Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 22 de abril de 2018

Manuel Bragado

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:


Hoxe as velas traen un pouco menos de vento. A retirada, «renuncia voluntaria», cese ou como queiramos dicilo, de Manuel Bragado ata hai dous días director e primeiro responsable de Edicións Xerais de Galicia abre un oco certamente importante na cultura do libro galego e na cultura galega en xeral, tan necesitada de azos, pulos estratéxicos, entusiasmos e firmezas. Durante 28 anos o editor vigués foi construíndo e, ao mesmo tempo, reforzando un proxecto que velaí está: no catalogo de títulos, na nómina variada de autores, nas ofertas de risco, na forza dos lectores e, moi especialmente, na proposta educativa, que foi a orixe do nacemento da editorial con Xulián Maure en 1979 (cun libro para o ensino das matemáticas) e que el continuou durante case tres décadas. De todos os que pasamos pola dirección de Xerais (penso agora tamén en Luis Mariño), Bragado foi o que máis tempo botou na ponte do navío. Ímolo botar de falta.


Ben sabemos que ninguén é imprescindible, e que as empresas (os proxectos) mudan cos tempos e coas persoas, teñen dereito e mesmo obriga de facelo, mais o capital humano (experiencia e coñecemento) é difícil de substituír. Ben me lembro daquelas noites dos anos 90 e 91, cando deseñabamos xuntos a liña estratéxica da editora (educación, literatura, cultura, investigación, comunicación, lecer, novos formatos), as súas achegas intelixentes, sempre documentadas, sobre todo cando tratabamos o tema educativo: a necesidade de construír materiais para unha escola renovada, comprometida na formación dunha cidadanía á altura dos novos tempos (que eran tamén novos soños). «Isto é unha fantasía», dicía diante da pantalla do ordenador. Pero a fantasía funcionaba.

A vida levounos logo por camiños diferentes (empresas diferentes), mais sempre mantivemos a relación necesaria para construír un edificio de vasos comunicantes, cada quen dende as súas responsabilidades, conscientes de que a industria da edición e da cultura precisa de espazos de encontro, estratexias compartidas e, sobre todo, o necesario e vivificante contacto co corpo social. Sen lectura non hai libros. Sen reflexión crítica non hai pensamento libre. Sen pensamento libre non hai sociedade, unicamente rebaños submisos.

O seu traballo no sector (A Asociación Galega de Editores, Culturgal, observatorios da edición, plataformas de opinión e debate nas novas tecnoloxías) foi valiosísimo nun ámbito onde desgraciadamente a cultura segue a ser un espazo incómodo, cando non ese floreiro que se pasea o día da festa nas procesións. Os que seguimos o seu discurso sabemos de que falamos. O libro galego perde un estratego fundamental. Oxalá poidamos recuperalo axiña noutros espazos ou noutras frontes. Edicións Xerais de Galicia perde un timonel. Oxalá os novos responsables do navío sexan conscientes do que iso significa.

Edicións Xerais de Galicia perde un timonel. Oxalá os novos responsables do navío sexan conscientes do que

iso significa

Ningún comentario:

Publicar un comentario