algo que se ve en toda Europa, porque dende o punto de vista económico, as linguas vense como barreiras pero se non hai receptividade por parte dos funcionarios, limítase o desenvolvemento da lingua.

Os cambios foron reclamados por grupos que ven o castelán “en perigo”...
O castelán non está en perigo, e formulalo así é funcionar sobre unha ficción. É un discurso interesado para lexitimar a primacía dunha lingua sobre outra. Sorprendeunos gratamente a resposta galega fronte a esa regresión, foi moi acertada . Dende Euskadi vemos estas mobilizacións con moito interese fronte a unha política sen respaldo social.

O presidente da
Xunta asegura que o seu plan lingüístico concorda co de Euskadi, ata que punto é certo?
A situación é moi diferente, o que acontece é que tanto en Euskadi como en Galicia, co cambio de Goberno, parece que se ven obrigados a modificar a política lingüística. En Galicia, ata o de agora, no ensino a progresión foi positiva e os datos demostran que a regresión de galego se estabilizara, pero parece que todo o que funciona ben hai que revisalo. A única explicación que teñen estes movementos é política.

É posible conciliar estas reformas coa Carta Europea das Linguas?
Teriamos que tender ao que funcionou, un ensino principalmente na lingua propia para conseguir unha competencia nas dúas linguas. A Carta é dereito vixente, un tratado internacional. A impresión coa que un queda é que no Estado español a Carta non se aplica, pero é dereito, de acordo coa Constitución, e unha normativa que vaia en contra dela habería que revisala.

Sería, polo tanto, susceptible dun recurso ante os tribunais?
Si, é alegable ante os xuíces. Unha reforma que limite o desenvolvemento das linguas, se non se adecúa á Carta, teríamos que dicir que sería contraria ao dereito internacional vixente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario