Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 19 de abril de 2015

Denuncia do desequilibrio

por Suso Fernández Acevedo, nas Voces de ProLingua:


Descúlpeseme, antes de nada, que aproveite e distorsione o título do primeiro poemario de Xela Arias para encabezar este artigo.De lectura ben menos amena cós poemas da malograda Xela é o Anteproxecto de Decreto polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos agasallou xusto antes da Semana Santa, supoño que como lectura alternativa ás procesións.Pasado o índice, no terceiro parágrafo xa nos arrebolan un “pronomicidio” (A Lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, lle deu unha nova redacción ao artigo 6 da Lei ...), que non ha ser o único, para mancarnos os ollos e o oído como anticipo doutros estacazos ós que o Decreto pode abrirlles a porta.Para deixarnos co sabor acedo do comezo, as 913 páxinas do documento péchanse co cadro das materias específicas de opción de 2º de bacharelato, onde non figura a Literatura galega do século XX e da actualidade, ata o de agora optativa neste curso. A súa supresión non nos parece asunto menor. Dirase, seguramente, que se pode ofertar como materia de libre configuración de centro, pero non vemos motivo para non mantela xa no listado ofrecido pola Consellería, a carón das outras quince, evitando así trámites e condicións que terán que cumprirse para poder impartila.A publicación deste borrador coincidiu con novas manifestacións das Autoridades nas que se alude unha e outra vez a que o equilibrio lingüístico no ensino está garantido, algo que xa se vén repetindo desde que se coñeceron os preocupantes datos do Informe IGE 2013.Nós consideramos que non é así e que ó incuestionable desequilibrio social a favor do castelán hai que engadir tamén desequilibrios no ensino, por moito que se insista no contrario:1- Desequilibrio nas materias.No novo currículo da ESO aumenta o número de horas de docencia das matemáticas. Se temos en conta que se trata dunha materia que se debe impartir en castelán, é evidente que está aumentando tamén o número de horas de docencia neste idioma.2- Desequilibrio nos materiais.O Decreto 79/2010 establece que “Os materiais e libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparta a materia”.No caso do galego, isto parécenos factible para recursos clásicos como os apuntamentos; algo máis difícil de cumprir para os libros de texto e moi complicado para outros recursos que cada vez teñen máis relevancia nas aulas.En relación cos libros de texto, o mercado editorial ten as súas propias normas, movidas principalmente pola rendibilidade económica, e a oferta en galego é escasa ou nula para algunhas materias, especialmente para as que poden impartirse en galego ou castelán segundo a escolla de cada centro.Máis preocupante é aínda o que sucede con outro tipo de recursos pedagóxicos. Por moito que o Decreto 79/2010 estableza que a Consellería fomentará a elaboración e publicación de materiais curriculares, o certo é que a rede está chea de recursos, moitas veces magníficos desde o punto de vista pedagóxico, pero que case nunca están en galego.Abonda con mirar o repositorio do espazo Abalar para comprobar que non é raro atopar recursos en castelán para materias que deben impartirse en galego. A propia Administración facilita eses materiais contradicindo a súa norma. Se iso sucede no reducido mundo Abalar, calquera pode imaxinar o que se pode atopar de xeito xeral no interminable espazo da rede.Penso, por exemplo, en documentos audiovisuais –Youtube é unha fonte inesgotable- e en recursos interactivos, moitas veces difíciles de elaborar, que podemos atopar en webs institucionais e en blogs particulares de docentes que os ofrecen a toda a comunidade escolar, creados con ferramentas que non todos dominamos.Por moi boa predisposición que haxa para poñérmonos a elaborar recursos dese tipo en galego, non creo que se poida competir en calidade con moitos dos dispoñibles nos espazos educativos das webs de diversas institucións ou Fundacións que contan con financiamento e profesionais cualificados para crear produtos para o ensino, ou de particulares que os ofrecen desinteresadamente a toda a comunidade escolar.Co que custa manter a atención e o interese en aulas cada vez máis masificadas, non é xusto pedirlle ó profesorado das materias que deben impartirse en galego que renuncie a eses recursos, pedagoxicamente bos, polo feito de non estaren en galego.Antes, podería tratarse de algo excepcional, pero cada vez teñen máis presenza e é unha sorte que os docentes poidan acceder a este tipo de recursos, inalcanzables hai só uns anos. Pero ó usalos, o castelán entra tamén en materias que se imparten en galego e habería que ir pensando en que ese espazo, eses minutos cada vez máis abundantes que perde o galego deberían ser compensados cun aumento de materias asignadas ó noso idioma. Se non se fai, tamén aquí aumenta o desequilibrio entre as dúas linguas.3- Desequilibrio na avaliación final da ESO.No artigo 22.1 do borrador do anteproxecto do Decreto que establece os novos currículos regúlase a avaliación final de etapa da ESO, na que, se non interpreto mal, o alumnado non ten que examinarse obrigatoriamente da materia de Lingua galega, por non ser troncal senón de libre configuración autonómica:Artigo 22. Avaliación final da Educación Secundaria Obrigatoria1. Ao finalizar o cuarto curso, os alumnos e alumnas realizarán unha avaliación individualizada pola opción de ensinanzas académicas ou pola de ensinanzas aplicadas, na que se comprobará o logro dos obxectivos da etapa e o grao de adquisición das competencias correspondentes en relación coas seguintes materias:– a) Todas as materias xerais cursadas no bloque de materias troncais, salvo Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química, das que o alumno ou alumna será avaliado se as escolle entre as materias de opción, segundo se indica no parágrafo seguinte.– b) Dúas das materias de opción cursadas no bloque de materias troncais, en cuarto curso.– c) Unha materia do bloque de materias específicas cursada en calquera dos cursos, que non sexa Educación Física, Relixión, ou Valores Éticos.Queremos pensar que se trata dunha inconcreción na redacción do Decreto ou dun erro de interpretación pola nosa parte. De ser, efectivamente, opcional a proba de lingua galega na avaliación final, a norma pareceríanos escandalosa.4- Desequilibrio na exención.Xa postos, cremos que habería que modificar tamén o artigo 18 do Decreto 79/2010, que regula a exención da cualificación das probas de lingua galega.Por unha banda, hai desequilibrio no feito de que se conceda a exención da nota de lingua galega e non da de castelán ó alumnado que se incorpore ó noso sistema educativo sen coñecer nin un idioma nin o outro. A mensaxe que se lle está lanzando, indirectamente, é que un deses idiomas é importante e o outro non.Por outra banda, vai sendo hora de que se lle dea un tratamento diferenciado ó alumnado procedente das zonas de fala galega administrativamente non galegas. Non é o mesmo chegar de Kiev ou de Shanghai ca de Castropol, Santalla de Ozcos, Lubián ou Corullón.Como conclusión, cremos que tanto desequilibrio ben merece modificacións no Decreto polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e a derrogación do mal chamado Decreto para o plurilingüismo, independentemente do remate que acabe tendo o proceso xudicial no que aínda pode estar inmerso, e a elaboración doutro con consenso e con senso, como oportunamente se suxeriu recentemente desde a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.ProLingua, 17 de abril de 2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario