Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 31 de xaneiro de 2012

Os meus exames en galego


Campaña dos Comités. Este é o cartaz que se difunde coa campaña para divulgar que segundo recollen os Estatutos das tres Universidades galegas e os regulamentos que os desenvolven, o alumnado ten derito a ter unha copia do exame en galego.
A realidae, salientan desde os Comités, é que estamos, outra vez, ante unha materia pendente.

luns, 30 de xaneiro de 2012

A balada da televisión na Bretaña



Hai que ver como se move este home! Inclasificable.
O poeta e cantante, Bernez Tangi  foi nominado por unha súa colección de poemas para os Prizoú 2012  uns premios relacionados coa promoción do bretón.  Como forma de protesta contra a política lingüística do estado francés  Bernez Tangi renunciou ao premio e divulgou esta  curiosa carta aberta/ canción-protesta.
Compara a situación de diversas linguas europeas segundo as horas de emisión na televisión. Comenza destacando que en galego emítense 24 horas diarias (168 semanais) para acabar denunciando que as emisións en bretón se reducen a 1 hora e media semanal e que aínda así, desde o 2002 o departamento do Loira Atlántico ficou excluído desta posibilidade.
Peculiar exemplo de como unha e outra vez as linguas sen estado sofren políticas de imposición, ataque e redución. O asunto tamén pode servir de exemplo de como moitas veces estas accións veñen maquilladas baixo unha máscara de presunto fomento da lingua minorizada. Para que ninguén leve despois sorpresas

O que nos indican os presupostos da SXPL


O orzamento da SXPL sufriu unha baixada dun 60% desde que entrou o novo goberno ata o momento actual. Isto nunha primeira lectura. Se temos en conta que o IPC se incrementou neste tempo nun 6,3%, chegamos a unha conclusión tan estarrecedora como incuestionable: por cada 100 € do presuposto do 2009, agora a SXPL pasa a ter 38 €. Este gráfico, explica mellor que ningún estudo encerellado, cal é a dirección da política lingüística do presente goberno da Xunta.



Ao facermos unha análise semellante para a dotación aos proxectos de normalización nos centros públicos, vemos que  a baixada foi dun 75% no mesmo período. Se a isto lle aplicamos a diminución do valor do diñeiro que implica o IPC temos que un Equipo de Normalización, se no 2009 dispoñía de 100 € de agora ficará con 23 €.
Cando hai algo máis dun ano desde o blogue Escola de Ferrado apuntábase mediante unha aventurada regra de 3 que nos catro anos de goberno de Feijóo a diminución do orzamento podía levar á súa eliminación completa Daquela eu pensaba que esaxeraba un pouco. Agora teño que lle dar a razón.
Non é que pense que vaian pechar a SXPL, pero a efectos prácticos, o resultado vén sendo o mesmo. Botando un ollo ás previsións presupostarias para o 2012 vemos como se lle pecha a porta aos proxectos máis dinámicos de fomento do uso da lingua e ademais de excluir calquera tipo de campaña de promoción. Despois de eliminados 16 SNL nos Concellos, a Rede de Dinamización Lingüística vai ser un esquelete sen carne; unha esrutura sen presuposto para nada máis que para manterse a si mesma. Mentres nos concellos que quede algún traballador da normalización ou ben acabará atendendo nos despachos de asistencia social ou, aínda peor, traducindo ao galego os informes que secretarios ou outros funcionarios non quixeron escribir máis que en castelán. Os ENDL dos centros de ensino terán como principal actividade a de poñerse á porta dos supermercados a pedir esmola para realizaren algunha actividade.
As únicas partidas que se aumentan son as adicadas aos traballos de investigación (a  lóxica é sempre perversa) e ao gasto corrente. Isto último, quizais para poder manter a pompa de actos baleiros de contido nos que o secretario xeral xunto ao político de turno armen o circo de loubanzas a unha lingua cada vez máis reducida, máis desprezada, máis excluída e máis prohibida.
Estamos a un paso de que a SXPL fique nunha cámara de funcionarios sen funcións. Ésta será a mellor proba de que esta terra non hai xente, senón xentiña.

P.D.: os datos para as gráficas están tirados de [1] e [2]

domingo, 29 de xaneiro de 2012

Notas necrolóxicas



O Leo i Arremecághona, García MC (de Dios ke te krew), xunto co veciño Silverio Outeiro (ex de Xenreira, un dos mellores ska da terra) son os Labregos do Tempo dos Sputniks. Aquí están en Celanova recitando á súa maneira, cheos de intensidade, as "Notas necrolóxicas" de Celso Emilio. Para gozalo.
Vía Caderno da crítica

venres, 27 de xaneiro de 2012

Velaí a historia dun profesor que acudiu ao portal da Consellería de Educación e acabou...

A culpa é toda miña, xa o sei. Mais non alcanzo a comprender a importancia que ten que Jesús Vázquez, o ultraconselleiro de Educación e Cultura, acudise á preestrea  de "Arrugas" nun cine... en Madrid. Seguramente ten unha trascendencia que se me escapa, pero non podo deixar de enterarme da nova xa que aparece ben clariña no portal-web da Consellería de Educación... ben..., alí o titular figura co vocablo *preestreno. Serán cousas do plurilingüismo ese, digo eu... ou de que o acto fose en Madrid.

E alguén preguntarase a conto de que vén todo isto nun blogue sobre a lingua e a súa normalización.
A culpa é toda miña, pois eu andaba na procura de datos sobre a convocatoria de axudas aos ENDL e, iluso! pensaba que podía atopar algo no web da Consellería de Educación cando todo o mundo sabe que se precisa dalgunha información útil no ámbito do ensino é ben certo que aquí non a vai atopar. Imposible achar un DOG, un recurso educativo, ...
Así que acudín ao web da SXPL... e nada. Nin na sección de noticias nin na de convocatorias de axudas. Menos mal que por fin fun á fonte limpa e alí atopei o que buscaba. Non hai como ter determinados amigos no facebook.
Xa resolto o meu problema, volvín á primeira notica que vira. Non, non se trataba de destacar a importancia da película, da súa contribución a aspectos culturais ou educativos. Non se trataba diso porque a noticia non se desenvolve, fica exclusivamente no contido relatado no titular. Eis que o cerne do asunto é simplemente iso, que Jesús Vazquez pasou a tardiña no cine Roxy A... en Madrid. Por iso non o entendo.
Velaí a historia dun profesor que acudiu ao portal da Consellería de Educación e acabou lendo o Hola.

xoves, 26 de xaneiro de 2012

Un espazo para o encontro

A CGENDL convida a todos os docentes a participar no II encontro de equipos e docentes pola normalización. Será o vindeiro sábado 11 de febreiro no IES As Fontiñas de Santiago.
Asistencia gratuita previa inscrición en correo@coordinadoraendl.org
Cómpre botarlle un ollo ao programa. Máis información: [1] e  [2]

CGENDL.encontros_normalización_2

mércores, 25 de xaneiro de 2012

Poder e oficio na SXPL

O novo secretario xeral de política lingüística, Valentín García, é veciño meu. Tan próximo que aos dous nos toca tirar o lixo no mesmo contenedor. Por iso sei, por exemplo, que Valentín participou na lectura de poemas de Lois Pereiro que a plataforma Queremos Galego da Estrada organizou o pasado 17 de maio baixo o lema "Paremos os ataques contra o galego". Pola contra tamén sei que isto non significa ningún cambio de rumbo na política lingüística da Xunta.
Valentín xa era o responsable técnico da Rede dos SNL dos concellos e, significativamente,  na lexislatura do bipartito era a persoa que se ía nomear para, baixo a dirección de Marisol López para dirixir un Consorcio de Planificación Lingüística que finalmente non chegou a constituirse.
Valentín sucede, como todo o mundo sabe, a Anxo Lorenzo quen levou a cabo unha sistemática redución de espazos e usos para o galego. A súa práctica caracterizouse por destrozar toda a arquitectura da normalización ao tempo que ofrecía un discruso que aparentemente a defendía. O seu oficio foi o de taxidermista do galego: destrozalo por dentro e darlle apariencia de vida a aquilo que mataba, destripaba e enchía de palla. É incuestionable o feito de que as políticas de Marisol López e as actuais son inconmensurables. Así e todo, Anxo Lorenzo fíxolle as beiras á anterior etapa; basta lembrar este seu artigo n´A Nosa Terra.
Vemos nos exemplos que nos ofrecen os dous secretarios xerais de política lingüística da era Feijóo unha clara evidencia de como son as formas de acceso ao poder. O seu perfil é de persoas que non teñen un proxecto, un obxectivo que os mova. Precisamente é a súa ausencia o que os caracteriza xa que o seu interese fundamental é sentarse nas cadeiras de mando. Isto, en aparente paradoxo, deriva no alleamento do poder. O exercicio deste só será posible ao postulánrense baleiros de vontade propia. Así o verdadeiro poder é exercido por axentes que actúan fóra da pista do circo político, e no caso que nos ocupa, tan lonxe das iniciativas normalizadoras que fican xusto frente a elas.
A este respecto, xa Bertrand Russell, facía a seguinte análise. Parafraseo:
Hai unha gran diferenza entre o poder como medio e o poder como fin en si mesmo. O que busca o poder como medio, supeditará a obtención dese poder á consecución duns obxectivos. O que busca o poder como fin en si mesmo elixirá o obxectivo en función únicamente da posibilidade de asegurar ese poder.
Se a busca de poder ha de ser beneficiosa, debe estar inspirada noutro obxectivo distinto que no do poder. O desexo dalgún outro fin debe ser tan forte que sen el o poder por si mesmo non ten sentido ningún.
Ademais ese propósito debe ser tal que se é alcanzado axude a satisfacer os desexos dos demais.
Por último os medios para chegar a ese fin non deben producir uns malos efectos que excedan aos beneficios do fin que se procura. El poder. Un nuevo análisis social. RBA
O oficio do novo secretario xeral
Valentín García aceptou o cargo para dirixir a SXPL sabendo cal é o presuposto que ten para desenvolver as súas políticas. Nunca tivo tan pouco: o 0,089% do total da Xunta. Ademais o peixe xa vén cortado. Redúcese en todos os capítulos en cifras importantes, que chegan a supoñer unha baixa de ata un 90% a respecto do ano 2005, cando tamén gobernaba o PP. É significativo que os capítulos de gasto corrente xunto co adicado á investigación son os únicos se se ven incrementados en comparación co desglose do ano anterior.
O novo secretario xeral de política lingüísta aínda non puxo un pé nos zocos do cargo e xa é o responsable da eliminación de 15 Servizos de Normalización Lingüística, asume a desaparición das axudas ás editoriais para proxectos didácticos en galego, e carga cun retraso co orzamento para os proxectos dos ENDL de tal magnitude que podemos certificar a defunción por este ano da normalización no ensino.  Nada disto nos debe estrañar pois nunha entrevista que lle fixeron en Correo TV en xaneiro do 2010 (min 23), Valentín defendía, non xa o  radical decreto de plurilingüismo, senón algo aínda peor, o coñecido como Borrador do galego, un documento que, entre outras cousas, promulgaba a aniquilación da normalización da admistración educativa e dos Ciclos Formativos. Toda unha declaración dos vieiros polos que vai discorrer a política lingüística que vai poñer en práctica  nos vindeiros meses.
Pregúntome cal vai ser o verdadeiro oficio que practique Valentín ao frente da SXPL. Polo exposto ata o momento, se o encontro tirando o lixo, non vou poder deixar de pensar que o que leva nesas bolsas son a miña lingua e a miña identidade.




Nace o Dioivo



Nace o Dioivo, un novo medio dixital xestado arredor dunha presada de periodistas con afán de desfogar e tecer redes de colaborar para o futuro.  Velaquí o seu simpático e derradeiro vídeo promocional (os outros [1] e [2]).

Reunión da CGENDL co novo secretario xeral de política lingüística

O pasado luns 23 o novo secretario xeral de política lingüística reuniuse coa CGENDL e presentoulle as seguintes propostas:

2012.01.23.Propostas Para o Novo SXPL Da CGENDL

Valoración da CGENDL despois do encontro:

2012.01.23.Nota de prensa Encontro co novo SXPL Valentín García


luns, 23 de xaneiro de 2012

De blogues


Atopei na lea encerellada de arquivos do meu computador unha lista de ligazóns a mensaxes de blogues  dos últimos meses e das que aprendín moitas cousas. Acompáñoa dos meus agradecementos aos autores por argallaren todos estes discursos.

Recursos para traballar na aula no Día Europeo das Linguas, (15/09/2011), no Caderno da Lingua

Retrato dun mequetrefe, por Anxo Lorenzo, (07/11/2011), en Enredando
Retallos dun país normal (I), (22/10/2011), en Enredando
Será o xe?, (09/12/2012), en Neofalante
Vitaminas para o galego, (16/12/2011), en Enredando
Cando os prexuízos ideolóxicos gobernan un país, (17/12/2011), no Caderno da Lingua
Feliz Ano Novo 1939!, (31/12/2011), en Enredando
O Valedor xa ten a quen lle escribir, (04/01/2012), no Caderno da Lingua
O soño dun pobo, o pobo de Isaac, (05/01/2012) Un país en lata

Ademais, sobre o caso do libro censurado polo Valedor do Pobo, xa fixera unha escolma con moitas e moi interesantes aportacións de blogues
E finalmente, un novo blogue, que abreu nestes tempos as súas portas: ...porque queren roubarnos o que hai

domingo, 22 de xaneiro de 2012

Pedagogia linguística inversa

por Joam Evans Pim, no Galicia Confidencial:


A história recente da língua portuguesa na Galiza pode ser vista como uma tentativa experimental de “pedagogia linguística inversa”, onde se assumiu aprioristicamente a condição infantiloide dos falantes de galego e da população do território em geral. Esta reflexão parte, claro está, da “pressuposição de inocência” dos artífices do grande campo de experimentação galego de pedagogia linguística inversa (desenvolvida sob as etiquetas de “normativización” e “normalización”), a quem não atribuiremos, de início, uma intencionalidade linguicida e etnicida oculta que, no entanto, é resultado patente do experimento iniciado faz já 30 anos.

Na Galiza em galego



Para os parámetros temporais da arañeira da rede este vídeo xa ten moito tempo, pero o que nunca pasa de moda é a importancia da difusión da normalización dos estranxeiros que

sábado, 21 de xaneiro de 2012

O mellor documental



Van alá dous anos. Creo que cómpre volver a velo, entre outras cousas, porque é o mellor documental que vin en todo este tempo.

Imposicións nun hospital

O pasado martes 16 un doente ten que cubrir un impreso. Trátase dun consentimento para o tratamento dos datos persoais como paso previo a unha intervención cirúrxica. Danllo en castelán. Sempre o dan en castelán. É a imposición da normalidade. O normal, en Galicia, é que che den todo en castelán.
O doente solicita que llo entreguen en galego, pois polo menos debería ser normal que ao solicitalo, non tivera problemas. Pero hainos. Sempre  os hai. É a imposición da anormalidade. O anormal, en Galicia, é que cando pidas que cho dean en galego, obteñas o que pides.
A cousa vai así. Se preguntas polo documento, dancho en castelán. Se dis que o ques en galego, non che dan un papel. Danche un problema.
"Si lo quieres en gallego vas tener que esperar". "Y total, que más te da". Son respostas habituais. É a normalidade da anormalide. Desta vez o argumento, foi "legalmente no tenemos obligación de disponer del consentimiento en gallego". E aínda bo foi. Porque ben podían espetarlle: "no nos vengas con imposiciones" ou, aínda peor. Todo se pode empeorar:  "vosotros, los separatistas, por que no os marchais a que os operen en Portugal?".
Menos mal que nos queda Portugal, porque senón nin terían lugar a onde mandarnos.
Río por non chorar porque o conto éche ben triste e o caso, moi serio.

Ver: CiberIrmandade  e A Mesa
P.S.: Relato completo do caso, outra vez na  [1] e [2]

venres, 20 de xaneiro de 2012

Vivir en galego. Morrer tamén

por Francisco Xosé Rei García, en Terra e Tempo:

A situación da lingua propia do país nos territorios da Galiza é ben coñecida e é obxecto de estudo por parte de especialistas, mais tamén albo xeneroso para as setas atiradas desde determinados medios de comunicación e certas institucións, a Xunta a primeira, que tencionan conseguir un proxectado lingüicidio. Vivir integramente en galego está a se converter nunha realidade seriamente ameazada, minoritaria, tanto polo proceso de substitución lingüística como pola forte hibridación a que está sometido o idioma. Son dúas estratexias ben argalladas nos gabinetes mediáticos e gobernamentais que levan sendo denunciadas desde aquí (e non só) en reiteradas ocasións, motivo polo cal non imos conceder a tales dúas orientacións máis espazo no presente artigo. Fique clarificado, antés de máis, que por vivir en galego entendemos poder desenvolver a nosa vida nesta lingua desde que nos erguemos até ao momento de nos deitarmos: interaxirmos nas relacións de parella, no traballo, na libraría, na tenda do bairro a que imos comprar o pan, no cinema, no notario, nas conversas coas veciñas e cos veciños, no bar da esquina da casa, no cabeleireiro, na froitaría, no tallo etc. 

Un web para Celso Emilio e un botón para Valentín Paz Andrade

Este ano celébrase o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro. A fundación que leva o seu nome pretende, desde este atractivo espazo-web 'contribuír a difundir o seu extraordinario legado así como dar a coñecer as actividades programadas para este acontecemento único e irrepetible'.
Esta páxina é unha fonte de recursos moi ben organizada, clara, e con achegas  de todo tipo.








Este ano celébrase o Día das Letras na honra de Valentín Paz Andrade. Presentouse hai pouco o web oficial deste avogado e empresario multifacético, pero, tal e como comenta Carlos Callón, as gadoupas do lobo andiveron por alí e nese espazo fixeron a peor ferida que podían e deturparon o pensamento de Valentín encol da lingua destacando na portada do web unha cita tan perversa como a mente que alí a colocou. Descontextualizada, a cita escollida parece que está defendendo o funesto decreto de plurilingüismo, ou incluso o máis funesto borrador do mesmo. Por iso, eu propóñolles esta outra, que ten a ventaxa de que si parece de Valentín Paz Andrade de principio a fin:
"¿O galego ha de seguir mantendo unha liña autónoma na súa evolución como idioma, ou ha de pender a máis estreita similaridade co-a lingua falada, e sobre todo escrita, de Portugal e-o Brasil. [...]. A ninguén se lle oculta que, da parte da Galiza, hai a gañar moito máis que a perder si a relación entre a unha e outra fala se avivece e sostén"
Mentres, polo si ou polo non, como visita recomendada para coñecermos mellor a Paz Andrade, esta escolma de recursos na arañeira. Para mostra, un botón.

martes, 17 de xaneiro de 2012

Anímate a participar



Sen que ninguén lle pedira nada, Paula escribiu un guión, buscou varios amigos por Silleda e polo instituto dispostos a colaborar e armada cunha cámara de vídeo achegounos este resultado. O seu exemplo é a mellor invitación á participación no traballo nos Equipos de Normalización.
Vía As Ferreiras

Louvanzas a Fraga e desprezo aos galegos

Alberto Núñez Feijóo,  fixo unha intervención institucional á saída da reunión extraordinaria do Consello da Xunta con motivo do falecemento do que fora presidente da mesma, Manuel Fraga. Nesa declaración distingue a figura do difunto en tres dimensións: como galego, como demócrata, e como español.
Feijóo, como calquera outro parlamentario nos actos relacionados co seu cargo, comprometéronse a facelo en galego. Que lle pasaría pola cabeza a Feijóo cando, a pesar de conducir este acto en galego, ao gabar a figura de Fraga como español, cambiou tamén a esta lingua para facelo?.
A explicación non pode ser outra que o señor Feijóo considera todo o galego como subordinado e inferior ao español, e faino en tal grao que incluso no medio dun discurso formal en galego, cando se trata de facer louvanza das características españolas do personaxe, extrema o xesto marcial, e éncheselle a boca ao falar de España. Pois, no seu pobre entender cargado de prexuízos, para falar de España, ou das matemáticas, considera que hai que facelo en español. Deste xeito, e nun único acto, o presidente da Xunta demostrou con toda evidencia o seu desprezo polos galegos, a nosa cultura, a nosa  lingua e a nosa  identidade.
E creo que deberíamos, polo menos por esta vez aprender, que mentres que os nosos representantes traten mellor aos Fragas que aos Díaz Pardo, teñamos por seguro que é porque tamén a sociendade entá enlamada no auto-odio.


luns, 16 de xaneiro de 2012

Política lingüística (1)

por Xosé Ramón López Boullón, no Galicia Hoxe:

O nomeamento do novo secretario de política lingüística non deixa indiferente a ninguén xa que é unha decisión política máis, un acto de poder da administración como instrumento de decisión e de poder que é, para lle dar continuidade, como se expresa na toma de posesión, aos proxectos, obxectivos e tarefas que a consellería de educación e o Goberno galego teñen a respecto da política lingüística.

Un exemplo da exclusión do galego na xustiza

Se un ex-conselleiro ten que agardar 3 horas no xulgado para que un tradutor completara a versión en castelán da súa declaración, que sucederá cun cidadán que queira expresarse en galego nun xuízo?
Podémolo ver aquí, primeiro ínstase a que o faga en castelán, e despois aprázase a declaración ata o nomeamento dun intérprete:
el imputado manifiesta que sólo [sic] quiere declararar en gallego, polo lo que S.Sª. le solicita que hable en español, negándose el declarante. Dando por suspendida la presente declaración a la espera del nombramiento de un intérprete.
Alén disto, por moito que o cidadán queira que o procedemento se tramite en galego, será imposible, pois o programa de xestións dos xulgados, Minerva NOX, exclúe esta posibilidade desde hai case dous anos.

Vía Ciberirmandade da Fala


Por que português. Por que agora

por Alberte Lago Villaverde, no Terra e Tempo:


Este artigo é um a modo de resposta ao de Anselmo Lopez Carreira do mês pasado.
Não vou entrar nas questões de avantajes e desvantages de cada opção normativa que já se trataram nos comentários do artigo senão que vou tentar dar uma explicação de por que este tema esta a rexurdir agora. A maioria destes apontamentos mereceria uma exposição mais polo miúdo, mas do que se trata aqui e de olhar o conjunto da situação. O conjunto reflicte o fracasso da estratégia do nacionalismo nos últimos vinte anos.

domingo, 15 de xaneiro de 2012

Puntogal.gal

 A Asociación Puntogal, co apoio da secretaría xeral de Modernización da Xunta de Galicia, remitirá á ICANN a candidatura para un identificador de máximo nivel para a lingua e a culturas galegas, o “.gal”.
Unha vez recibidas todas as candidaturas, a ICANN avaliará aos candidatos a través dun complexo exame nun prazo que oscila entre os doce e os dezaoito meses. No caso de superar o exame sen ter que aportar información suplementaria, poderanse rexistrar dominios .gal a partir de mediados de 2013. Daquela, por fin, poderemos acceder a dominios como puntogal.gal.

Caderno para colorear

Convén repasar habitualmente o Planeta de ENDL. De alí saquei este bonito caderno para que os nenos coloreen e todos aprendamos algo máis sobre Luis Seoane.
Na escola só nos ensinaron a pintura de El Greco, Velázquez ou Goya e así quixeron extirparnos a alma, excluíndo da escola a nosa arte.
A identidade témola que ir debuxando de cote e velaquí unha fermosa forma de facérmolo.

ppppp

sábado, 14 de xaneiro de 2012

A ciencia no punto de Mira

É un dos Premios da Crítica 2011. No seu caso,  por liderar un traballo  A importancia da similitude interlingüística e o bilingüismo equilibrado cando dúas linguas compiten, realizado xunto con Luis Seoane e Juan Nieto, que concilia a investigación en ciencias experimentais coas humanidades e as ciencias sociais  e que tivo e está a ter unha grande recepción e impacto en Galicia e nos circuítos científicos internacionais.
Ademais Jorge Mira é o autor deste libro de divulgación  científica,'A ciencia no punto de mira'Un oasis no deserto da divulgación científica en galego.
O libro achéganos 63 temas científicos explicados de forma moi sinxela, incluso coloquial. A vontade de chegar a todo tipo de público podémola ver, por exemplo, no capítulo adicado ao paradoxo do aniversario. Trátase de determinar cantas persoas precisamos xuntar para que a probabilidade de que dúas delas teñan o mesmo aniversario sexa de polo menos un 50%. Curiosamente a resposta é que basta con que haxa 23 persoas. E ao xuntarmos 60 a probabilidade chega ao 99%.
De forma moi intelixente, Jorge Mira, no canto de darnos unha lección de combinatoria, desmonta o prexuízo do que normalmente partimos cando nos expoñen ese problema: o consistente en pensar só nos que naceron o mesmo día que un. O cerne está en decatarse de que temos que estudar as parellas de persoas e non é difícil ver que con 23 persoas podemos formar 253 parellas distintas. Deste xeito Jorge  Mira demostra que, aínda sendo certo que os prexuízos fan inzar actitudes reprobables,  para desmontalos non se precisa profundizar senón que chega con saber escoller o punto de mira.

venres, 13 de xaneiro de 2012

Francisco López: 'Que aprender en galego sexa doado, normal e un dereito pleno'

Xurxo Salgado entrevista a  Francisco López para Galicia Confidencial. (por certo, cun titular realmente desacertado).
Francisco López é un dos impulsores de Galiza co galego, unha entidade que pula polo ensino en galego, especialmente en infantil.


Galiza co Galego naceu no ano 2009 como un  movemento popular, resultado do debate social suscitado pola decisión da Xunta de impoñer o decreto do trilingüismo e co obxectivo de sumar máis de 3.000 compromisos a prol dunha Asociación que garanta o dereito á educación en galego.

Conta coa colaboración de asociacións en defensa da lingua, asociacións pedagóxicas, sindicatos e cooperativas de ensino de Galiza, Galiza co Galego elaborou un proxecto de Rede de escolas infantís, cun programa educativo común e aberto.

Conseguido o obxectivo dos compromisos en maio de 2011, o vindeiro sábado 28 de xaneiro terá lugar a asemblea de ampliación desta asociación.

Galicia Confidencial (GC).- Está Galiza co Galego cumprindo as súas expectativas iniciais?
Francisco López (FL).- Estamos a cumprir co calendario de traballo proposto. En Maio de 2011 superamos os 3000 compromisos e recibimos o mandado de organizar o movemento mediante unha asociación que garanta o dereito á educación en galego da cidadanía. O 28 de xaneiro faremos a asemblea da Asociación Galiza co Galego, na que se incorporarán como socios e socias máis de 3.150 persoas. Organizaremos unha Rede de Escola Populares Infantís e tamén unha Cooperativa de Ensino Popular.

Ai se me opero



Para rir a cachón. Así é Tourilandia novo programa de humor da TVG. Tal e como comenta Manuel Bragado,  un produto que pode achegar á mocidade á canle galega e, polo tanto, cun enorme potencial galeguizador.
Para seguir.


xoves, 12 de xaneiro de 2012

A traizón de Gadis

 por Ramón Cruz Dopico, desde o web de ProLingua


Decepción e tristura son as palabras que mellor reflexan o meu sentir cando neste ultimo mes puiden contemplar como se exclúa o noso idioma propio da publicidade, cartelería, rótulos… e todo o relacionado coas dúas tendas que Gadis ten a día de hoxe en Viveiro, unha das cales (a situada en Magazos) foi reinaugurada nestas fechas.

Galegogoogle

Google dedica frecuentemente versións do seu logo, chamadas doodles, a distintas conmemoracións. Na fábrica de ideas GalegoLab xurdiu a iniciativa de solicitar a Google un doodle para o Día das Letras deste ano. A cousa xas está en marcha, e incluso xa hai algunha aportación para o posible deseño:

mércores, 11 de xaneiro de 2012

...porque queren roubarnos o que hai: un blogue para estes tempos avoltos

Na prehistoria desta Carta Xeométrica andaba eu mirando a forma de como facer un blogue de matemáticas cando no revolto tempo antes da publicación do borrador do funesto decreto de plurilingüismo comencei a interesarme polos artigos e as novas encol da lingua e a normalización. Entre aqueles primeiros artigos que me chamaron a atención había un par deles no Xornal, dun tal Iván Méndez López que me tiñan un aquel.
Así, co paso do tempo, e xa metido en fariña, din en recuperar aqueles artigos ([1] e [2]) pois, pensaba que nalgún momento podía ter sentido volver a eles.
E chegou o momento. Iván Méndez López, nos comenzos do ano botaba andar baixo o título ".... porque queren roubarnos o que hai", simplemente un novo blogue que nos vai ir aclarando moitas cousas nos tempos avoltos que corren. Cada un dos artigos que redactou ata o momento son outras tantas perlas que gorentarían os medios de comunicación para as súas páxinas... se os houbese.
Non podo facer outra cousa que recomendar a visita a este novo blogue agás que queiramos continuar a confundir a normalización coa dinamización, a substitución coa imposición ou o plurilingüismo co follow me

martes, 10 de xaneiro de 2012

O exterminio planificado do galego e da ciencia galega

por Francisco Calo Lourido, no Terra e Tempo:

Lembrounos Joaquín Abellán no tomo 2, páx. 60, da obra colectiva Historia de la Teoría Política, en Alianza Editorial, que o grande filósofo Hegel gabou a Christian Wolff como o "mestre dos alemáns", por ser el "quen ensinou á filosofía a falar en alemán, dándolle desta maneira 'patria' en Alemaña, pois para Hegel só se pode dicir que unha ciencia pertence a un pobo, cando a posúe no seu propio idioma". Unamuno, en 1904, chegou a afirmar que se pode soster que hai tantas filosofías como idiomas e tantas variantes destas como dialectos, incluíndo o que poderiamos chamar o dialecto individual. Continuou dicindo que, se hai unha filosofía alemá, non é máis que a filosofía do idioma alemán e que así sucede cos restantes, engadindo que é a lingua francesa a que explica a Descartes. Coida que isto é natural, pois "cada pobo foi asentando na súa linguaxe a súa concepción abstracta do mundo e da vida, e na extensión e comprensión que dá a cada verba vai implícita a súa filosofía", pois "o filósofo non fai máis que sacar da linguaxe o que o pobo todo metera nel perante séculos".

luns, 9 de xaneiro de 2012

Decálogo para ser lingüísticamente sostibles

Decálogo para ser lingüísticamente sostibles

A cultura está de loito, e non (só) pola perda de Isaac


Estes dias deixei ir, máis ou menos autónomamente ao blogue, e nese tempo morreunos Isaac Díaz Pardo [1] e [2], alguén que continúa a ser descoñecido para unha grande parte da poboación. Non nos ten que estrañar pois que os dirixentes políticos que pasen a dar o pésame, descoñezan quen é un tal Avelino Pousa Antelo, por poñer un caso.
Velaquí o artigo do título, por Francisco Xosé Rei García, en Terra e Tempo:

Confésolles que ando un tanto despistado. Será cousa de non ter dixerido ben as enchentas gastronómicas do Nadal -que en realidade tampouco foron tantas-, de andar a arrastrar os efectos da enésima doenza no ano que acabou (agardemos que, xa que cartos non, 2012 traia saúde) ou de que a voráxine consumista destes días deixa a un a cabeza atoldada. 

venres, 6 de xaneiro de 2012

Dous anos e un dia

Van alá xa dous anos e un dia.
E cada vez que boto a cabeza fóra, pasmo co que escoito, apámpome co que vexo.








Un ano e un dia

A Cooridnadora Galega de ENDL valora a xestión de Anxo Lorenzo

Velaquí a valoración de Anxo Lorenzo como Secretario Xeral de Política Lingüística. Penso que esta avaliación ten un valor engadido se lembramos que na data do seu nomeamento a Coordinadora fixera unha valoración positiva. Moitos dos puntos abaixo indicados coinciden cos que tamén (d)enuncia a CTNL.

Valoración da xestión do Secretario Xeral de PL por parte da CGENDL

Fraseoloxía visual 2



Continúa a edición da Fraseoloxía visual con este segundo capítulo. Do primeiro xa déramos conta no seu día

xoves, 5 de xaneiro de 2012

Anxo Lorenzo versus Anxo Lorenzo

Non se me ocurre mellor despedida da Secretaría Xeral de Política Lingüística a Anxo Lorenzo que este artigo escrito por Anxo Lorenzo n´A Nosa Terra, o 10/05/2008. O título orixinal do artigo: Política lingüística e 'consenso' en Galicia?
Estase a difundir a idea de que o modelo lingüístico de coexistencia entre galego e castelán está sendo substituído por un de imposición do galego, sendo o goberno da Xunta de Galicia o responsable dese cambio. A realidade parece apuntar noutras direccións: por unha banda, é o Partido Popular quen está a separarse do vieiro lingüístico consensuado nos anos 80 por motivos de estratexia partidaria (desgastar o goberno); e, por outra, o PP está en desacordo co contido da política lingüística actual, diferente da que eles implementaron. O primeiro aspecto –o PP afástase do “pacto lingüístico”– supón unha novidade política que cumprirá analizar con certo vagar nestes meses en que remata a actual lexislatura; o segundo aspecto –o PP está en desacordo coa política lingüística do goberno actual da Xunta de Galicia– é absolutamente coherente desde a lóxica política.
O que podemos denominar como “pacto”, “consenso” ou “acordo” lingüístico confórmase mediante os contidos lingüísticos do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 e da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Cales son, ao noso entender, as características principais dese “pacto lingüístico”? En primeiro lugar, a cooficialidade –en Galicia, galego e castelán teñen plena igualdade xurídica–; en segundo lugar, a declaración do galego como lingua propia; en terceiro lugar, derivado do aspecto anterior, a decisión de pór en marcha un proceso institucional e social de “normalización” da lingua galega, por se atopar esta en situación de desigualdade respecto do castelán; e, en cuarto lugar, o respecto polo principio de individualidade: que cadaquén utilice a lingua da súa preferencia nas comunicacións non institucionalizadas.
Amparados nese “pacto lingüístico”, os diferentes gobernos do Partido Popular aplicaron unha política lingüística de baixa densidade e intensidade. Os seus sinais de identidade en materia lingüística foron os de lexislar pouco, non desenvolver a planificación lingüística e non se preocuparen excesivamente porque se cumprisen as poucas normas lingüísticas (ou con repercusións lingüísticas) que eles mesmos aprobaban. Foi, en definitiva, unha política lingüística inhibidora e de profundidade escasa na promoción da lingua galega. A coartada ideolóxica para non facer máis chegoulles aos gobernos populares da man do bilingüismo harmónico (BH), construto ideolóxico de feble baseamento epistemolóxico que foi deseñado ad hoc para xustificar aquela política lingüística rácana. Agora ben, o BH é un construto partidista promovido exclusivamente polos gobernos fraguistas, sen que en ningún caso formase parte do “consenso lingüístico” inicial.
O cambio de gobernoCo cambio de goberno, unha coalición PSdG-BNG non pode desenvolver a mesma política lingüística có PP. Abonda con ler os programas electorais das últimas eleccións autonómicas para comprobalo. Agora ben, cambiar os vimbios, o rumbo e mesmo o ritmo desa acción lingüística gobernamental non significa que se estea a alterar o “consenso lingüístico”: o que este goberno pretende é, seguindo no mesmo modelo, afondar en certas estratexias planificadoras que lle dean ao galego un maior folgo social e institucional. E unha boa proba disto é o novo decreto de ensino aprobado o ano pasado.
O novo decreto persegue o mesmo obxectivo có anterior: que todo o alumnado aprenda por igual galego e castelán. A principal novidade é a estratexia para acadar ese obxectivo: aumenta a porcentaxe de materias que, como mínimo, se deben impartir en galego. Significa isto un cambio no modelo de ensino bilingüe instaurado en Galicia desde 1983? Por suposto que non: nin hai modificación do obxectivo lingüístico final (competencia nas dúas linguas oficiais), nin se está implantando a inmersión lingüística, nin se obriga a ninguén a usar unha lingua ou outra.
En cambio, son outros os que si queren unha mudanza no modelo lingüístico educativo, pedindo a segregación do alumnado en función das preferencias lingüísticas familiares. E isto, que altera o “pacto lingüístico”, tamén o reclama agora o PP: despois de máis de vinte anos valorando os beneficios do bilingüismo educativo, de termos estudantes que coñezan as dúas linguas oficiais por igual, esta forza política opta agora por apoiar un cambio de rumbo cara á separación das linguas na educación. Quen se aparta nesta cuestión do “consenso lingüístico”?
Argumentar que o presidente da Xunta de Galicia está a modificar o “modelo lingüístico” de Galicia é unha falacia. Quen se está afastando dese consenso é o Partido Popular, na procura dun rédito político a curto prazo, descolocado polo seu papel de oposición despois de tantos anos de goberno. Ademais, o que o PP non acepta é que haxa outras formas de facer política lingüística, diferentes das súas, máis centradas na promoción e na revitalización da lingua galega, sen imposicións nin obrigacións, pero con firmeza nas estratexias de acción positiva e na utilización da planificación lingüística como ferramenta de traballo. Algo que eles non quixeron ou non souberon facer cando foron goberno. E esa nova política lingüística está integrada sen maiores problemas no “pacto lingüístico” consensuado hai máis de vinte anos

Non teñen dereito a facelo

David Otero escribre sobre o globo-sonda do posible traslado dos festivos do 17 de maio e 25 de xullo aos luns. Na Asociación Cultural Vagalumes:


Son como son, e que sexan, pero que non se pasen. Que non se pasen para ofendernos e sobre todo faltarnos ao respecto. Eles, os do noso goberno ( ao que non lle direi galego, pero goberno si), están onde están por haber sustantivo ( galegas e galegos, GALICIA, pobo e nación) e así adxectivos e celebracións ( datas de maior presenza e atención para recordo e afirmación determinada) e todo nunha esencia indiscutible de identidade que nos posibilita, facilita e determina, nos desenvolve, e nos orienta na cultura: a nosa Lingua Galega. Desde os anos vinte do século pasado, e antes , a proposta no traxecto do proxecto de Galicia foi celebrar o día da Patria o vintecinco de xullo e caese esta no día da semana que caese. Outra cousa foi o que desta data se fixo e se fai, arestrora querelo poñer nun luns así de friamente, a sinal de calendario laboral, pero en nós, galegas e galegos, o fundamental non se move e está presente e consolidado no 25 de xullo, día da Patria Galega, non outro, día de loita e celebración, irmandade plena de reivindicacións. Outro tanto, e mire vostede Don Paco del Riego e tamén tantos outros como o mesmo Valentín Paz Andrade e a RAG, miren o que os de arriba se permiten. O de pasar a un luns de compensar empresarial o DÍA DAS LETRAS GALEGAS ( como se o 17 de maio non tivese contido e significado e si parranda e praia se fixer bo tempo ou pontes de anuncio a ofertas de turismo)  Andan a xogar perigosamente co que somos e temémonos que no fondo de todo isto hai outras intencións  que de seren certas, por elas, haberá que pedir responsabilidades e non poucas, xa que aquí non todo pasa de vez e veña a outra cousa que aquilo xa foi e amén.Pois non.Non teñen dereito a trocar días explícitos con valores implícitos. Días xa ben determinados en datas invariables. Días que nos definen e nos poñen nos mapas e a un ben deles por eles os colocan nos escanos dos gobernos e nos  postos de altos soldos e cualificacións. Eu non quero recorrer aos mortos, pois entendo que os vivos bastarán, pero permítaseme que pregunte que dirían disto e que farían Rosalía, Alexandre Bóveda, Castelao, Victor Casas, Rajoy Lelup, Anxel Casal, Otero Pedrayo, Celso Emilio, Valentín Paz Andrade, Don Paco del Riego, Moncho Reboiras, e tantas e tantos, se isto pasase cando eles traballaban intensamente pola construcción de Galicia, pobo do galego? E xa que logo… que imos dicir e facer os presentes? Galicia forma parte da grande creación da humanidade.Galicia, pobo do galego, ten as súas referencias, datas de ben e sinaladas, entre elas, o dezasete de maio e vintecinco de xullo, Lingua e Patria, e non poden celebrarse  en baseamentos de neocoms ou neoliberais. Basta de loros servís a piratas de investimentos. Non todo, ou nada, debese medirse por rendas de cotizacións en mercados. As nosas datas non son parte nin trato de mercaderías.Estas datas irrenunciables non son cousas de mercadeos, de comenencias ou oportunismos, sexan libros ou turismo. Estas datas son moito máis. Son referentes que nos axudan a andar, a vivir en plenitude como membros dun pobo e dunha patria, dunha nación. Os cambios que pretenden desde a casa grande San Caetano son golpes directos aos corazóns do noso maior maior corazón ( Galicia). Non teñen dereito a facelo e si o deber de conservalo como está e a poder ser ( que iso non ha ser doado no caso deles) facelo medrar e desenvolver.Ir a máis e mellor.

mércores, 4 de xaneiro de 2012

3.1 versus 5.1

Acábame de chegar unha carta do Valedor do Pobo, en contestación a unha queixa que lle presentara pola súa resolución no caso da censura ao libro de texto de Coñecemento do Medio de 5º de primaria . Nesta resposta, despois de citarme (íntegramente) o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, continúa:
Esta institución entende que un libro de texto está suxeito ao rigor científico na transmisión dos contidos, que é a primeira das esixencias do traballo intelectual. O devandito rigor científico está vinculado á calidade do ensino.
Neste sentido, o obxectivo da unidade era dar a coñecer ao alumnado a configuración estatutaria da comunidade autónoma galega e o seu goberno. No que atinxe ao réxime xurídico das linguas oficiais na nosa comunidade, debe ser dado acoñecer aos alumnos dun xeito íntegro, polo que a transcrición incompleta do artigo 5 non transmite ao alumnado o exacto marco normativo dos idiomas galego e castelán en Galicia. 
Curiosamente, a pesar da petición de rigor, non cita o decreto 130/2007 no que se establece o currículo da educación primaria, e tampouco a LOE, onde si se fala do rigor científico dos libros de texto, pero aclarando que ese rigor debe ser o acaído á idade dos alumnos e ao currículo.
Curiosamente unha resolución dunha institución non vinculante, o Valedor do Pobo, por primeira vez, vai establecer, con toda rigorosidade, cal debe ser o contido do currículo dunha materia. Claro que o rigor didáctico non chega ao punto de indicar a que idades corresponde a necesidade de dar a coñecer íntegramente o artigo 5. A falta de concreción eleva esta recomendación a todos os alumnos, incluídos os matriculados nas Galiñas Azuis.
A carta continúa:
Por outra banda, a referencia á oficialidade lingüística que se fai no recadro "Para saber máis" é inexacta e confusa. No seu primeiro parágrafo sinala que "A Constitución establece que o castelán é a lingua oficial de España". No seguinte apartado afirma que "O galego é a lingua oficial en Galicia". O uso do determinante semella  que é a única lingua oficial, e aínda resulta máis confuso cando se está a falar do castelán como lingua oficial en once comunidades autónomas. Xa que logo, desde o punto de vista pedagóxico, sería moito máis sinxelo reproducir literalmente no libro de texto o artigo 5 do Estatuto completo, que establece claramente a oficialidade dos idiomas galego e castelán e a súa configuración xurídica, distinguindo entre lingua oficial e lingua propia.
Curiosamente só lle podo dar a  razón ao señor Benigno López cando indica que o uso do determinante nos fai pensar que só hai unha lingua oficial en Galicia se el, a un tempo admite que ese mesmo uso dese mesmo determinante nos fai pensar que só hai unha lingua oficial en España, polo que, en rigor co expresado anteriormente polo propio Valedor, para dar a coñecer o réxime xurídico das linguas oficiais, deberíase incluir tamén a totalidade do artigo 3 da Constitución Española, e non só o punto 3.1, o que declara ao castelán como lingua oficial en España.
O contido íntegro da resolución é accesible na páxina web desta institución. Da súa lectura poderá comprobar que non foi solicitada a retirada do libro senón que non se seguirá a utilizar no entanto [sic] non fora corrixido no sentido indicado, recomendación aceptada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que arbitrou o mecanismo, no seu criterio, máis oportuno. A maior abastanza, sobre a falta de rigor no libro de texto, cómpre reparar sobre a situación no mapa da cidade de Santiago de Compostela, situada no golfo ártabro, preto da ría de Betanzos, Sobre esta o outras cuesións análogas, esta institución non se pronunciou por non seren obxecto de queixas.
Curiosamente este parágrafo dá a impresión de querer establecer a corrección da funesta resolución de censura do Valedor do Pobo na admisión da recomendación por parte da Consellería de Educación, no entanto, a misión do Valedor é a de supervisar a actividade da Administración co fin de tutelar os dereitos dos cidadáns, e non a de pisar estes dereitos para xustificar e, aínda menos, como é o caso,  incentivar os abusos da Administración, ou polo menos iso é o que di a lei 6/1984 pola que se regula a figura do propio Valedor.
Curiosamente o Valedor non admitiu a miña reclamación; segundo el en virtude da lei 6/1984. Paradoxos lexislativos!.

Finalmente, en virtude do dictaminado polo Valedor, xa todos sabemos que cada vez que se diga que o galego é a lingua propia de Galicia (5.1 do Estatuto), temos que, indefectiblemente e a maior gloria da imposición, dicir tamén que o castelán é a (e non unha) lingua oficial (3.1 da Constitución). Pola contra, cando digamos isto último o Valedor non nos insta a acompañalo do primeiro. Segundo o que eu podo enxergar, do que se trata é de baleirar de contido o apartado 5.1 do Estatuto para impoñero único que desde os ámbitos de poder consideran importante, usar o 3.1 da Constitución  para arrasar cos dereitos e a identidade dos pobos que curiosamente temos lingua propia.

Dicionario de química

O 2011 celebrouse, na honra de Marie Curie, o ano da Química. Antes de que rematara, o SNL da Universidade da Coruña, presentou un dicionario de Química da autoría de Ramón Vilalta, Juan José Guillín Fraga e Antonio Varela Caamaño. Con máis de 400 páxinas e 7000 termos definidos trátase dunha nova aportación á normalización do ámbito científico. 
A obra conta ademais con apéndices de información complementaria de interese. Para mostra, por exemplo a da imaxe, cos elementos da táboa periódica.
Un pasiño máis.


martes, 3 de xaneiro de 2012

Sabes por que o 2011 é o Ano Internacional dos bosques?



Con motivo da segunda edición do Día da Ciencia en Galego, a Coordinadora Galega de ENDL e o Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela organizaron esta videoconferencia con dona María Isabel Fraga Vila, profesora e membro da cátedra de Botánica da USC e directora do Museo de Historia Natural. A videoconferencia tivo lugar o 4 de novembro de 2011 e nela participaron máis de 4300 alumnos e alumnas dende 64 colexios de toda Galicia. A Unidade Multimedia e TIC da USC fixo posíbel este multitudinario encontro a través da rede.
Ésta é unha das dúas videoconferencias organizadas pola CGENDL con motivo do II Día da Ciencia en Galego, e que xa podemos ver no seu portal.

luns, 2 de xaneiro de 2012

Os bisnetos da leiteiriña

Xa quedan poucos dias para poder ir visitar a exposición de fotografías de Ruth Matilda Anderson no Centro Social de Novacaixagalicia en Ourense.
Entre os anos 1924 e 1926 Ruth Matilda obtivo 5000 fotografías de excelente factura que ademais teñen o valor engadido de estaren moi ben documentadas. Con esta escolma temos tamén un retrato da Galicia daqueles tempos.
Velaquí unha desas imaxes, a da leiteiriña. Vestida pobremente, descalza, coa mirada baixa.  Como en moitas fotos da exposición, impresionan tando a miseria material como a respectabilidade que transmiten as xentes retratadas. Xunto a esta fotografía había un texto que dicía aproximadamente: todos os nenos falaban galego, porén nas escolas só se aprendía o castelán.
Hoxe os bisnetos da leiteiriña poden ter aproximadamente a mesma idade que ela tiña cando lle fixeron este retrato.Estes nenos seguramente terán roupa nova e calzado, mais cómpre preguntarse se serían dignos de aparecer retratados á súa beira. Pensemos, por exemplo, que fixeron estes nenos coa lingua da súa bisavoa.

Dicionario inglés-galego

Algo tan normal, se houbera normalización real, como un dicionario de inglés, non debería ser nada a destacar nun blogue adicado á nosa lingua. Porén como eu nunca tal vin, un dicionario inglés-galego, teño que resaltalo aquí. Para que as clases de inglés nos sexan un pouco máis próximas.
De 2.0 editora, anúnciase como o primeiro gran dicionario bilingüe inglés-galego.
Compría que os valedores do presunto plurilingüismo, ou o inglés en castelán, apoiaran a edición e divulgación desta ferramenta didáctica, non sexa que vaiamos pensar que o que se escribe neste blogue é certo. Ademais, no seu día xa participaron na presentación dun dicionario latín-galego.
Non quero pensar que a sorte que desde as institucións lle desexan ao galego, sexa a mesma que a do latín, pois eu, como Curros, agardo que sexa a do inglés.
En conclusión, vai unha invitación a botarlle un ollo a este libro pois nos andeis de ningún estudante deberíamos botar en falta unha axuda á normalización que tamén o é para avanzar nas aulas de inglés.

Sobre dereitos lingüísticos, os seus valedores e os seus agresores

por Xosé Ramón Freixeiro Mato, en Terra e Tempo:


Hai aproximadamente un mes compareceron en días diferentes perante a Xustiza, na Audiencia Provincial de Lugo, dous ex-deputados do Parlamento galego que presentaran a súa demisión como tales pouco tempo antes e un deputado galego do Parlamento español, aínda en exercicio da súa función, por un turbio asunto derivado da súa actividade pública que non imos comentar aquí. Como os medios de comunicación fixeron seguimento desta noticia, puidemos informarnos de que un dos ex-deputados, Fernando Blanco, demorou durante dúas horas a súa comparecencia perante a imprensa para comentar as súas declaracións á xuíza porque exixira, antes de as asinar, que estivesen recollidas na mesma lingua en que foran proferidas, isto é, en galego. Este feito converteuse na anedota do día e diso cabe deducirmos que as outras dúas personalidades públicas, que compareceran previamente, con seguranza fixeran as súas declaracións en español. 

domingo, 1 de xaneiro de 2012

Cal é a fonte destes estraños e balorentos topónimos?

"Os nomes de lugar da Galiza nos mapas Bing son pre-constitucionais, é dicir, datan da época da ditadura de Franco, estrañamente 'traducidos ao español ". Estes topónimos xa están en desuso. A Lei de normalización lingüística, que aprobou as formas galegas como único nome oficial dos nosos lugares pronto fará 30 anos. Cal é a fonte destes estraños e balorentos topónimos?"
Se ao ver o mapa adxunto, ou mesmo mirando no web de mapas Bing, concordas con este texto, desde a CiberIrmandade convídannos a copiar/pegar a versión en inglés deste texto que eles mesmos nos ofrecen para enviarlla a Bing. Aquí vén todo explicadiño.
A pregunta é completamente pertinente. Bing, como todo o relativo á arañeira de internet, é unha ferramenta nova. A que escuros e barolentos arquivos irían a remexer?

Ano novo, Mesa nova

Despois de celebrar o pasado mes de abril 25 anos na defensa do galego , A Mesa pola Normalización Lingüística cambia de local. O seu novo enderezo é Avenida de Lugo 2A-entresollado, en Santiago de Compostela.
E tamén muda o seu aspecto-web. A verdade é que xa lle compría un cambio. No portal anterior  a infografía e o uso de imaxes en xeral estaba prácticamente fóra de xogo. O novo loce un aspecto moi mellorado e moito máis atractivo.
Neste web renovado, polo momento, bótase en falta un acceso aos contidos do portal anterior. Polo momento aínda é demasiado aventurado comentar moito sobre o cambio pois ben se ve que aínda queda moito por actualizar no novo espazo. Por exemplo, se temos en conta que a traxectoria da Mesa dos últimos anos podía seguirse ata hai pouco por medio da súa lista de noticias e comunicados, que se multiplicaba pola arañeira da rede en múltiples ligazóns que partían do espazo de referencia mantido pola Mesa, agora non temos esa opción, aínda  que a nova estrutura apunta a que ésta e outras posibilidades serán accesibles a non moito tardar. Supoño que isto é culpa das complicacións tecnolóxicas e que, aos poucos, teremos a un par de cliks acceso a toda a información antiga, e polo que se enxerga, a contidos que creo que son novos, como o que parece ser a posibilidade de consulta das revistas LongaLingua. Con esta renovación, o valor de campañas como Abertos ao galego de seguro que se vai incrementar.
Parabéns pola estrea, e sorte coa mudanza.