Velaquí un dos 8 vídeos da lista que elaborou o alumnado de 2º de bacharelato C do IES Xesús Taboada Chivite (Verín). Tal e como nos contan desde o ENDL dese centro, este gorentoso traballo tivo o seu inicio na lectura do libro A ciencia no punto de mira (Auga editora 2011), da autoría de Jorge Mira.
A lista de reprodución titulárona Facendo ciencia en galego!, así, con admiración. E hai que facelo así porque desde o decretazo contra o galego a Xunta prohibiu traballar nas aulas de materias científicas en galego. Temos aquí, xa que logo, unha labazada en todos os fuciños da zunia gobernante. Isto encende aínda máis a nosa admiración polo traballo feito por estes mozos verineses (e o seu profesorado). Parabéns.
De entre os 8 vídeos escollín este de arriba porque trata dun tema que, a priori, parece pouco científico: a comunicación cos extraterrestres. Porén esta alumna de Verín explícanos marabillosamente como enfocar esta cuestión alonxándose de interpretacións pseudocientíficas. No segundo vídeo que recollo aquí relátasenos a peripecia científica do estudo da cancelación dos efectos do café e o alcol. O discurso é excelente e entretido, ademais, como no primeiro dos vídeos, regálannos as tomas falsas. Que máis se pode pedir?
Ningún comentario:
Publicar un comentario