Hai uns días que se confirmou o que levabamos moito tempo barruntando: segundo o Instituto Galego de Estatística o 47,09 % dos rapaces e rapazas galegos de entre cinco e catorce anos nunca falan en galego, só o fan en castelán (16,50% máis que hai seis anos).E por que non o fan? Non é porque escolleran falar castelán e non galego. É porque non saben: non teñen léxico nin estruturas nin prosodia, non saben. Mais se nos fixamos nese 25,11 % de rapaces desas idades que se expresan habitualmente en galego ou máis en galego que en castelán (11,02 % menos que hai seis anos), seguro que todos coñecen e falan o castelán con soltura. E así será sempre, porque o contacto coa lingua castelá é continuo e constante; e seguiría así, aínda que incrementaramos moito, moito a presenza do galego na sociedade: escola, medios de comunicación, xustiza, administración pública, comercio...Os rapaces de entre os 5 e os 14 anos son os que pillou de cheo a nova política lingüística implantada polo goberno Feijoo e o chamado decreto de plurilingüismo, os que hoxe teñen 14 anos colleunos en 5º de Primaria. Aínda que se fagan teimudos esforzos en afirmar que o papel da escolarización ten pequena influencia na normalización lingüística e, por tanto, en evitar a caída constante de falantes da lingua propia de Galicia, non deixan de ser intentos de minorar a gravidade da brutal diminución da presenza da lingua galega como lingua docente das escolas de Galicia e de zafarse da responsabilidade. E digo todo isto porque teño a presenza da nosa lingua nas aulas por capital para a normalización lingüística, aínda que non nego nin negarei a grande importancia doutros moitos factores que tamén habería que favorecer, poño por caso actitudes, campañas e normas para, facendo uso dunha expresión hoxe moi común, poñer en valor a nosa lingua.O papel que a política lingüística do goberno actual tivo no que acaba de poñer de manifesto o IGE é de considerábeis dimensións. O primeiro que se lle veu dicir á sociedade coas medidas que deron no decreto de plurilingüismo foi que había que abandonar a atención escolar que se lle viña dando á lingua galega, porque “non merecía tanto” e que se convertera nunha imposición do galego; e así o entenderon pais e nais porque así o afirmaron, con todas as letras, responsábeis da política lingüística do actual goberno. O segundo paso dérono poñendo no seu decreto a prohibición expresa de que se impartisen en galego materias que gozan (inxustamente, pero iso é outra cousa) do prestixio da sociedade: matemáticas, ciencias, física, química... Agora engadamos a isto a desaparición do requisito de coñecer a lingua galega para acceder a un posto de traballo na administración galega (non na madrileña nin na castellano-manchega, na galega), que é tanto como dicir “o galego non vale para nada nin no propio territorio que lle dá nome”. Xa está, señores gobernantes, non hai nada máis que facer para rematar a allada, só queda agardar. E despois desde os despachos de San Caetano e desde os xornais que nunca nada fan pola nosa lingua, deitan hipócritas laios sobre o devalo da lingua galega como se se tratase dunha maldición divina que non se pode evitar, como se fose cousa do clima ou do estado do mar no inverno. Bágoas de crocodilo pola perda da transmisión familiar da lingua. E, consecuentemente, din eses mesmos pais: para que transmitir unha lingua que non vale para as matemáticas, para a informática...? Para que aprenderlles aos nenos e ás nenas unha lingua que o propio goberno porfía en abandonar e desprestixiar? Para que “impoñerlles” aos fillos e ás fillas a transmisión dunha lingua que o goberno non lles esixe usar aos mesmos medios de comunicación que fornece de millóns de euros sen máis contrapartida que unha fidelidade canina? Por que darlles aos fillos e ás fillas unha lingua que o goberno non sente a necesidade de que a use por defecto a xustiza nin a igrexa nin o comercio...?Pero a lingua propia de Galicia prevalecerá máis aló desta situación glotocida e virán tempos de lle dar a atención que agora se lle nega, e haberá campañas para devolverlle o prestixio que merece e normas para que o seu uso sexa normal e teña sitio e presenza en todos os recantos nos que sucede a vida dos galegos e galegas. E despois que cadaquén fale no que lle pete.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
mércores, 10 de decembro de 2014
Non falan porque non saben Non falan porque non saben
por Xabier P. Docampo nas Voces de Prolingua:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario