Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 29 de novembro de 2018

A lingua galega en viñetas

Estes dous últimos anos tiveron moito éxito os calendarios publicados poloa Área de Normalización da Universiade de Vigo, o de 2017 da autoría de Luís Davila e o do 2018 debuxado por Kiko da Silva. Seguindo esta mesma liña,  o ENDL do IES Sánchez Cantón (Pontevedra) fixo unha escolma de viñetas que tratan o tema da lingua. Todas estas achegas son fontes inestimables para a reflexión sobre a situación social do galego.




martes, 27 de novembro de 2018

Malas linguas: Lingua, discurso e políticas públicas



A Deputación da Coruña organiza as xornadas Malas linguas para facer diagnose, analizar a situación actual e, desde aí, trazar, imaxinar e coller folgos para continuar o camiño da normalización lingüística do galego, en definitiva, para redifinir a folla de ruta da política lingüística e centrala na a activación de falantes no século XXI.
O primeiro en intervir foi Suso Acevedo  quen comenza  co acertado concepto dos "anos da peste. Avogou por non teimar en falar da diglosia, nin tampouco na normalización, porque adquiriu matices pexorativos e propón usar outros termos como "igualación" xa que por unha banda indica que a situación do galego está en inferioridade con respecto á do castelán, proponse unha igualdade e ademais deixa en evidencia a quen se opoña.



Rosa Berrio (USTEC-STEs/SomEscola) explica que SomEscola naceu no 2011 cando a Lei Wert atacou a escola co catalán como lingua vehicular. Antepóñese con carácter lúdico a todos os agravios ao catalán. Comenta como a política lingüística vai sempre a remolque das reivindicacións sociais. Fala da necesidade da imersión lingüística como primeiro paso para a revitalización da lingua, pero con isto non basta, cómpre socializar a lingua.
Marcos Maceira (A Mesa): é obvio que o galego é a lingua propia de Galicia. Pero temos que facer fronte ao racismo lingüístico, así vémonos esixidos de xustificación constante de falar en galego. O panorama é tal que é máis fácil atopar material en inglés ca en galego nas escolas infantís. O ataque chega ata o punto de que o ensino da historia de Galicia está excluído por mor da LOMCE ou a que se dea o caso de que a TVG é a única televisión autonómica que non ten unha canle adicada ao mundo infantil.
Jasone Mendizábal (Euskaltzaleen Topagunea/Proxecto Tosta) explica en que consistiu o Proxecto Tosta, un proxecto fundamentado na ecoloxía sostible. Arredor deste proxecto programouse un festival itinerante e elaborouse un manual para axentes culturais.



Diego Espiña Barros, profesor de literatura comparada en Chicago, ofrece a súa testemuña como galego no exterior.



A actriz María Vázquez expón a súa experiencia baixo a epígrafe "Argumentos para o galego". Coméntanos que as películas gañadoras dos Mestre Mateo 2002, 2003, 2004, 2005, 2006, 2007, 2008, 2009, 2010, 2011, 2013, 2014, 2015, 2016, 2017. Só nas edicións do 2012 e 2018 as gañadoras foron para películas en galego cando se supón que os Mestre Mateo son os premios do audiovisual galego.

luns, 26 de novembro de 2018

Rexeita o maltrato. Cambiar está na túa man



No CPI Mosteiro-Meis (Meis) elaboraron dúas pezas audiovisuais para o 25 N. Son dúas curtas cheas de mensaxes para afrontar os prexuízos de xénero e tamén son vídeos moi ben coidados, cunha realización de premio.


domingo, 25 de novembro de 2018

A contraluz



Videoclip realizado polo alumnado de 4º ESO do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro)

venres, 23 de novembro de 2018

Isto son matemáticas (en galego)

Isto son matemáticas
no IES Antón Losada
Tal e como se anunciaba nunha entrada anterior, no IES Antón Losada programouse unha extensa cantidade de actividades reivindicando a ciencia en galego. Unha delas consistiu na presentación por parte de alumnos de 1º de bacharalato, de seis temas de corte matemático a alumnos de 2º da ESO.

Os primeiros en ofrecer o seu relato foron Ibai Fernández e Samuel Martíns, que baixo o título "O número de Deus" explicaron como facer o reconto de posibles configuracións dun Cubo de Rubik, resolveron un en directo e, como non!, falaron do curioso número de Deus.
Uxía Rodríguez e Andrea Porto abordaron distintos crebacabezas xeométricos nos que cunhas poucas pezas simples, ao estilo Tangram, podemos formar distintas figuras xeométricas de distintas áreas... a pesar de que usamos as mesmas pezas!



Laura Picallos e Carla Villaverde abordaron a cuestión de "Para que serven os polinomios?" Para iso presentaron o seguinte xogo do Proxecto ed@ad   no que se trata de adiviñar unha das 32 figuras por medio de 5 preguntas de resposta si/non. Entón desviaron a cuestión ás notacións decimal e binaria dos números. A representación dos números en calquera base faise mediante unha estrutura polinómica. Precisamente, estudando o sistema binario podemos desvelar o segredo deste xogo. Como en moitas ocasións, a esencia da resposta está no coñecemento dos polinomios.

Facendo uso da técnica anterior, pero implicando agora o control das ordenacións ao barallar as cartas, Julio Tarrío e Andrea Fraiz fixeron un espectacular truco de cartas matemático.





Falando de xogos, coñecedes o xogo do nim? Dada unha disposición en filas de 1-3-5-7 paus, cada xogador (son 2) retira por quendas a cantidade de paus que queira de cada fila. Perde o que se vexa obrigado a retirar o derradeiro pau.
Pablo Pena e Mauro Moimenta non só xogaron e explicaron en que consiste, senón que, facendo uso da descomposición de calquera número como suma de potencias de dous, deron conta dunha estratexia gañadora. Ademais esa estratexia podían aplicala a calquera outra disposición de paus en filas. En particular, serviría para xogar con filas de 1-2-4-7-8 paus en cada unha.



O xogo do calendario
Finalmente Seraina Barros e Iria Ferreiro presentaron outro xogo, o "Xogo do calendario". Tomaron como punto de partida o calendario que fixera o Equipo de Normalización a comenzos de curso. Poderían ter collido outro mes  pero escolleron o mes de maio porque é cando se celebra o Día das Letras. Nel recortaron unha matriz de 4x4 números e mediante un proceso consistente en escoller un número e despois tachar o resto dos números da fila e a columna no que está o elixido para pasar despois a escoller outro número non tachado, foron guiando aos alumnos de 2º da ESO para que fixeran o mesmo. A pesar de que tiñan todos táboas diferentes, de que cada un escolleu os números como lle petou, e, en definitiva, de que cada un dos presentes tiña unha colección de 4 números distinta, ao final por esas cousas misteriosas que teñen as matemáticas, a suma deses grupos de 4 números escollidos por todos e cada un dos asistentes coincidía!




Cando andaba na procura de temas para que o alumnado preparara para expoñer, atopei varios xogos que tiñan que ver cos calendarios.  Non me acababa de gustar ningún, ata que remexendo neles lembrei un que me encantara e que presentara Coque nun congreso de Agapema, así que, dalgunha maneira en homenaxe a el foi o que lle propuxen aos alumnos para que o levaran a cabo. Paso a explicar os seus fundamentos.
Se recortamos unha matriz 4x4 nun calendario (cando isto é posible), e o primeiro número é a, o resto da matriz distribuirase da seguinte maneira:
$$\begin{matrix} a & a+1 & a+2 & a+3 \\ a+7 & a+8 & a+9 & a+10 \\ a+14 & a+15 & a+16 & a+17 \\ a+21 & a+22 & a+23 & a+24 \end{matrix}$$
(Nota: quen queira pode pensar en escoller unha matriz 3x3 e ver o que sucede nese caso). Polo procedemento indicado máis arriba (escoller un número, tachar fila e columna, escoller número non tachado, tachar fila e columna....) determínanse 4 números que sumarán o mesmo que os 4 da diagonal principal: 4・a + 48. Na escolla que fixeron Iria e Seraina: 4・7 + 48 = 76.
Finalmente, elaborar matrices que den lugar a esas cifras non é nada complicado. Basta considerar a seguinte matriz $$\begin{matrix} a & a+k & a+2k & a+3k \\ b & b+k & b+2k & b+3k \\ c & c+k & c+2k & c+3k \\ d & d+2k & d+3k & d+4k \end{matrix}$$
Dándolle valores a catro das variables en xogo, por exemplo ás variables k, a, b e c, podemos deducir o valor de d=76 ㄧa ㄧbㄧcㄧ6k.

xoves, 22 de novembro de 2018

É o momento



É o momento de ver o audiovisual premiado no concurso de imaxes gráficas e audiovisuais convocado pola Xunta  con motivo do 25N, “Día Internacional Contra a Violencia de Xénero”,

Microespañolismos (e 3): Prezados agresores

por Miguel Rodríguez Carnota no Terra e Tempo:

Disposto a rematar esta serie de artigos dedicados a dar conta das agresións exercidas sobre alumnas e alumnos galegofalantes nos nosos centros escolares, debo revelar a fonte de información que serve de base tanto e este escrito como aos dous anteriores, publicados nos pasados meses de xullo e setembro. Trátase dos primeiros resultados dunha pesquisa en curso na que se estudan en profundidade os testemuños dun número de informantes e se comparan cunha observación directa exercida en primeira persoa durante anos. Non é un traballo no que falemos de porcentaxes ou de evolucións estatísticas sobre o uso da lingua. Esta pesquisa vai dirixida a relatar as experiencias, moitas delas terríbeis, de galegofalantes adolescentes en situación de singularidade, de descubrir as razóns últimas e máis íntimas do abandono da lingua galega por parte de moitos adolescentes vilegos e de desvelar as desiguais relacións de poder que se ocultan detrás de cada comportamento lingüístico.

luns, 19 de novembro de 2018

Soidi





Soidi é un documental sobre a situación da Fala do Val de Xálima (Cáceres), dirixido por Miguelanxo Lar. Unha fala ancestral de orixe galego-portuguesa que pervive até os nosos días nos tres lugaris situados no no noroeste de Estremadura.
Alén de todo o rebumbio de ideas e opinións sobre a fala, esta peza audiovisual é unha perla para reflexionar sobre a situación do galego na nosa terra. Pódese ver como un espello da nosa situación sociolingüística, de como abrollan os prexuízos, de como se destacan as insignificantes diferenzas entre as "tres falas"  (mañego, lagartero e valverdero)  e como esas peculiaridades se ven como impedimentos insalvables para unha norma escrita. Obsérvase moi ben, que canto maiores son os prexuízos que amosan os interlocutores, máis dificultades lle poñen tanto normalización como a ese chanzo previo, a normativización. Quen máis prexuízos amosa é quen tamén xa abandonou a fala. Neste mesmo sentido, toda a minusvaloración da lingua minorizada acarrexa unha saca de impedimentos para a impartición da mesma nalgunha hora de ensino regulado.
O futuro da fala dependerá de como afronten e se desfagan deses prexuízos. O mesmo diagnóstico debemos aplicarnos nós. Só o orgullo do propio os (nos) fará libres.
Vía PGL.gal

domingo, 18 de novembro de 2018

Ciencia en galego

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:

En novembro de hai oito anos, vésperas do San Martiño, un grupo de doutores, investigadores universitarios, activistas culturais e, sobre todo, profesores de bacharelato acordaron instituír o Día da Ciencia en galego, acolléndose á celebración que dende o ano 2002 promove a Unesco a prol da ciencia ao servizo da paz e o desenvolvemento das sociedades. A idea dos galegos, ademais de asumir os valores da iniciativa internacional, cadraba coa promulgación aquel ano do Decreto 79/2010, tamén chamado decreto do plurilingüismo, desafortunada iniciativa na que se obriga ao profesorado a impartir as aulas de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química en castelán. O galego, para as letras e as humanidades. Malia as críticas, o tal decreto segue vixente.

sábado, 17 de novembro de 2018

Traballamos en galego




Os Premios Manuel Beiras recoñecen e poñen en valor o esforzo destas empresas e cada ano contribúen á súa difusión e presenza pública. Convócaos o Concello de Santiago en colaboración coa Cámara de Comercio da cidade e xa van pola edición número 19.
Teñen como obxectivo principal destacar ao galego  como un valor positivo nas relacións comerciais, e como unha lingua que facilita a conexión e achega confianza.

venres, 16 de novembro de 2018

I premio Morales polo galego no Bierzo

por Manuel González Prieto, nas Voces de ProLingua:


