A intensificación de falsías de groso calibre verbo da lingua galega está chegando a limites dificilmente superábeis. A realidade empírica xa é dato abondo alarmante do retroceso de uso do galego, por un proceso de españolización elefantiásico que non ten nada de natural e si ten todo de imposto á mantenta, por mil vías e coa servil cumplicidade das autoridades galegas que deberan defendelo, e que existen, entre outras realidades específicas, mesmamente porque existe a lingua galega. Os números facilitados polo Instituto Galego de Estatística obrigaron a gobernantes, representantes institucionais e opinantes varios a se pronunciaren ao respeito. Facer comentario de texto destas declaracións sobardaría o espazo deste artigo e tampouco tería máis valor que o de constatar como o tema do galego sobra, isto é, como o desexábel é que non se turbe a pax romana, ou sexa, a que garante a hexemonía omnímoda do español e a que coloca o galego na crítica situación de sobrevivencia apurada na súa terra e na súa sociedade, nunha perenne carreira de obstáculos para poder ser usado con normalidade, a normalidade que non se discute nunca para o idioma oficial do Estado.
Só me vou referir a dous aspectos reveladores da inversión brutal da realidade que realizan algunhas análises lidas e ouvidas. En primeiro lugar, a suspensión da responsabilidade dos poderes públicos, como se a deriva negativa do galego se debese á propria sociedade. Se así fose, ¿a conto de que se declara o galego a «lingua propia» da Galiza no Estatuto de 1981, se promulga unha Lei de Normalización Lingüística en 1983, se fundan unha radio e unha televisión públicas en 1984 ou se destinan fondos para «potenciar», «fomentar» ou «promover» o galego?Que estes fondos se usasen con prevaricación flagrante para destinos que non teñen nada a ver coa normalización do seu uso é elocuente de como a política oficial obrou a prol do reforzo do español e en detrimento do galego.En 4 anos as escolas galegas triplicaron as aulas en inglés: nova expulsión do galego do sistema escolar. As bibliotecas galegas sofreron unha mingua do 76,4 % na súa partida orzamentaria, co que os libros e materiais en galego fican residualizados. No próximo exercicio, a rebaixa de diñeiro público destinado teoricamente á lingua galega é de 339.000 euros. É tan descarada, en fin, a política da Xunta en contra do galego que estas cifras declinantes do seu uso merecerían celebración pola súa parte. Obxectivo conseguido.Ora, onde a perversión é maiúscula é na atribución a quen usa e defende o galego dos males que padece. Lingua é uso da lingua: axioma clásico da sociolingüística. Culpar aos que usan o galego do seu declive equivale mutatis mutandis a responsabilizar ás maltratadas das ofensas ou da violación padecidas.A globalización e a súa terminal, a españolización, atentan directamente contra un dereito humano básico: a práctica social e pública do galego na terra onde naceu e na sociedade que o usa e é lexítimo que o recupere.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
luns, 22 de decembro de 2014
A culpa é do galego, por existir
por Pilar García Negro en La Voz de Galicia:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario