Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 16 de agosto de 2026

A lingua de Lía

 por Antón Riveiro Coello, en La Voz de Galicia:

Lía vén de nacer en Vigo e cavilo no mundo que agarda por ela, a escola á que irá, as amizades que fará e, inevitablemente, pregúntome tamén en que lingua vivirá. Na casa non teño dúbidas. A súa familia falaralle en galego, igual cós seus curmáns Aldán e Airas. Escoitará contos, cancións e conversas na lingua herdada. Pero iso non abondará. Transmitir o galego na familia deixou de ser garantía para que unha nena o poida incorporar con naturalidade á vida cotiá.


Lía nace nunha cidade onde falar galego é unha excepción. A lingua non vive só porque se aprenda e se ame na intimidade. Vive porque serve para xogar, discutir, rir, namorar, chorar... e iso, a cada volta, é máis difícil, porque a lingua desapareceu dos patios, das amizades e das relacións espontáneas.


Non chegamos aquí por casualidade. Acelerou o proceso algunha decisión política coma o decreto do plurilingüismo, que defendía a liberdade de elección das familias cunha suposta neutralidade que virou no mecanismo perfecto para relegar o galego. Non nos enganemos. Cando unha lingua é socialmente máis feble, tratar as dúas coma se competisen en igualdade de condicións non trae equilibrio, senón substitución. E aí estamos, con datos claros para quen os queira ver. E non lle poría reparos ao novo plan que presentou o Goberno galego se vise algunha medida concreta. O galego non recupera falantes só con boas intencións e campañas institucionais. Precisa decisións valentes no ensino, nos espazos de lecer, comunicación, e oferta cultural destinada á infancia e á mocidade, contextos reais onde Lía poida vivir en galego sen sentir que fai algo extraordinario. Non se xoga tanto a supervivencia da lingua coma o dereito da miña neta a herdar un patrimonio colectivo que lle dá razón de ser ao país que habita. Sei que acabará dominando, coma os pais, varias linguas, entre elas a galega. A dúbida que xorde é se esta a poderá usar con naturalidade nunha cidade que a expulsa da vida compartida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario