Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 17 de xuño de 2023

Polo de lingua


 por Marta Dacosta en Nós Diario:

Hai uns días, alguén dixo que o alumnado se desenvolvía moi ben falando en inglés. Valoraba que niso tiña un papel importante as múltiples medidas que a Consellaría ten implementado. Moitas persoas advertimos xustamente isto, que a Consellaría dedica cada vez máis orzamentos a inglés, mentres desatende outras partidas necesarias. Daquela pensei: "Non lle dedican o mesmo esforzo de planificación e de dotación económica ao galego (que non falan), se o fixesen... que pasaría?".

 

Despois viñeron as eleccións, os resultados, o anuncio das Xerais e apareceu o conselleiro de Educación anunciando que van levar a todos os centros os polos creativos. Que que é iso? Pois un programa de innovación consistente en crear espazos (iso que non temos en moitos centros, agás que eliminemos unha aula ou fagamos un tabique) "dotados dun equipamento especializado" para fomentar a creatividade e "a aprendizaxe activa e manipulativa". Traducido, que van enviar, tamén aos concertados, cámaras de fotos, impresoras 3D, robots, etc.

 

Porque claro, pretenden que a rapazada traballe "competencias en ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas", dixo Rueda. Soa ben? Pois non. Porque seguimos na teima de promover a formación nas materias STEM (que son as anteditas), mentres as humanidades semellamos materias de segunda, destinadas exclusivamente a acompañar os proxectos científicos, pero non a ser protagonistas de proxectos pensados para nós.

 

Potenciación de materias STEM que previamente, e vía Decreto 79/2010, prohibiron impartir en galego (e non esquezamos que acaban de eliminar o acceso ás unidades de matemáticas en galego).

 

Como o de universalizar a súa implantación. Porque até o martes día 2 estes programas había que solicitalos, presentar proxecto, e só se daban inicialmente 220, aumentábeis segundo o orzamento. Mais agora, por obra e graza das Eleccións Xerais, vanllos dar a todos os centros, tremenda campaña. Ou serei eu mal pensada?

 

A min que me poñan un polo de lingua.

Ningún comentario:

Publicar un comentario