Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Educación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Educación. Amosar todas as publicacións

mércores, 29 de abril de 2026

A lingua dos nosos nenos


 por Xosé-Henrique Costas no Nós Diario:

Hai uns días vin na rede un vídeo dun grupiño de rapazas participantes na actividade –fagocitadamente institucional– dos "21 días co galego". Daba para reflexionar bastante e comprobar tristemente as dificultades para aquelas nenas se expresaren nun galego fluído. Recoñecían que ningunha delas falaba o galego normalmente, aínda que na casa dalgunha os pais falaban. 21 días co galego no mes de xaneiro, si, moito ben, e antes? E despois? E no curso que vén? E os libros de texto? E o profesorado? E o lecer?

venres, 16 de xaneiro de 2026

LGx15. Unha galegofalante nas aulas de Compostela

María Maroño, estudante de 2º de Bacharelato no IES Eduardo Pondalm (Santiago de Compostela). É do Touro, o que lle permitiu criarse nun contexto integramente galegofalante. 

Fala do contraste entre as clases que recibíu no seu concello (rural) e as aulas onde agora estuda bacharelato. Relata como cambiaron algúns prexuízos cara á lingua e como a mocidade reacciona ante a chegada dunha rapaza que prioriza o uso do galego fronte ao castelán. Conta tamén algunhas anécdotas e solucións que aumentarían o uso do galego na xente moza e que propoñemos as estudantes dende organizacións como, por exemplo, Erguer. Estudantes da Galiza, da cal levo a responsabilidade na zona de Compostela.

mércores, 10 de decembro de 2025

Liñas de galego


 por Manuel Bragado no Nós Diario:

Decepcionoume o escaso eco do informe Un país coa súa lingua froito do foro organizado polo Consello da Cultura Galega coa intención de activar medidas que reforcen o uso social do galego. Entre elas son de interese as da comisión de Educación e Socialización, coordinada por Nel Vidal e Dolores Vilavedra, na que asumindo a necesidade de combinar planificación e educación lingüística, tabú para o Goberno de Rueda, se propón redefinir o enfoque do plurilingüismo situando o galego no centro de interese e fortalecéndose naqueles ámbitos, o tecnolóxico e científico, nos que hoxe non está. Resultan viables propostas para as que nin sequera sería imprescindible (aínda que si moi aconsellable) agardar á derrogación do decreto 79/2010, como ampliar e diversificar a oferta educativa en galego, fose por proxectos de enriquecemento lingüístico, fose ofrecendo liñas educativas nas que o galego é lingua vehicular, sempre que exista demanda suficiente e consenso na comunidade educativa. Secasí, resulta necesario impulsar unha campaña institucional e colaborativa que enxalce os beneficios de criar en galego cun enfoque emocional positivo e reforzo para as familias que o fagan. Certo é que resulta imprescindible revisar o modelo de educación lingüística, o que pasa por derrogar o decreto da vergonza de 2010 e acadar un acordo político transversal sobre un modelo alternativo que garanta que cada moza ou mozo ao remate da súa formación conte cun dominio operativo do galego equivalente ao doutras linguas de referencia, nada pois doutro xoves. Xaora, o documento das expertas do Consello da Cultura Galega, que merecería ser presentado no Parlamento, amosa que o acordo sobre a educación lingüística non pode quedar aparcado sine die. Deben activarse nos centros educativos medidas alternativas coma as citadas, e outras dun documento valioso, que vaian máis alá de lamentar os ataques lingüicidas ou de defender contra vento e marea un decreto que tanto dano fixo (e continúa facendo) ao galego. 

venres, 19 de setembro de 2025

Ensenya'm el catalá, no m'excoguis!


 Os alumnos do IES Josep Sureda i Blanes (Palma de Mallorca) montaron esta campaña para que os seus profesores non cambien de lingua, pois detectan que a súa competencia en catalán é inferior á de compañeiros que teñen un contacto continuado coa lingua. En definitiva, non queren verse excluídos.

xoves, 11 de setembro de 2025

Edixgal: unha ferramenta para reducir o uso do galego no ensino

O Edixgal é a gran aposta da Consellaría de Educación de materiais didácticos para os dous últimos curos de Primaria e os catro da ESO. Tamén é unha aposta clara da Xunta para continuar no camiño de que a cidadanía sexa cada vez máis ignorante da lingua galega. Os malos resultados de coñecemento de galego teñen unha causa ben clara: a política lingüística radical contra o galego do PP. Vexamos o exemplo do Edixgal.

Eu este ano imparto 4º da ESO. Miremos a lingua na que están os materiais que se lle ofrece á comunidade educativa neste curso. Non comentaremos nada das materias de Lingua Galega, Lingua Castelá e Francés pois os materais están nas respectivas linguas. O primeiro caso curioso é que unha das 5 editoriais que teñen contidos de Inglés, ten algunhas cuestións en castelán (e ningunha en galego).

Hai 3 materias que, dependendo da editorial, ofrecen os contidos en cadansúa lingua. Filosofía, Relixión  e Expresión Artística aparecen en galego na editorial Edebé e en castelán en Planeta nas dúas primeiras e en Netex a última das tres.

Hai 3 materias que teñen recursos exclusivamente en galego: Bioloxía e Xeoloxía, Economía e Xeografía e Historia. Serán outras 3 as que teñan recursos só en castelán? De ser así aínda se podería  tirar da bandeira do "equilibrio lingüístico" co que se promocionara ata a náusea o funesto decreto 79/2010, o de redución e exclusión do galego no ensino non universitario? Pois non.

No Edixgal encontramos as seguintes materias con contido exclusivamente en castelán: Cultura Clásica, Educación Física, Física e Química, Latín, Música, Dixitalización, Matemáticas A, Matemáticas B, Tecnoloxía e "Formación y Orientación Personal y Profesional"(sic), neste último caso, incluso o nome da materia aparece así escrito, supoño que será ese o seu nome oficial para a Consellaría de educación. Non sei se as contáchedes. Son 10 en castelán, fronte as 3 en galego. Non hai máis que explicar.

luns, 16 de xuño de 2025

Para que serve o galego? Sobre metalingüística, PAU nas rodas e homicidios imprudentes


 por Nel Vidal no Praza Pública:

Este texto podería entrar no exame de Lingua Galega e Literatura das PAU. Reúne todos os requisitos, tamén os non explicitados: fala sobre lingua e está escrito por un home.

martes, 18 de febreiro de 2025

Polo futuro do galego, con Valentina Formoso


Vídeo no que Valentina Formoso denuncia o apartheid lingüístico ao que se ven sometidos os galego falantes no sistema de ensino debido ás leis impostas unilateralmente polo PP de Galicia

 

sábado, 15 de febreiro de 2025

"Profe, ¿qué es cadela?"


 por María Obelleiro en Nós Diario:


CEIP dun concello do interior do país, afastado de grandes núcleos de poboación. Un neno de 5º de Educación Primaria, mentres cobre unhas actividades sobre conxuncións e preposicións na materia de Lingua Galega e Literatura, pregúntalle en voz alta á mestra por unha palabra que aparece nun dos enunciados e que descoñece: "Cadela". "Profe, ¿qué es cadela?". Responden dous nenos: "Una perra".

sábado, 23 de novembro de 2024

Mudar de rumbo

 


por Marta Dacosta en Nós Diario:

Na aula de primeiro da ESO, 12 anos, lemos o artigo do pasado outubro que analizaba os datos de uso do noso idioma. Xusto na súa franxa de idade. Poucos len fluidamente. E o español aparécelles na boca a moitos cando teñen que ler unha cifra ou unha sigla. Algún deles é galego falante. Mais só unha moza di manterse sempre na lingua, mesmo no patio do instituto, onde a omnipresenza do español convérteos en bilingües sen alternativa.

  

Voulles preguntando sobre os seus usos lingüísticos e comprobo que cando falan cos avós o uso da lingua aumenta, porque os seus avós seguen a falar galego, mentres que os seus pais xa non o usan na casa ou con eles e elas. Falo cos protagonistas dos datos e reflexionamos sobre o que din as estatísticas. Ás veces pregúntolles se, cando eles e elas sexan avós, falarán en galego cos seus netos. E non, non se ven a si mesmos falando en galego no futuro.

 

E que podemos facer? Responden ao seu xeito e veñen coincidir con outra rapazada que os antecedeu nas aulas, naquel 2019 que constataba que unha porcentaxe significativa xa non era quen de se desenvolver en galego. Que propoñen, neste caso, o alumnado de 2º da ESO, de 13 anos? No que mais coinciden é en que deberían recibir máis aulas en galego, até hai quen propón que sexa esa a lingua do centro. Tamén coinciden na necesidade de que haxa máis actividades en galego –cine, música, videoxogos–. Especificamente algúns sinalan a idoneidade de ler en galego. Outro punto de coincidencia: que os pais lles falen en galego aos fillos e que a propia mocidade use o galego na casa e tamén noutros ámbitos, facéndose responsábel da presenza do idioma. En menor medida propuxeron tamén: que a sinaléctica nas rúas e en internet estea en galego, responder en galego con quen nos fala esta lingua ou maior presencia do galego nos medios de comunicación e entre persoas famosas que poidan servir de referentes. Estas propostas poderían ser parte da nova carta de navegación para o galego. Mudemos de rumbo.

mércores, 12 de xuño de 2024

Abalar

 


por Manuel Bragado, en Nós Diario:Nós Diario:

Dende a fase de definición do Proxecto Abalar, curso 2009/2010, a Xunta de Galicia no seu programa de educación dixital priorizou os investimentos en equipamentos e infraestruturas sobre os de formación e creación de contidos dixitais. Un vicio inicial, nunca remediado, a pesar da confrontación dialéctica que ao longo da pasada década mantiveron as editoras educativas galegas coas responsables de Amtega, a axencia creada en 2010 por Feijóo coa intención, entre outras, de dotar a cidadanía das competencias e recursos para participar na sociedade da información. Prioridade das máquinas sobre as persoas consolidada co programa E-Dixgal –substituto de Abalar dende o curso 2014/2015, que ofrece unha educación completamente dixital– cuxa primeira motivación foi estritamente económica, xa que para Amtega constitúe unha opción máis barata que a defendida polas editoras educativas de utilizar un modelo híbrido, no que se utilizan materias didácticos tanto impresos como hipertextuais, escollidos polo profesorado entre todos os dispoñibles, tanto os comerciais das editoras como os compartidos de forma gratuíta polos centros. Estratexia do Partido Popular apenas cuestionada, mesmo polos grupos da oposición, que ademais de arruinar o sector da edición educativa galega, non contribuíu, como se agardaba, a enfrontar a cuestión esencial: o incremento da competencia dixital do alumnado e do profesorado. Por iso, chove sobre mollado que, diante das queixas recentes das familias sobre o funcionamento de E-Dixgal e o anuncio do abandono do programa por parte dalgúns centros, a Consellaría de Educación responda cun "estudo censal corporativo", no que se conclúe que os resultados académicos son parellos con independencia do uso do libro de papel ou dos contidos dixitais de E-Dixgal. Noutras palabras, despois de quince cursos de iniciada a experiencia de Abalar, tanto ten a escola de Xan como a de Pericán. Ben sería que Román Rodríguez explicase con cifras e letras semellante misterio.

luns, 3 de xuño de 2024

A Selectividade como arma contra o galego. O caso dos exames de Matemáticas

Hai uns días aparecía  por aquí unha entrevista a Ramón Lorenzo feita por Yolanda Castaño na que relataba como cando foi coordinador de COU (Curso de Orientación Universitaria) durante os cursos 1983-84 e 1984-85 tivo que enfrontarse ao rector e ao profesorado de secundaria que se opoñían á introdución do galego nos exames da selectividade. Por certo, a Consellaría parecía que nesa altura non tiña nada que ver co asunto pois só accedeu a permitir o uso do galego baixo presión. Sabémolo porque o relatou así Ramón Lorenzo. Este capítulo merecía estar incluído no Libro negro da lingua galega, de Carlos Callón

Xa que logo, o proceso de normalización das Probas de Acceso á Universidade estivo cargado de dificultades. Nos últimos tempos, baixo a héxira do decreto de prohibición e exclusión da lingua galega do ensino (decreto 79/2010), as circunstancias son propicias a cometer todo tipo de abusos coa lingua de noso. Chegou o momento de dar pasos cara atrás, a ver se ao ir a recú caemos no abismo da aniquilación da lingua. Tal parece ser o obxectivo.

Os exames da selectividade son obxecto de comentario público, os xornais están cheos de ttitulares comentando os feitos máis destacables. Que eu saiba, ningún dixo nada sobre a restra de barbaridades lingüísticas que aparecen, un ano tras outro, nos exames de Matemáticas. Céntrome nesta materia porque é a que coñezo ben, non revisei os exames doutras materias. Velaquí unha escolma do desleixo e desprezo ao galego cometido desde as Comisións de Matemáticas. Comezamos mesmo polo exame de Matemáticas aplicadas ás CCSS da convocatoria extraordinaria do ano pasado.exame de Matemáticas aplicadas ás CCSS da convocatoria extraordinaria do ano pasado. Xa aviso, custa traballo ler estes enunciados (os asteriscos son meus)

(Extraordinaria 2023) Nunha *furna A hai 8 *bolas verdes e 6 vermellas e noutra *furna B hai 4 verdes e 5 vermellas. Lánzase un dado e se sae un número menor que 3 sácase unha *bola da *furna A e se sae un número maior ou igual a 3 sácase a *bola da *furna B. Extraese unha *bola *o chou,

a) Calcule a probabilidade de que a *bola extraída sexa vermella. b) Sabendo que se extraeu unha *bola verde, cal é a probabilidade de que saíra da *furna A? c) Son independentes os sucesos “extraer *bola vermella” e “a *bola procede da *furna A “?

Poño foto do horror porque é difícil de crer

 Se aínda non che sangran os ollos, non te preocupes, hai máis casos irritantes:  

(Extraordinaria 2021) O 40% das persoas que visitan o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago son españolas. Sábese ademais que 4 de cada 5 españoles están satisfeitos coa visita, mentres que, entre os non españois, non están satisfeitos coa visita o 10%.

a) Calcule a porcentaxe de persoas satisfeitas coa visita.b) Cal é a probabilidade de que unha persoa *este satisfeita coa visita e non sexa española? c) ¿Son independentes os sucesos “non ser español” *y “estar satisfeito *ca visita”? Razoe a resposta.

(Xuño 2019) . Logo de anos de utilizalo sábese que a puntuación dun test de uso habitual en certa rama industrial segue unha distribución normal de media 74 e *desviación típica 16. Nunha empresa decídese realizalo a 100 dos seus empregados. 

a) Cal é a probabilidade de que se obteña unha media *muestral superior a 78 puntos, de seguirse a pauta xeral? b) E a probabilidade de que a media *muestral sexa inferior a 74 puntos?

Podemos continuar coa materia de Matemáticas:

(Extraordinaria 2021) Despois de t horas de funcionamento o rendemento *de unha máquina (*en unha escala de 0 a 100) *ven dado *por a función $r\left ( t \right )=\frac{kt}{t^{2}+4}$
a) Calcule K sabendo que o rendemento *as 4 horas *e de 76.
b) Calcule os intervalos de crecemento e decrecemento do rendemento durante *las 7 primeiras horas de funcionamento.
c) ¿En que momento se *consigue o rendemento máximo?, ¿Cal e o seu valor?

(Extraordinaria 2021)Unha empresa pode vender x unidades ao mes *de un determinado produto ao prezo de $518-x^{2}$ euros por unidade. Por outra parte, o fabricante ten gastos mensuais: *unhos fixos de 225 euros e outros de $275x$ euros que dependen del número x de unidades.
a) Determine as funcións I(x) e B(x) que expresan os ingresos e beneficios obtidos pola produción e venda de x unidades, respectivamente. Que beneficio se obtén se se producen e se venden 10 unidades? 
b) Calcule o número de unidades que hai que producir para obter o máximo beneficio. ¿A canto ascenderían os *ditos beneficios? ¿Cal sería o prezo de venda *de unha unidade nese caso?

Anotación final

Se alguén tivo o valor de ler estes enunciados comprobaría que marquei como erro a expresión "desviación típica". Nalgunha ocasión xa me dixeron que era eu que era o único que usaba a forma recollida pola RAG, a saber, "desvío padrón".  Pois non estaría mal, que como desagravio, as Comisións de Matemáticas fixeran caso e comezasen a estender a expresión "desvío padrón"

sábado, 17 de xuño de 2023

Polo de lingua


 por Marta Dacosta en Nós Diario:

Hai uns días, alguén dixo que o alumnado se desenvolvía moi ben falando en inglés. Valoraba que niso tiña un papel importante as múltiples medidas que a Consellaría ten implementado. Moitas persoas advertimos xustamente isto, que a Consellaría dedica cada vez máis orzamentos a inglés, mentres desatende outras partidas necesarias. Daquela pensei: "Non lle dedican o mesmo esforzo de planificación e de dotación económica ao galego (que non falan), se o fixesen... que pasaría?".

 

luns, 29 de maio de 2023

A Consellaría de Educación elimina 169 unidades didácticas de Matemáticas en galego

Hai pouco recordabamos unha funesta efeméride, o 20/05/2023 o decreto de prohibición do galego no ensino non universitario cumpría 13 anos. A pesar de todo moitos profesores continuamos a traballar na docencia en galego. A punta do iceberg desta resistencia podíase ver no repositorio de contidos educativos da Consellaría de Educación.  Facéndolle fronte ás prohibicións supremacistas moitos profesores continuaron elaborando materiais en galego de materias sobre as que, increíblemente, pesa a prohibición de traballalas en lingua galega, non así en inglés. Estámonos a referir ás materias científicas no ensino non universitario, e máis especificamente ás Matemáticas.

A Consellaría de Educación non debía estar moi contenta con esta mostra de resistencia, así que, aproveitando unha reestruturación do repositorio de materiais didácticos, dá un paso máis na súa aniquilación da lingua galega. Así, silandeiramente, eliminou do seu portal todas as unidades didácticas de ciencias en galego que se compartían no citado repositorio. No caso das Matemáticas só deixou unha en pé que contén material para a materia de Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais II:



Aínda bo é que, por depender dun organismo non gubernamental, podemos usar e consultar as 60 unidades didácticas do Proxecto EDAD para as Matemáticas da ESO. É unha vergoña que o pobo galego teña que recurrir a organismos externos á Administración para poder acceder a material educativo en galego. 

Como mostra da desfeita operada pola Consellaría de Educación vou dar a lista das 169 unidades didácticas de Matemáticas eliminadas das que eu tivera coñecemento (pode haber máis). Comezo polas que acabo de nomear, as do Proxecto EDAD, ás que anteriormente si se podía acceder desde o repositorio da Consellaría de Educación. Continúo co seguinte listado que é un recoñecemento a todas estas persoas que se nomean e traballaron por mellorar a educación galega mais tamén é unha lista da vergoña que bate nos fuciños deses inimigos da lingua galega que para oprobio da sociedade que gobernan aínda sentan nas caderias da Xunta.

Infantil

Xogamos cos números de Vanesa Sobrino Busto Eliminado pola Consellaría


1º de Primaria

Xogo matemático para o 1º Ciclo de EP de Fran Macías, Felo Couto e Xosé Antón Vicente Eliminado pola Consellaría


2º de Primaria

As táboas de multiplicar de Xosé Antón Vicente Rodríguez (coa aplicación Fórmula20 de Fran Macías) Eliminado pola Consellaría

Xogo matemático para o 1º Ciclo da ESO de Fran Macías, Felo Couto e Xosé Antón Vicente Eliminado pola Consellaría


3º de Primaria

Problemáticos  realizada por Xosé Antón Vicente Rodríguez   Eliminado pola Consellaría

De luns a domingo  de Ana Isabel Álvarez Vázquez Eliminado pola Consellaría

Produto cartesiano de Fran Macías, Felo Couto e Xosé Antón Vicente Eliminado pola Consellaría


4º de Primaria

Os números romanos realizada por José Carlos Sever Valverde  Eliminado pola Consellaría

Webquest: Unha tarde divertida  de Mª del Mar Lorenzo Núñez  Eliminado pola Consellaría

Os euros  de Olimpia Alcaraz Ladrero  Eliminado pola Consellaría

Eurobingo de Toni Miquel Moyá  Eliminado pola Consellaría

A cultura maia aplicada na aula na área de matemáticas, Patricia del Río Iglesias e Natalia González Varela, Lulu 2009  Eliminado pola Consellaría


5º de Primaria

Medidas de capacidade realizada por Concepción Arias Neira  Eliminado pola Consellaría

A brisca realizada por Xosé Antón Vicente Rodríguez   Eliminado pola Consellaría

A criba de Eratóstenes ou como atopar números primos. de Javier Rodríguez Fernández, Tradución: Xosé Antón Vicente Rodríguez  Eliminado pola Consellaría

A oca matemática de Toni Miquel Mollà, Tradución: Xosé Antón Vicente Rodríguez  Eliminado pola Consellaría

Encrucillados de cálculo mental de Toni Miquel Mollà, Tradución: Xosé Antón Vicente  Eliminado pola Consellaría

O algoritmo da división de Ferran Estruch Mascarell, Tradución: Xosé Antón Vicente Rodríguez  Eliminado pola Consellaría

Pesa Pensando de Toni Miquel Mollà, Tradución:Xosé Antón Vicente Rodríguez  Eliminado pola Consellaría

Aventuras matemáticas de Xosé Antón Vicente Rodríguez  Eliminado pola Consellaría

Actividades de matemáticas para a PDI  de Manuel Rico Taboada  Eliminado pola Consellaría

Entrenamento mental  de Xosé Antón Vicente Rodríguez (coa aplicación Brincaletras de Fran Macías)  Eliminado pola Consellaría

Xerador de operacións matemáticas online (números naturais) de Fran Macías Puente  Eliminado pola Consellaría

Bingo matemático de Toni Miquel Moyá  Eliminado pola Consellaría

Xeroglíficos matemáticos de Toni Miquel Mollà  Eliminado pola Consellaría

Tipos de sucesos aleatorios: moi probable, igual de probable ou pouco probable Eliminado pola Consellaría

Xogos de azar Eliminado pola Consellaría

Tobor Eliminado pola Consellaría

XeoClic de Jaume Bartrolí Brugués, Tradución: Benedicto García Villar Eliminado pola Consellaría

Loga de Francisco Javier Macías Puente Eliminado pola Consellaría

U. D. realizadas por Francisco Sánchez Sánchez e Nuria Garabal González 


6º de Primaria

Xerador de operacións matemáticas online (números decimais)  de Fran Macías Puente Eliminado pola Consellaría


1º da ESO

6 U.D. para 1º da ESO sobre xeometría elaboradas por Pila García Agra

1 U.D. de X. Paulo Rendo Martínez e M. Sonia Fernández Casal


2º da ESO

Aula virtual para a resolución de problemas, elaborada por Avelino Igleisas Fernández

6 U.D. de Teresa Otero Suárez e Alicia Pedreiro Mengotti 

Un portal para a xeometría de 2º de José Ramón Navares Rodríguez e Miguel Ángel Álvarez García

1 U.D. de Milagros Diéguez Taboada

1 U.D. de X. Paulo Rendo Martínez e M. Sonia Fernández Casal


3º da ESO

2 U.D. de X. Paulo Rendo Martínez e M. Sonia Fernández Casal mediante applets do Geogebra 

4º da ESO

Non teño constancia de ningunha, agás as noemadas do Proxecto EDAD


1º de Bacharelato. Matemáticas I

Matemáticas-1º bacharelato Aula Moodle do IES San Clemente  Eliminado pola Consellaría

U. D. do IES San Clemente:


1º de Bacharelato. Matemáticas Aplicadas ás CCSS I

Matemáticas Aplicadas ás CCSS- 1º bacharelato Aula virtual Moodle do IES San Clemente  Eliminado pola Consellaría

U. D. do IES San Clemente


2º de Bacharelato. Matemáticas II

Matemáticas- 2º bacharelato Aula virtual Moodle do IES San Clemente

U. D. do IES San Clemente:  Eliminado pola Consellaría


2º de Bacharelato. Matemáticas Aplicadas ás CCSSII

Matemáticas Aplicadas ás CCSS Aula virtual de Moodle do IES San Clemente  Eliminado pola Consellaría

U. D. do IES San Clemente