En novembro de hai oito anos, vésperas do San Martiño, un grupo de doutores, investigadores universitarios, activistas culturais e, sobre todo, profesores de bacharelato acordaron instituír o Día da Ciencia en galego, acolléndose á celebración que dende o ano 2002 promove a Unesco a prol da ciencia ao servizo da paz e o desenvolvemento das sociedades. A idea dos galegos, ademais de asumir os valores da iniciativa internacional, cadraba coa promulgación aquel ano do Decreto 79/2010, tamén chamado decreto do plurilingüismo, desafortunada iniciativa na que se obriga ao profesorado a impartir as aulas de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química en castelán. O galego, para as letras e as humanidades. Malia as críticas, o tal decreto segue vixente.
A xornada galega traballa con dobretes: por un lado a figura ou iniciativa que promove a Unesco, e, complementariamente, a celebración de noso. O primeiro ano (2010) a organización internacional salientou a figura de James Clerck Maxwell, pai do electromagnetismo, e os galegos a Ramón María Aller, astrónomo de Lalín, quen introduciu en España o estudo das estrelas dobres e estivo vencellado ao Seminario de Estudos Galegos (1923); un dos cráteres da Lúa leva o seu nome por iniciativa do astrónomo inglés Pery Wilkins.
Afonso X el-Rei Sabio, María Xosefa Wonenburger, matemática que naceu en Oleiros (1927) e finou na Coruña, aínda que boa parte da súa formación se produciu no Canadá; Ramón Verea (1833-1899), natural da Estrada, que morreu en Buenos Aires, a quen se atribúe a primeira calculadora mecánica; Isaac Díaz Pardo, Isidro Parga Pondal, Carlos Gómez Reino, Domingo Fontán… Son os nomes galegos salientados, xunto co mestre Mateo, este ano, que a Unesco dedica a Arquímedes.
Na pasada edición dos Premios da Crítica, o xurado de Investigación acordou premiar os traballos do profesor Xosé Luis Mascareñas e o seu equipo, centrados no ámbito da Química, a Bioloxía e a Biomedicina, intelixentemente conectado con importantes proxectos europeos. Finalistas nesa mesma edición foron o historiador Ramón Villares e outra iniciativa de carácter científico e tecnolóxico: a Rede Interdisciplinar Tecnoloxía e Análise de Datos Lingüísticos (TecAnDali), alianza entre os campos da lingüística, os modelos matemáticos e a ciencia das computadoras. Todos eles en galego. Algunhas veces un ten a sensación de que o país (a xente que arreo fai posible este país) ten tanto pulo, tanta vontade de seguir en pé, que mesmo resiste a lei da gravidade. Un dato para a memoria: o primeiro libro que edita Edicións Xerais de Galicia en 1979, co que inaugura a súa vizosa produción, era un libro de matemáticas de primeiro de bacharelato preparado polo colectivo Vacaloura. Seica co devandito decreto hoxe non sería posible.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
domingo, 18 de novembro de 2018
Ciencia en galego
por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario