Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 12 de abril de 2018

O galego enxebre

por L. C. Carballal, no Praza Pública:


A castelanización do noso idioma, hogano galopante, trouxo consigo a lóxica perda de boa parte dos nosos trazos máis senlleiros, tanto léxicos coma gramaticais e, en menor medida, fonolóxicos –dado que a maioría dos castalanfalantes galegos presentan unha inconfundíbel dicción de orixe galega–. Poderíase afirmar que “todo o que non coincida ou se asemelle ao castelán está condenado a desaparecer”. De feito, é nos escritos onde máis e mellor galego se pode ver, algo, por outra banda, perfeitamente normal que ocorre en calquera outra lingua, mesmo naquelas plenamente normalizadas, mais que no noso caso é moitísimo máis rechamante pola nosa especial situación sociolingüística. Cando alguén, afeito á leitura en galego, ten como interlocutor unha persoa galegofalante pro non versada na nosa cultura, é case obrigado baixar o nivel de enxebreza do seu idiolecto pra manter unha conversa non interferida polas continuas explicacións sobre a súa linguaxe, que sería percibido normalmente como aportuguesado ou simplemente portugués.
Xa que logo, como xa dixen noutro artigo, a lingüística galega actual xa recoñece varios niveis no uso da nosa lingua; situación apenas perceptíbel hai só unhas cantas décadas. Porén se esta realidade tamén se dá en calquera idioma normalizado, como o inglés, o francés ou o castelán, hai un elemento importante na nosa que nos diferencia: a diglosia. Os diferentes niveis con mellor ou peor uso lingüístico son xerados, as máis das veces, internamente naqueles idiomas, agás naqueles territorios onde entran en contacto con linguas xa existentes, namentres que nos do galego a interferencia do castelán é prácticamente omnipresente, mesmo por omisión, é dicir, por tentar evitar toda posíbel contaminación del.
Se antano se usaba o concepto “galego enxebre” para denominar un galego rural e pouco contaminado polo castelán, que aínda conservaba os máis dos trazos diferenciadores coa lingua prestixiada; actualmente, sería máis axeitado usalo para designar o galego básicamente culto, bastante descastelanizado –aínda que nisto se poden estabelecer tamén diversos graos– e usado por persoas cun importante coñecemento de galego e interesadas nel.
Non deixa de ser ben curioso que un boa parte dos “enxebrismos” léxicos e morfosintácticos coincidan entre os dous “galegos enxebres”, porque o “galego concienciado” actual, dado que toma conciencia de súa singularidade, recupera e asume aquel galego campesiño ou mariñeiro como a súa materia prima principal. Porén agora tamén incorporando unha normalización e estandarización daquela inexistentes, e recursos léxicos e estilísticos moi infrecuentes na altura.
O galego literario xurdido na posguerra, supuxo unha reacción ao usado no período anterior á guerra, cheo de “hiperenxebrismos”, certo, pro tamén con pretensións de superar a lingua basicamente popular decimonónica, recuperando trazos perdidos e procurando innovacións no portugués. En realidade foi unha lingua empobrecedora por caer no contrario da súa antecesora, resultando un galego pouco idiosincrático e moi permeábel ao castelanismo; no entanto, dende finais do pasado século existe unha concienciación lingüística que foi permitindo combater esa deficiencia sen caer na ultracorrección ficticia nin na desvirtuación do idioma que se dera naquel galego das primeiras décadas do s. XX. No plano do galego oral a importancia da TVG prá recuperación duns trazos máis enxebres é impagábel. Se os medios de comunicación foron decisivos prá castelanización e a deturpación do galego na nosa sociedade, parece xusto que sexan tamén os que contribúan á rexeneración do noso idioma.
Coido que a degradación da nosa lingua falada –algo que non satisfai a ningún galegófilo– ten como compensación unha maior preocupación polo seu bo uso e máis medios e recursos como xamais houbo. Quizais nunca antes se escribiu un galego máis pulido e descastelanizado ca hoxe, fóra do primeiro período medieval (s. XIII e 1ª metade do XIV), de forma xeral. Que contrariedade que o mellor galego escrito dos últimos séculos coincida co peor galego falado da historia. Mais penso e espero que aos poucos o galego escrito se vai ir filtrando no galego oral, amañando as carencias deste ata facer do galego futuro unha lingua digna do seu pasado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario