por Mercedes Queixas no Sermos Galiza:
Estes que van ler son apenas breves apuntamentos para unha realidade non inventada.
- Oye, niña, de que vas disfrazada?
Probabelmente a resposta que todas estarán a prever nestas datas será a dalgún personaxe propio do imaxinario colectivo apalpador tradicional deste tempo –opción menos probábel- ou importado con gurgullas de regosto a doce de cola.
Claro que en se tratando da Coruña, a cidade en que esta realidade non inventada sucedeu neste sábado 27 de decembro de 2014, ás 16:30 horas do aínda día, no vestíbulo do Centro Ágora, tamén poderían chegar a unha outra conclusión diferente –se por aquí nos visitan e agasallan coa súa dedicación- as veciñas e vecinos coruñeses.
Podería valorarse a posibilidade de a destinataria da pregunta se tratar dalgún pintoresco disfrace escapado do poboado de nadal que o concello ten instalado na Praza de María Pita, popularmente coñecido xa como Laponia, cun custe para as arcas públicas superior aos 90.000 euros e a cuxas instalacións, por certo, só poden acceder niños, aínda que non sabemos de que tipo de paxaros en concreto.
Son horas de deitar lonxe dúbidas, cábalas e conxecturas varias para non abusar do seu estimado tempo de lectura.
- Non vou disfrazada. Vou bailar no festival solidario de Xacarandaina.
Eis a resposta clara conforme dúas oracións simples. Aquela que unha pequena de doce anos é capaz de dar á súa interlocutora de idade próxima, que a ollaba con cara de sorpresa absoluta mirando para aquelas roupas interespaciais. Como naquela ocasión en que nun parque público infantil da mesma cidade outra nena a sinalou ao berro de: Mamá, mira esta niña que raro habla con su papá!
Como empezar a explicarlle a unha nena –galega, sen dúbida- o valor de palabras como mantelo, dengue, refaixo, pololos, xubón, corpiño, cofia, parlamenta ou enagua? Como aprenderlle a diferenciar entre panxoliñas, cantos de Nadal, de Reis ou alalás? Ou entre unha muiñeira, unha ribeirana, un maneo, un pateado ou unha jota? Como lle facer sentir o punteado, o picado, o arrimo ou un aturuxo? Como convidala a unha romaría ou a unha foliada?
Perder a lingua é moito máis que perder un código de signos. Perder unha lingua trascende a abstracción acústica de sons para ignorar toda unha proxección cultural con vida orgánica propia, pel sensíbel, músculo fibroso e respiración autónoma que cómpre sementar.
Por iso o meu subconsciente correu a procurar responsábeis e as dianas chegaron de inmedito avaladas pola forza das maiores autoridades públicas en materia de protección lingüística.
Falaron os máximos encargados de educación e política lingüística da res publica, mais como o tema non é de menor importancia, tamén o presidente do goberno galego sinalou directamente os culpábeis.
Segundo estes dirixentes, de quen agardamos cando menos a intención de identificar e axudar a resolver os problemas que afectan á cidadanía, a culpa do grave retroceso do uso galego nas crianzas de entre 5 e 14 anos é, por unha banda, das desequilibradas familias, por non o transmitiren interxeracionalmente e mais, pola outra, da desequilibrada rapazada que malia o empregar sempre, sempre, na escola, esquéceno radicalmente ao cruzaren eses marcos das portas escolares que actúan letalmente contra a neurona galegófona ao se achegaren ao seu hábitat que ao redor do 60% se asenta xa no contorno da autoestrada –e xa se sabe que o galego non é para andar as présas!
E moi lonxe de entoar algún tipo de mea culpa –nada mellor nestes tempos que a práctica cristiá da resignación- ou sosegar a quen, aínda moi maioritariamente, demanda publicamente a necesidade de compromiso para eliminar actitudes belixerantes e lexislacións lesivas contra o idioma, tiralo da confrontación permanente provocada pola quebra unilateral do PP do consenso parlamentario, gañado en 2004 coa aprobación do Plan xeral de normalización da lingua galega, aínda renovan o seu argumentario exculpatorio recoñecendo que nunca tanto a rapazada o estudou –o mesmiño que o inglés, mais xa se sabe que este aínda figura nos boletíns de cualificacións como lingua (única) estranxeira.
Claro que sempre queda marxe ampla para o optimismo e tamén se poden cuestionar os datos oficiais do propio Instituto Galego de Estatística –organismo dependente do goberno galego, insisto, e antecipo as miñas desculpas ao lectorado sabedor, galego!- respondendo as preguntas obvias das xornalistas perante tal desfeita, afirmando que os datos os descolocaron (sic) e que non lles dan ben as contas porque lles faltan galegofalantes (sic). Ollo á nova modalidade da tradicional Santa Compaña que só algúns son quen de querer ver!
E mentres tanto, desde a presidencia da RAG dísenos que non corresponde a esta institución pronunciarse sobre estes datos que indican que, en 2013, só un pequeno de cada catro fala sempre ou case sempre en galego, pois a súa función é ser responsábel da saúde da gramática do idioma. De que idioma deica 30 ou 40 anos?
De verdade aínda non é chegada a hora de dar o primeiro paso da responsabilidade política gobernativa e/ou institucional para retomar o consenso?
De que van disfrazados?
Ningún comentario:
Publicar un comentario