Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 30 de decembro de 2014

As familias do Presidente, ulas?

un artigo que cómpre ter moi en conta, por Mercedes Queixas nas Voces de Prolingua:

O Sr. Feijoo, en calidade de Presidente da Xunta de Galiza, resolveu, como corresponde á grave responsabilidade do seu cargo, a causa principal do abandono do uso do galego por parte do 75% das crianzas entre 5 e 14 anos.
O seu dedo índice acusador disparou directamente contra as familias, así, en xenérico, sen posibilidade de redención ou acto de contrición e penitencia, independentemente de cales foren os elementos que as constitúen porque, como é ben sabido, a familia debe ser, como aquela patria que aínda se anhela e promove, unha, grande e libre.Razóns presidenciais deberían facerme calar como simple membro de pobo ben mandado e ordenado. Mais a memoria que teima alimentar o esquecemento nalgúns, mesmo participando activamente nela, ao redor da planificación lingüística desenvolvida entre 2006 e 2010, permanece viva en quen vivimos este tempo como aquela luz resucitada que de novo iluminaba con ilusión e esperanza a centralidade do idioma propio.O Plan xeral de normalización da lingua galega (2004), que o actual goberno impopular ningunea coma se for un mal fillo apegado, por ter sido promovido no seu día polo PP de Galicia, en sendo vicepresidente o Sr. Núñez Feijoo, e aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, recolle no seu Sector 2. Educación, Familia e Mocidade trinta e sete páxinas destinadas a diagnosticar o estado deste sector de aprendizaxe e uso para a lingua tan primario, así como a trazar obxectivos e medidas de actuación para as áreas de ensino, formación de adultos, transmisión familiar e mocidade.Infelizmente, nada do referido a este sector está na base práctica e real da actuación promovida en materia de política lingüística por quen goberna desde hai algo máis de cinco anos. Mágoa que a súa páxina política non fique sequera encadrada ad futurum nun branco impoluto, senón luxada pola negritude máis despreciativa.Con todo, alguén podería pensar que se algo en positivo para o futuro do noso idioma propio non fixo o goberno, será porque non foi posíbel. Mais, do mesmo xeito que a única resposta que aquí cabe é a negativa, reafirmamos a positiva para constatar a eliminación de raíz daqueles procesos en marcha encamiñados precisamente para a recuperación de usos para o idioma entre a escola e a familia e a súa interacción co contorno próximo.Para recuperar o espírito e a letra dalgunha destas medidas postas en marcha na lexislaura anterior – e con meritoria acollida e aplicación- debemos traer para aquí aquela que o PXNLG identifica como Medida 2.1.22 destinada a “Establecer unha oferta educativa en galego en preescolar (0-3 anos) e na educación infantil para todos os nenos e nenas galegofalantes” e mais a Medida 2.1.24 que ten como obxectivo “Desenvolver programas experimentais en galego para castelanfalantes, asegurando o seu rigor pedagóxico, así como o seu seguimento e avaliación”.Consonte estas medidas, o 22 de xuño de 2007 a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publicaba a primeira convocatoria de acción para potenciar o ensino da lingua galega no segundo ciclo de educación infantil en contextos castelanfalantes e á que seguiu, no mes de outubro, unha nova convocatoria para centros privados concertados.Coa Lei de normalización lingüística e mais a Declaración universal dos dereitos lingüísticos no horizonte, nace este proxecto pioneiro no sistema educativo galego co que se pretende actuar sobre o que o PXNLG detectara como un punto débil: “As carencias no uso escolar do galego afectan, de xeito especialmente grave, ás primeiras etapas educativas e á aprendizaxe da lectura e da escritura”.Unha diagnose que o propio Consello Escolar de Galicia no seu estudo intitulado Evolución e estado actual do sistema educativo en Galicia (Cursos 2002-2005) confirmou ao ratificar que “a situación máis deficitaria para a lingua galega atópase na educación infantil e na educación primaria, especialmente no primeiro ciclo” onde “é significativa a desproporción no uso das linguas na aprendizaxe da lectura e da escritura, claramente favorable ao castelán” o que cualifica de “especialmente grave porque pode representar en moitos casos unha desgaleguización no tránsito da familia á escola e, indirectamente, unha incentivación da falta de transmisión interxeracional deste idioma. Cómpre, xa que logo, unha actuación urxente e decidida para avanzar na galeguización destes niveis educativos”.Esta base empírica é o substrato que dá luz ás convocatorias de potenciación da lingua galega en contornos castelanófonos, máis coñecidas popularmente como liñas de galego e que debían responder aos seguintes criterios: contar o centro educativo con máis dunha liña en cada curso de infantil, manifestaren o seu consentimento as familias por escrito, dispor do compromiso do claustro e da aprobación do consello escolar, ademais de contar co profesorado que asumise voluntariamente este proxecto.Coa chegada do actual goberno á Xunta de Galiza non só se lles retirou de inmediato a asignación económica a estes centros para compra de material educativo preciso, senón que se remitiu a comezos do curso 2010-2011 unha instrución por escrito prohibindo a organización das liñas de galego, mesmo cando xa moitas familias preinscribiran as súas crianzas nelas.Inaugurouse, pois, a suposta liberdade de escolla da lingua de escolarización do discurso oficial suprimindo as liñas de potenciación do galego en contornos castelanfalantes e atacando, polo tanto, o dereito a recibiren o primeiro ensino en galego aqueles rapaces e rapazas que habitan un medio urbano onde os espazos de aprendizaxe e interacción nese idioma son moito menores ou practicamente nulos.Ignorouse, intencionadamente, os bos resultados que este modelo estaba a demostrar unha vez rematado a etapa de educación infantil, tal e como ficaron recollidos nas Actas das II Xornadas “Educación e Linguas en Galicia” por parte de diferentes membros das comunidades educativas do CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña), do CEIP A Ponte (Ourense) e da EEI da Pastora (Cambados).E por se houber calquera marxe de actuación desde a praxe docente responsábel e o sentido común das profesionais do ensino, conscientes da necesidade de aseguraren a dobre competencia lingüística, nomeadamente naqueles ámbitos sociolingüísticos que máis o dificultan ou impiden, este goberno blindou calquera posibilidade cun decreto que impide a aprendizaxe do galego ao obrigar a utilizar nas aulas a lingua maioritaria ficando a nosa, propia e oficial, mais tamén minorizada socialmente, sen a presenza e promoción necesaria para o seu contacto e aprendizaxe nunha etapa tan crítica para a fixación do primeiro coñecemento.A política lingüístico-educativa do Sr. Feijoo deixou, por principio ideolóxico, fóra da escola o galego, tanto para aquelas familias que si o tiñan na casa como lingua inicial e apostaban pola súa continuidade na escola, como para as que non o era xa, mais acreditaban que era este o mellor lugar para ese primeiro acto de amor que é aprenderlle a unha crianza unha lingua para pensar, nomear e imaxinar un outro mundo mellor, respectuoso, xusto e en liberdade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario