Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 30 de decembro de 2014

128 millóns de horas menos en galego

O pasado domingo os meus fillos desfrutaron co excelente espectáculo María Fumaça, protagonizado pola cantante Uxía. A actuación estaba subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e por iso sáeme do máis profundo do peito un agradecenmento sincero a esta institución que nos ofrecu a oportunidade de pasalo ben durante unha horiña. Como dirían desde a propia Secretaría Xeral, os rapaces achegáronse ao galego no seu tempo de lecer grazas á exitosa programación da SXPL.
Despois de botar as súas contas a SXPL indica que durante este ano houbo un total de 26.000 rapaces que participaron da programación do FalaRedes. En definitiva 26.000 horas en galego para os cativos de toda Galicia. Entón eu tamén comencei a botar contas.
Cada un dos meus fillos estivo durante este ano unha hora atento a un dos eventos programados pola Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Pola contra, cada un deles deixou de recibir unhas 10 horas de clase á semana en galego por mor do funesto decreto do plurilingüismo. Como houbo unhas 33 semanas de clase, cada un dos meus fillos ten un balance de 330 contra 1 horas de presenza do galego nas súas vidas en virtude do desenvolvemento da política lingüística do goberno da Xunta. Se teño en conta as horas de deberes e de estudo o balance sería aínda peor, algo así como 400 contra 1. E iso que os meus fillos asistiron a esa horiña de María Fumaça, senón, nen iso.
Botando man dos datos do curso pasado, e sen contabilizar as horas de estudo ou de deberes nin a exclusión da lingua galega padecida polo alumnado de infantil, o balance de fin de ano co que ten que cargar a SXPL, sería máis ou menos o seguinte. Houbo un total de 388.550 alumnos no réxime xeral de ensino (precisamente ao que se aplica do funesto decreto do plurilingüismo), que acudindo 33 semanas a clase cunha carga lectiva en galego de 10 horas menos por mor dese decreto, temos un total dunha redución de 128.221.500 horas participadas en galego con respecto á situación anterior ao 2010. Con isto diante dos fuciños aínda hai quen lle atribúe o descenso do número de falantes ao goberno bipartito.
Resumindo, por cada unha das 26.000 horas que a SXPL anuncia que nos ofrece en galego, substráenos 5.000 horas ao defender o funesto decreto do plurilingüismo. Eis o balance deste ano da política lingüística da Xunta.
Desde que comencei a botar contas teño algo que se me revolve no peito. Será porque as fago sempre en galego; non coma outros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario