Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 4 de abril de 2015

ProLingua insta a RAG a que continúe coa defensa da lingua

Prolingua, cunha necesaria reflexión sobre a sentenza do Tribunal Supremo sobre o funesto decreto do español:


Diante da recente sentenza do Tribunal Supremo sobre o recurso de casación presentado pola Real Academia Galega contra o chamado Decreto de Plurilingüismo, que reduce a presenza do idioma galego no ensino non universitario, a asociación apartidaria ProLingua quere felicitar publicamente a Real Academia Galega (RAG) por levar a defensa da lingua galega ata o Tribunal Supremo de España, feito que nunca ata agora ocorrera. Que o Supremo admitise o devandito recurso e que tivese que pronunciarse sobre o Decreto xa foi un éxito.
Tal como fixo a RAG no seu recente “decálogo”, ProLingua reclama a derrogación do Decreto de Plurilingüismo, que pexa o galego no ensino non universitario ao lle poñer por primeira vez límites á súa normalización e ao afondar en prexuízos como non poder usar a lingua propia de Galicia en calquera eido do saber, xa que queda fóra de ámbitos coma o técnico-científico. Como se deduce dos recentes datos do Informe IGE 2013, este Decreto é lesivo e daniño para o noso idioma ata extremos inimaxinables; coa súa aplicación o galego na práctica desapareceu da Educación Infantil e recuou drasticamente nos outros niveis educativos.
Verbo da sentenza, ProLingua quere facer as seguintes consideracións:
1.- O Supremo fai máis unha valoración política ca unha análise xurídica do recurso da RAG. En troques de analizar o (in)cumprimento da obriga estipulada no art. 5 do Estatuto de Autonomía de Galicia de garantir o Goberno o uso normal do galego, elude esta norma e ignora a relación entre a situación actual do galego e as actuacións do Goberno galego desde 2010 en materia de lingua.
2.- O Supremo ignora adrede o articulado e contidos da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias do Consello de Europa, asinada e ratificada por España no 2002, e entende que non ten contido xurídico, cando este tratado internacional forma parte do bloque constitucional de leis españolas. Deixa así de manifesto o Supremo a súa decantación por esta nova etapa recentralizadora en que está empeñado o Estado español.
3.- O Supremo ignora a situación regresiva do galego e négase a darlle amparo xurídico por considerar que o Decreto en cuestión é unha decisión política lexítima, o que deixa en papel mollado o marco normativo de protección das linguas españolas diferentes da castelá, pois non hai posibilidade de defensa dos atropelos políticos pola xustiza ordinaria. En réximes pasados tampouco a xustiza cuestionaba nunca as decisións políticas, por moi desafortunadas e lesivas que estas fosen.
4.- Xuridicamente esta sentenza ratifica a anulación dos artigos 5.2 e 12.3 do Decreto de Plurilingüismo que no seu día fixera o TSXG, o referente á realización dunha enquisa entre os pais e nais con meniñas/os na Educación Infantil – e que supuxo a desaparición do galego no 96% dos centros de Infantil das cidades-, e o que establecía que o alumnado podería usar na aula a lingua da súa preferencia, artigos que aínda a Xunta de Galicia non anulou.
5.- Sorprendentemente, o Supremo fai caso omiso das normas ao non considerar que a RAG sexa un órgano consultivo da Xunta, pese a que o art. 7.3 da lei 8/1995 de Patrimonio Cultural de Galicia considera expresamente que o é:
“Terán a consideración de órganos consultivos da Consellaría de Cultura en materia de bens culturais:Consello da Cultura Galega.As reais academias.As Universidades de Galicia.... “
Xa que logo, reclamámoslle á Xunta de Galicia que elabore urxentemente unha normativa que desenvolva as funcións consultivas da RAG, perfectamente establecida na devandita lei, pero que os xuíces do Supremo non deron entendido ou non quixeron entender.

6.- O Supremo considera que non se vulnera o Estatuto de Autonomía nin a LNL, pois existe unha marxe política de manobra. Fica acreditado -e non o discute a sentenza-, tanto a situación de retroceso da lingua galega previa ao Decreto de Plurilingüismo coma o novo retroceso que supuxo o decreto; con todo, o Supremo abstense de opinar sobre este asunto en base á anterior marxe de manobra, o que nos volve lembrar a teoría vixente durante o franquismo dos actos políticos, inmunes ao control xudicial.

7.- Malia que a RAG demostrou, cos datos do Informe IGE 2013, que o devandito Decreto non só non garante a igualdade para os galegofalantes senón que pon en risco grave o coñecemento do galego nas novas xeracións, o Supremo volveu empregar o reseso concepto xa superado histórica e xuridicamente de igualdade formal, obviando que a aplicación igualitaria dunha norma en situacións de manifesta desigualdade afonda aínda máis na desigualdade real. A norma pode ser igualitaria, pero o resultado nunca o será. Este concepto de igualdade finalista foi aceptado polo Tribunal Constitucional e ten como consecuencia a discriminación positiva en sectores sociais que parten dunha desigualdade histórica (mulleres, discapacitados etc.). Mais para o Supremo isto non afecta á lingua galega.
8.- Conclúe o Supremo que o Decreto de Plurilingüismo é conforme ao actual marco normativo. De ser así, cómpre substituílo canto antes por un novo marco normativo que non permita a desaparición da lingua galega, porque este marco normativo actual non garante a supervivencia do idioma propio de Galicia. Secasí, instamos ás forzas parlamentarias a principiaren urxentemente a reforma do actual marco normativo.

9.- Esta sentenza en contra da lingua galega veu demostrar de novo que o miolo da Política Lingüística é político, non lingüístico; xa que logo, no vieiro do manifestado estes días en diversos medios polo presidente da RAG Xesús Alonso Montero, o desexo de ProLingua sería que todas as persoas que en política defenden a dignidade e o futuro da lingua galega comprendan dunha vez o valor da palabra unidade, pois sen unidade contra as políticas exterminadoras da lingua o galego ten as xeracións contadas.

A centenaria RAG herdeira de Curros, Murguía, Fontenla Leal, Fernández del Riego e tantos outros, ten que seguir a traballar pola “ilustración, defensa e promoción do idioma galego” (art. 1º dos seus Estatutos) e á vez “Velar polos dereitos do idioma galego”, “Defender e promover o idioma galego” e “Asesorar os poderes públicos e institucións sobre temas relacionados co uso correcto da lingua e coa súa promoción social” (art. 2º).Polo ben do idioma, é moi necesaria a colaboración institucional da Academia coa Xunta de Galicia, que debe manterse sempre, sexa cal sexa a cor política de quen goberne; pero xa que a RAG é unha institución independente dos poderes políticos, como mostra da súa independencia debería seguir adiante na súa defensa continuada do noso idioma sen tolerar nin admitir nin un só retroceso na súa protección legal, mentres quede unha físgoa de posibilidades legais.Por iso a RAG, tal e como manifestou Xesús Alonso Montero durante a campaña á presidencia da Academia e volveu repetir ao pouco de ser elixido, pola defensa da lingua propia de Galicia debería continuar adiante con este preito perante o Tribunal Constitucional e mesmo -chegado o caso- perante os tribunais europeos, cortes con gran tradición democrática na protección dos dereitos e das culturas dos cidadáns.

ProLingua, 30 de marzo do 2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario