Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 30 de abril de 2020

30 propostas de música en galego actual que tes que coñecer



Para coñecermos máis (a) música en galego actual velaquí unha selección de 30 grupos/artistas de todos os estilos, especialmente pensada para xente moza feita por Nel Vidal. Ademais do vídeo temos en Edupuzle unha proposta para traballalo, unha ruleta de palabras en Educaplay e, como non! un Kahoot!
Unha actividade gorentosa e moi, moi completa.



martes, 28 de abril de 2020

Rosalía de Castro internacional e aleatoria



Nunca pensei que fose recoller neste blogue algo do profesor de matemáticas Manuel Vilariño, sobre todo desde que neste centrei este blogue arredor da normalización e fun deixando para os Retallos os centrados na ciencia dos números. Pero velaquí que se lle ocorreu a frikada que podemos ver neste inclasificable vídeo: o poema rosaliano "Adiós ríos, adiós fontes" traducido verso a verso ás 101 linguas soportadas por Google Translate, e verso a verso, escollidas aleatoriamente, isto é, ao chou.
Nunca Rosalía foi tan internacional..., nin tan aleatoria.
Encantoume

venres, 24 de abril de 2020

4000 libros e 40 motobombas

Non os toques! son libros!
Onte foi o Día do Libro. Foi un Día do Libro moi especial. As librerías estaban pechadas e só desde as institucións podían ofrecernos unha aposta organizada a favor da lectura en galego. Unha pequena mostra de apoio tanto ao libro como á lingua. Pero, como xa é habitual, isto non foi así.
Primeiro vai a nova, divulgada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), entre outros organismos da Xunta. Despois virá a explicación.
Titular: "A Xunta distribúe polo Día do Libro 4000 obras entre pacientes, acompañantes e persoal dos 14 hospitais públicos"

Este é o típico titular co que nos bombardea o servizo de información da Xunta de Galicia. Tanto ten que sexan 1000 ordenadores, como 4000 libros como 40 motobombas.Os números non están postos aí para dar conta dunha boa xestión, senón que están aí, simplemente. Son unha morea colocada para impresionar.
Non sei se estades afeitos a sofrir o telexornal da TVG. Durante todo o verán sempre hai unha nova na que se di "controlado o incencio de .... no que participaron 3, brigadas, 2 helicópteros e 5 motobombas". Sempre rematan coas motobombas. A conclusión é que en Galicia non hai eucaliptos, nin hai incendios. Só hai motobombas.

Entrada: "A partir de hoxe e durante os vindeiros días poranse en circulación estes volumes que buscan fornecer dunha opción de lecer para quen así o desexe e visibilizar o importante papel que o libro galego desempeña dentro da sociedade"

Ese "a partir de hoxe" indica que no Día do Libro só se sacaron fotos para dar a nova e que todo foi unha improvisación. "A ver, Balseiro, chama aos departamentos de cultura e que che baixen uns poucos libros ao CHUS. Si, fáloche desa farramallada que temos ocupando sitio no almacén. Imos facer como daquela, que llos mandamos aos colexios. Agora van para os hospitais.... e bulindo que é con présa". Un facer que se fai. Isto está mal, pero non é o peor. O peor é que é así acotío. A ninguén en San Caetano lle importa o sector do libro, aínda máis, ven con malos ollos se o libro ese está en galego. Para disimular este desprezo teñen a SXPL que retransmite a fazaña sen decatarse de que no vídeo de propaganda o libro que se ve con máis claridade é un de fotografía de Carlos Rodríguez, que tal e como vemos na imaxe, non foi pensado en galego. Do porco, todo se aproveita.

mércores, 22 de abril de 2020

E despois...





Pola rolde de ProLingua chégame este vídeo-poema de Paco Rivas, tremendamente actual, tremendamente fermoso.
Esta poesía do confinamento sérveme para lembrar, cun día de atraso, o Día da Poesía.

luns, 20 de abril de 2020

Caranvexo TV

Os centros CEIP A Guía, CEIP de Abelendo, CEIP de Quintela, CEIP de ReibónCEIP de Seara, CEIP de Tirán,  CEIP DomaioEEI de VerducedoEEI do ConIES A Paralaia e o IES As Barxas xuntáronse arredor do proxecto Caranvexo TV e fixeron esta enorme marabilla co patrocinio da Área de Normalización Lingüística do concello de Moaña.
O portal está inzado de vídeos e escoller un para compartir aquí non só é difícil, senón tamén inxusto cos moitos outros proxectos cheos de traballo e ilusión. Con todo atrevinme a deixar aquí unha elección. Forma parte tamén do audiovisual do IES As Barxas, que xoga noutra liga. Na seguinte peza, de Manuel Currás, entendo que un alumno do centro, cóntase a verdadeira historia da película "Los lunes al sol". Para min moito máis emocionante esta curta documental sobre o conflito de Ascón contado por Manuel Currás. Unha marabilla.

venres, 17 de abril de 2020

Telexornal Carvalho Calero



A pesar das circunstancias, outro  ano máis, o Departamento de Lingua e Literatura Galega do CPI dos Dices (Rois), achéganos a figura do Día das Letras nun Telexornal. Poderemos ver entrevistas a Xosé Luís Axeitos, Alfonso Vázquez Monxardín, Xulio Xiz, Araceli Herrero, Paulo Fernández Mirás, Miro Vilar, Eduardo Maragoto, Laura Tato Fontaíña e Ramona Giráldez

mércores, 8 de abril de 2020

Desamparo

por María Reimóndez, no Nós Diario:


Por debaixo da dor e do ruído, son días estes de estraña introspección, de facer exercicios de empatía e de pensar en comunidade. Tamén de comprobar como hai demasiada xente incapaz de poñerse no lugar da outra e para a cal o importante segue sendo o mesmo de sempre. Sen ir máis lonxe, para o Sr. Núñez Feijóo, o importante segue sendo calquera cousa menos as persoas galegofalantes: intervencións públicas en castelán e imposibilidade de acceder á información e á atención sanitaria na nosa lingua.

domingo, 5 de abril de 2020

Ao concello da Estrada


Para manter un mínimo de dignidade do bloque tiña que poñer unha imaxe coa proxección dos Concheiros. Como estou farto de que a megafonía dos municipais da Estrada nos desprece insistentemente coas recomendacións do confinamento en castelán, aquí lles deixo a miña mensaxe. A ver se a si a len.
O feito de que o concello da Estrada faga este desprezo demostra que outras actividades nas que parece que se mostra como defensor da lingua non son máis que fume, actividades coas que quedar ben, e que agochan a cara verdadeira, a do desprezo da lingua propia. Estou a falar deses marabillosos vídeos que o concello presenta no Día de Rosalía. Onde quedan agora?

mércores, 1 de abril de 2020

Grazas Carmen Pomar, grazas Valentín García

Grazas, Carmen Pomar. Grazas por excluír outra vez a lingua galega dos mínimos de uso pola Consellería de Educación. En días pasados podiamos ver como a plataforma de vídeoconferencia contratada por esta consellería para os tempos do confinamento accesible en 16 linguas, non estaba dispoñible en galego. Agora este desprezo amplíase á distribución dos contidos E-Dixgal aos centros que non forman parte desta rede. Resulta que estes centros deben solicitalos ás empresas que publican estes contidos. Para iso habilitáronse uns formularios. Os dous de Planeta [1, 2] e o de Edebé [3] , a pesar dos centos de miles de euros que reciben da Xunta polo material para a plataforma E-Dixgal, os formularios de petición, que se fan en cinco minutos, esqueceron a lingua galega.
Se o que queremos é mostrar, unha e outra vez que o galego é prescindible, a señora Pomar está a facelo moi ben.
Tampouco vin á Secretaría Xeral de Política Lingüística interesándose por estas desfeitas. Debe ser porque desde este organismo aportan todo o que poden para secundarizar a lingua galega pois a última das súas propostas foi a de subvencionar un concurso (xacobeo, por suposto) de obras de ensaio (de tema xacobeo, por suposto) que poderán estar redactadas en español, e no caso de cometer a indignidade de premiar a unha obra en galego, tamén a publicarán en español [ver as bases]. Por todo iso, grazas tamén Valentín García.