por Xesús Alonso Montero, en La Voz de Galicia:
A recente sentenza do Tribunal Supremo (26-3-2015), desfavorable ao recurso de casación interposto pola Real Academia Galega sobre a presenza do idioma galego no ensino non universitario de Galicia leva, a calquera historiador das ideas lingüísticas, a facer unhas consideracións sobre o xerarca falanxista (con moito mando en praza) que figura no título desta columna.
Foi Juan Aparicio López (Guadix, 1906-Madrid, 1996) quen ideou, como jonsista, o emblema da canga e as frechas («el yugo y las flechas»), emblema que pasaría, logo, á iconoloxía da Falanxe na que non tardou en militar, con moito ardor, Aparicio. Como Director Xeral de Prensa (1941-1946; 1951-1957), estivo moi vencellado ao aparato represor da liberdade de expresión, represión que exerceu con man férrea en moitas ocasións. Foi el quen prohibiu, en 1952, a colección Grial da editorial Galaxia, no fondo por un ensaio de Ramón Piñeiro, alleo a calquera contido político, titulado «Siñificado metafísico da saudade. Notas pra unha filosofía galaico-portuguesa» (n.º 1, 1951). Nun artigo contemporáneo, Aparicio chámalle a Piñeiro «pedantón? con faltas de ortografía en su pluma y en su alma». Foi máis alá, pois nese artigo (Pueblo, Madrid, 21-6-1951), propón que aos cultivadores do galego, do vasco e do catalán «había que someterles a una cura psicoanalítica o traerles a Madrid, por las buenas o por las malas, para que tonifiquen su sistema moral?»
O lector de hoxe, abraiado, preguntará: Que había de antifranquista, de subversivo, nun artigo de filosofía pura no que o autor só andaba á procura de algo tan pouco histórico como a améndoa íntima do sentimento da saudade? Non había naquelas páxinas a menor secuencia, nin sequera críptica, contra o Réxime de Franco. Por que, pois, Juan Aparicio reaccionou de tal xeito, con tan brutal xeito? Porque o texto en cuestión fora escrito en galego, idioma ou dialecto, segundo el, só apropiado para o relato folclórico, a lírica choromiqueira e pouco máis. Consecuente co seu pensamento filolóxico, entendía que as operacións intelectuais máis elevadas do espírito, como a Filosofía e a Ciencia, non se compadecían coa lingua galega. De feito, cando, poucos meses despois, foi nomeado Director Xeral de Prensa, non autorizou a edición da colección Grial. Tamén foi el -ou alguén do seu perfil no Ministerio de Información- quen, durante anos, non autorizou a publicación en galego da conferencia de Heidegger Da esencia da verdade, golpe baixo que Piñeiro lle inflixía a todos aqueles que, como Juan Aparicio, non consideraban apto o galego para a expresión dos altos contidos filosóficos. (Cómpre lembrar que naquela España non só pensaban deste xeito os vencedores da Guerra Civil e os administradores da Vitoria senón intelectuais antifranquistas como o filólogo Dámaso Alonso ou o xornalista galego Julio Sierra).
Xa aquí, debrucémonos sobre un parágrafo da sentenza (negativa) do Tribunal Supremo: «Por lo demás, no alcanza la Sala a identificar una verdadera discriminación material por el mero hecho de que las asignaturas técnicas (como las matemáticas) se impartan en castellano, mientras que las sociales (como la literatura o la historia) se cursen en gallego (folio 40). Co máximo respecto, señores maxistrados: Aínda subsiste, mesmo entre persoas de notable pensamento crítico, a idea de que as Ciencias son o serio, o elevado, o verdadeiramente importante, o «cientificamente» valioso, mentres as Letras, non exentas dunha certa valía, son mesteres, intelectualmente, subalternos. Establecer por Lei esta dicotomía nas aulas é introducir no espírito dos escolares (ou consolidar) un prexuízo que moitos deles oen na casa e noutros espazos, algúns de índole cultural. A Sentenza do Supremo, neste punto, lonxe de favorecer a causa da lingua galega, prexudícaa notablemente, e avala, coa forza da Lei, un ideario filolóxico que as mentes cultas non aproban. No equilibrio cuantitativo das asignaturas (50% para cada idioma), poñer o acento no castelán, asignándolle os saberes científicos, é tanto como establecer un criterio cualitativo que privilexia ese idioma. Privilexiar, neste litixio, un prexuízo filolóxico que o pensamento científico de hoxe cuestiona, equivale a adoptar unha postura que non é xusta. A Sentenza, pois, contén, cando menos, un pronunciamento apelable.
Ningún comentario:
Publicar un comentario