Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 31 de decembro de 2014

martes, 30 de decembro de 2014

128 millóns de horas menos en galego

O pasado domingo os meus fillos desfrutaron co excelente espectáculo María Fumaça, protagonizado pola cantante Uxía. A actuación estaba subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e por iso sáeme do máis profundo do peito un agradecenmento sincero a esta institución que nos ofrecu a oportunidade de pasalo ben durante unha horiña. Como dirían desde a propia Secretaría Xeral, os rapaces achegáronse ao galego no seu tempo de lecer grazas á exitosa programación da SXPL.
Despois de botar as súas contas a SXPL indica que durante este ano houbo un total de 26.000 rapaces que participaron da programación do FalaRedes. En definitiva 26.000 horas en galego para os cativos de toda Galicia. Entón eu tamén comencei a botar contas.
Cada un dos meus fillos estivo durante este ano unha hora atento a un dos eventos programados pola Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Pola contra, cada un deles deixou de recibir unhas 10 horas de clase á semana en galego por mor do funesto decreto do plurilingüismo. Como houbo unhas 33 semanas de clase, cada un dos meus fillos ten un balance de 330 contra 1 horas de presenza do galego nas súas vidas en virtude do desenvolvemento da política lingüística do goberno da Xunta. Se teño en conta as horas de deberes e de estudo o balance sería aínda peor, algo así como 400 contra 1. E iso que os meus fillos asistiron a esa horiña de María Fumaça, senón, nen iso.
Botando man dos datos do curso pasado, e sen contabilizar as horas de estudo ou de deberes nin a exclusión da lingua galega padecida polo alumnado de infantil, o balance de fin de ano co que ten que cargar a SXPL, sería máis ou menos o seguinte. Houbo un total de 388.550 alumnos no réxime xeral de ensino (precisamente ao que se aplica do funesto decreto do plurilingüismo), que acudindo 33 semanas a clase cunha carga lectiva en galego de 10 horas menos por mor dese decreto, temos un total dunha redución de 128.221.500 horas participadas en galego con respecto á situación anterior ao 2010. Con isto diante dos fuciños aínda hai quen lle atribúe o descenso do número de falantes ao goberno bipartito.
Resumindo, por cada unha das 26.000 horas que a SXPL anuncia que nos ofrece en galego, substráenos 5.000 horas ao defender o funesto decreto do plurilingüismo. Eis o balance deste ano da política lingüística da Xunta.
Desde que comencei a botar contas teño algo que se me revolve no peito. Será porque as fago sempre en galego; non coma outros.

As familias do Presidente, ulas?

un artigo que cómpre ter moi en conta, por Mercedes Queixas nas Voces de Prolingua:

O Sr. Feijoo, en calidade de Presidente da Xunta de Galiza, resolveu, como corresponde á grave responsabilidade do seu cargo, a causa principal do abandono do uso do galego por parte do 75% das crianzas entre 5 e 14 anos.

Un novo pulo para a lingua

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:

Dicíamos a semana pasada que unha política lingüística eficaz habería apoiarse na complicidade social e mesmo ratificarse a medio dun referéndum ou consulta. Mais que é o que hai que mudar nesta nova política?

luns, 29 de decembro de 2014

Un paseo polo mapa de microtoponimia de Silleda



O maior proxecto do Equipo de Normalización do IES Pintor Colmeiro deste curso,  é o Proxecto Antonio Fraguas. Baixo a dirección de Xoán Carlos García Porral e coa colaboración do profesorado do Departamento de Lingua Galega, vai medrando a relación de topónimos e lendas e que poden consultarse no  mapa de arriba.
Fgo aquí unha invitación a dar un paseo polo mapa cunha relación de topónimos que me axudou a escoller Xoán Carlos.  Como guía vai de seguido un percorrido por algúns dos centos de lugares que están xa referenciados.
Recomendamos premer na ampliación de pantalla do mapa e despois introducir o topónimo no buscador para ir directamente. Velaquí unha escolla de lugares para consultar:

Toponimia maior
Neste apartado podemos consultar información sobre a procedencia dos topónimos de todas as parroquias do concello de Silleda.

Siador: O nome da parroquia vénlle dado polo dunha aldea da mesma, que foi posuída inicialmente por un home chamado Senator -oris.

 LENDA: O milagre da Virxe de Siador (Siador, Lara Diéguez Troitiño): Na aldea de Siador existe unha imaxe da Virxe da Saleta. A súa festividade celébrase o 19 de setembro. No pobo do Marco hai unha caixa para botar esmola para a xente que pasa. Un mozo de 26 anos tiña necesidade de marchar para gañarse a vida, e non tiña cartos para a viaxe, Pediullos a uns compañeiros e dixéronlle que non tiñan. Viuse tan apurado que recordou algo: pensou en ir roubalos a caixa da Virxe da Saleta. Despois das doce da noite, cando toda a xente estaba durmindo, foinos roubar. Ninguén sabe a cantidade. Marchouse para a viaxe con eses cartos. Despois de dous anos o mozo volveu, e despois das 12 da noite foinos devolver. Botou as súas contas para deixarlle os réditos que lle pertencían segundo o que antes lle collera. Meteu os cartos e cerrou a caixa, e cando quixo marchar non se deu movido, e pensando un pouco dixo: “ Metinlle poucos cartos polos réditos que tiña que pagar”, e meteulle máis; cerrou a caixa e tampouco se puido mover. Entón volveu pensar e meteulle os cartos xustos que roubara e volveu cerrar a caixa e empezou a andar ata lonxe. A Virxe no quería réditos…



Augas

Fontes, lagoas, ríos, regatos, pozos, lavadoiros,... Seguramente o lugar máis máxico sexa a coñecida Lagoa Sacra. O curso pasado xa se realizara un vídeo sobre esta paraxe que non se pode deixar sen ver. Dentro do proxecto final esperamos engadir moitos outros vídeos recollendo o patrimonio inmaterial.

Lagoa Sacra  [buscar: Brañas de Xestoso]:  Dise que antigamente recollíanse destas brañas plantas medicinais que servían para curar persoas con algunhas enfermidades. Foron declaradas zona protexida. Están asulagados de auga. Forman parte da Rede Natura 2000. Nelas atópase a coñecida Lagoa Sacra, un embolsamento de auga que se produce en épocas de inverno e chuvia por mor das capas freáticas da terra. Conta a lenda que na Lagoa Sacra apareceron enterrados numerosos cadáveres. Estes eran de xente que participara nunha gran loita. Debido a isto só hai herba e pedras, sen árbore, para non profanar os mortos.

Penedos

Pendos, rochar, árbores... soen ser elementos cargados de simboloxía e, polo tanto, dun nome referente dunha taradición ou dunha lenda explicativa e valorativa dese topónimo.

Polo territorio adiante hai ben de pedras asociadas a contos e tradicións, como por exemplo o caso da Peneda de Santa Isabel, na parroquia de Escuadro.

Cova dos Mouros (Oleiros): Na zona norte do Castro Montaz existe unha cova na que segundo a tradición se agochaban os mouros habitantes dos castros. Hai décadas, cando os veciños ían co gando para o Castro, resgardábanse das inclemencias nesta cova.

Camiños
Os nomes dos camiños, das congostras, dos carreiros van servirnos para ampliar os topónimos relacionados coas aldeas. Algúns deles tamén terán lendas e tradicións que nos informarán do seu significado.

O Camiño da Feira (Ponte): Con este nome coñecíase a ruta comercial (e tamén relixiosa) que unía as terras do Corpiño e as de Sillleda ao seu paso por Ponte. Unha das historias que aínda se recordan en relación con este camino, relata o caso que aconteceu cun boi vendido na feira de Silleda. O animal fora criado por un veciño de Ponte e, ao alcanzar unha certa idade, decidiu vendelo. Os seus compradores foron uns tratantes arzuáns, que tiñan que pasar por Ponte para continuar cara a súa terra. O animal, criado nos montes que atravesaba o Camiño, emprendeu a fuga monte arriba sen que os homes fosen quen de termar del, aínda que finalmente foron quen de atrapalo. Pasada unha tempada, cando viron de novo ao home que llelo vendera, preguntáronlle se era de preto do lugar onde acontecera a fuga do boi, pero o home non lles contestou ao caso. Dise que desde entón, os comerciantes de gando procuraban non mercar animais que puidesen coñecer esta zona de Ponte, para evitar novos incidentes.



Terras

Neste apartado contabilizamos o maior número de topónimos recollidos. Prados, leiras, montes, agros,... aportan unha gran riqueza toponímica e lendaria. Aquí é onde o alumnado das aldeas terá un maior protagonismo xa que o porvir dunha familia agro-gandeira, ao ter unha relación directa co territorio, facilita a recompilación deses topónimos. Consideramos de gran importancia esta recollida pois as parcelarias están levando ao esquencemento dos nomes destes espazos.

Toxal da Malata: Chámanlle así porque alí viviu unha muller enferma de lepra e antigamente aos enfermos de lepra chamábanlles malatos.

Nós, oportunistas do galego

por Iolanda Gomis Parada, no Sermos Galiza:

Se existise algún tipo de comercio coa lingua en sentido positivo debería ser un comercio da promoción cultural, da nosa proxección no mundo a través do idioma, do negocio da aprendizaxe de linguas internacionais entre as que podería figurar a nosa,... Pero non, dá a casualidade de que neste país somos pouco avispados para iso e preferimos usar o galego para alimentar as batallas políticas ficticias sobre os moi defensores do galego, os medio e os nada.
Os nada defensores, como en teoría non teñen paixón e só manexan a obxectividade, pois son os que mellor actúan sempre, por suposto. É deste xeito como a Xunta do PP, disque, gañou certa autenticidade en canto a normalización do idioma galego. Pero parece ser que gañou autenticidade porque outros a perderon. Si xusto o que estades pensando: todos menos o partido popular. Parece ser que os ecritores, os editores, as institucións, os que o usan o galego como reivindicacación excluínte ritulizáronse. E din tamén que existe unha élite da normalización que tamén está ritualizada.

domingo, 28 de decembro de 2014

Non hai Nadal para o profesorado Celga

carta de Xoana Castro Rodríguez en La Región:
O profesorado Celga e mais de linguaxes específicas (administrativa e xurídica) vai pasar o peor Nadal que recorda.

mércores, 24 de decembro de 2014

A Noitiña de Nadal



Moito me prestou escoitar esta panxoliña, un máis dos centos de elos que engastallan desde o ENDL do CEP Sequelo (Marín).
Esta gravación aprovétiase xa dun traballo de tres anos cos nenos nos Cantos de Reis. Para que a cousa lles quedara tan ben tiveron a axuda de Guillerme de Quempallou (recolleitador de cantos), Xandre da A.C. Trepia (zanfoneiro), á Quenlla (mestres en parte da letra) e aos pais "que se buscaron a vida para atoparnos os trebellos necesarios para facer unha gravación de calidade"

martes, 23 de decembro de 2014

Silledagasalla. Por un comercio que axude a transmitir os afectos en galego.

Na iniciativa silledagasalla do ENDL do IES Pintor Colmeiro e a  Concellería de Normalización Lingüística en colaboración co colectivo ECOS e os Equipos de Normalización dos centros educativos do concello houbo unha gran participación. Presentáronse máis de 400 lemas e máis de 200 debuxos, realizados polo alumnado dos centros educativos de Sillleda(CEIP Bandeira, CEIP Silleda,
IES Pintor Colmeiro e o C. P.  María Inmaculada).
O proxecto desenvolveuse en varias fases. En primeiro lugar en cada centro escolar o ENDL convocou un concurso de lemas e outro de debuxos. Houbo exposicións dos traballos elaborados nos centros e unha selección dos que máis gustaron. No centro escolar premiamos os traballos máis engaiolantes.
Desde o pasado día 17 o Concello expuxo na Casa da Xuventude o debuxos realizados.
Como resultado dos concursos de lemas elixíronse 30 deles para a confección de pegatinas. Con esta escolla o Concello un total de  1.000 exemplares para colocar nos regalos de Nadal que utilizarán os comercios asociados de ECOS.

Un proxecto de moitos para todos
Este proxecto colaborativo no que participan 6 entidades diferentes ten o obxectivo de de concienciar ao comercio e á cidadanía da importancia de asociar a valores positivos o uso da lingua galega e poñer en evidencia a restricción de espazos que sofre o galego xa que o usual é que as pegatinas dos agasallos veñan todas en castelán.
Por fin este nadal en Silleda podes agasallar aos teus seres queridos na vosa lingua, así o regalo multiplica o seu valor pois preséntase na lingua de noso. O noso mellor agasallo na lingua que máis queremos.

Discurso na entrega de premios do Certame de Investigación “Condado de Pallares"

nova entrega para as Voces de Prolingua, desta volta da man de Carlos Baliñas Pérez:


Á hora de propor para a concesión do premio o traballo presentado por José Ángel Santos Núñez, os membros do xurado valoramos especialmente a visión interdisciplinar que o autor, dende a súa formación como arquitecto, ofrecía da historia construtiva do mosteiro de Ferreira de Pallares, combinando a interpretación técnica coa ollada histórica, artística e etnográfica, ofrecendo novas visións dunha das grandes pezas do patrimonio da nosa comarca e imaxe emblemática da asociación convocante do certame. Do arquitectónico ó etnográfico, do material ó espiritual, do edificio monástico á ferreira que deu o seu nome á parroquia e ó monumento, este traballo, cando sexa publicado, coas suxestións que apuntamos, ofertará novas visións dunha vedraña gloria do antigo Condado de Pallares.

luns, 22 de decembro de 2014

Ramón Valenzuela, olladas de esperanza

Ramón Valenzuela, as olladas da esperanza from Lingua Galega TV on Vimeo.

O documental “Ramón de Valenzuela. As olladas da esperanza” foi realizado pola produtora Acuarela Comunicación coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación. Presentouse o pasado xoves 18 de decembro na biblioteca do  Centro Sociocultural Vista Alegre da Bandeira nun acto no que participaron membros do goberno galego.
O pasado 3 de outubro celebrouse nese mesmo lugar a conmemoración do cententario do nacemento de Ramón Valenzuela.
Con guión de Xan Leira e baixo a súa dirección, o documental achégase á complicada traxectoria vital do silledense, ao seu activismo cultural e político e mais á súa produción literaria a través do testemuño de estudosos da súa obra e de persoas que o coñeceron, como a súa muller, María Victoria Villaverde, ou o escritor Xosé Neira Vilas.

Un referéndum para a lingua

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:

Se matinamos nos dados que se reflicten na última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre usos lingüísticos é moi difícil manter esa actitude optimista que para algúns constitúe parte da nosa natureza. A redución no uso do galego entre 2008 e 2014 foi parella á desindustrialización e empobrecemento deste país nestes case seis anos de goberno Feijóo. Mais todos os anteriores Gobernos teñen parte de culpa. Porque, miren vostedes, manter a lingua propia no seo dun Estado que vive en castelán e promove por terra, mar e aire a lingua oficial española é case imposíbel sen unha potente política normalizadora coordinada dende o Goberno autonómico, partillada polos Gobernos locais e alicerzada na complicidade social.

Morramos como galegos

por Lourenzo Fernández Prieto, en La Voz de Galicia:
Doulle a volta a ese slogan que nos enche de orgullo porque lembra o ben que comemos, o moito que disfrutamos da vida e a nosa capacidade de cooperar. Será certo ou non, pero gústanos de raio vernos tal como nos presenta esa publicidade que amosa o enorme poder da comunicación cando logra identificar un colectivo -neste caso o dos galegos e galegas- e empatizar con el. Pero non se trata de darlle a volta ao anuncio para tratar dos ritos funerarios da tribo, nin da esmorecente demografía. Morramos como galegos refírese a unha parte importante -cada quen decidirá canto- do que somos que se vai indo. Á lingua que aprendemos dos nosos pais e que, segundo certifican as estatísticas, falamos xa menos do 50 %.

A culpa é do galego, por existir

por Pilar García Negro en La Voz de Galicia:

A intensificación de falsías de groso calibre verbo da lingua galega está chegando a limites dificilmente superábeis. A realidade empírica xa é dato abondo alarmante do retroceso de uso do galego, por un proceso de españolización elefantiásico que non ten nada de natural e si ten todo de imposto á mantenta, por mil vías e coa servil cumplicidade das autoridades galegas que deberan defendelo, e que existen, entre outras realidades específicas, mesmamente porque existe a lingua galega. Os números facilitados polo Instituto Galego de Estatística obrigaron a gobernantes, representantes institucionais e opinantes varios a se pronunciaren ao respeito. Facer comentario de texto destas declaracións sobardaría o espazo deste artigo e tampouco tería máis valor que o de constatar como o tema do galego sobra, isto é, como o desexábel é que non se turbe a pax romana, ou sexa, a que garante a hexemonía omnímoda do español e a que coloca o galego na crítica situación de sobrevivencia apurada na súa terra e na súa sociedade, nunha perenne carreira de obstáculos para poder ser usado con normalidade, a normalidade que non se discute nunca para o idioma oficial do Estado.

Parábola da maratón

poor Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:
Imaxinemos unha carreira de fondo. Dous corredores. As mesmas regras, as mesmas condicións climáticas para os dous, o mesmo día e a mesma hora de competición, o mesmo itinerario? Pero un deles leva anos de práctica, dotacións de todo tipo: os mellores adestradores, a mellor alimentación, especialistas médicos, instalacións deportivas, máquinas de musculación, bolsas de financiamento? Por non falar da tradición familiar: séculos de exercicio competindo. O outro acaba de chegar. Non trae nada consigo máis ca moitos azos, a memoria dos seus, bastante fame atrasada e a experiencia de alancar polas veigas e as pistas de macadán (os vellos dicían «matacán»). Pero levan os dous as mesmas zapatillas e a mesma roupa. Déronlles ben de comer, mesmo ao segundo algunhas vitaminas complementarias para a ocasión; póñennos na pista, un ao carón do outro, e o presidente ou árbitro, antes de empezar, advirte que as regras son iguais para todos. Corenta e dous quilómetros. Unha maratón.

domingo, 21 de decembro de 2014

Nao: Martín Codax



O grupo estradense Nao vén de recibir o premio Martín Códax da Música na categoría de metal. Parabéns.
Todo un gusto escoitarlle cousas como esta versión de Vampiros do mestre José Afonso

Lingüicidas e lengoretas

por Alfonso Eiré, en El Correo Gallego:

"ESTÁN impoñendo o galego". Alberto Núñez Feixoo. Xoves, 9 de outubro do ano 2008. Propoño que coloquen unha placa ben grande con esta lenda na Praza do Obradoiro. Supoño que a idea acadará unanimidade entre as forzas políticas. Uns, satisfeitos de que quede constancia do nacemento da medida de máis éxito mentres gobernaron este país, a da substitución do galego polo español. Outros, para constatar cando comezou o devalar do noso idioma.

Xeitos de roubar (I)

por Marica Campo en El Progreso:

A CONCIENCIA ética comeza a construírse sobre todo na familia e a unha idade temperá. Os anos vannos afirmando nela, modificándonola, ou aconsellándonos tirala pola ventá nalgún caso; mais, se algunha vez a tivemos, sempre seguirá aí, aínda que resoe coma o canto dun grilo na distancia.

sábado, 20 de decembro de 2014

Tempo de nadal



O alumnado de debuxo artístico do IES As Barxas (Moaña) dirixido por Luz Beloso puxo en pé esta perla inspirada na obra de Castelao.
Vía CGENDL

venres, 19 de decembro de 2014

Virxinia Pereira recuperada por Olimpio Arca

No ano 1999 o mestre e escritor Olimpio Arca escibía un artigo para o segundo número da revista A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural no que poñía en valor as figuras da nai a e a muller de Castelao. Nese artigo relátanse unha gran cantidade de vivencias e de anécdotas destas dúas mulleres. Entre outras cousas explícase como á morte de Castelao Virxinia Pereira queda nunha "espantosa soedade" polo que decide volver á Estrada co firme propósito de levar ao cemiterio desta vila os restos do seu fillo que fóra soterrado en Pontevedra. A volta desta muller á súa vila natal non foi ben acollida pola maioría dos seus conveciños.
Olimpio Arca tamén relata as circunstancias que levaron ao falecemento de Virxinia, un 23 de decembro de hai 45 anos. Por esta razón, no 45 aniversario desta morte a  Asociación Cultural “Vagalumes”, propúxose lembrar á compañeira de Castelao coa que compartiu as vicisitudes e os ideais da súa vida. Este achegamento vaise facer sobre a rocha firme do traballo de Olimpio Arca Caldas.
O vindeiro 23 de decembro ás 20:30 horas, na sala Varela Buxán do Teatro Principal da Estrada, tendo como protagonistas a Maca Arca (mestra e filla de Olimpio Arca) e a Noni Araúxo (mestra e persoa que tratou persoalmente a Virxinia Pereira), celebraremos unha  homenaxe ao polígrafo que nos vén de deixar recentemente e ao cal o noso concello en particular e toda en Galiza en xeral está en débeda polo labor de restauración da nosa historia, anovamento pedagóxico e defensa da nosa lingua.
Olimpio Arca destapou a biografía silenciada de mulleres como Virxinia que completan a nosa historia e sen as cales quedaría parcial e fragmentada a comprensión do noso pasado.
Presentarase neste acto a publicación dixital dunhas seccións da páxina Tabeirós-Montes dedicadas a Virxinia aos traballos de Olimpio Arca que irán progresivamente difundíndose a través da web.

Responsos

por Bieito Iglesias en El Correo Gallego:

Á vista dos inquéritos sociolingüísticos que rexistran un descenso radical de galegofalantes, sucedéronse os comentos deses politólogos que o mesmo opinan sobre o crédito bancario que analisan a reforma constitucional, sen que lles poña medo ciscar sentencias a propósito da substitución idiomática en curso nesta Terra Meiga.

A lingua á intemperie

por Inma López Silva, en La Voz:

Como se achegan eleccións, o presidente da Xunta decidiu botar a (nosa) lingua a pacer, se cadra porque atopou uns votiños nese debate que lle aporta perigosas compañías, como sabe ben a Consellería de Cultura e Educación en pleno, a quen, despois, lle toca sufrilas. Un líder, ás veces, éo polo que cala, e o silencio é o que procede cando un descoñece a sociolingüística básica. A fin de contas, para iso está o secretario xeral de Política Lingüística, que ou non é escoitado ou non se fai oír, aínda que só sexa para temperar a Feijoo.

xoves, 18 de decembro de 2014

Boletín para as familias en Silleda

Un dos compromisos que tiñamos pendente no ENDL do IES Pintor Colmeiro de Silleda era o de distribuir entre a comunidade educativa información sobre a situación social da lingua galega no noso entorno máis próximo. Tiñamos feito un estudo bastante completo ao respecto, pero que aínda que pode servir como base para o traballo normalizador non é operativo para a difusión pretendida.
Non foi elaborado con idea de aproveitar a repercusión que están a ter os datos do IGE pois, como se pode supoñer, a elaboración do boletín é previa a todo iso, pero si que se fai referencia aos resultados que o IGE distribuíra hai un par de meses.
Recolléronse os datos máis significativos do estudo sociolingüístico feito no centro e a un tempo na columna da dereita envíase información de corte sociolingüística de forma que sexa comprensible por todos facendo incidencia nun par des aspectos:

  • O galego é unha lingua de relevancia mundial (nun total de 5.000 linguas) o barómetro Calvet colócaa no posto 49, por riba de linguas europeas como o flamenco ou doutras que contan cun gran número de falantes como o xavanés (84 millóns)
  • A proximidade do galego co portugués é unha ventaxa permítenos establecer comunicación con 220 millóns de persoas. Ademais todos os galegofalantes desenvólvense ben en castelán (isto non se dá ao contrario) polo que podemos comunicarnos cun total de 600 millóns de habitantes do planeta cando o inglés é lingua de uso (primario ou secundario) de só 500 millóns.

Todos estes datos poden comprobarse no etnologue

mércores, 17 de decembro de 2014

O galego segundo Aline



Aline é unha brasileira que desde Santiago de Compostela explica algunhas cousas da nosa lingua para unha canle chamada semfio.tv, especializada en divulgar para o Brasil diversos lugares do mundo.
Vía chuza!

Rescate do galego

por M. Bragado no Faro de Vigo:

Os datos do IGE sobre coñecemento, uso habitual e inicial do galego en 2013 expresan a aceleración do proceso de substitución lingüística en Galicia. O galego sofre unha hemorraxia dos seus falantes habituais, que aínda son a metade da cidadanía, mentres que o número daquelas persoas que en Galicia falan sempre ou principalmente castelán avanza en todos os tramos de idade e espazos xeográficos, sendo xa esta lingua maioritaria en case todas as cidades e entre os menores de 29 anos.

Morder a lingua

por Alfonso Vázquez Monxardín, en La Región, cun artigo co que estou en profundo desacordo por facer unha lectura moi superficial e polo tanto errada por todas partes. Con todo, déixoo por aquí porque moitos outras achegas deste autor son verdadeiras perlas. E supoño que nos regalará máis.


Morder a lingua, literalmente, é algo que nos encabuxa porque non temos a quen botarlle a culpa. Como cando un bate cun dedo do pé descalzo contra a pata dunha silla. E se tal acontece, hai que calar, porque ninguén é culpable máis ca nós. Pode, si, que alguén puxera a silla aí, pero nós andabamos co pé espido. E isto tamén é social. Ningún pobo pode morder a lingua doutro porque non a ten na súa boca e un pobo non debe andar espido de sentimentos. Se os irlandeses deixaron de falar céltico, foi cousa deles. Se os israelís resucitaron o hebreo, foi porque lles petou, quixeron e se puxeron ao choio. E se nunha situación de democracia, liberdade e autonomía a xente non se afirma na fala vella, deberiamos ser máis listos que a inercia e repensar de novo o tema, desde a idea que ninguén manda, mandou nin mandará, nas bocas. Teñámolo claro: nas nosas bocas só entran as linguas que amamos.

O galego, unha arma cargada de futuro

por Xosé Manuel Pacho, no Sermos Galiza:


Veño de ver estas semanas a polémica xurdida polas diferentes enquisas que falan sobre o emprego da nosa lingua, e veño de ver tamén a preocupación e o derrotismo entre moitos dos que sentimos sinceramente o galego. Con todo, eu non podo estar máis en desacordo.

martes, 16 de decembro de 2014

Agasallos de nadal, en galego

Son varias as iniciativas que nestas datas se nos propoñen para que as compras que fagamos neste nadal teñan en consideración a lingua de noso.
Unha delas é este catálogo da Mesa, que xa hai varios anos que vén editando:



Outra iniciativa, posiblemente a máis dúctil, é a da plataforma dixital agasallo.eu que agoranos ofrece a posibilidade de crear o noso propio catálogo. Trátase dunha das múltiples propostas saída do brainstorming da CTNL.
Por útimo tamén podemos botarlle un ollo á guía de agasallos elaborada pola SXPL en colaboración coa Direción Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Non estaría nada mal botarlle un ollo a estas invitacións, para que os nosos gastos teñan repercusións positivas na propia terra.

P.S.: e unha boa alternativa pode ser regalar cómic. Qadriños fainos un bo asesoramento.

MATEO

por Andrés Coruñago, nas Voces de Prolingua:


A prezada e querida Malores Villanueva invítame a que conte para os amigos de ProLingua como un neno de sete anos, Mateo, xa é dono dun ben inmoble de carácter etnográfico, un monumento da nosa arquitectura popular, unha obra de arte, un símbolo da fartura: un canastro, que noutras partes do dominio lingüístico galego ten denominaciónse como cabazo, piorno ou hórreo. Unha herdanza que o seu avó recibiu en 1983 do tío-avó Anxo Couñago Pousada. Recentemente foi restaurado e posto en pé no eido ''O Cudomouro'' para doarllo o día 30 de novembro perante corenta persoas que foron convidadas e testemuñas do cumprimento e da promesa feita.

Sobre a situación da lingua galega

por Nel Vidal en ideas.gal:

Quizais o mellor balance de contas que podemos facer con respecto á situación da lingua galega despois destes 35 anos de autonomía sexa o dos datos do seu uso, onde se constata unha perda continua e acelerada de falantes.

Lingua, realidade e datos

por Susana Méndez no Sermos Galiza:

Días atrás publicáronse os resultados da enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre o uso do galego no 2013, e houbo un balbordo xeral ante o alarmante deses resultados. De verdade precisabamos deses datos para nos dar conta da grave situación pola que atravesa a nosa lingua? En serio que non eramos conscientes do grande descenso de falantes de galego antes de se publicar este informe do IGE?

Por que salvar unha lingua

por X. L. Franco Grande, en La Voz de Galicia:

No The New York Times do día 5 deste mes, na súa Sunday Review, publicouse un interesante artigo do profesor da Universidade de Columbia, John McWhorter, titulado «Why Save a Language», no que se refería á importancia dunha lingua e á perda que supón para a cultura que, de aquí a uns cen anos, das 6.000 linguas que hoxe se falan, pode que só 600 se manteñan. Pensan que, se morre unha lingua, unha forma fascinante de pensamento morre con ela. Pon exemplos e pregúntase, se unha lingua non é unha visión do mundo, ¿que é? Pensa que é algo máis e que, por iso, son merecentes de especial atención as linguas que en cen anos poidan desaparecer.

luns, 15 de decembro de 2014

Galego a flor de pel

por Goretti Sanmartín Rei en ideas.gal:

Se falamos de facer contas a respecto dos anos de réxime autonómico, é obrigado situármonos, tamén persoalmente, case 35 anos atrás. No curso 1980-1981 eu estaba en 3º de BUP (o primeiro de Bacharelato da actualidade). Tiña aulas de latín e grego en galego. Tamén de Historia, estas impartidas por unha profesora que xa nos dera clase o ano anterior, nese caso de Xeografía, en español. Custounos entender a súa mudanza. Pasamos unhas cantas semanas amargándolle a vida por non entendermos a súa decisión. E iso que falabamos galego e que tiñamos moito profesorado a dar as aulas nese idioma. Non había aínda lingua e literatura galegas como materia. Viña xusto detrás de nós. Entendiamos que nos deran as aulas na nosa lingua quen sempre falara nela, ou quen nós pensabamos que sempre falara nela, pois o ano anterior non reparabamos en que tamén había docentes -como Silvia- que acababan de elixir o galego como lingua de ensino, unha boa parte (non a totalidade) xa para sempre. Viamos Mari Colino como unha muller da burguesía compostelá educada en español e xulgabamos que non existían razóns para ela mudar de lingua. Que pouca xenerosidade tiñamos!, canta paciencia connosco! Afortunadamente demos cunha excelente persoa, unha mestra que chegou a tempo a sentir o galego como propio, igual que o seu tan admirado Otero Pedraio, unha muller que faleceu poucos anos despois vítima dun cancro de mama, daquela con moitas menos posibilidades de curación que hoxe. Tamén esas son contas por botar.

Quen falará a nosa lingua cando marchemos?

por Fernando Lacaci no Sermos Galiza:

O Instituto Galego de Estatística ven de nos dar unha arrepiante noticia: só un de cada catro menores de 15 anos fala galego, e a nosa lingua vai esmorecendo arrodeada de porcentaxes que certifican a súa morte a medio prazo.

sábado, 13 de decembro de 2014

Os Reis Meigos chegaron a Ou Carballiño

web do Concello do Carballiño
Segundo os últimos datos ofrecidos polo IGE sobre o uso da lingua galega o concello do Carballiño está no posto 243 (de 315) dos concellos con máis falantes de galego, isto é, pertence ao grupo do 25% dos concellos nos que menos galego se fala. Eses mesmos datos revelan que entre os anos 2001 e 2011 a tendencia foi de diminución dos galegofalantes cunha redución que se cifra no 14,31% .
Para máis inri desde as dependencias municipais faise todo o posible para desprestixiar a lingua galega. Eis o caso da consulta feita desde a alcaldía do concello sobre a presunta palabra *pulpo que só serviu para o que se pretendía: tirar pedras contra a lingua e a súa normalización. Despois de montado o escándalo nos medios, e de que a RAG lle respondera que polbo é a voz galega, e que polo tanto é a única que debería empregar calquera organismo oficial, o concello do Carballiño continuou a desprestixiar o uso da lingua galega insistindo e promocionando unha festa que debería ser motivo de celebración de todos os veciños pero que hoxe é unha das máis grandes vergoñas para todo o pobo galego.
Outros capítulos vergoñentos  protagonizados polo mesmo alcalde foron a contratación do servizo de atención tributaria a unha  empresa madrileña que se negaba a atender aos veciños en galego, a inauguración das luces deste nadal cun cartel luminoso en castelán na fachada da casa consistorial. Capítulo aparte merecería a sinalización municipal. Hai ben pouco que estiven no Carballiño e revolve as tripas ver o maltrato da lingua nas sinalizacións de responsabilidade do concello. Claro que a ningún visitante avisado lle debería estrañar estas ofensas pois basta con entrar no web oficial municipal para sentir como che asalta o desprezo desde a pantalla do computador. Ten versión en galego, pero trátase dunha mala tradución duns contidos que foron introducidos orixinalmente en castelán e despois pasados sen moito xeito por un tradutor automático. É iso o que merecen os veciños do Carballiño?. Aos habitantes deste concello deberíalles doer na alma que cando alguén quer referirse ao desprezo pola lingua tome como exemplo o caso carballinés.

Os Reis Meigos
Con toda esta carga ao lombo o alcalde Marnotes quixo botar fóra o desprestixio que lle está custando manter un ataque tan directo contra a lingua galega. Así que con todos os fuciños do mundo, emborcou unha nota no portal web do concello na que pouco lle falta para reivindicarse como un dos inventores da normalización lingüística.
O primeiro que chama a atención é o titular: O último traballo do IGE recolle que O Carballiño é das zonas de onde máis se fala o Galego. Como se comentou, é unha enorme mentira. Aprovéitanse dun resultado da comarca do Carballiño-O Ribeiro, referido a un conxunto de 19 concellos, na que si houbo un incremento do uso do galego (un 4,3%) pero que seguramente se deba máis ben a un fenómeno de abandono do territorio por parte da xente máis nova no período ao que se refire os resultados do IGE. Basta con botarlle un repaso ás comarcas nas que os datos para a lingua galega son mellores e comprobamos que coinciden coas áreas económicamente máis deprimidas.
O contido da nota é deprimente: "O Carballiño é das zona de Galicia onde máis se fala ao Galego. De feito é a cuarta comarca con máis galegos parlantes" [os erros non son meus, é a característica esencial da versión en galego do web carballino.org]. E cales son os méritos que se auto-atribúe o equipo de goberno? Pois sobre todo o de estar apuntados na Rede de Dinamización Lingüística (RDL), o fracasado invento da Secretaría Xeral de Política Lingüística co que eliminou os SNL dos concellos. Agora toda a política lingüística a nivel municipal céntrase en acoller dúas ou tres actividades anuais como unha sesión de títeres ou unha actuación musical. Así concellos cumpridores coa RDL como o do Carballiño gábanse de ter un listado de actividades que engaiolan aos seus conveciños de tal forma que non lles queda outra que ser activos galegofalantes [nota: presuntamente este listado está en galego]:

  • CARTA DOS REIS MEIGOS.
  • MARCAPÁGINAS SOBRE VALENTÍN PAZ ANDRADE, tamén unha Gincana
  • 'A NENA E Ou GRILLO'
  • CONMEMORACIÓN DO 150 ANIVERSARIO DE CANTAR GALEGOS DE ROSALÍA DE CASTRO: marcapáginas
  • TALLER DE CONSTRUCIÓN DE JUGUETES TRADICIONAIS

Ou se o preferides en castelán (por iso do equilibrio das linguas):

  • TALLER LETRAS EN LA CUERDA. NAVIDAD EN SON GALLEGO. CUANTA O VIENTO [se alguén dá descifrado isto, por favor, que mo conte]un taller donde cada quien aprende a fabricar sus propios juguetes
  • GALLEGO DE CINE
  • Además de los cursos de lengua y otras actividades transversales

E por último unha actividade en bilingüe [pois así consta nas dúas versións: galego e castelán]

Plan para o galego

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:

Acaban de se dar a coñecer as cifras do Instituto Galego de Estatística relativas á Enquisa de condicións de vida das familias. Coñecemento e uso do galego. Ano 2013.

Boy?

por José Ramóm Pichel na Praza Pública:


En meados dos anos 80 do passado século XX, num colégio de Vigo, aconteceu este diálogo entre uma professora de primária e um meninho com cara de zangado que acabava de sair das aulas de inglês recém implantadas:
- Que foi Tonhito? Porquê estás “enfadado”?

venres, 12 de decembro de 2014

Criaturas nº 0



Trátase dunha revista especializada en literatura infantil e xuvenil (LIX), chámase Criaturas. Soubemos dela por este avance de Montse Dopico, e despois polo anuncio que facía unha das súas colaboradoras do seu nacemento. De hoxe en diante acompañarame na marxe dereita deste blogue, no apartado de recursos,  a ligazón a esta revista.
Unha desas noticias que dá alegria compartir.

O resultado do Decreto de plurilingüismo: a metade dos menores de 15 anos non fala nunca en galego

Despois dunha profunda e serena análise dos últimos datos do IGE Prolingua emitiu no día de onte o seguinte comunicado:


A estratexia da gradualidade:Para facer que se acepte unha medida inaceptable chega con aplicala gradualmente, por anos consecutivos. Dese xeito foi como condicións económicas radicalmente novas (o neoliberalismo) foron impostas durante as últimas décadas: Estado mínimo, privatizacións, precariedade, flexibilidade, desemprego masivo, salarios que xa non aseguran ingresos decentes... tantos cambios que provocarían unha revolución de seren aplicados todos por xunto, dunha única vez.Noam Chomsky: Dez estratexias de manipulación mediática

Nestes días pasados fixéronse públicos os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) referidos ao coñecemento e uso do galego no 2013, que reflicten unha significativa diminución no emprego da lingua de noso, de xeito moi intenso nas idades máis novas.Na poboación de 5 a 14 anos falan sempre castelán o 47,09%, é dicir, que non empregan nunca o galego (e un 27, 79% fala máis castelán ca galego), mentres que falan sempre o galego o 13,20% (e máis galego ca castelán o 11,91%). Para o futuro da lingua propia de Galicia é realmente dramático que actualmente só a cuarta parte dos rapaces e rapazas menores de 15 anos fale habitualmente galego e máis galego que castelán, cun alarmante retroceso de 11 puntos verbo do informe do IGE do 2008.

Cara onde queremos ir en materia lingüística

por Pepe Alborés en La Voz de Galicia:


Se atendemos á equisa de 2013, no ámbito da Costa da Morte temos uns niveis de uso da lingua galega que podemos cualificar como aceptables, contamos cunha porcentaxe de máis do 85% de falantes de galego, ben como falantes monolingües ben como falantes que usan máis o galego que o castelán, o que nos sitúa na terceira posición por zonas, por detrás do Lugo oriental e da Coruña suroriental e moi lonxe do 26% da área de Vigo ou do 29% da área da Coruña. Pero se analizamos os datos tendo en conta a variación con respecto aos do ano 2008 comprobamos que o número de falantes descende ao redor dun 6% cando a media galega anda ao redor dun 5,5% e mesmo hai zonas como Lugo oriental ou O Carballiño-Ribeiro, nas que medra o número de falantes en porcentaxes considerables.

xoves, 11 de decembro de 2014

Un póster e unha foto




Unha foto
Baixo a impasible mirada da estatua do matemático de Bermés, as autoridades locais acompañaban ao secretario xeral de política lingüística e ao conselleiro de educación nesta parroquia de Lalín nun acto de louvanza do galego como lingua para a ciencia. Ou iso é o que din os medios que reproducen as notas de prensa oficiais sen máis pescuda. Conviña preguntarse que hai detrás desta foto das autoridades coa escultura do primeiro matemático galego.No 2004, o daquela conselleiro de educación, Celso Currás, presentaba un libro no que, aproveitando que Xocas era o escritor homenaxeado naquel Día das letras, se lle ofrecía ao profesorado unha serie de unidades didácticas para traballar nas aulas de tecnoloxía con maquinaria referenciada na obra dese autor. Hoxe ese libro estaría prohibido pola mesma Consellería de Educación que o editaba hai 10 anos. A razón: estar escrito en galego. Velaí un exemplo do radicalismo da política lingüística do goberno Feijóo.Este caso é a punta do iceberg das actuacións contra o galego que está a desenvolver a Xunta. Se o funesto decreto do plurilingüismo tivo como consecuencia a retirada de miles de libros de texto de matemáticas, tecnoloxía, historia ou física, ten sentido que os responsables desta desfeita se presenten nun acto público como os avalistas da normalización no mundo das ciencias? Claro que, se o pensamos friamente, tampouco poden mostrarse ante a sociedade como o que son. Sería un escándalo que a Consellería de Educación emitira unha nota explicando que van continuar excluíndo o galego de boa parte do currículo escolar para que un alumnado, que ten xa moi claro cal é a lingua que goza de todas as ventaxas, reafirme os seus prexuízos ao comprobar como desde as administracións á outra lingua se lle negan espazos  que comezaran a recuperase mornamente durante o goberno bipartito. Como o goberno desenvolve unha política lingüística tremendamente lesiva para a normalización non ten máis remedio que ir a Bermés a que lle saquen unha foto na que se ofreza a imaxe contraria da súa práctica diaria. Un retrato fidedigno da realidade sería comparable ao de Dorian Gray.

Un póster.
Neste pasasdo mes de novembro a Consellería de Cultura tivo a iniciativa de propoñer as lecturas matemáticas como o tema central arredor do que desenvolver actividades nas bibliotecas. Ou iso é o que din desde a oficialidade e repiten acríticamente os medios abeirados ao poder. Efectivamente,  a Consellería difundiu un póster co lema "Biblioteca escolar... matemático!!!". Pero o problema é que isto foi o principio, o fin, e a única proposta realizada. Por ningunha parte apareceu o que é evidente: que nas bibliotecas non hai libros de matemáticas en galego.Velaí de novo o a crúa realidade:  o que estivo promovendo a Consellería de Cultura foi un novo atentado contra a normalización. Ningún alto cargo se reuniu cos representantes das editoriais galegas para elaborar unha colección divulgativa de matemáticas en galego. Unha iniciativa coma ésta, centrada en Galicia, sería un pequeno impulso á maltratada industria editorial autóctona. Vese que para isto non está a Xunta. Porén si actuou como o cabalo de Atila prohibindo todos os libros de texto en galego das materias científicas para aplicar o funesto decreto de plurilingüismo co que non só minaron os cimentos ás nosas editoriais, senón que se paralizou o traballo didáctico desde unha perspectiva galega.Nalgún galpón da Consellería de Educación débense gardar os carteis da exposición "A muller, innovadora na ciencia", unha loable proposta que no seu día difundira o esforzado traballo de moitas mulleres científicas. Non debe haber ninguén en San Caetano que aproveitando este súbito interese polas matemáticas pensara en recuperar esa exposición. Pero tampouco se lembraron doutra elaborada por Trinidad López, "Historia do cálculo",  nin de traballos tan dignos como "As mulleres na historia das matemáticas" de Susana Paz Díaz, que ben merecía unha edición en papel. Por non haber, non houbo contacto coas asociacións profesionais para recoller e apoiar propostas que podían achegar (en galego) as matemáticas á cidadanía ou para impulsar a renovación das propostas didácticas.Tampouco se recuperaron os multipremiados recursos educativos de Paulo Porta que estaban colgados no web da Consellería de Educación ata que o goberno de Feijóo os eliminou, nin se difundiron as unidades didácticas EDAD do Proxecto Descartes que foron bloqueadas desde os despachos da Consellería de Educación por estaren redactadas en galego. Non, nada disto se fixo. Só se editou un póster para impulsar a lectura de libros en castelán. (que non digo eu que estea mal que se lean, pero tal e como está o panorama das linguas en Galicia, non parece, nin de lonxe, o que deben potenciar as nosas Consellerías).En Cataluña o Departament d´Ensenyament da Generalitat mantén un portal, Creamat, para fornecer de recursos en catalán ao profesorado de matemáticas. Aquí parece que chega cun póster e unha foto.

Analfabetos que falan inglés en Mondoñedo

por Francisco Borxa González Tenreiro no Sermos Galiza:

En Galiza hai dous tipos de galegos: os que falan castellano e os que exercen de castellanos. Eu falo castellano, mais xa non exerzo.

mércores, 10 de decembro de 2014

Como estragar unha boa campaña normalizadora


"Bicos a moreas" foi unha feliz idea do ENDL do CEIP do Foxo (A Estrada) que, en colaboración coan ACOE (Asociación de Comerciantes da Estrada) ,e a ACE (Asociación Comarcal de Empresarios da Estrada) se puxo a andar o ano pasado. No colexio a rapazada argallaba debuxos e lemas para aloumiñar os agasallos de nadal: Quérote un mundo, desexo que sexas feliz, grazas por estares ao meu carón,... e os empresarios e comerciantes usaban estes traballos nas pegatinas dos envoltorios de regalo. Tan ben foi a cousa que este ano non deberon ter que darlle moitas voltas para repetir a experiencia, e velaí que se celbrou a segunda edición pero... desta volta a ACOE quixo destrozar a campaña repartido polos comercios da Estrada sobres postais para os Reis Magos co seguinte enderezo:
A sus Majestades de Oriente
 Melchor, Gaspar y Baltasar.

A campaña está subvencionada pola Xunta e o Concello da Estrada. Espero que desde todos estes organismos se lle faga unha chamada de atención á asociación de comerciantes.
Póñome no pelexo dos membros do ENDL do CEIP e vexo o problema que lles botaron enriba. Eu pensaría moito o de volver a colaborar con esa xente, que se ve que considera ao galego como lingua estranxeira pois xa non é a primeira vez que demostran este desprezo desde o cambio de directiva. Estaba claro que para esta viaxe non se precisaban alforxas.

Non falan porque non saben Non falan porque non saben

por Xabier P. Docampo nas Voces de Prolingua:


Hai uns días que se confirmou o que levabamos moito tempo barruntando: segundo o Instituto Galego de Estatística o 47,09 % dos rapaces e rapazas galegos de entre cinco e catorce anos nunca falan en galego, só o fan en castelán (16,50% máis que hai seis anos).E por que non o fan? Non é porque escolleran falar castelán e non galego. É porque non saben: non teñen léxico nin estruturas nin prosodia, non saben. Mais se nos fixamos nese 25,11 % de rapaces desas idades que se expresan habitualmente en galego ou máis en galego que en castelán (11,02 % menos que hai seis anos), seguro que todos coñecen e falan o castelán con soltura. E así será sempre, porque o contacto coa lingua castelá é continuo e constante; e seguiría así, aínda que incrementaramos moito, moito a presenza do galego na sociedade: escola, medios de comunicación, xustiza, administración pública, comercio...

domingo, 7 de decembro de 2014

Berce do Pedro Chosco



Non hai berce coma o colo é un libro-disco con produción e dirección musical de Paulo Nogueira e Magoia Bodega, ilustrado por Mariona Cabassa e publicado por Kalandraka.
"Berce do Pedro Chosco" é un dos 15 arrolos incluídos nesta obra, que recolle cantos de berce tradicionais do patrimonio oral e musical galego.
Preséntase hoxe no Culturgal

Pasmados, mentres agoniza o galego



editorial de El Correo Galego

DICIR QUE AGONIZA aos poucos -ou aos moitos, tal como imos- a lingua galega non é practicar catastrofismo, nin querer resucitar o informe dramático do profesor Alonso Montero; é un exercicio de responsabilidade crítica, do que esta Casa -que mantivo con vida durante case dúas décadas, contra vento e marea, a fermosa aventura de sacar á rúa todos os días un periódico en galego-

venres, 5 de decembro de 2014

Contaminación atmosférica e outros vídeos de ciencias


Grazas á rebulideira actividade na arañeira de Pilar Ponte chegoume a noticia desta canle de vídeos didácticos das ciencias naturais elaborados Materiais elaborados por Xacobo de Toro e Jorge Gutiérrez, profesores do ensino público de secundaria.

xoves, 4 de decembro de 2014

Galego, en todas as direccións


Recollín esta foto do Taboleiro do ENDL do IES San Paio (Tui), e aínda que xa ten máis de catro anos, desafortunadamente segue sendo actual. Nunca está de máis lembrar o nocivo que está sendo manter en pé o funesto decreto do plurilingüismo, que exclúe o galego de todas estas direccións.

Máis galego, por favor

por María Varela, no Diario de Pontevedra:


Cada vez que me atopo cun folio en branco éntranme ganas de aloumiñalo. É un vicio como calquera outro. Sentar diante da páxina baleira e debuxar coas xemas dos dedos unha paisaxe calquera, lanzar sobre ela unha presada de verbos, nomes comúns, metáforas, proposicións subordinadas e adxectivos para construír algo semellante a un artigo, un conto ou un pensamento.

mércores, 3 de decembro de 2014

A misión Rosetta



Normalmente os audiovisuais montados sobre unha conferencia son estáticos xa que se sacrifica o atractivo visual á recollida informativa. Neste caso temos un exemplo do contrario, trátase dun vídeo moi ben realizado sobre a charla que o profesor Manuel Andrade (da área de Astronomía e Astrofísica) ofreceu o día no que a sonda Rosetta pousou no cometa 67P/Churyumov-Gerasimenko e na que explica a partida de billar cósmica que se leva xogando durante máis de dez anos para que se produza o contacto entre sonda e cometa.
Polo que podemos sacar deste vídeo quédanos a mágoa non termos a totalidade da charla.
Na páxina do APOD Galego (Imaxe Astronómica Do Día) temos máis información do momento da chegada da sonda Rosetta ao cometa nos días 12, 13 e 14 de novembro.

Traballar para o inglés

por Robert Neal Baxter, no Terra e Tempo:


Volto a un tema sobre o cal xa escribín hai case dous anos mais que, infelizmente, segue a ser de actualidade: a imposición do inglés como suposto mérito universal e necesidade vital maquillada de ‘internacionalismo’ e ‘plurilingüismo’.

