Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 2 de xaneiro de 2012

Os bisnetos da leiteiriña

Xa quedan poucos dias para poder ir visitar a exposición de fotografías de Ruth Matilda Anderson no Centro Social de Novacaixagalicia en Ourense.
Entre os anos 1924 e 1926 Ruth Matilda obtivo 5000 fotografías de excelente factura que ademais teñen o valor engadido de estaren moi ben documentadas. Con esta escolma temos tamén un retrato da Galicia daqueles tempos.
Velaquí unha desas imaxes, a da leiteiriña. Vestida pobremente, descalza, coa mirada baixa.  Como en moitas fotos da exposición, impresionan tando a miseria material como a respectabilidade que transmiten as xentes retratadas. Xunto a esta fotografía había un texto que dicía aproximadamente: todos os nenos falaban galego, porén nas escolas só se aprendía o castelán.
Hoxe os bisnetos da leiteiriña poden ter aproximadamente a mesma idade que ela tiña cando lle fixeron este retrato.Estes nenos seguramente terán roupa nova e calzado, mais cómpre preguntarse se serían dignos de aparecer retratados á súa beira. Pensemos, por exemplo, que fixeron estes nenos coa lingua da súa bisavoa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario