Páginas
mércores, 19 de febreiro de 2025
xoves, 28 de novembro de 2024
Só falta a lingua galega
Hai un ano o Diario Nós estaba entregando os colecionables da serie coordinada por Héitor Picallo, "30 castelos e torres para construír un reino". Alí atoparemos 30 pedras para cimentar a nosa historia. Actuando en sentido completamente contrario, a Deputación de Pontevedra, dirixida por membros do PP, fan a promoción do Castelo de Soutomaior actuando a un tempo contra a lingua de noso. O lema da campaña é moi acaído, "Sólo faltas tú". Efectivamente só falta a lingua galega.
venres, 3 de maio de 2024
Acosa, que algo queda
A CIG-Ensino denunciaba onte un novo ataque da Consellaría de Educación á lingua galega. En efecto, por medio dunha empresa contratada, a Consellaría remitiu a todo o seu persoal unha enquisa sobre riscos laborais íntegramente en español.
O mal xa está feito, e aínda que a Consellaría rectifique, xa mandou a mensaxe: "na Xunta o galego non nos importa nada, o mellor é que te adaptes ao poder e fagas uso exclusivo do castelán. Nós continuaremos facendo presentacións de libros en galego de escasa tirada ou de concursiños de prestixio reducido para manter o galego no seu curral para facer coma quen e manter calados aos que se empeñan en usalo". Un acoso de libro, perpetrado no día internacional contra o acoso escolar.
luns, 3 de abril de 2023
A santa subvención
A Cofradía de la Santa Cruz da Estrada recibe anualmente xenerosas subvencións, tanto do Concello como da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Basta un pequeno paseo polo perfil de facebook da organización para comprobar que a pretendida normalización é un completo fracaso. O galego só aparece, e daquela maneira, forzado nos impresos xenerosamente subvencionados. Ano tras ano a SXPL desvía fondos públicos para pagar a extravagancias relixiosas dun grupo de veciños refractarios á lingua galega. O desleixo e desprezo pola lingua pódese ver no recorte do cartel no que anuncian as súas actividades.
"Misa de COFRADES, acto de incorpoarción de nuevos cofrades y simpatizantes"
Nisto consisten as subvencións da SXPL á normalización. No desvío de cartos públicos a amiguiños que, por outra parte, son inimigos declarados da lingua galega. Velaquí, espida, a política lingüística do PP.
xoves, 2 de marzo de 2023
(P)Orcinus, a app da Consellaría do Mar que destroza a toponimia
venres, 4 de novembro de 2022
Mes da Ciencia Sen Galego
Chegou o mes de novembro, e con el a posta en funcionamento dun novo capítulo do lavado de cara da Consellaría de Cultura e da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) fronte a unha decidida política educativa de redución do galego. A denominación do invento é Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas
Para iso montaron un acto para maior gloria de Anxo Lorenzo, director xeral de cultura, e Valentín García, secretario xeral de política lingüística. Na nota de prensa emitida pola Xunta destacan as palabras deste último:
“O mes de novembro é o momento en que chamamos a atención sobre os recursos con que contamos para divulgar ciencia en galego, pero o uso destes materiais e creación de actividades no noso idioma pode e debe continuar todo o ano, nos centros educativos e nas casas”.
Quizais deberiamos lembrar que o funesto decreto 79/2010, que contou cunha grande oposición de toda a comunidade educativa, di que " "Os materiais e libros de texto de cada materia [científica] estarán redactados en [castelán]". Como consecuencia disto a escaseza de materiais en galego nestas materias é total. Como isto é un agravio tan grande para a cidadanía, estes políticos adican todos os seus esforzos a presentarse diante nosa coma se fosen xusto o contrario do que son cando deberían estar esforzándose en garantir a existencia de materiais científicos (e de toda clase) en lingua galega. Gaban o uso de recursos inexistentes en galego porque van promover o uso de recursos en castelán (os únicos existentes) para despois divulgalos coma se fixeran algo pola normalización. A hipocrisía alcanzou o seu nivel top.
As declaracións de Anxo Lorenzo xa están noutro plano espazo-temporal pois asevera que a importancia da iniciativa que presentan axuda a
“dar a coñecer e prestixiar a ciencia e as tecnoloxías”
Pregúntome se cómpre prestixiar a ciencia e as tecnoloxías, acaso están desprestixidadas. Destaquemos que non fai referencia ningunha á lingua, pois como xa ten demostrado reiteradamente, iso non vai con el. Pois sendo así deberían retitular a iniciativa que debería pasar a chamarse Mes da Ciencia Sen Galego nas Bibliotecas. Pola miña parte propoño levar a cabo outra semellante o mes de decembro, o Mes da Ciencia Sen Galego nas Aulas para lembrar a todo o mundo a prohibición que pesa sobre o ensino en galego (e só en galego) das Matemáticas, a Física e Química e a Tecnoloxía.
Se lle damos un repaso ás actividades que nos ofrece a Xunta, baixo o cualificativo de galego, non veremos nada de galego. Por exemplo anúnciase un Festival da canción científica CSIC Visión cando, se imos á fonte limpa, o CSIC (organismo refractario ao galego, por certo), que atopamos? Pois si, un Festival de la cancíón científicia CSIC Visión. A ciencia en galego está en castelán. E nin tan siquera fixeron unha versión en galego do cartel que anuncia o despropósito.
Outra das actividades de promoción do galego (teñamos sempre presente que a SXPL é un dos entes que sustentan todo o tinglado ) é o obradoiro Deseñando o noso escudo familiar, coa Delegación do CSIC en Galicia. Segundo o CSIC trátase do *taller Diseñando nuestro escudo familiar Outra vez, na portada da Xunta aparece o galego, na realidade, volve a converterse en español.
Máis?, pois si. Segundo informa a Xunta, programouse un contacontos sobre o cómic E que rico sabe o mar!. Resulta que o cómic é Y que rico sabe el mar!
Como mostra do dano que están a facer estas políticas de proscripción da nosa lingua, recollo unha das propostas que, sengundo a Xunta, van "sensibilizar aos rapaces sobre a necesidade de uso do galego na literatura científica". Copio e pego:
Con motivo da Semana da Ciencia o alumnado de 4º da ESO preparou cartelería relacionada co libro de lectura obrigada "El diablo de los números". Deste xeito, cada cartel expoñía un concepto matemático ou curiosidade para dar a coñecer á comunidade educativa e divulgar así dun xeito visual o mundo das matemáticas, empregando ademais a lingua galega en troques do habitual castelán.
Se o noso obxectivo é a normalización, aquí hai algo que non se está a facer ben. Quizais o obxectivo sexa outro.
domingo, 29 de maio de 2022
Vexo, veo, XaJAcobeo ou o paviBEllón para nenos
A manipulación dos nenos por parte da Xunta do PP no ámbito sociolingüístico acada niveis esperpénticos. A Axencia Galega de Turismo sacou un videoxogo cunha mestura perversa de galego e castelán, o videoxogo "Vexo, veo, Xacobeo" , así anunciado polo Consejo Jacobeo. Non lles chegou con expulsar o galego das aulas de infantil, agora promoven unha visión charramangueira da sociolingüística nun asqueroso acto de manipulación dos máis pequenos. Se por unha banda, un de cada catro nenos é incapaz de expresarse en galego, agora engadimos nas aulas nesgadas visións da lingua.
Para completar a desfeita da lingua, o pasado venres 27/05/2022 Nava Castro, a directora de Turismo entregoulles aos rapaciños de Caldas uns diplomas en castelán para reafirmar cal é a lingua da Xunta, a lingua do poder, e a lingua da exclusión.
Isto recórdanos a inauguración do Pavibellón de Baiona no 2011 co agravante de que agora os afectados son rapaciños. A intención da Axencia Galega de Turismo de do Consejo Jacobeo é estender esta adulteración aos 193.000 estudantes de infantil e primaria.
mércores, 1 de setembro de 2021
"Coma todo, un idioma aniquílase a base de non utilizalo"
A Secretaría Xeral de Política Lingïuística (SXPL) anunciou que o vindeiro venres 3 de setembro a música en lingua galega chega ao Festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 grazas ao apoio da Xunta. O que esconderon foi que o festival programou actividades durante 33 días entre o 14 de xullo e o 9 de setembro. Na linguaxe habitual dos comunicados da Xunta isto significa que só o 3% das actuacións serán na nosa lingua. Usando a súa terminoloxía poderíamos dicir que o 97% do festival Go! GO Zo! Xacobeo 21-22 excluíu o galego co apoio da Xunta.
😱 Pero aínda no te enteraches? En Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 temos moitas actividades... e, o máis importante, DE BALDE! 🥳
— GoGoZo Xacobeo 21-22 (@gogozofestival) August 26, 2021
📆 Aproveita o noso programa de 🎼 concertos, 🎧 sesións DJ, exhibicións e propostas infantís 🧒👧
☀️ Despide o verán como se merece connosco!#GoGoZoFestival pic.twitter.com/FyLsjxxIdS
Coma sempre, a aniquilación do galego e da normalización difúndese con descarada propaganda como se foso todo o contario. Son reveladoras as palabras de Valentín García, o secretario xeral de política lingüística afirmando que isto
É unha forma de usar a nosa lingua dun xeito lúdico, natural e sen medo a trabucarse. Coma todo, un idioma apréndese a base de utilizalo”
Moi interesante a última afirmación, que explica por que desde esa mesma SXPL defenden a prohibición das aulas en galego en infantil e moitas das materias do ensino non universitario, especialmente as de carácter científico. Non sei se cómpre traducir o que significan;
"Coma todo, un idioma aniquílase a base de non utilizalo"
mércores, 23 de xuño de 2021
O devalo (xacobeo) da política lingüística
Nese mesmo ano xa vimos como a SXPL promocionaba un concurso de relatos da Fundación Camilo José Cela na que se excluía o galego.
Por se todo isto non chegase, o concurso tivo unha segunda edición e ameaza con continuar así un ano tras outro, subvención tras subvención, proclamando que é unha . Aínda máis, no ano 2019 ampliaron a desfeita a un novo concurso (xacobeo) de poesía. Tamén o subvenciona a SXPL. Tirando do fío, no 2020 convocaron tamén un premio de ensaio (xacobeo) coas mesmas bases. Isto significa que se poden premiar obras en castelán e que, en caso de ser premiada unha obra en galego, tamén se publicará en castelán. Se non paramos isto para a vindeira ocasión aínda teremos outro de teatro (xacobeo), pero sempre difundido que se promociona o galego como irmán menor do castelán. A diglosia!, amigos, velaquí a razón última da política lingüística.
Como todo isto lles debe parecer pouco oprobio, aos responsables da política lingüística galega, acaban de dar un paso máis ao difundir con orgullo que, como representantes desa política lingüística participaron na presentación do libro "Un camino de cine Xacobeo. La recopilación más completa del Camino de Santiago", de Pilar Falcón. Superando todos os niveis de hipocrisía, atrevéronse non só a publicar esta nota no portal da SXPL deturpando o título do libro para disimular que estaba escrito en castelán, senón aínda a reivindicar "a importancia que ten para a difusión da cultura e a lingua galega o feito de que a industria cinematográfica incorpore o fito Xacobeo nas súas producións" cando vemos que unha e outra vez se utiliza o maldito xacobeo para excluir a lingua galega.
xoves, 12 de novembro de 2020
Falemos... español
A Consellería puxo en funcionamento unha ferramenta dixital para videoconferencias en previsión dun novo período de confinamento ou de restriccións que leven á necesidade de clases telemáticas. A ferramenta é Falemos.
Pois ben, a pesar de ser unha iniciativa da Xunta, ou quizais por iso, resulta que esta plataforma non ten unha versión en galego. Non está de máis lembrar que nestes días tanto o conselleiro de educación como os demais membros da Xunta andan metidos nunha campaña de propaganda na fan ver como excluínte da lingua dominante un proxecto lei ultragarantista co castelán.
domingo, 13 de setembro de 2020
La documentación estará en castellano o en gallego con traducción al castellano
Cando me chegou o aviso desta monstruosidade, o primeiro que fixen foi pensar que era un fake. Simplemente non o podía crer. Todo veu deste chío:
Bases do concurso para a humanización da Praza da Feira en A Estrada @amesanl @emgalego isto é legal?😳 pic.twitter.com/6VlXw9TI2f
— Minhoca (@carlagoian) September 12, 2020
Imposible, pensei. Con todo, polo si ou polo non fun consultar no portal do concello da Estrada para comprobar que o que se dicía aí non era certo. Efectivamente, había un anuncio para a humanización (sexa o que sexa isto) da praza da Feira. Non me estrañou xa que xa oíra falar pola vila que se pretendía facer unha nova reforma nesa praza. O que me non me gustou nada era que o prego de condicións estaba feita exclusivamente en castelán. Así e todo, sería certo o que poñía o chío?
Pouco máis había que buscar, si, apartado 1.12
E así unha vez máis o galego fica excluído co concurso dunha administración pública, neste caso, o concello da Estrada, para vergoña de todos os seus veciños.
Apunte aparte para despistados. Non me vale a desculpa de que "son fondos europeos" pois, entre outras cousas eses fondos non poder ir en contra da CELRM. Se nos FEDER esixen a documentación nalgunha das poucas linguas oficiais da Unión Europea, esta esixencia non pode trasladarse aos cidadáns e así establecer un novo mecanismo de exclusión do galego. O concello da Estrada obrou mal, e eu avergóñome de vivir nel.
luns, 30 de marzo de 2020
O galego excluído da plataforma de vídeoconferencia da Consellería de Educación
![]() |
| imaxe do manual |
Non é cousa de quen fixo o manual. A razón é que o servizo de vídeoconferencia da
consellería non está dispoñible en galego, aínda que si en danés, alemán, italiano francés, sueco, ruso, xaponés, chino mandarín (tanto o tradicional como o simplificado), coreano, español latinoamericano e español de España. En total, contando as variantes, un total de 16 linguas. O galego, unha vez máis, excluído.
A lección que sacamos de todo isto está clara. O galego non é lingua de referencia para o sistema educativo galego, ou polo menos esa é a mensaxe que nos envía a Consellería de Educación.
mércores, 12 de febreiro de 2020
Mediacamentos vs. virus para o galego
Sabemos que o mal está aí pero ninguén, ata hoxe, deu un mínimo paso na súa identificación nin procurou ningún avance na normalización da sanidade. Destaca a inacción da Secretaría Xeral de Política Lingüística que leva 10 ano sen facer ningunha campaña de sensibilización ou promoción do uso do galego, xa non no ámbito sanitario, senón de ningún tipo. Desde aquel "En galego, e logo!" do ano 2007, que, por certo, non era alá unha campaña nada redonda, quedamos completamente orfos dunha imaxe de apoio da Xunta ao uso da nosa lingua. Pola contra tivemos, e temos, unha boa manchea de agravios por parte dos gobernantes que, comenzando polo principio, renegan do galego cada vez máis nas súas intervencións públicas. Fronte a este triste devalo o secretario xeral de política lingüística non só non dimite, o cal sería a única saída digna, senón que cala ou, o que aínda é peor, xustifica. Pois para iso é para o que está, e non para o que se supón para o que debería estar un detentor de tal cargo.
As consecuencias deste panorama caen, como paus, sobre nós, os galegos que aínda nos mantemos na nosa lingua. Por poñer só un exemplo, destes mesmos días e dentro do mundo sanitario, resulta que o Colexio de Farmacéuticos da Coruña tamén lanzaron unha campaña, desta vez contra o galego. Estou a falar do que promocionan como "Siempre con receta", un título máis propio para os usuarios das famacias de Albacete ou de Mendoza, na Arxentina, que para os veciños de Corcubión ou de Ribeira.
Teñan presente, señores farmacéuticos, que cando se dialoga coa sociedade, faise moito máis que falar do bo ou mal uso das receitas pois, queírano ou non o queiran, tamén se dá exemplo do uso ou do desprezo da lingua da xente. Os farmacéuticos da Coruña apostaron por este segundo camiño, compría que algún médico lles receitase un pouco de respecto, e coidados da lingua que parecen descoñecer.
sábado, 11 de xaneiro de 2020
Nin día, nin hora, nin lugar
Segundo o portal da SXPL a actividade debía celebrarse o venres 27 de decembro nese local, ás 11:00. Segundo o concello, a entidade co-organizadora, nese día podiamos escoller entre catro actividades, porén ningunha delas era a anunciada pola SXPL.
O peor de todo isto é que este tipo de programacións pantasma son as que servirán para engordar o Plan de Dinamización da lingua galega na mocidade que, pola súa parte, será usado pola Xunta para xustificar a exclusión e redución do uso da lingua galega no máis fundamental dos ámbitos, o da educación, vía o funesto decreto 79/2010 contra o uso do galego na escola. Ademais isto farase incumprindo a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), tal e como se volveu a certificar no V Informe elaborado polo Comité de Expertos do Consello de Europa.
mércores, 27 de novembro de 2019
O maltrato á lingua no concello de Vedra no 25N
Recorte da primeira versión dun díptico que pretendía difundir o Concello de Vedra polo 25N, día da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Saqueino dunha denuncia que fixo o BNG desa localidade na que se queixan que na relación de postos de traballo planificada pola alcaldía do PP "esquecéronse" da normalización e acusan a actitude de "soberbia". Ademais engaden que isto só lles pode traer aos veciños "vergoña e humillación. Porque Concello somos todos"xoves, 31 de outubro de 2019
Cuenta oficial en español da Xunta de Galicia
Cuenta ofical en español da Xunta de Galicia. Non hai conta paralela en galego sobre o mesmo tema. Así é como a Xunta fomenta o uso do galego.
O Xacobeo que nos espera! Lembremos a Xacopedia, que despois das denuncias acabou tendo unha pátina exterior de galego, pero que se un intenta facer calquera búsqueda, próbese por exemplo "praia", non obterá nada. Pola contra, con "playa" aparecen 20 resultados. Velaquí a igualdade da Xunta coa nosa lingua.
mércores, 23 de outubro de 2019
A Carta Xeométrica bloqueda pola Xunta
Velaí que é onde a Xunta vén na miña axuda. Resulta que este blogue ten a consideración de ser "unha páxina non permitida pola política aplicada na Rede Corportativa" da Xunta de Galicia. Non pode haber mellor incentivo que o de ver como a alguén do aparato administrativo lle parece o suficientemente molesto este blogue como para que pasara o traballo de excluílo da nomeada Rede.
Quizais o que molesta é que se posibilite o acceso a 100 recursos educativos, ou a calquera das 429 entradas que tratan algún aspecto da sociolingüística; quizais o problema sexa a identificación e do tratamento dos prexuízos doutras 95 entradas.
Hai quen me di que o problema é que desde este blogue se mantén unha posición crítica co decreto 79/2010 (o decreto de restricción e prohibición do galego no ensino), ou que todo se deba a que se segue unha liña de reprobación política lingüística da Xunta. Non creo que a miseria moral da Xunta chegue a eses extremos, por iso agardo que non tarde en rectificar este bloqueo inxustificado.
Pola contra, resulta ilustrativo comprobar que webs como a da Fundación Francisco Franco, de diversos colectivos fascistas ou pro-nazis, ou defensores do supremacismo castelán ou mesmo de páxinas de quen defende aos asasinos por envelenamento por metílico, son de acceso libre para a Rede Corporativa da Xunta.
Pensándoo mellor, retiro a frase anterior que facía referencia á miseria moral da Xunta.
sábado, 10 de agosto de 2019
Muxía ESP-ENG
O galego non existe para os responsables municipais.
Para que a estragada sexa prácticamente total, a cidade da Coruña perdeu o seu A neste cartel.
luns, 17 de xuño de 2019
SXPL y cierra España!
Segundo a nota de prensa oficial, nestes días de atrás o secretario xeral de política lingüística estivo "difundindo o legado de Antonio Fraguas na cidade brasileira de Baía". Efectivamente, todo indica que houbo unha estreita colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e a Associação Cultural Hispano-Galega Caballeros de Santiago. Por unha banda os membros da entidade asistiron a unha conferencia impartida por Valentín García e por outra este último estivo presente na renovación da directiva da asociación. Polo que se ve, houbo un perfecto entendemento, unha total conexión. Non é de estrañar. Se visitamos o portal da Associação dos Caballeros de Santiago non veremos outra cousa que cursos de español. Esta é a actividade principal, por non dicir a única, dos Caballeros.
Para sermos xustos debemos explicitar un pouco mellor cales son as outras accións dos Caballeros. Tamén imparten aulas de baile, especialmente de flamenco, e con bastante regularidade proxectan unha película.... en español.
Teñen unha frase que repiten decote en todos os anuncios nos que fan publicidade das súas actuacións:
Pensou em espanhol, pensou em Caballeros
Tendo en conta que agora a SXPL, nunha nova reviravolta da política lingüística da Xunta, se adica a subvencionar premios tanto de narrativa como de poesía en español, non podemos negar unha perfecta sintonía entre este organismo e a asociación dos Caballeros. De aí que nos atrevamos a propoñer un lema para todas as actividades nas que, de aquí en diante, teña parte esta Secretaría Xeral:
Espero que o usen, é o máis acaído ás súas prácticas.Pensou en español, pensou na SXPL
luns, 4 de marzo de 2019
Isto pasa pola teima de reduplicar todo en español
Foi por un chío de Carmela S. Arines polo que souben do disparate que colgou a Consellería de Cultura (si, de Cultura!) e Turismo no seu portal, nese empeño de non producir nada en galego se antes non se redacte antes en castelán. Esta teima sáenos moi cara económicamente. Pensádeo, reduplicar toda a produción das Administracións para que o español sexa omnipresente. Pero non só económicamente, e aquí temos un exemplo: velaquí *Chilles como parroquia da Estrada, no canto de Berres.


















