É un dos Premios da Crítica 2011. No seu caso, por liderar un traballo A importancia da similitude interlingüística e o bilingüismo equilibrado cando dúas linguas compiten, realizado xunto con Luis Seoane e Juan Nieto, que concilia a investigación en ciencias experimentais coas humanidades e as ciencias sociais e que tivo e está a ter unha grande recepción e impacto en Galicia e nos circuítos científicos internacionais.
Ademais Jorge Mira é o autor deste libro de divulgación científica,'A ciencia no punto de mira'. Un oasis no deserto da divulgación científica en galego.
O libro achéganos 63 temas científicos explicados de forma moi sinxela, incluso coloquial. A vontade de chegar a todo tipo de público podémola ver, por exemplo, no capítulo adicado ao paradoxo do aniversario. Trátase de determinar cantas persoas precisamos xuntar para que a probabilidade de que dúas delas teñan o mesmo aniversario sexa de polo menos un 50%. Curiosamente a resposta é que basta con que haxa 23 persoas. E ao xuntarmos 60 a probabilidade chega ao 99%.
De forma moi intelixente, Jorge Mira, no canto de darnos unha lección de combinatoria, desmonta o prexuízo do que normalmente partimos cando nos expoñen ese problema: o consistente en pensar só nos que naceron o mesmo día que un. O cerne está en decatarse de que temos que estudar as parellas de persoas e non é difícil ver que con 23 persoas podemos formar 253 parellas distintas. Deste xeito Jorge Mira demostra que, aínda sendo certo que os prexuízos fan inzar actitudes reprobables, para desmontalos non se precisa profundizar senón que chega con saber escoller o punto de mira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario