nova entrega para as Voces de Prolingua, desta volta da man de Carlos Baliñas Pérez:
Á hora de propor para a concesión do premio o traballo presentado por José Ángel Santos Núñez, os membros do xurado valoramos especialmente a visión interdisciplinar que o autor, dende a súa formación como arquitecto, ofrecía da historia construtiva do mosteiro de Ferreira de Pallares, combinando a interpretación técnica coa ollada histórica, artística e etnográfica, ofrecendo novas visións dunha das grandes pezas do patrimonio da nosa comarca e imaxe emblemática da asociación convocante do certame. Do arquitectónico ó etnográfico, do material ó espiritual, do edificio monástico á ferreira que deu o seu nome á parroquia e ó monumento, este traballo, cando sexa publicado, coas suxestións que apuntamos, ofertará novas visións dunha vedraña gloria do antigo Condado de Pallares.
Non quero agochar, porén, o feito de que, como reflicte a acta das nosas deliberacións, tivemos certos reparos á hora da concesión do premio. En efecto, este premio está pensado para recompensar “unha obra orixinal de investigación en lingua galega” e ese é precisamente un dos seus grandes méritos, o de demostrar que a nosa lingua é vehículo perfecto para a transmisión do saber e o coñecemento. Esa era a grande eiva deste traballo –cuxa calidade intelectual e interese non viñan acompañados dunha igual corrección idiomática- e coa condición de que sería corrixida emitimos o noso fallo.
Por moito que, á primeira vista, semellen campos moi diferentes, arquitectura e lingua comparten significativos elementos comúns. De moitas pezas individuais constrúen un conxunto harmónico, intelixible e fermoso, por exemplo. Pero hai un sobre do que quixera chamar especialmente a súa atención. Tanto lingua como edificios poden semellar conxuntos históricos inconmovibles, indestrutibles, que sempre estiveron aí e sempre estarán xeración tras xeración. Con todo, a desidia, o descoido, a soberbia ou a preguiza poden facer que en nada de tempo o que levou centos de anos construír quede mancado e perdido para sempre, que onde houbo beleza e cultura o desleixo deixe só ruínas e devastación. Coidar o noso patrimonio, comezando pola nosa lingua, é tarefa de todos e todas. De todos e todas, insisto, pero dalgúns máis que doutros. Parafraseando unha coñecida película de superheroes, “un grande poder implica unha grande responsabilidade”.
Moitas grazas e merecidos parabéns ó premiado!
Carlos Baliñas Pérez
Presidente do Xurado e membro de ProLingua
Discurso no acto de entrega do Premio VIII Certame de Investigación "Condado de Pallares" (Chantada, 19 de Decembro de 2014)
Ningún comentario:
Publicar un comentario