Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 23 de decembro de 2023

O valor das palabras. LGx15 2023


Paco Veiga, mestre, pedagogo e profesor de Lingua no IES de Melide é o primeiro protagonista da serie deste ano de LGx15 da CTNL

A intervención realiza un pequeno percorrido por conceptos (“palabras”) que axudan a debuxar a situación lingüística actual, desde a perspectiva de que, se non reflexionamos colectivamente sobre o que está sucedendo –sen pre-xuízos– dificilmente poderemos mirar cara ao futuro.

domingo, 17 de decembro de 2023

A Xunta patrocina a exclusión do galego nos novos proxectos audiovisuais


Neste anuncio da SXPL dáselle publicidade ao Conecta LAB da Asociación audiovisual CREA pois ten patrocinio da Xunta e da Deputación de Pontevedra. Alí infórmasenos de que

Os seis proxectos que participarán na nova entrega do laboratorio de CREA serán elixidos entre as máis de 200 propostas recibidas, das que un 40% están asinadas por mulleres e un 30% son en lingua galega.

 Isto é, dos participantes, un 30% están en galego. Dos 6 proxectos escollidos non se di nada, quizais ningún sexa en galego. Esta é a promoción que fai a SXPL da lingua galega. Non, non me estou equivocando de organismo, a nova aparece no portal da SXPL que presuntamente debería dedicarse a iso da normalización. O que vemos é que se dedica á destrución da presenza da lingua por todas partes. Pero isto non é todo, aínda hai máis.

Se un quer informarse máis, no propio portal do Conecta LAB, verá que lle aparecerá unha páxina na que o galego está excluído. En segundo lugar, nas bases do proxecto vemos que nestes proxectos audiovisuais o da lingua é o que menos importa pois que o proxecto se desenvolva en galego, non conta para nada. Velaquí o único punto onde aparece algo que teña que ver co asunto, puntuarase con 25 puntos (de 100) a relación do proxecto con Galicia e coa lingua galega. Hai que ser un idiota ou un radical anti-galego para non ver a trampa e o desprezo á nosa lingua en toda esta farramallada. Normalización? u-la?