por Iolanda Gomis Parada, no Sermos Galiza:
Se existise algún tipo de comercio coa lingua en sentido positivo debería ser un comercio da promoción cultural, da nosa proxección no mundo a través do idioma, do negocio da aprendizaxe de linguas internacionais entre as que podería figurar a nosa,... Pero non, dá a casualidade de que neste país somos pouco avispados para iso e preferimos usar o galego para alimentar as batallas políticas ficticias sobre os moi defensores do galego, os medio e os nada.
Os nada defensores, como en teoría non teñen paixón e só manexan a obxectividade, pois son os que mellor actúan sempre, por suposto. É deste xeito como a Xunta do PP, disque, gañou certa autenticidade en canto a normalización do idioma galego. Pero parece ser que gañou autenticidade porque outros a perderon. Si xusto o que estades pensando: todos menos o partido popular. Parece ser que os ecritores, os editores, as institucións, os que o usan o galego como reivindicacación excluínte ritulizáronse. E din tamén que existe unha élite da normalización que tamén está ritualizada.
Eu non sabia que existía esta élite, a verdade, e quedei moi abraiada o outro día cando lin nun reputado xornal a un reputadiño tertuliano dicindo isto. Vaia noticia, non tiña nin idea! Non sei se esa élite tamén cobra 6.000 euros ao mes por escribir artigos de lingua nas revistas das élites normalizadoras, que digo eu serán as publicacións da CTNL , da Mesa ou de Prolingua (http://www.ctnl.org/ http://www.amesanl.org/ http://www.prolingua.gal/). A saber!
De todas as maneiras, penso que non se debe desperdiciar tanto interese no galego e que poderiamos reconducilo para que se nos fosen as preocupacións. Cos datos que están chegando ultimamente ao final non van quedar nin élites, nin defensores, nin as mariscadoras falando na area, nada de nada. Por non quedar non quedarán nin os que atopan tema criticando esa tola radicalidade dos nacionalistas que tanto dano fan ao galego.
Mais a verdade é que se botamos a retranca a un lado, que por outra parte, paréceme o único xeito de sobrelevar tanta opinión sisuda, o conto éche ben triste. E non parece moita casualidade que se fixesen campañas políticas polo medo á imposición do galego no ensino xusto no tempo en que a situación da lingua foi empeorando máis e máis. Que triste e que mágoa, verdade? Que poidamos traizoar así todo o que somos!
Por outra parte cústame comprender esta lóxica porque nun territorio como o galego, onde houbese un bo dominio do noso idioma, do español, do portugués (galego aco cabo) e do inglés seríamos a envexa de moitos e moitas. Que lástima e que falta de intelixencia política, económica, cultural, etc.
Cando leo cousas como esta lémbrome das palabras dun sociólogo, que digo eu algo saberá das sociedades actuais. Dicía isto ao redor da iniciativa http://ogalegoeutil.wordpress.com/
Jordi Puig i Martín, sociólogo.
É claro que o galego é útil. Eu non son galego, son catalán. Eu non aprendín galego na escola, nin na miña familia (eu son bizneto da emigración!). Gústame moito ir a Galiza, máis non estiven alí máis de catro ou cinco voltas. Cóme é posíbel que fale galego (sí, xa sei, con moitas faltas…)? Porque é útil, e tiven que aprendelo. Útil para coñecer Galiza pola rede. Para comprender a música e a literatura galega. Para escoitar a radio galega por internet. E, sobretodo, porque nun século XXI onde as fronteiras territoriáis xa non poden construir identidades, as linguas son as verdadeiras comunidades de persoas, que atopan no mundo virtual os espazos de encontro, dende Lugo, Bos Aires, Londres, Pequín ou Barcelona.
Esteades ou non dacordo completamente co que nos trasmite Jordi, a verdade é que a idea de comunidade lingüística que expresa é bastante interesanta, actual e atractiva. E que me dicides de todo o que temos feito que o mundo adora: a nosa música galega e en galego, por exemplo, que é bastante máis coñecida do que nós cremos.
Que bo sería verdade deixarse xa de complexos e de discursos hipócritas e facer unha promoción do galego ligada ao actual portugués no mundo. Que sinxelo sería ter cinema, xogos e demais. Poderiamos acceder mesm aos Skylanders en portugués e a Real Academia ficaría tamén con iso máis aliviada. Se cadra, dese xeito as noticias sobre a Real Academia non estarían case no final de todo da versión web do xornal máis lido no país, detrás da bolsa de cotillón que retirou Mercadona ou do Merry Christmas máis sensual... Que lástima, que perda, que pena non sermos realmente o que somos coa nosa lingua bogando para a frente polo mundo. Outra vez será! Oxalá que cheguemos a tempo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario