Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 30 de abril de 2018

Os séculos escuros do IES Fonmiñá



Recollín este vídeo sobre os séculos escuros do Portal de Belén. Colaboraron na súa realización os alumnos de 3º da ESO do IES Fonmiñá (A Pastoriza)

Enrique Labarta Pose: alén de Troia

por Jorge Mira, na Tribuna da RAG;


O Congreso dos Deputados de España, na súa comisión de cultura, aprobou por unanimidade o 24 de outubro de 2017 unha proposición non de lei cuxo texto di (diario de sesións núm. 349, páxina 34): "El Congreso de los Diputados manifiesta la voluntad firme de dar a conocer y promover la difusión de la figura y de la obra del intelectual, escritor y poeta baiés Enrique Labarta Pose, e instar a promover la firma de convenios de colaboración con el Ayuntamiento de Zas, en el que se ubica la localidad de Baio, donde nació, y con las entidades culturales Adro y Badius, que vienen emprendiendo actualmente actividades de homenaje y conmemoración de la vida y obra del escritor."
É este un xusto recoñecemento a unha figura capital das letras galegas, e da cultura do noso país en xeral, no período de cambio do século XIX ao XX.

domingo, 29 de abril de 2018

Freixanes: "a situación da lingua galega é mala"

Xosé .Mexuto entrevista a Víctor Freixanes para o Sermos Galiza:

Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951) é un conversador torrencial e manexa con destreza todos os rexistros. Domina a frase curta, mais tamén a sintaxe máis alambicada. É sempre un escritor, até cando fala. É tamén unha personalidade poliédrica, non reductíbel a un arquetipo. Novelista, ensaísta, xornalista, editor, presidente da Real Academia Galega. Nesta entrevista falamos sobre a iniciativa da RAG a favor da restitución dos apelidos á súa forma orixinaria, galega, mais tamén acerca do estado en que se acha o galego ou a propia institución que el preside, coa inevitábel figura de Ferrín a se recortar no horizonte. "Son partidario das políticas de inmersión lingüística", afirma.
Continúa a me impresionar o edificio da faculdade de Xornalismo, na USC, obra de Álvaro Siza, arquitecto multi-premiado. Si, mais apenas deixou espazo para os despachos dos profesores, verdadeiramente pequechos. "Son como as celas dun mosteiro", brinca Freixanes, cando nos franquea a porta do seu minúsculo gabinete. Case que non hai sitio para as estanterías. É cuarta feira. Cóntolle que Sermos leva uns días a publicar textos, quer no semanario, quer no dixital, sobre o proceso de restitución dos apelidos galegos á súa forma patrimonial e xenuína, a galega. A Real Academia Galega deu un pouco a pistolada de saída a ese debate coa publicación do seu estudo Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización. Damos comezo por aí á conversa.


-Que está a facer a RAG para que o seu traballo sobre os apelidos en galego resulte nunha efectiva recuperación dos patronímicos orixinarios do país?

As cifras do libro galego

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:

O Consello da Cultura Galega acaba de facer públicos unha serie de datos sobre consumos culturais, máis específicamente sobre a produción e consumo do libro galego na última década, en realidade dende o ano 2006, data de aprobación por unanimidade da Lei do Libro e da Lectura no Parlamento de Galicia, ata o ano 2016. Os datos serviron de referencia para os debates que o pasado xoves se celebraron na devandita institución, debates preferentemente de carácter sectorial, nos que participaron editores, libreiros, bibliotecarios, estudosos da edición, distribuidores, creadores, etcétera, mesmo algunhas técnicas da administración. Nada que os que estamos nisto non soubésemos, aínda que cando un observa os gráficos, as cifras, as tendencias da nosa realidade cultural no seu conxunto, imposible virar os ollos para outro lado. O panorama é certamente desalentador. Nos últimos anos, dende o ano 2008 ao 2014, o período mais duro da crise económica, o investimento ou gasto público en cultura diminuíu nun 58,40 por cento. 

sábado, 28 de abril de 2018

Por unha Xunta menos eficaz

por Manuel Rivas en Luzes:

Temos os erros equivocados. Estamos a queixarnos continuamente dunha Xunta ineficaz, dun Goberno de inútiles, dun Partido Popular de poder absoluto e absoluta incompetencia.

venres, 27 de abril de 2018

Llengua comuna




Xente coñecida de diversos ámbitos da sociedade participan nesta campaña da Plataforma per la Llengua, El català, llengua comuna. Ten como obxectivo defender e preservar os consensos sociais do pobo catalán arredor da súa lingua. 
Os aspectos máis relevantes da campaña consisten nun manifesto curto e claro no que se expoñen os puntos que se defenden coa mesma e unha serie de vídeos coas intervencións de persoeiros coñecidos. 
A campaña, que foi presentada o pasado 24 de abril (24/04/18),  está apoiada pola Generalitat de Catalunya. Alguén imaxina unha campaña semellante de Queremos Galego! co soporte da Xunta. Sería o ideal, pero mentres Queremos Galego! está do lado da nosa lingua, a Xunta mantense na súa contra.
Algún (ex-)presidente da Xunta participaría nunha campaña de promoción da lingua galega?

Cátedra e política en Otero

por Xesús Alonso Montero, en La Voz de Galicia:

Hoxe mesmo (20 de abril) comeza en Santiago de Compostela, no salón nobre de Fonseca, o Abril Oteriano, centrado, nas dúas primeiras xornadas, nos oito anos en que don Ramón Otero Pedrayo, xa outonal, exerceu como catedrático de Xeografía na Facultade de Filosofía e Letras (1950-1958). Don Ramón fixera as oposicións a esa cátedra na primavera de 1950, pouco tempo despois de ser reposto como catedrático do instituto de Ourense, onde estivera suspendido de emprego e soldo máis de once anos. Don Ramón foi aprobado por unanimidade, naquelas oposicións celebradas en Madrid o 31 de marzo de 1950. 

xoves, 26 de abril de 2018

O camaleón


Outra desas xoias de Seso Durán e o Obradoiro de música As Barxas, do IES As Barxas (Moaña)

mércores, 25 de abril de 2018

"O galego fermoso (e o que non o é tanto)" nos premios Youtubeir@s 2018



Este pasado venres 20/04/18 déronse os premios Youtubeir@s 2018 nunha gala celebrada no Teatro Colón da Coruña. Unha festa da lingua que se espalla polas redes. Seguramente o seu éxito debeuse a que a SXPL non meteu as súas gadoupas nela. Espero que continúe contabilizando éxitos e teña longa vida.
Como cabeceira desta entrada comparto un dos vídeos premiados. Velaquí a relación completa


luns, 23 de abril de 2018

O estrambótico mundo cuántico



Hai menos dun mes traiamos por aquí unha conferencia da matemática Elena Vázquez Abal que formaba parte do programa Achegando a ciencia que se está a celebrar en Lugo. Ao ver esta nova achega non puiden resistir compartila. Beizóns ao concello, ao colectivo Caladiños que organizan esta serie de conferencias divulgativas. A intervención de Cibrán Santamarina, de visión obrigada e un recurso para utilizar nas nosas aulas.
Por certo, especiais felicitacións pola gravación dos experimentos.

domingo, 22 de abril de 2018

A aldraxe de *Riveira apoiada pola Xunta




Cartel anunciador da V Feira da Educación de Ribeira



Hoxe remata a "B Feira da Educación de Riveira".
Non é que me equivocara ao escribilo, non. Está escrito mal a mantenta, por seguir a mesma lóxica que proclama o alcalde de Ribeira. Se el pode escribir un b coma un v, eu ben podo escribir un v coma un b e falar para denominar a V Feira da Educación de Ribeira.
Hai unha lei, a de normalización lingüística, que deixou ben claro que os topónimos teñen unha forma oficial e hai un desenvolvemento deste aspecto regulado por varios decretos. Un deles o 189/2003, establece recolle a toponimia maior da provincia da Coruña. O establecemento destes topónimos contou co traballo dunha comisión de especialistas. Aínda máis, como o empecinamento dos alcaldes de Ribeira en renegar da súa verdadeira denominación foi tan esaxerada, publicouse un estudo específico sobre o caso que podemos consultar aquí.

O alcalde de Ribeira recibe
aos visitantes con este insulto
Só pode haber dúas razóns para continuar insistindo na forma deturpada. Unha é a ignorancia. Eu non creo que este sexa o caso de Manuel Ruiz Ribas, o alcalde do concello. A outra razón é o do radicalismo do desprezo á lingua galega.
Respectar unha lingua, significa, entre outras cousas, fornecela de institucións, coidar os sabios que a estudan, e seguir as súas recomendacións. Respectar unha lingua é considerala como acervo común, intentar usala e escribila coa maior corrección da que sexamos capaces. Montar á entrada da cidade un letreiro co nome do concello deturpado é unha aldraxe á lingua, unha ofensa a todos os galegos. Pois isto foi o que fixo o alcalde Ruiz Ribas.

Apoio insitucional
Manuel Ruiz Ribas non é un calquera no PP. Lembremos que foi o portavoz do seu grupo parlamentario antes de chegar á alcaldía de Ribeira.
A celebración da V Feira da Educación contou co apoio da Consllería de Educación e a SXPL. Os seus máximos representantes acudiron a reforzalo coa súa presenza nesta edición: Román Rodríguez e Valentín García. Non podemos ver nisto outro cousa que un apoio á cruzada do alcalde contra o topónimo oficial, máis aínda, cando no cartel de anuncio da Feira, se insiste na grafía deturpada. As dúas entidaden achegaron axudas económicas para celebración da Feira, velaí que unha vez máis os cartos destinados ao prestixio da lingua galega se volvan a utilizar en arrastrala polo chan.

Manuel Bragado

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:


Hoxe as velas traen un pouco menos de vento. A retirada, «renuncia voluntaria», cese ou como queiramos dicilo, de Manuel Bragado ata hai dous días director e primeiro responsable de Edicións Xerais de Galicia abre un oco certamente importante na cultura do libro galego e na cultura galega en xeral, tan necesitada de azos, pulos estratéxicos, entusiasmos e firmezas. Durante 28 anos o editor vigués foi construíndo e, ao mesmo tempo, reforzando un proxecto que velaí está: no catalogo de títulos, na nómina variada de autores, nas ofertas de risco, na forza dos lectores e, moi especialmente, na proposta educativa, que foi a orixe do nacemento da editorial con Xulián Maure en 1979 (cun libro para o ensino das matemáticas) e que el continuou durante case tres décadas. De todos os que pasamos pola dirección de Xerais (penso agora tamén en Luis Mariño), Bragado foi o que máis tempo botou na ponte do navío. Ímolo botar de falta.

mércores, 18 de abril de 2018

Amando o común: a toponimia



Nas XXV Semana Galega de Filosfía orgnizada pola Aula Castelao participou Xosé Lois Vilar cunha conferencia sobre a toponimia na que reflexionou sobre a importancia e urxencia da recollida dos topónimos que están a piques de perderse pola falta de transmisión xeneracional debida aos cambios de vida dos últimos decenios.
Nesta conferencia escoitaremos ducias de topónimos, da súa recollida, dos seus significados, da súa relación coa historia e co patrimonio cultural do país.

luns, 16 de abril de 2018

O deporte galego fala galego



O 12 e o 13 de abril celebráronse os XX Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega. Unha das actividades máis exitosa dos mesmos foi a divulgación de varios vídeos nos que deportistas do país defenden con orgullo a lingua galega.

sábado, 14 de abril de 2018

Como poñer o contestador telefónico en galego


Moi boa iniciativa da Mesa que nos insta a poñer o contestador telefónico en galego. Cun vídeo de pouco máis dun minuto explica como facelo en cada unha das operadoras telefónicas.
Lémbrannos que aínda que a comunidade de galegofalantes vai medrando, tamén medran os nosos obxectivos.

venres, 13 de abril de 2018

Ciencia en galego no punto de mira do Taboada Chivite



Velaquí un dos 8 vídeos da lista que elaborou o alumnado de 2º de bacharelato C do IES Xesús Taboada Chivite (Verín). Tal e como nos contan desde o ENDL dese centro, este gorentoso traballo  tivo o seu inicio na lectura do libro A ciencia no punto de mira (Auga editora 2011), da autoría de Jorge Mira. 
A lista de reprodución titulárona Facendo ciencia en galego!, así, con admiración. E hai que facelo así porque desde o decretazo contra o galego a Xunta prohibiu traballar nas aulas de materias científicas en galego. Temos aquí, xa que logo, unha labazada en todos os fuciños da zunia gobernante. Isto encende aínda máis a nosa admiración polo traballo feito por estes mozos verineses (e o seu profesorado). Parabéns.
De entre os 8 vídeos escollín este de arriba porque trata dun tema que, a priori, parece pouco científico: a comunicación cos extraterrestres. Porén esta alumna de Verín explícanos marabillosamente como enfocar esta cuestión alonxándose de interpretacións pseudocientíficas. No segundo vídeo que recollo aquí relátasenos a peripecia científica do estudo da cancelación dos efectos do café e o alcol. O discurso é excelente e entretido, ademais, como no primeiro dos vídeos,  regálannos as tomas falsas. Que máis se pode pedir?


xoves, 12 de abril de 2018

O galego enxebre

por L. C. Carballal, no Praza Pública:


A castelanización do noso idioma, hogano galopante, trouxo consigo a lóxica perda de boa parte dos nosos trazos máis senlleiros, tanto léxicos coma gramaticais e, en menor medida, fonolóxicos –dado que a maioría dos castalanfalantes galegos presentan unha inconfundíbel dicción de orixe galega–. Poderíase afirmar que “todo o que non coincida ou se asemelle ao castelán está condenado a desaparecer”. De feito, é nos escritos onde máis e mellor galego se pode ver, algo, por outra banda, perfeitamente normal que ocorre en calquera outra lingua, mesmo naquelas plenamente normalizadas, mais que no noso caso é moitísimo máis rechamante pola nosa especial situación sociolingüística. Cando alguén, afeito á leitura en galego, ten como interlocutor unha persoa galegofalante pro non versada na nosa cultura, é case obrigado baixar o nivel de enxebreza do seu idiolecto pra manter unha conversa non interferida polas continuas explicacións sobre a súa linguaxe, que sería percibido normalmente como aportuguesado ou simplemente portugués.

Linguas para galegos

por Xavier Alcalá, en La Voz de Galicia:

Bruxelas é unha Babel moderna. En poucos lugares do mundo haberá tal concentración de falas por metro cadrado, e tanto interese por falar varias. De aí que no metro se vexan anuncios de aprendizaxe; e que pola utilidade se suxiran distintas linguas do globo. Hai dez anos primaban os cursos de mandarín; ultimamente, de turco. España anda revolta, e no enguedello político xorden as linguas. A utilidade é un dos argumentos en rexoubas e Cámaras parlamentarias. Así chegamos a se o galego é útil ou non; e daquela podemos volver a Bruxelas, onde os stagiaires galegos con vontade de chegaren a funcionarios da Comisión Europea escollen cursos de portugués. Entran nel coa máis alta cualificación, e grande envexa dos colegas alleos á lingua matriz da lusofonía: a galega.

Linguas para galegos

por Xavier Alcalá, en La Voz de Galicia:


Bruxelas é unha Babel moderna. En poucos lugares do mundo haberá tal concentración de falas por metro cadrado, e tanto interese por falar varias. De aí que no metro se vexan anuncios de aprendizaxe; e que pola utilidade se suxiran distintas linguas do globo. Hai dez anos primaban os cursos de mandarín; ultimamente, de turco. España anda revolta, e no enguedello político xorden as linguas. A utilidade é un dos argumentos en rexoubas e Cámaras parlamentarias. Así chegamos a se o galego é útil ou non; e daquela podemos volver a Bruxelas, onde os stagiaires galegos con vontade de chegaren a funcionarios da Comisión Europea escollen cursos de portugués. Entran nel coa máis alta cualificación, e grande envexa dos colegas alleos á lingua matriz da lusofonía: a galega. 

mércores, 11 de abril de 2018

A lingua non para. Vídeos gañadores do Correlingua 2018



Espectacular. Este primeiro é o vídeo gañador, na categoría de educación secundaria e bacharelato, do concurso de vídeo do Correlingua 2018, a lingua non para!, . Os creadores desta proposta foron os alumnos da ESO do CPR Seminario Menor a Inmaculada (Ourense), que puxeron en audiovisual un retallo do inmorrente Sempre en Galiza, de Castelao.



O segundo que presentamos aquí é o gañador na categoría de educación infantil e primaria. Este vídeo foi feito polo alumnado de 5ºA do CEIP Ramón Cabanillas (Santiago de Compostela).

P.S.: A organización do Correlingua tamén otorgou o premio ao Manifesto: 3ºC do IES Antón Fraguas (Santiago de Compostela). A súa proposta, Rapea, que a lingua non para!, abrirá todas as festas finais do Correlingua 2018.
A Banda Deseñad gañadora foi a de 5ºB do CEIP Albeiros (Lugo)-  A súa banda deseñada titúlase De viaxe por Galicia. A lingua non para.

Sermos Galiza

por Xosé Ramón Freixeiro Mato, no Sermos Galiza:


Co título que encabeza estas liñas viu a luz hai uns anos a publicación que as acolle e nel sintetízase a vontade de ser e de existir dunha nación con nome e con idioma propios, o primeiro posto en cuestionamento e o segundo en situación preocupante. O galego, a pesar das modificacións no seu status nas últimas décadas, pasa por un dos momentos máis críticos da súa historia, fundamentalmente pola acelerada perda de falantes que se produciu no tránsito intersecular, como pon en relevo a comparación dos datos do mapa sociolingüístico de 1992 cos do mapa de 2004. A situación inverteuse de forma dramática, pois a posición cuantitativa amplamente maioritaria do galego virou minoritaria nese breve período temporal. E aínda nun estudo da Real Academia Galega, de 2016, se afirma que na década de 2003-2013 se perderon 280.000 galegofalantes habituais, o que equivalería a case 20% do total dese grupo. Só en 10 anos!

luns, 9 de abril de 2018

Enreguéifate cos mozos da Pontepedriña


Enreguéifate 2018 from Raquel F on Vimeo.

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso. O vídeo que se achega aquí vén do IES da Pontepedriña (Santiago). Nel podemos ver o ben que o pasan nunha clase de regueifa. Ademais, non se trata só de reforzar a aprendizaxe oral da lingua, senón que centraron as creacións regueifeiras na denuncia do machismo.

sábado, 7 de abril de 2018

Telexornal María Victoria Moreno



Un ano máis chega desde o CPI dos Dices (Rois) o telexornal da figura homenaxeada no Día das Letras, dirixido por Luís Aldegunde. Un gran equipo e un gran resultado.
Supoño que a RAG non tardará en facerlles un contrato indefinido.
Nesta ocasión contan coa intervención dos escritores Xosé Antón Neira Cruz, Montse Pena Presas, Xesús Rábade Paredes, Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre, Francisco Castro, Susana Sánchez Arines, a profesora da USC Blanca Ana Roig Rechou, e o tradutor Xavier Senín. Non se pode perder.

venres, 6 de abril de 2018

Galego de lenda



Unha magnífica achega que vén do IES de Vilalonga na que nos traen algunhas lendas das máis salientables da comarca. Foi realizada por alumnas de 2º de bacharelato dese centro. Visibilizando o patrimonio inmaterial. 

mércores, 4 de abril de 2018

Matemaxia ou o decreto de plurilingüismo en evidencia


A banda de Möbius, a numeración binaria, as propiedades das mesturas por arrastre...Calquera profesor de matemáticas pode explicar sen dificultade calquera dos trucos que o mago Paco presenta neste excelente vídeo que gravaron no CEIP do Carballal (Marín). Está claro que a actividade resultou gorentosa para a rapazada que tivo a sorte de participar nela. Aprenderon matemáticas e, a un tempo, asistiron a espectáculo de maxia. 
A cara escura desta actividade non está na actividade en si, senón en que, para os absurdos parámetros da Xunta de Galicia, esta é unha actividade ilegal. Efectivamente, trátase dunha clase de matemáticas en galego, prohibida polo funesto decreto do plurilingüismo. O monstruoso do asunto sería que ésta fose a única clase en galego que este alumnado de 5º de primaria tivese en toda a súa vida escolar. Vendo un exemplo concreto do que prohíbe a Xunta é máis evidente de ata onde chega o nivel de odio á lingua galega dos gobernantes que padecemos. 
Unha vez máis, parabéns ao profesorado do CEIP do Carballal por achegaren ao alumnado unha actividade lúdica e formativa. Parabéns que fago extensivos ao mago Paco, por botar man das matemáticas nun dos seus espectáculos, ofrecendo unha nova perspectiva para o achegamento desta materia ás aulas.

domingo, 1 de abril de 2018

168 pasos cara á normalización

por Iván Area Carracedo, en La Voz de Galicia:

Non lembro exactamente a data. Era un mes de agosto e podería ter eu arredor de 10 ou 11 anos. Estaba de excursión nun autobús indo ao norte de Portugal cun grande amigo meu, dentro das actividades das «Jornadas do Ensino de Galiza e Portugal». Antes de chegarmos á alfándega, o pai do meu amigo preguntoume polo permiso paterno/materno necesario para entrar en Portugal. Non o levaba comigo. Ao chegar ao control, subiu unha parella da Guarda Nacional Republicana para facer a oportuna revisión de pasaportes. O meu amigo mais eu estabamos sentados na última fila do autobús, xunto co seu irmán e a súa irmá. A medida que a parella avanzaba cara a nós, xunto co organizador José Paz que ía explicando quen era cada unha das persoas, o medo era maior. Ao chegar a nós, José Paz dixo: «Aqui os meus filhos: Jorge Paz, David Paz, Núria Paz, e Iván Area». E a parella respondeu «óptimo». Pasado o susto, e xa en Portugal, entrei nunha oficina (posibelmente) da Caixa Geral de Depósitos coa intención de trocar un billete de 500 pesetas (aqueles azuis con Rosalía de Castro) en escudos. A persoa que me atendeu preguntou simplemente ‘canto’ e eu respondín ‘cinco centas’, que interpretou como ‘cinco contos’ (cinco mil -pesetas-). Este malentendido foi máis complexo de resolver que o permiso para entrar en Portugal. Penso que foi a primeira vez que tiven conciencia da importancia dos números en galego.