Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xavier Castro Rodríguez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xavier Castro Rodríguez. Amosar todas as publicacións

sábado, 11 de decembro de 2010

Estudos lingüísticos e literarios (1971)

por Xavier Castro Rodríguez, no Galicia Hoxe:


Para moitas xeracións de estudantes -tanto nos anos do bacharelato como nos universitarios-, o nome de Ricardo Carvalho Calero (1910-1990) forma parte cosubstancial do desenvolvemento académico nas materias da lingua, a literatura, o ensaio e a investigación. A súa importancia como eixo esencial da época de preguerra, a activa militancia despois da contenda (logo do paso polo cárcere e do seu afastamento posterior de calquera labor público) e un traballo incansable arredor da lingua e a literatura galegas, fixeron del un investigador importante -máis aló de diferenzas filolóxicas con outros colegas-, un observador da realidade do idioma e un incansable mergullador no feito literario do que foi, nalgúns trazos, pioneiro. No discorrer persoal non obviou a poesía, o xénero dramático, a novela e, naturalmente, o ensaio, un terreo no que a súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, ou os ensaios arredor do idioma, non pasaron inadvertidos para público e crítica que, puntualmente, recoñecerían neles a dimensión do profesor, ensaísta e estudoso.
Hai case corenta anos que na Editorial Galaxia vía a luz este manual no que Carvalho Calero fusionaba esas dúas liñas de traballo que mantivo activas e que se presentan expresamente no título: "Sobre lingua e literatura galega". Non cabe dúbida que, desde a perspectiva que dá o tempo, os estudos e traballos lingüísticos e literarios teñen evolucionado e o multiperspectivismo nas súas análises son, desde hai moito tempo, un trazo esencial do labor investigador. Con todo, cómpre recoñecer o interese e importancia dun volume coma este, dividido en tres amplos capítulos: o primeiro dedicado a unha miscelánea (Rosalía, Xohana Torres, Queizán, o conto popular...), un segundo apartado centrado nas cantigas medievais, as influencias provenzais, as pastorelas, o Santo Graal... e, finalmente, un bloque no que salienta trazos fonéticos do idioma, aspectos de sufixación, documentos medievais... Un amplo abano de asuntos moi heteroxéneos condensados nestas páxinas nas que o profesor amosou unha parte das súas investigacións que é mester iluminar á luz do tempo en que foron trazadas e plasmadas.