A Xunta desoe todas as propostas que Anxo Lorenzo facía hai un ano para a lingua
Segundo informa o Xornal de Galicia, hai un ano o informe do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia era moi crítico coas accións do goberno anterior, pero ...
Non só non se levou a cabo ningunha das recomendacións, senón que se desfixo todo o que os expertos, incluído o propio Anxo Lorenzo, consideraban positivo da anterior Administración, tal e como denuncia un dos asinantes daquel texto.
O informe do Centro de Documentación Sociolinguística de Galicia louvaba o feito de que a Política Lingüística pasase dunha Dirección Xeral dependente da Consellería de Educación a unha Secretaría Xeral en Presidencia, o que lle daba unha incidencia transversal en todo o Goberno. A nova Xunta non tardou nada en devolvela a onde estaba, pasando a depender do departamento que dirixe Jesús Vázquez. As Galescolas, outro dos proxectos destacados, desapareceron para dar paso ás Galiñas Azuis e mudar a súa filosofía de promoción lingüística entre 0 e 3 anos. Por non falar do Decreto 124/2007 do galego no sistema educativo, destacado como positivo polo CDSG e que agora será substituído polo decreto do plurilingüismo, malia que o propio Anxo Lorenzo consideraba “priorizable” a aplicación da norma do bipartito para a recuperación do idioma.
É curioso comprobar como todo o considerado positivo polo CDSG do Consello da Cultura Galega foi desfeito pola nova Xunta nos primeiros meses en San Caetano. Tamén a modificación do artigo 35 da Lei de función pública, que establecía a obriga de todos os empregados públicos de realizaren cando menos unha proba das do proceso selectivo en galego. En xuño do pasado ano, o Goberno modificou pola vía de urxencia este artigo e retirou a proba en galego nos procesos selectivos. Do mesmo xeito, o informe destaca “o respecto dos dereitos lingüísticos” fixada no proxecto dunha lei do comercio que non se chegou a aprobar na lexislatura e que foi paralizada polo PP.
Máis do mesmo:
O orzamento para o idioma segue a baixar
Ningún comentario:
Publicar un comentario