por Henrique Monteagudo na Tribuna da RAG:
O 15 de xuño fanse corenta anos da aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de Normalización Lingüística de Galicia (LNL). Esta desenvolve o artigo 5º do Estatuto de Autonomía, que declara o galego "lingua propia de Galicia", dispón a súa oficialidade, proclama o dereito de coñecelo e usalo e contén un mandato normalizador para que os poderes públicos o promovan "en todos os niveis da vida pública, cultural e informativa". A partir da aprobación da LNL, o goberno galego centrou a súa política lingüística en fomentar o prestixio cultural da lingua, promover o seu uso nas administracións públicas, a educación, os medios de comunicación e a produción cultural, e mellorar as competencias e actitudes lingüísticas da poboación. O galego gañou novos ámbitos de uso, a maioría da xente sabe lelo e escribilo, a produción cultural florece. Hoxe temos galegofalantes cunha robusta conciencia lingüística, educados no seu idioma e capaces de desenvolvérense nel en todos os ámbitos da súa vida. Non obstante, o galego segue perdendo falantes, ten unha presenza pouco máis que testemuñal nos principais medios de comunicación, e os vellos prexuízos rebrotan, mentres xorden outros novos.O impulso das políticas normalizadoras ata 2004 variou en función das prioridades políticas e das limitacións orzamentarias dos sucesivos gobernos, mais, resumindo, pódese dicir que o obxectivo central foi promover o idioma evitando os conflitos. Despois das polémicas do período 2005-2010, impúxose o neoliberalismo lingüístico, que tivo consecuencias nefastas, en termos tanto de medidas regresivas canto do tóxico clima social que orixinou: reaviváronse actitudes discriminatorias, reanimáronse prexuízos, e moitos galegofalantes se sentiron desamparados. Facendo abstracción da fase aguda da campaña contra a “imposición do galego”, as políticas aplicadas teñen sido caracterizadas como “extensivas” e “de baixa intensidade”, trazos que lembran as fracasadas políticas de revitalización do gaélico irlandés. A persistencia dos fenómenos de substitución lingüística e de ruptura da transmisión interxeracional son ben elocuentes das limitacións desta política.
O reto da normalización asumiuse con entusiasmo voluntarista, pero sen experiencia previa e con escasos coñecementos sobre como xestionala. Moitos erros podían evitarse se se contase cun maior coñecemento experto e cun persoal mellor preparado. Alén disto, cando se aprobou a LNL ninguén ventaba o tsunami das novas tecnoloxías da información e a comunicación nin podía sospeitar ata que punto a Web, os computadores e os teléfonos móbiles transformarían a nosa experiencia cotiá. Velaí un reto crucial, pois é ben sabido que na adaptación rápida ás innovación técnica se xoga moito do futuro das linguas. Por parte, hai corenta anos nin sequera existía o termo "globalización", un fenómeno que acabou por identificar o plurilingüismo, antes sinónimo de diversidade, co inglés, o que colocou o reto de integralo no noso sistema educativo sen detrimento do idioma propio.
As políticas que se aplicaron nas pasadas décadas, centradas no ensino e no prestixio cultural do galego, mentres se asume a hexemonía do castelán na economía, nos medios de comunicación, nas novas tecnoloxías e na cultura de masas, reveláronse ineficaces. Tanto a instrumentalización do idioma na propaganda partidista coma as estratexias de confrontación demostráronse daniñas. Cómpre un amplo pacto pola lingua que recosa os imprescindibles apoios políticos e sociais, pero non para aplicar remedios pasaxeiros, senón medidas eficientes. Precísanse políticas intensivas, de proximidade, á altura dos desafíos do momento, adaptadas aos distintos contextos, con prioridades claras e obxectivos ben definidos, que interpelen as maiorías sociais, que mobilicen os compromisos e optimicen os recursos. Cómpre un novo impulso para afrontar os retos de futuro do noso idioma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario