Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 27 de abril de 2015

Palabras náufragas

por Manuel Cabada Castro, no Faro de Vigo, dando a coñecer a iniciativa da AELG chamada "Palabras con memoria" elaborada Isidro  Novo e que comenzou a publicarse no semanario Sermos Galiza a partir do número 140.


A crise na que se atopa a lingua galega, creación e expresión de todo un pobo, merece desde logo a atención e preocupación de cantos se decatan, aínda que sexa minimamente, da transcendental importancia da súa conservación e utilización. Ámbolas dúas cousas -conservación e utilización- condiciónanse mutuamente. Pois de pouco vale, se non é para simple lecer de historiadores e eruditos, unha lingua que só se poida atopar en vellos libros ou na lembranza esmorecente da xente maior que vai morrendo. Conservaríase, mais como algo pasado, como algo morto. Unha lingua non utilizada é unha lingua morta, por moi fermosos que sexan os monumentos mortuorios que os estudosos poidan erguer sobre ela na súa lembranza. Pois ben, falando de xente maior (pertenzo a tal gremio), velaquí xustamente onde hai urxencias que atender.

Gaizka Garitano e o bilingüismo cordial



Gaizka Garitano é o entrenador do Eibar. Onte protagonizou un capítulo do que se lle chama por aquí o bilingüismo cordial. Na rolda de prensa posterior ao partido que o Eibar xogou co Almería fixéronlle unha pregunta e aúscaro e Garitano respondeu nesa mesma lingua. Algúns periodistas comenzaron a protestar. Atendendo á lóxica do bilingüismo cordial estas protestas estarían perfectamente xustificadas. Aínda máis, o preceptivo sería que Garitano, (de ter presente as prácticas do bilingüismo cordial, insisto) non contestara na súa lingua. E aínda se podería dar un paso máis xa que o bilingüismo cordial implicaría que o periodista vasco non fixera a pregunta en eúscaro.
Por se a alguén lle quedou algunha dúbida, o bilingüismo cordial non é outra cousa que, polo si ou polo non, falar sempre en castelán.
Despois das protestas o periodista volveu  preguntar, e como non sabía nada do bilingüismo cordial, volveuno a facer en éuscaro. Garitano respondeulle nesa mesma lingua, facéndonos ver a todos que non ten asumido o discurso do bilingüismo cordial.
Vealí que cando non se lle fai caso ao bilingüismo cordial fanse visibles as linguas minorizadas. Pola contra ao seguirmos os ditados do bilingüismo cordial acabamos no monolingüismo centralista.

A Xunta e o bilingüismo cordial
Feijóo coincide coa presidenta do Parlamento Vasco Arantza Quiroga no bilingüismo cordial, 18/11/09, Xunta
Alfonso Rueda asegurou que o sentir maioritario dos galegos é o do bilingüismo cordial, 22/01/10,  Xunta
Jesús Vázquez recorda que o decreto do plurilingüismo consiste en trasladar ao eido educativo o bilingüismo cordial propio de Galicia, 23/06/10, Xunta
Feijóo asegura que o seu goberno ten “un modelo concreto: o bilingüismo cordial” 19/12/12, Xunta

domingo, 26 de abril de 2015

15 anos do Correlingua



Teño deixado neste espazo virtural xa unha boa monlla de vídeos con mensaxes positivas arredor da lingua pero os máis deles viñan de fóra. Por iso recollo con especial alegría esta peza audiovisual, que transita polos vieiros do entusiasmo arredor do galego. Parabéns ao Correlingua, e por alí estaremos un ano máis.

venres, 24 de abril de 2015

Nin consenso nin normalización


Nestes últimos días destacábase nos medios a noticia de que a Xunta presentou un plan para a normalización lingüística de diversos sectores, especialmente o comercial e o empresarial. Ao facerse primeiro a presentación do plante ante o Consello da Cultura e a RAG, e despois no Parlamento, a iniciativa multiplicou a súa presenza nos medios.
Pola contra é prácticamente imposible achar nos medios algunha referencia ás dúas mocións presentadas a semana pasada no Parlamento. A primeira delas foi presentada nun plenario polo deputado socialista Francisco Caamaño. Foi unha mágoa que o parlamentario non se puidera despedir da súa actividade política con esta proposta no seu haber xa que foi rexeitada polo PP.
A moción de Caamaño pretendía unha volta ao consenso sobre a política lingüística. Propoñíase a creación dunha comisión para avaliar a situación do galego apelando ao espíritu co que se elaborara o PXNL. A idea era avalialo e reelaboralo atendendo a unha nova análise que debería facer esta comisión. Tal e como adiantaba hai unhas semanas a CGENDL, ao goberno non lle interesa máis que dar imaxe de diálogo, o propio diálogo e a normalización lingüística non entran dentro do seu proxecto. Francisco Caamaño concluía acertadamente que o trato da Xunta á lingua galego pasaban pola indignidade e o desprezo. Velaí a negación do consenso.
A deputada do BNG Ana Pontón presentou  na Comisión de Xustiza unha proposición non de lei na que se instaba ao goberno establecer o requisito do dominio da lingua galega ao funcionariado da administración de xustiza que desenvolva a súas funcións en Galicia. Na proposición figuraban tamén outros aspectos tendentes á normalización no ámbito xudicial como o da dispoñibilidade en galego do programa Minerva (programa que desde hai uns anos imposibilita a tramitación dos expedientes en galego) ou creación dunha base de datos referencial e actualizada que conteña a lexislación na nosa lingua. A pesar da razonabilidade (incluso da necesidade) da proposta, ésta foi rexeitada polo Partido Popular. Ana Pontón volveu a demostrar, unha vez máis, que o goberno actúa en contra do PXNL. Velaí que á negación do consenso se uniu a da normalización.


Ligazóns:

  • Cultura e Educación entrega no Parlamento o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020, 21/04/15, nota da SXPL
  • A Xunta suma á RAG e ao Consello da Cultura na tarefa de impulsar o galego no tecido económico, 19/04/15, en La Voz de Galicia
  • A Xunta presenta as bases para dinamizar o galego no sector socioeconómico e busca consenso, 22/04/15, no Galicia Hoxe
  • La Xunta impulsará el etiquetado en gallego para abrir nuevos mercados, 19/04/15, no Faro de Vigo


  • Sesión do pleno do Parlamento na que Francisco Caamaño presentou a moción do PSOE sobre a creación dunha comisión para a avalición da situación do galego, 14/04/15, web do Parlamento
  • Indignidade e desprezo contra a lingua dende o goberno galego, 15/04/15, no web do PSdeG-PSOE
  • Sesión da Comisión de Xustiza na que Ana Pontón presentou a proposición non de lei para a normalización da xustiza, 17/04/15, web do Parlamento
  • "O PP está absolutamente so no seu acoso e derribo á lingua galega", 16/04/15, intervención do deputado de AGE Ramón Vázquez no debate parlamentario sobre a proposta de Francisco Caamaño canle de You Tube 'Hai alternativa'


  • Sesión da Comisión de Xustiza na que Ana Pontón presentou a proposta do BNG para a normalización do tecido xudicial, 17/04/15, no web do Parlamento
  • O PP rexeita a prosposta do BNG para impulsar o uso do Galego na Xustiza, 17/04/15, web do BNG

mércores, 22 de abril de 2015

Panel informativo sobre a paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda

Un vistoso e enorme cartel permítenos a presentación mediante exemplos do que podemos atopar no mapa toponímico elaborado durante este curso no IES Pintor colmeiro (Silleda). Así, ofrécese un exemplo dun topónimo dun lugar, un hidrotopónimo, outro referido a un penedo, o nome dunha veiga o dun camiño, e finalmente o dos castros, mámoas e petróglifos. Tamén se fai referencia á existencia de vídeos elaborados expresamente para a explicación dalgúns destes topónimos.


luns, 20 de abril de 2015

Molinos Nuevos en Ribadumia

Roubei esta foto do facebook de  Enrique Oubiña. Se non me equivoco é a mesma coa que o Faro de Vigo compoñía unha noticia sobre a conculcación da Lei de Normalización Lingüística por parte do Concello de Ribadumia.
Esperemos que fagan pronto caso da denuncia do caso. A mágoa é que aínda se continúen a dar casos coma este.


Non dá vido a primavera

Moitas veces escoitamos relatos biográficos realmente absurdos que manipulan a realidade e nos presentan situacións fabulosas como se fosen irreais. Aquí temos un exemplo xusto do contrario. Un relato biográfico ben ancorado nunha explicación apegada á realidade. Por Susana Méndez, no Sermos Galiza:

Vaia mera, qué corisco! Non dá vido a primavera!, dixo esoutro día a miña nai mirando pola fiestra e refregando as mans para aquecelas. Gústame escoitar á miña nai, tirarlle do fío e que me explique cousas de cando era nena, cando vivía na aldea, facía tarefas da labranza ou andaba de costureira; que me describa como era entón a escola á que ela pouco foi, por ter que atender a facenda; que me conte anécdotas que lle pasaron ou cómo eran as súas avoas e avós, qué facían, cómo falaban…

domingo, 19 de abril de 2015

Irmandade TV no IES das Fragas do Eume



Irmandade.tv estreou web, polo momento en probas para o seu próximo lanzamento dos informativos diarios. Entre as actividades de promoción desta nova etapa está este achegamento ao IES Fragas do Eume (Pontedeume). Trátase dun adianto da Maratón pola lingua galega que se está a preparar desde esa canle. Recóllense neste vídeo unha serie de testemuños do alumnado do IES que reflexionan sobre diversos aspectos da situación social da lingua.
Estaremos atentos a esta canle, moi comprometida coa normalización.


Denuncia do desequilibrio

por Suso Fernández Acevedo, nas Voces de ProLingua:


Descúlpeseme, antes de nada, que aproveite e distorsione o título do primeiro poemario de Xela Arias para encabezar este artigo.

sábado, 18 de abril de 2015

Planta unha lingua



Quim Masferrer, Anna Sahun, o Natxo Tarrés e  Ly Leap explican neste vídeo a nova campaña da Plataforma per la Llengua
Hoxe, 18 de abril, na praza do Borne de Barcelona, levarase a cabo unha plantación simultánea en defensa do catalán. 300 persoas plantaranse simbólicamente en maceteiros xigantes simbolizando as 300 linguas que se falan nos Países Cataláns, debuxando a contorna do territorio de fala catalá. Unha inicitiva vistosa e en plan lúdico e positivo.
Espero ver o retrato do/a plantado/a que representa a miña lingua.
Paralelamente fíxose unha convocatoria-concurso para compatir fotos nas redes sociais facendo referencia ao lema da campaña #joemplanto.

venres, 17 de abril de 2015

Así foi, doutor



Recollo neste espazo a actividade coa que se celebrou o Día Mundial do Teatro no IES Leiras Pulpeiro (Lugo). O alumnado de 4º da ESO deste centro escenificou o texto de Suso de Toro, Así foi, doutor. Trátase dunha obra de indubidable valor sociolingüístico porque nela aparecen retratados moitos prexuízos cos que acotío se lle carga ao galego. Todo un acerto. Unha magnífica idea para levar este texto ás aulas xunto co debate arredor da situación que se xenera no relato. Veredes que non é o mesmo chamarse José que Xosé.
Un traballo excelente e que merece a pena que se divulgue.
Nesta dirección podemos acceder ás fotos da representación.

xoves, 16 de abril de 2015

Marga Pazos, un premio para todos



A Coordinadora Galega de ENDL facía mención do excelente discurso de recepción do premio da presentadora do Telexornal Mediodía da TVG, Marga Pazos que foi recoñecida como a mellor comunicadora de televisión nos Mestre Mateo 2015.
Onte ProLingua felicitaba nun comunicado á presentadora por elevar o orgullo e a utilidade da nosa lingua no que se revelou como momento estrela da gala. Copio as palabras de Marga Pazos que reproduce ProLingua e que podemos escoitar no vídeo a partir do min 3:00, cando a premiada comenza a falar dos pais:
"a maior parte do mérito de que eu saíra na televisión era deles, porque eran dúas persoas moi valentes, moi comprometidas coa súa identidade, que me criaron, que me educaron, que me berraron temén algunha vez, pero me acariñaron sempre no meu idioma...en galego. [...]Grazas ao meu idioma teño traballo, e teño traballo no meu país, que hoxe non é fácil, traballo no meu país, para o meu país, e nese idioma sigo eu acariñando eu os meus pelouros"

mércores, 15 de abril de 2015

De blogues.36


xoves, 9 de abril de 2015

Onde está o centro do Concello de Silleda?





Nesta curtade de dous minutos, un grupo de alumnos  de 2º de bacharelato Denise Varela, Sonia Troitiño e Carlos Mato(2º bacharelato) explican o que é o centroide dun polígono e calculan o do concello no que viven: Silleda. É un dos traballos que se presentaron este ano ao concurso Explícoche matemáticas 2.0 (pódense votar as que máis vos gusten) dentro dun programa iniciado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC e que agora se organiza en colaboración con EducaBarrié. Outra vez estamos ante a cuestión  das matemáticas en galego, polémica únicamente por culpa do funesto decreto do plurilingüismo, que nesa cruzada antigaleguizadora da Xunta identifica esta materia co castelán. Se visitades a páxina do concurso veredes comprobaredes que

Onde está o centro de Silleda?
Trátase de resolver o problema de atopar o punto central dunha rexión plana de fronteira irregular como a do Concello de Silleda. Sobra dicir que isto podería facerse con calquera outro concello ou, máis en xeral, con calquera rexión plana.
O caso dos polígonos regulares ou dos rectángulos é ben simple pero a pouco que se complique o polígono increméntase moito a dificultade do problema.
O centroide debe poder determinarse a partir das coordenadas dos vértices do polígono.
Neste traballo aproximouse a fronteira de Silleda mediante un polígono de 597 lados. Sobre este polígono calculouse o centroide sobre un sistema cartesiano 
Para obter as coordenadas xeográficas considerarase o centroide como punto de corte de dous segmentos.



A liña que vai aproximadamente de norte a sur parte do Río Deza (Pazos) e chega ata a Serra do Candán (Parada). A que a cruza vai dende o Humedal do Lombo da Lagoa (Xestoso) ata o Río Deza (Vilar). Velaí que o punto central do concello de Silleda é unha veiga chamada Pena Vidal, no lugal de Bustelo, na parroquia de Escuadro, apenas a 2700 m do IES Pintor Colmeiro, o centro no que se argallou todo o traballo. Neste mapa pódese ver a súa localización exacta. O punto A indica a localización do insituto e o punto B é o centro de Silleda. A quen lle temos que agradecer esta determinación é ao profesor e compañeiro Xoán Carlos Porral, sen o seu coñecemento da topografía silledense seríanos imposible chegar a ela.

mércores, 8 de abril de 2015

Bivir

por Xulián Maure nas Voces de Prolingua:


Hai uns días que Oliver Sacks nos agasallou a todos os seres humanos cunha carta de despedida confesando que “por riba de todo fun un ser sensible, un animal pensante neste fermoso planeta”. Esta carta faime pensar na importancia e función social das persoas que consideramos modelos dignos de imitación; organismos humanos que fan evolucionar as colectividades que poboamos os distintos recunchos deste planeta.

Chove sobre mollado

por Xosé Luís Franco Grande en La Voz de Galicia:

Chove sobre mollado: ben sexa pola escasa cultura democrática das máis altas instancias, que di Vicenç Navarro, ben sexa porque os temores e inseguridade típicas daquelas, que di Sánchez Cuenca, unha cousa son as declaracións de principios e outra a execución práctica dos mesmos.

Volve o pensamento de Juan Aparicio?

por Xesús Alonso Montero, en La Voz de Galicia:

A recente sentenza do Tribunal Supremo (26-3-2015), desfavorable ao recurso de casación interposto pola Real Academia Galega sobre a presenza do idioma galego no ensino non universitario de Galicia leva, a calquera historiador das ideas lingüísticas, a facer unhas consideracións sobre o xerarca falanxista (con moito mando en praza) que figura no título desta columna.

martes, 7 de abril de 2015

Feijóo



Hoxe unha nova versión. Neste caso do tema  "Roar" (Katy Perry) a cargo dos Poetarras Manuel Gago, Rubén Lino e Daniel Vilaverde.
É moi significativo que entre os tópicos escollidos para definir a Feijóo, destaque o da súa política lingüística:
"decreto vai, decreto ven,
dialectos para el almacén.
En español, logo en inglés,
pero en galego non hai ren.
Enquisa vai, enquisa ven,
galego quero aprender,
pois iso xa na casa de cada quen"

E por que súa en cursiva? Pois porque esa política lingüística nin tan siquera está feita en Galicia. O que fixeron e farán Feijóo, Jesús Vázquez, Anxo Lorenzo, Valentín García e Román Rodríguez vén ditado desde un poder foráneo que eles acatan sumisamente e nos impoñen férreamente. Os principios polos que se dirixe a política lingüística parten da negación do conflito lingüístico. Isto ten como consecuencia inmediata a sumisión inmediata do galego, a súa negación na práctica. A única lingua de seu é o castelán. Trátase, xa que logo, de forzar todos os mecanismos sociais para acurralar ao galego o máis posible, e todo isto baixo un discurso de pretendida defensa da nosa lingua. Velaí que se ten que construir un discurso fantasioso que se distribúe de arriba cara abaixo polas canles do poder.



luns, 6 de abril de 2015

Vil-lingüismo harmónico



A versión da canción Should I Stay, Should I Go do grupo The  Clash, feita por Leo i Arremecághona, toda unha lección de sociolingüística.
Vía GZMúsica

O galego, unha das mellores herdanzas que me puideron entregar

por Marco Maril, nas Voces de Prolingua:


Sen rubor, recoñezo pertencer á xeración asasina. A unha nova xeración que asistía algo atónita, pero bastante impasible, ó feito que os seus pais falaran galego entre eles, pero en castelán cos seus fillos... eu mesmo, por situarnos.

domingo, 5 de abril de 2015

Sociolingüística de taberna

Este pasado sábado 28/03/15 celebráronse os II cantos de Taberna na Estrada organizados polos locais de viños da vila. Ás nove da noite os locais fervían de xente mentres unha chea de grupos armaban a foliada. A festa era ben apetecible e tiña ademais un valor engadido, o de desenvolverse íntegramente en galego. As cancións que se escoitaban eran A foliada de Cela, a muiñeira de Xisto, A Rianxeira, O Gato, Miudiño, Val paços, ....
No bar case todo o mundo acompañaba ao grupo. Había unha chea de nenos que saltaban e bailagan arredor das notas musicais; un veciño novo que hai pouco chegou de Colombia abría os ollos e intentaba seguir o ritmo das cancións botábase a acompañar os retrousos. Cada vez entraba máis xente e ninguén marchaba. A muller que dirixía o grupo mandou parar e pediu atención:
- Hai moitos nenos e agora ímoslle adicar unha canción a eles, para que a bailen!
Entón, dirixíndose aos cativos:
- A ver!, venir todos aquí! Colocaos aquí y bien atentos que teneis que repetir lo que yo haga.
E comenzaron a nova peza:

O galo canta,
a galiña chora

Daquela non me quedou outra que darlle unha nova interpretación á letra desta canción.

O recoñecemento en vida, antídoto da desmemoria

Por Pilar García Negro, no Sermos Galiza:


Non tiven a ocasión de visitar, no cemiterio de Ourense, a tumba de Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey, mais coñezo que deixou ordenado que a súa morte non fose aproveitada para autohomenaxe de quen se servise dela en acto póstumo. As homenaxes verdadeiras ou son en vida ou, indefectibelmente, van ter un aquel de autopromoción por parte de quen as organizar. Tamén souben (ouvinllo moitas veces) da orde de Manuel María de impedir que certo personaxe interviñese nas súas honras fúnebres, coñecedor, como era, do exacerbado protagonismo de que o tal facía gala, en todas cantas exequias de ilustres contaban coa súa presenza. Viñéronme estas lembranzas á mente ao ler, no Sermos… dixital, a recordación de Xoán Costa verbo das noticias, artigos ou comentarios publicados na prensa periódica galega por diferentes persoeiros verbo do falecemento de Ricardo Carvalho Calero, hai agora 25 anos, o 25 de Marzo de 1990. Da data de publicación das esquelas funerarias, eu lembro vivamente como moitas delas, pequenas por mor do custo, foran inseridas por asociacións culturais de calquer lugar do país, tan servidas de entusiasmo patriótico como escasas de recursos. Era emocionante lelas, como un testemuño do cariño e aprezo suscitado por quen coñeceran como conferencista na derradeira década da súa vida. Como tamén lembro a demisión da Real Academia Galega de D. Jenaro Marinhas del Valle, en protesta pola actitude e conduta desta institución verbo do finado.

sábado, 4 de abril de 2015

ProLingua insta a RAG a que continúe coa defensa da lingua

Prolingua, cunha necesaria reflexión sobre a sentenza do Tribunal Supremo sobre o funesto decreto do español:


Diante da recente sentenza do Tribunal Supremo sobre o recurso de casación presentado pola Real Academia Galega contra o chamado Decreto de Plurilingüismo, que reduce a presenza do idioma galego no ensino non universitario, a asociación apartidaria ProLingua quere felicitar publicamente a Real Academia Galega (RAG) por levar a defensa da lingua galega ata o Tribunal Supremo de España, feito que nunca ata agora ocorrera. Que o Supremo admitise o devandito recurso e que tivese que pronunciarse sobre o Decreto xa foi un éxito.

mércores, 1 de abril de 2015

De blogues.35

imaxe da Wicipedia
natural history, 21/02/15, por Martin Pawley en Acto de primavera
Prohibidos os xogos de palabras, 16/03/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
Galego, lingua por defecto, 16/03/15, por Suso Acevedo en El toupo que fuza
Como reverter a situación do galego?, 16/03/15, por Miguel González Balle no Bico da ría
O galego nos medios de comunicación, 17/03/15, por Miguel González Valle no Bico da ría
A estraña ausencia de biografías de Filgueira Valverde e outras curiosidades literarias, 19/03/15, por Xesús González Gómez en Biosbardia
Onte 1269: #eusiqueleo, 20/03/15, por M. Bragado en Brétemas
Silenciar as voces críticas con cartos públicos, 24/03/15, por Francisco Castro na Canción do náufrago
ESTE ANO NON SE CONVOCAN OS CURSOS CELGA?, 24/03/15, en Lingua precaria
Onte 1274: «Apego», 25/03/15, por M. Bragado en Brétemas
Violeta, a nena de 'Fálalle galego', por Xan Carballa, no seu blogue
Convencernos para non suicidarnos, 25/03/15, por Francisco Castro na Canción do náufrago
Cando temos á lei en contra,27/03/15, por Francisco Castro na Canción do náufrago
Darlle á lingua en cantidade e con calidade,27/03/1, por Mercedes Queixas no seu blogue
NON HAI PIOR CEGO QUE O QUE NON QUERE VER, 29/02/15, por Alba Nogueira na Porta Ventosa
Onte 1280: Sentenza do Supremo, 31/03/15, por M. Bragado en Brétemas

Guerra e paz en Outeiro de Rei

por César Varela García en Terra e Tempo:

Que bon sería que os tantos persoas de nome, OTERO, que hai polo país, usasen a legalidade vixente para recuperar o seu prístino e galeguísimo, OUTEIRO!! Non imos falar aquí da sonada novela de Tólstoi, nin de loitas e paces que acontecesen no noso querido lugar de Outeiro de Rei.