por Nel Vidal en ideas.gal:
Quizais o mellor balance de contas que podemos facer con respecto á situación da lingua galega despois destes 35 anos de autonomía sexa o dos datos do seu uso, onde se constata unha perda continua e acelerada de falantes.
E si, hai un problema de dependencia, mais quizais a máis negativa dependencia non sexa administrativa, senón máis ben sociolóxica e cultural, pois no relativo á normalización lingüística temos, o noso país ten, moita máis capacidade para mudarmos a situación da que na práctica exercemos.
Polo tanto, é necesaria unha vontade decidida por seguirmos a existir como galegas e galegos, unha vontade decidida por poñer en valor a nosa lingua, a única que contén a nosa maneira de vermos o mundo, a que nos transmitiron os nosos antepasados. Temos que valorar se queremos que as nosas fillas e os nosos netos vivan nun mundo no que o galego é un valor, a lingua do país en que naceron e lingua que queren seguir a transmitir, ou se pola contra estamos dispostas/os a que vivan nun mundo en que o galego é pasado. Se actuamos con certa indiferenza ou cunha non clara decisión, estamos a elixir a segunda o opción. Se apostamos pola primeira, cómpre mudar vontades, tomar medidas, implicar cidadanía, sumar.
Cómpre mudarmos accións e mensaxes para seguirmos a ser. Cómpre facermos distinto. Cómpre facer ver que o galego é lingua de liberdade, non inferior, de xustiza social, de valor, de solución. Que é a nosa maneira única de vermos o mundo, a que nos permite seguirmos a ser.
Ningún comentario:
Publicar un comentario