O barranqueño, terceira lingua oficial de Portugal?

por Francisco Fernández Rei, nas Voces de Prolingua:


No concello portugués de Barrancos, situado ó noroeste da provincia de Huelva nunha zona onde o río Guadiana non forma fronteira con España, fálase unha variedade mixta coñecida como barranqueño, con base no portugués alentexano e forte influencia na fonética, na morfosintaxe e no léxico do castelán de Andalucía e do da Baixa Estremadura. O barranqueño, cuxa orixe parece estar relacionada cos asentamentos medievais de españois nesa zona portuguesa, mantívose polo contacto permanente con poboacións españolas veciñas. A máis próxima é Encinasola (Huelva), a 9 km, mentres que Santo Aleixo da Restauração (freguesía do concello de Moura), a poboación portuguesa máis próxima a Barrancos, está a 21 km; e a vila de Moura, á que antes do curso 1987-88 se deslocaban cada día estudantes do ensino secundario, está a 52 km.

martes, 2 de decembro de 2014

luns, 1 de decembro de 2014

De blogues.28

Arañeira con orballo, da Galipedia

  • Parabéns aos veciños do Sisto!, 03/10/14, en AGOn
  • Morelos, un estado “galego” en México, 13/1014, en AGOn
  • Celebrando a Semana da Ciencia en Galego, 28/10/14, no blogue basellafala
  • Os de sempre contra o galego: um círculo vicioso, 31/10/14, por Xavier Alcalá, no seu blogue
  • Hai futuro para o galego?, 31/10/14, por Miguel Igleisas Sanmartín (2º PCPI) no Bico da Ría
  • Ti falar, 05/10/14, na Revolta da freixa
  • O ÉBOLA DOS CURSOS CELGA, 06/11/14, Lingua precaria
  • Coñecendo a Turing e a robótica en Galicia, 06/11/14, na basellafala
  • Poetemáticas 5: poesía grega, 07/11/14, na Marela Tarabela
  • Camaleóns lingüísticos, 10/11/14, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua, recuperando un excelente vídeo de Eu Falo
  • Que falen os mortos!, 11/11/14, por Xosé Antón Laxe Martiñán no retrato da caixa dos mistos
  • Zarampagalegando, 14/11/14, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • O Ulysses à galaico-portuguesa, 14/11/14, por Xavier Alcalá, no seu blogue
  • Onte 1147: Os dereitos das lectoras, 16/11/14, por M. Bragado en Brétemas
  • A escasa presenza do galego en Internet, 17/11/14, por Luís na Eiriña de pedra
  • En galego, correztamente, 18/11/14,  por Fran P. Lorenzo no blogue Un país en lata
  • Trilingüísmo utópico (A voo de tecla, 12/01/2010), 19/11/14, por Xavier Alcalá na súa páxina persoal
  • Despedida, 19/11/14, no que Xavier Cordal anuncia o peche de Centeás, unha mágoa.
  • Onte 1152: O libro nos medios, 21/11/14 por M. Bragado en Brétemas
  • O español ens roba, 21/11/14, por Iván Méndez
  • Palabras numéricas, 22/11/14, por Carlos L. Medrano, en Xogos de lingua
  • O galego deixa de ser a lingua habitual da maioría da poboación, 23/11/14, por Sergio Lamas e Iván Caamaño no Bico da Ría
  • Niinoniinoniino!!!, 24/11/14, en Zarampagalegando
  • En que fala podemos?, 25/11/14, no blogue de Xabier P. Docampo
  • López Nogueira e o galego, 26/11/14, por Pablo Vaamonde no Pavillón de repouso
  • Olimpio Arca queda na memoria da nosa cultura, 26/11/14 no portal Tabeirós Montes
  • Castrapo xacobeo (A voo de tecla, 14/04/2010), 28/11/14, por Xavier Alcalá na súa páxina persoal
  • Onte 1160: Día das librarías, 29/11/14, por M. Bragado en Brétemas
  • Alfabeto e publicidade, 30/11/14, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua

domingo, 30 de novembro de 2014

Conferencia de Francisco Carballo: "Historia da lingua"

Lingua e historia. Francisco Carballo from Tabeirós Montes on Vimeo.

O 16 de abril do 2010 Francisco Carballo achegárase á Estrada da man da agrupación local de Queremos Galego e impartira esta conferencia sobre a "Historia da lingua". Onte soubemos do falecemento deste teólogo, historiador  e promotor de numerosas iniciativas culturais centradas en Galicia tales como os xornais A Nosa Terra ou o Sermos Galiza.
Nesta conferencia Francisco Carballo ofrécíanos toda unha lección sobre o desenvolvemento histórico da lingua galega e no que se ofrece algunhas chaves para abrir as portas da interpretación da actual situación sociolingüística na nosa terra.
Entre as obras que nos deixou este activista da cultura e da política galega vou deixar aquí referencia dunha participación nun traballo colectivo editado por Xistral nos anos 80: Castelao contra a manipulación e no que participa cun traballo titulado Castelao no seu tempo que remata lembrando que "Castelao morre coa ilusión dunha Galicia republicana, libre e soberana", ideas das que el sería un digno defensor.

Máis información:

Homenaxeamos un bo e un xeneroso

por Cesáreo Sánchez Iglesias, no Sermos Galiza:

En 2012 Francisco Carballo recibiu a distinción Bos e Xenerosos que outorga a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Reproducimos aquí o discurso que con tal motivo pronunciou o seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Amigas e amigos, querido Francisco Carballo.

sábado, 29 de novembro de 2014

Divulgare

Tipos de polinización from Divulgare on Vimeo.

Nesta peza audiovisual podemos aprender algunhas cousas sobre a polinización. Concretamente explícase en que consisten os tres pincipais tipos de polinización: autopolinización, por vento e mediante abellas.
Vídeos semellantes a éste podémolos atopar na canle Divulgare, creada co fin de levar a ciencia a toda a sociedade. Outros audiovisuais que nos achega este colectivo da Universidade de Vigo que investiga a ecoloxía e a evolución das plantas son os seguintes:

Invasións biolóxicas: o caso do mexillón cebra (Dreissena polymorpha)
Utilización de boias de deriva para o seguemento de vertidos mariños.
A importancia dos lagartos nos ecosistemas insulares
Invasións biolóxicas: O caso do visón americano
Estratexias adaptativas: Hipótese da "Alarma contra ladróns"
Pradarías de Posidonia oceanica: un tesouro submarino
Ecoloxía e evolución de polimorfismos florais
Caracterización da reciprocidade en plantas heterostilas
Causas e consecuencias das invasións biolóxicas. O caso de Oxalis pes-caprae

Mágoa que o galego non sexa a lingua principal deste equipo da Universidade de Vigo.

venres, 28 de novembro de 2014

Alá fomos, alá non volveremos!

Escrito sobre a entrega de premios do certame do audiovisual OUFF, organizado polo Concello de Ourense e coa colaboración da Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Está asinado polos centros IES A Cachada (Boiro), IES Félix Muriel (Rianxo) e CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro):


Os centros de ensino que asinamos este escrito acudimos o mércores, día 19 de novembro, ao acto de entrega dos premios Ouff Escola de Ourense e saímos da “gala” indignados e decepcionados, de feito estamos convencidos de que non volveremos participar neste certame mentres non detectemos que o modo de facer as cousas mudou de modo substancial.

xoves, 27 de novembro de 2014

Buydeal, premio Manuel Beiras 2013




O Departamento de Lingua Galega (DLG)do Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan anualmente o Premio Manuel Beiras co fin de outorgar un recoñecemento público ao esforzo de normalización do uso do galego no sector empresarial. Con este premio queren lembrar a figura dun histórico comerciante compostelán destacado loitador da nosa cultura e da nosa lingua.
Na convocatoria do ano pasado premiaran a buydeal.es, unha empresa de venda on-line. Na lista de reprodución da canle do DLG pódese acceder a unha serie de vídeos doutros premiados.

Cando morre unha lingua, morre un mundo

por Félix Soria en Galicia Confidencial:

Veño de ler o conto da inmersión de nenos na língua de Shakerpeare. Non teño nada na contra de aprender idiomas, ao contrario. A vida ensinoume que coñecer idiomas sempre é bo e ás veces, necesario. Pero o empeño da Administración galega en somerxer a uns centos de nenos no inglés e a insistente publicidade que o Goberno e os medios “de orde” outorgan á iniciativa abunda na mensaxe de sempre. Non fai falla repetila. Entrementres e non por causalidade, o idioma galego está a piques de deslizarse por unha pendente rodeada de muros da que dificilmente poderá saír.