Á vista dos inquéritos sociolingüísticos que rexistran un descenso radical de galegofalantes, sucedéronse os comentos deses politólogos que o mesmo opinan sobre o crédito bancario que analisan a reforma constitucional, sen que lles poña medo ciscar sentencias a propósito da substitución idiomática en curso nesta Terra Meiga.
Os comentaristas divídense en dous bandos piadores: o de aqueles que lle apoñen a perda de falantes á política desgaleguizadora da Xunta e o daqueloutros que achacan tal desfeita aos escritores en vernáculo (por extensión a editores, académicos ou filólogos) e aos políticos nacionalistas valedores acérrimos da lingua de Rosalía. A primeira explicación contén cinascos de verdade pero é insuficiente para esclarecer o desastre e a segunda vocea o delirio. Hai mesmo quen ousa denunciar unha caste que se apropia do galego e que o explora como negocio, porén todo o mundo sabe que os axentes sociosemióticos que impoñen o español na Galiza (cadeas de televisión madrileñas, escritores en castellano, profesores, editores, cineastas, políticos e gardas civís, o Estado inteiro, o nation building ao completo) ingresan mil veces máis cartos que os catro gatos que impartimos aulas ou publicamos libros en galiciano. A ninguén que non teña cara de cemento se lle pode ocorrer imputar a case total desaparición do provenzal (a literatura máis vizosa da idade media) ao escritor Mistral, premio Nobel en lingua occitana, cando sabemos que o idioma dos trobadores foi sacrificado á grandeur da Franza. O galego esmorece porque toda lingua é compañeira do imperio (do poder) e os seus defensores, por unhas ou por outras, teñen sido moi pouco imperiosos. E porque a xente vaise co grande: se Portugal fose EEUU, os máis dos conterráneos serían reintegracionistas. Deixemos as lágrimas de crocodilo e o cinismo para os sepultureiros do noso idioma, aqueles que o amamos habemos falar en galego pero nunca dos achaques del gallego. Encanto nós vivamos, vivirá.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
venres, 19 de decembro de 2014
Responsos
por Bieito Iglesias en El Correo Gallego:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario