Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 17 de decembro de 2014

O galego, unha arma cargada de futuro

por Xosé Manuel Pacho, no Sermos Galiza:


Veño de ver estas semanas a polémica xurdida polas diferentes enquisas que falan sobre o emprego da nosa lingua, e veño de ver tamén a preocupación e o derrotismo entre moitos dos que sentimos sinceramente o galego. Con todo, eu non podo estar máis en desacordo.

Non é un problema de sentimentalismo, é unha cuestión de conquista de espazos para a nosa lingua e de superación de barreiras. Nunca houbo máis xente preparada comprometida coa lingua galega. Nunca houbo tantas investigacións como agora feitas en galego, tantas aulas na universidade que se desen en galego, tantas publicacións… Nós estamos vivindo no soño imposible, na utopía das xeracións anteriores no que atinxe á nosa lingua. Por suposto que debemos ser autocríticos e dende logo a situación non é doada, pero sen dúbida é moito mellor.
Anímovos a que vexades onde comeza a historia literaria da nosa lingua, a historia moderna, claro. Anímovos a que comprobedes cal era a lingua de comunicación dos escritores do Rexurdimento, a lingua que empregaban os escritores da Xeración Nós. Hai pouco, no Arquivo Sonoro de Galicia que nos proporciona o Consello da Cultura Galega -algo tiña que facer co presuposto que ten- escoitaba unhas cantas conferencias de intelectuais “senlleiros”, como dirían Os da ría, e reafirmeime nesta convicción. Nunca estivemos mellor que agora.
Acontece que a utopía dos devanceiros é tamén a nosa distopía. E nós vivimos nela. Nunha realidade onde un ten a sensación de que as institucións, as políticas e as culturais, podían facer máis. O problema que temos no tempo actual é que en demasiadas ocasións vístense de intereses de país o que non son máis ca intereses persoais. A Real Academia Galega debe reflexionar, e o Consello da Cultura Galega, e a Xunta de Galicia, e todas as institucións que tocan a nosa cultura.
Pero tamén as editoriais galegas e as fundacións galegas. Subvencionadas e axudadas, subsidiadas, para despois non estar á altura, para pensar só en intereses caprichosos, personalistas, que non funcionan a longo prazo. E por suposto tamén nós, escritores, axentes culturais, intelectuais.
Obviamente, debemos madurar como comunidade social, como cultura, como lingua. E dende esa maduración axudar a sociedade galega a superar algo que só se pode conseguir con paciencia, con determinación e con cordialidade: superar o autoodio. Ese autoodio que fai que moitos reneguen da súa lingua, que fai que moitos pensen que non se pode ser moderno dende o galego, que non se pode estar na vangarda. En definitiva, procurar a excelencia, procurar sermos os mellores nos diferentes campos, sen se conformar. Iso é madurar, e ese é o camiño que debemos trazar. O camiño da nosa cultura, da nosa lingua, da nosa historia no século XXI aínda está por escribirse.
Hoxe máis ca nunca atopámonos persoas que, dende o seu amor pola lingua, poden servir de modelo social. En todos os campos, e dende unha experiencia que procura ser universal. E temos un exemplo a seguir, Catalunya.
Por iso, digo que endexamais tivo o galego máis futuro que no tempo actual. Agora só temos que traballar, sempre sendo autocríticos para avanzar e construír a nosa nova utopía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario