por Iván Area Carracedo, en La Voz de Galicia:
Non lembro exactamente a data. Era un mes de agosto e podería ter eu arredor de 10 ou 11 anos. Estaba de excursión nun autobús indo ao norte de Portugal cun grande amigo meu, dentro das actividades das «Jornadas do Ensino de Galiza e Portugal». Antes de chegarmos á alfándega, o pai do meu amigo preguntoume polo permiso paterno/materno necesario para entrar en Portugal. Non o levaba comigo. Ao chegar ao control, subiu unha parella da Guarda Nacional Republicana para facer a oportuna revisión de pasaportes. O meu amigo mais eu estabamos sentados na última fila do autobús, xunto co seu irmán e a súa irmá. A medida que a parella avanzaba cara a nós, xunto co organizador José Paz que ía explicando quen era cada unha das persoas, o medo era maior. Ao chegar a nós, José Paz dixo: «Aqui os meus filhos: Jorge Paz, David Paz, Núria Paz, e Iván Area». E a parella respondeu «óptimo». Pasado o susto, e xa en Portugal, entrei nunha oficina (posibelmente) da Caixa Geral de Depósitos coa intención de trocar un billete de 500 pesetas (aqueles azuis con Rosalía de Castro) en escudos. A persoa que me atendeu preguntou simplemente ‘canto’ e eu respondín ‘cinco centas’, que interpretou como ‘cinco contos’ (cinco mil -pesetas-). Este malentendido foi máis complexo de resolver que o permiso para entrar en Portugal. Penso que foi a primeira vez que tiven conciencia da importancia dos números en galego.
Recentemente tivo lugar o acto de presentación das achegas dun grupo de dez persoas ao Dicionario da Real Academia Galega. Máis concretamente, a revisión das entradas de matemáticas que ten o dito dicionario. Trátase dun traballo conxunto de profesorado das tres universidades galegas e de ensino secundario, así como de persoal do Instituto Galego de Estatística. Durante esta revisión fixemos reunións presenciais, virtuais, elaboramos documentos para partillar en internet, e intercambiamos preto de 500 correos electrónicos. Tivemos a oportunidade de aprender do labor dos demais, nun traballo interuniversitario e multidisciplinar. Ademais de matemáticos/as tamén contamos coa experiencia e bo facer do responsable da área de terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Compostela, Xusto Rodríguez Río. No meu caso concreto coincidiu con longas estadías de investigación en dous países de referencia: Brasil e Portugal. Alí tiven a fortuna de poder consultar e debater sobre terminoloxía, exemplos e interrelacións con colegas de primeiro nivel na investigación. Nos debates falamos da situación actual do galego. Puiden explicar o decreto 79/2010 que impide o ensino de matemáticas (e doutras ciencias) en galego no ensino non universitario. Negar esta posibilidade para o galego en boa parte do ámbito científico significa negar o recoñecemento do galego como unha lingua plena.
Este proceso de revisión do dicionario serviume para pensar en todo o profesorado de galego que tiven na miña vida, desde os meus pais na casa a Felisindo Rodríguez Villarino e Encarna Nieto Pazos no Instituto do Couto de Ourense; de todo o que aprendín cos profesores Isaac Alonso Estraviz e José Paz, e tamén de todo o que non aprendín. Durante todo este tempo estivo presente na miña ‘cachimonia’ o traballo de terminoloxía en matemáticas coordinado polo profesor Xosé Masa, outro membro deste equipo. Agora que pasou o día da presentación (pero non a romaría) penso que todo o equipo é consciente da achega que fixemos, ao sermos partícipes en primeira persoa da evolución académica dun idioma tanto coa introdución de novos termos, coa revisión dalgúns existentes, coma coa mellora de exemplos, que fixemos con infinito agarimo e de xeito altruísta. Abrimos a xanela para que outros colectivos poidan tentar realizar algo semellante. E tamén durante este tempo estivo moi presente na miña cabeza o nulo (incluso negativo) apoio institucional, máis forte nos últimos anos. A case inexistencia de campañas institucionais de normalización lingüística (Xunta, universidades, concellos e deputacións) ou simples apoios, salvo casos moi contados que son ben coñecidos, podería interpretarse como un lingüicidio premeditado.
O noso agradecemento a todas as persoas que fixeron posíbel o noso traballo, e que fican no anonimato de docentes comprometidas/os coa lingua. Un dos nosos obxectivos foi o de construír unha ferramenta que permita explicar as matemáticas desde o galego. O noso traballo serve como proba de que é posíbel facer matemáticas en galego. Contribuímos con 168 pasos. Fican moitos máis.
Iván Area Carracedo é coautor da revisión do léxico matemático no Diccionario da Real Academia Galega e profesor na Escola de E. Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo
Ningún comentario:
Publicar un comentario