Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 21 de decembro de 2014

Xeitos de roubar (I)

por Marica Campo en El Progreso:

A CONCIENCIA ética comeza a construírse sobre todo na familia e a unha idade temperá. Os anos vannos afirmando nela, modificándonola, ou aconsellándonos tirala pola ventá nalgún caso; mais, se algunha vez a tivemos, sempre seguirá aí, aínda que resoe coma o canto dun grilo na distancia.
Lembro que, cando nos ensinaban a respectar o alleo, advertíannos de que non só os bens materiais podían ser obxecto de espolio. A honra das persoas -dicíannos- vale máis que todo o diñeiro do mundo e, se llela roubamos, quizais nunca a poidamos restituír. Neste caso sempre citaban un refrán, tan gráfico, que non precisaba explicación: «palabra e pedra solta non teñen volta».
Non recordo que, a aquela altura, nos falasen do roubo da propiedade intelectual, mesmo que nos explicasen o que era o plaxio, ese concepto que variou cos anos e no que non todo o mundo coincide.
Calquera dos temas, calumnia e plaxio, daría para máis dun artigo. Aínda así, ao fío da actualidade, quero reflexionar sobre un par de feitos que me producen bastante noxo, dito suavemente e non aplicándolles o cualificativo de delincuencia intelectual que, a verdade, é o primeiro que se me vén á cabeza. Hoxe referireime a unha calumnia.
Hai poucos días un coñecido persoeiro asegurou na radio galega que certa organización de defensa da lingua, á que por certo eu pertenzo, lles chamaba imbéciles e escuros a todos os que non pensaban coma ela. Primeiro, a organización non fala, falará alguén dela por ela. Segundo, faríao -se é que o fixo- nun contexto en que esas palabras do himno galego serían as pertinentes. Palabras, por certo, que o devandito persoeiro tacha de verso desafortunado, quizais esquecendo o significado que o adxectivo ‘imbécil ’ seguramente aínda conservaba para Pondal. Sería ousado pola miña parte recordarlle a un lingüista que hai unha cousa que se chama diacronía? E, terceiro, agardo que poña o mesmo fervor co que intenta tirarlle credibilidade á Mesa pola Normalización Lingüística -esa é a entidade á que me refiro- en descualificar Galicia Bilingüe. Isto si que lle iría no cargo. Eu, señor, como integrante da Mesa, síntome calumniada. E si, o galego é de todos... os que o usan.
Os xuíces son permisivos cos que, no afán de desbancar o rival político, se dedican á mentira e á maledicencia. Non o xustifico, pero enténdoo. O que me custa máis comprender é que, presumíndosenos un mesmo fin, a conservación do noso idioma, e non ter intereses encontrados, procedamos deste xeito. Abofé que é difícil resistirse á tentación de pensar que, efectivamente, os fins son diferentes e os intereses son tamén outro

Ningún comentario:

Publicar un comentario