“En cuanto chegan ao campo poin as castañas no suelo, collen zarzas dos subiaos, follas de árboles e fieitos, e con pallas dos rastrollos, unha fogueira fain presto. E pra que se asen por igual as castañas, cun galleiro, desde que a estoupar empezan, sempre as están revolvendo. En bon amor e compaña...”

xoves, 15 de novembro de 2018

Matemáticas: habelas, hainas

Desde o ano pasado a Facultade de Matemáticas da USC , o IMAT e a CNL organizan unha xornada de carácter divulgativo sobre investigación en matemáticas. As charlas, de menos de 20 minutos, presentan diversos usos das matemáticas dun xeito desenfadado e sinxelo.  Isto é certo ata o punto de que os vídeos ben poderían ser unha gorentosa fonte de recursos para o ensino secundario.
Un obxectivo destacable detas xornadas é que procura familiarizar aos participantes no uso do galego para a presentación das investigacións ao público non especialista. Coincidindo coas celebracións en novembro da Ciencia en Galego e como sinalan os promotores desta proposta, a intención é normalizar o uso do galego nas matemáticas deixando de lado prexuízos lingüísticos.
Podemos acceder aos relatorios destas xornadas en vídeos aloxados nunha plataforma propia da USC. Se por unha banda este formato permite alternar entre a visualización da presentación e a do relator, pola outra é unha mágoa que non permita unha maior divulgación destas charlas.



Matemáticas: habelas, hainas, queremos contarchas!
Xornada celebrada o 9/11/17

Matemáticas: habelas hainas, seguimos contándochas!
Xornada celebrada o 7/11/18

Química en galego

por Olalla Rodil en Luzes:

Cando Ciudadanos irrompeu nas Cortes españolas nas eleccións xerais de 2015, unha parte da sociedade do Estado descubriu unha forza política –reaccionaria e españolista– que en realidade levaba unha década operando en Catalunya.

venres, 9 de novembro de 2018

Rapea, que a lingua non para



Velaquí os gañadores do concurso do manifesto na edición do Correlingua. Eles son o grupo Labreg@s da linguaxe, do IES Antón Fraguas (Santiago) e ao premer no play saberás do por que do premio

xoves, 8 de novembro de 2018

3 veces menos lingua galega


Se debullásemos a serie histórica dos orzamentos da SXPL (Secretaría Xeral de Política Lingüística) en comparación cos totais da Xunta veríamos que en certo momento a SXPL gastaba un de cada 500 euros. Polo tanto se collésemos da carteira da Xunta unha parte de cada 500, poderíamos comparala coa da política lingüística. Este cotexo é o que podemos ver na seguinte gráfica correspondente aos anos 2002-2019: en azul o orzamento da SXPL, en vermello a 500-ava parte do total da Xunta.
Coa presidencia de Alberto Núñez Feijóo, ademais dunha baixada de categoría dentro do organigrama xeral da Xunta, pasando de Direccción Xeral, a Secretaría Xeral,  comenza un proceso de drástica redución do orzamento adicado á política lingüística. No período 2010-2014 o capítulo da lingua sofre unha diminución dun 70%. A partir deste momento discorre paralelo ao presuposto xeral. O recorte está consumado e consolidado.
Hai unha forma moi clara de presentar este desprezo dos actuais gobernantes pola situación cada vez máis discriminada da lingua galega.O orzamento da Xunta para o ano 2019 (11.291.175.295 €), é prácticamente idéntico ao do 2008 (11.224.465.979 €), porén o da política lingüística é hoxe 3 veces menor. No 2008, de cada 500 € da carteira da Xunta, algo máis de 1 € correspondíalle á  Dirección Xeral de Política Lingüística, para o vindeiro ano ficarán con 34 céntimos. Hoxe a Xunta adica 3 veces menos á lingua galega do que lle asignaba hai 10 anos.


martes, 6 de novembro de 2018

A táboa periódica, tamén en galego



No Colexio Lestonnac (Ferrol) volve a repetir dando na diana con outro audiovisual encantador para celebrar o Día da Cinencia en Galego. Lembremos que hai un ano publicara un vídeo sobre a Física e química e outro sobre as Matemáticas
Precisamente hai uns poucos días presentábase a Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións ( editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades) de Ana María González Noya, Marcelino Maneiro Maneiro e Manuel Bermejo Patiño. Por culpa da nefasta política lingüística que impón o castelán no ensino da Física e a Química, este manual non pode ser utilizado no seu lugar natural, as aulas. En consecuencia a guía só pode abrirse baixo a ameaza dun decreto que actúa contra o galego.
Coma se fose un enterrador que quer asegurarse de que o morto non vai saír da súa tumba, Valentín García oficiou como mestre de ceremonias na presentación da guía. Ben podía levarse todos os exemplares para a súa casa, quizais así durmira máis tranquilo.
Unha gorentosa edición, tamén do Centro Ramón Piñeiro, dun libro divulgativo sobre o mesmo tópico, O nome e o símbolo dos elementos químicos, de M. R. Bermejo, A. M. González Noya e M Vázquez pode descargarse aquí.

luns, 5 de novembro de 2018

A aridez do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico

O Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico foi/está sendo, unha chafallada. Entre outras cousas, hai meses que non se oe falar del. Concretamente, desde que se presentou no ano 2016, non se volveu falar dese presunto plan.
Que eu saiba a Xunta só puxo en marcha tres medias medidas das 81 previstas nese anunciado plan. Unha delas (medida PU.2) é a participación da SXPL nos Premios de publicidade en galego. Estes premios van pola edición XXV, polo que non supoñen un cambio xenerado a partir do Plan. A única novidade é a participación directa da SXPL nuns premios que xa antes contaban coa participación da Xunta a través da CRTVG. Trátase únicamente dunha derivación das entidades organizadoras dos premios a outro organismo polo que a medida non é innovadora, de aí que a consideremos como só media medida.
A outra media medida (medida CO.2) ten que ver coa subvención a entidades locais para a promoción do uso do galego. A puntuación para a asignación da cantidade a recibir polo concello increméntase en ata un 20% segundo a aportación a plans para o entramado económico. Porén a cantidade asignada aos concellos segue a ser a mesma que a dos anos anteriores, que por certo, é a menor de toda a historia.
A única media medida realmente orixinal foi o da participación da SXPL no lanzamento de do portal do sector dos áridos de Galicia. Neste caso cualificámola como "media medida" porque non se corresponde con ningunha das 81 medidas do Plan. Con todo, foi a única innovadora de todo ese anunciado Plan... ou así o era ata que Alberto Núñez Feijóo acudiu a inaugurar un congreso de áridos celebrado en Santiago o pasado 25/09/18. Fíxoo en castelán. Deste xeito explicitou o que a Xunta entende por Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico.



sábado, 3 de novembro de 2018

¿por qué hacer un vlog en gallego?



A Lobeira Today é unha canle de You Tube no que o autor trata temas do máis diverso, mais nese par de vídeos dou co tema deste blogue, a normalización.
Parabéns polos vídeos, e moito coidado ao gravar montado na bici!




venres, 2 de novembro de 2018

Cando "en galego" significa "en castelán"

Comenzou o mes de intoxicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e a Consellería de Cultura arredor do tema "a ciencia e o galego". Todos sabemos que nesta cuestión só hai unha verdade: a prohibición de impartir aulas de ciencias en galego, ou equivalentemente, a imposición do castelán no ensino vía o funesto decreto 79/2010 (no resto dos ámbitos xa está imposto por outras vías).
Como todos os anos por estas datas a estes organismos éncheselle o papo dando a entender un seu presunto apoio á "ciencia en galego". Fan presentacións públicas ou editan folletos propagandísticos que, a pouco que se rasquen mostran unha verdade que vai xusto na dirección contraria do que se anuncia. E que é o que se anuncia? Botémoslle un ollo ao folleto. Lemos nun dos titulares: "Seleccións de materiais sobre a ciencia en galego". De seguido lemos que se trata dunha "coidada selección que son ofrecidas en préstamo temporal aos centros, sobre Ciencias en xeral (para primaria ou para secundaria), Economía, Física e Química, Matemáticas ou Bioloxía e Xeoloxía"
Fagamos a proba, vaiamos ás maletas viaxeiras, escollamos unha calquera de ciencias, por exemplo Matemáticas Secundaria B.
Resultado: 3 libros en galego e 28 en castelán.
Velaquí que cando a SXPL di "ciencia en galego", temos que entender "ciencia en castelán"