Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 22 de abril de 2018

A aldraxe de *Riveira apoiada pola Xunta




Cartel anunciador da V Feira da Educación de Ribeira



Hoxe remata a "B Feira da Educación de Riveira".
Non é que me equivocara ao escribilo, non. Está escrito mal a mantenta, por seguir a mesma lóxica que proclama o alcalde de Ribeira. Se el pode escribir un b coma un v, eu ben podo escribir un v coma un b e falar para denominar a V Feira da Educación de Ribeira.
Hai unha lei, a de normalización lingüística, que deixou ben claro que os topónimos teñen unha forma oficial e hai un desenvolvemento deste aspecto regulado por varios decretos. Un deles o 189/2003, establece recolle a toponimia maior da provincia da Coruña. O establecemento destes topónimos contou co traballo dunha comisión de especialistas. Aínda máis, como o empecinamento dos alcaldes de Ribeira en renegar da súa verdadeira denominación foi tan esaxerada, publicouse un estudo específico sobre o caso que podemos consultar aquí.

O alcalde de Ribeira recibe
aos visitantes con este insulto
Só pode haber dúas razóns para continuar insistindo na forma deturpada. Unha é a ignorancia. Eu non creo que este sexa o caso de Manuel Ruiz Ribas, o alcalde do concello. A outra razón é o do radicalismo do desprezo á lingua galega.
Respectar unha lingua, significa, entre outras cousas, fornecela de institucións, coidar os sabios que a estudan, e seguir as súas recomendacións. Respectar unha lingua é considerala como acervo común, intentar usala e escribila coa maior corrección da que sexamos capaces. Montar á entrada da cidade un letreiro co nome do concello deturpado é unha aldraxe á lingua, unha ofensa a todos os galegos. Pois isto foi o que fixo o alcalde Ruiz Ribas.

Apoio insitucional
Manuel Ruiz Ribas non é un calquera no PP. Lembremos que foi o portavoz do seu grupo parlamentario antes de chegar á alcaldía de Ribeira.
A celebración da V Feira da Educación contou co apoio da Consllería de Educación e a SXPL. Os seus máximos representantes acudiron a reforzalo coa súa presenza nesta edición: Román Rodríguez e Valentín García. Non podemos ver nisto outro cousa que un apoio á cruzada do alcalde contra o topónimo oficial, máis aínda, cando no cartel de anuncio da Feira, se insiste na grafía deturpada. As dúas entidaden achegaron axudas económicas para celebración da Feira, velaí que unha vez máis os cartos destinados ao prestixio da lingua galega se volvan a utilizar en arrastrala polo chan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario