Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta presentación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta presentación. Amosar todas as publicacións

sábado, 17 de xullo de 2021

Un libro contra os niquiriqueiros: "Pola nosa lingua"


O pasado xoves 15/07/2021 presentouse na Praza da Música o libro de Xosé Mª Lema "Pola nosa lingua". O acto, organizado pola Asociación Cultural Vagalumes, foi presentado por Marcos Borrageros. Acompañaron ao autor do libro na presentación Maca Arca e Héitor Picallo, a primeira, membro de ProLingua tamén é autora do epílogo e o segundo ademais de ser o autor do prólogo é o ilustrador do texto.
Xa se indica no subtítulo do libro que se trata dunha compilación de trinta e un textos en defensa do galego publicados en diversos medios ao longo de 10 anos. Entre eles figuran os cinco artigos polos que o autor recibiu o Premio Manuel Reimóndez Portela en 2010. A data que dá inicio á compilación, 2009, marca o comezo dunha etapa de agresión á nosa lingua por parte do goberno galego; precisamente moitos dos textos deste libro teñen como tema central a denuncia de tales políticas.
Durante a súa intervención Maca Arca achegounos un termo propio do Val do Fragoso (Vigo), "niquiricas", "niguiriqueiro" e o seu verbo asociado "niquiricar". Refírese a aquel que aparenta con acenos, sons e exhibicionismo que se traballa ou fai algo con dedicación cando na realidade non se fai nada de nada. Velaí o termo máis acaído á política lingüística que practica a Xunta. 

xoves, 3 de maio de 2018

Lecturas astronómicas en galego

No Departamento de Matemáticas do IES Antón Losada proxectaramos o curso pasado impartir durante este a materia de Astronomía como optativa do centro para 1º de bacharelato (1 hora lectiva semanal). Incomprensiblemente non nos deron o permiso desde a inspección.
Con todo, nesa materia estaba previsto recomendar a lectura dalgúns libros para achegarse a distintos aspectos da astronomía. Propúxoselle a parte do alumnado que lesen e traballasen con estes libros como actividade extraescolar, do estilo dos clubs de lectura. Alén da extensa anotación de Damián Campos, quizais os traballos que ofrecen os resumos máis sintéticos e visuais son os realizados por outra alumna de 2º de bacharelato, Laura Rey Vigo. Aquí os comparto, ao tempo que presento os libros en cuestión.
Esta entrada ten un punto triste: preséntanse tres libros de divulgación científica en galego, será prácticamente imposible dar con outro que non se mencione aquí. Estamos ante o panorama dunha cultura arrasada.

O primeiro, o que é para min o mellor libro de divulgación científica escrito en galego, e un dos mellores que lin nunca. Trátase de E fixemos a luz! (USC 2015), de Salvador Bará. Forma parte da colección Biblioteca de divulgación. Serie científica, con poucos, pero gorentosos exemplares.




O segundo libro ten unha excelente edición, ¿A que altura está o ceo? (Alvarellos, 2016). Debido á proxección mediática do seu autor, Jorge Mira, é quizais o máis popular dos tres. Relata os fitos máis importantes na medición do universo. Laura escolle nesta presentación algúns dos que máis lle chamaron a atención.



Por último, un clásico, o Sidereus Nuncius, de Galileo Galilei. Premendo na ligazón pódese acceder á publicación en galego realizada polo MUNCYT no ano 2011. Esta obra foi a que impulsou o debate sobre o heliocentrismo. Cando se publica, no 1610, xa pasaran máis de 60 anos da edición do De Revolutionibus de Copérnico, pero non foi ata a aparición do texto galileano que comenzou o verdadeiro tirapuxa entre o xeocentrismo e o heliocentrismo. Dunha banda: o poder da Igrexa, da outra, o talento e os argumentos de Galileo.
O Sidereus Nuncius é un texto curto, de doada comprensión, o cal é moi de agradecer nun escrito de índole científica. Lévanos á cerna do debate científico que acabaría na cualificación de herética á proposta copernicana e á conseguinte prohibición dos libros que a defendesen. É fundamental para comprender a dicotomía ciencia-relixión e para adentrarse no estudo da historia da ciencia.

venres, 10 de novembro de 2017

X. Matemáticas en galego

X. Matemáticas en galego from Cibrán Arxibai Queiruga

O primeiro que teño que dicir é que  uedei encantado co trato que recibín no centro. Grazas.
O pasado 03/11/17 fun ao famoso IES Félix Muriel (Rianxo) a falar sobre algo que non existe, as matemáticas en galego. Explícome a seguir.
O de famoso é polo seu ENDL, cargado de premios, sempre na fura de diante, un fervello de actividades, sempre con contido normalizador. Un exemplo para os que traballan na normalización lingüística desde as aulas.
O de que as matemáticas en galego non existen pode ser o preludio de que o galego deixe de existir. Quen está empeñado niso é a Xunta co seu funesto decreto mal chamado do plurilingüismo, que prohibe impartir aulas de matemáticas en galego en todo o ensino obrigatorio e que levou a que se aniquilaran todos os materiais didácticos da materia na nosa lingua, incluso para o bacharelato (aínda que non está prohibido nesta etapa, non hai editorial que publique nada de matemáticas en galego, ata este punto chega este Atila).
Ben, para ser exactos, si que hai recursos en galego. Temos o material EDAD e unha boa colección de aplicacións de geogebra (buscar e escoller idioma>galego). Disto, pero sobre todo da discriminación que sofre a nosa lingua, especialmente no ensino, e aínda máis especialmente no das matemáticas, foi do que tratei o pasado venres co alumnado de 1º da ESO do Félix Muriel.
Para suavizar o tema, propúxenlles un xogo, que volvo a propoñer agora aquí: na 3ª diapositiva están marcados varios "x" (léase "xes"), pódese comprobar que tamén aparecen nas dúas primeiras. A cuestión é, en cantas, aparece ese símbolo?

O máis importante
Sobre o que lle contei a aqueles rapaces, quizais o máis importante é o da identificación de dúas formar de impartir clase, dous modelos didácticos. Un está representado polos os profesores que transmiten o saber do poder e que, por iso mesmo, non poden facer outra cousa que desprezar dalgunha maneira ao alumnado e á sociedade galega que o son de seu. No paradigma deste profesor está a transmisión do castelán e a exclusión do galego. O outro modelo é o que vive apegado á terra, aquel do que sabe que o principal non é a reprodución de toda unha restra de contidos, senón desmontar as capas de auto-odio e prexuízos. O ideal deste grupo represéntao un profesor que transmite a lingua e a cultura galegas.

Un texto de Vidal Abascal
Na preparación da presentación levei unha sorpresa moi agradable. Foi a recuperación dun texto que Enrique Vidal Abascal escribira nos anos 70 en La Voz de Galicia. Vidal Abascal adicou toda a súa vida a promover os estudos de matemáticas na universidade. Primeiro, no 1940,  chamou a atención do rector para que contrataran a Ramón Mª Aller e revitalizara a docencia das matemáticas despois dunha guerra que levara por diante ás persoas máis preparadas que tiñamos en Galicia. No ano 1957 convence ao Ministerio de Educación para crear a licenciatura de matemáticas en Compostela. Despois será un pioneiro na organización de congresos de ámbito internacional. Velaquí un retallo do mencionado artigo:

A situación do idioma galego é a seguinte: Durante preto de catrocentos anos ó galego obrigábaselle a falar castelán, na escola, na igrexa, no xulgado, na notaría... Durante catrocentos anos a alta burguesía avergoñábase de falar galego, e o idioma divide ós galegos en dúas clases sosciais, a dos señoritos que falan castelán e a dos proletarios e campesiños e pequenos burgueses que falan galego. Sábese ben cal foi a orixe disto, o obriga-los  Reises Católicos a ir vivir a Madrid á aristocracia galega. De todos é ben coñecida a anécdota do Conde de Altamira [ver conferencia de Cunqueiro]. O volver a Galicia os aristócratas falando castelán, as clases superiores quixeron imitalos. Despois de catrocentos anos desta situación a maioría do pobo galego segue falando galego. Menos matalos, fíxose todo o que se puido por desterra-lo galego. Obrigouse a fala-lo castelán en tódalas institucións docentes e colgaronslle o sambenito de lerdos e torpes ós que falaban galego, castigábanse na escola e nos seminarios os que se lle escapaba algo de galego, pasaron catro centos anos e o 70 por cento da poboación de Galicia segue falando galego; esta é a realidade que non se pode ocultar. O idioma de Galicia neste ano de 1979, segue sendo o galego. [...]Vexamos outras situacións similares as de Galicia. Dinamarca é un pequeno país de menos extensión que Galicia, e con unha poboación pouco maior, catro millóns de habitantes, o idioma danés só o falan no mundo eses catro millóns de persoas, pero Dinamarca cultiva ó danés por que é o soporte da súa personalidade, se alguén propuxese que se abandonase ó danés polo inglés, que estudian as clases cultas, ou polo alemán dos seus veciños, sería considerado un traidor ó se pobo.

mércores, 18 de outubro de 2017

Orgullo pola toponimia en Forcarei

As 12 aulas do IES Chano Piñeiro (Forcarei) veñen de ser bautizadas cos nomes das 13 parroquias do concello (unha delas, a de Presqueiras fai referencia ás parroquias de Santa Mariña e San Miguel). A carón da porta de cada aula teñen un cartel que podemos ver un estudo filolóxico do topónimo, un mapa de Forcarei no que se localiza a parroquia, unha relación de todos as súas aldeas e tres fotos con monumentos ou lugares. Un fermoso traballo que afonda no orgullo da comunidade escolar pola lingua que identifica o territorio no que viven e estudan.





xoves, 6 de outubro de 2016

En galego,... máis e mellor!

Nº 62 outubro 2016 en galego,. from ceiprandufe

É unha referencia para os ENDL, o boletín do CEIP de Randufe (Tui) leva editando o seu boletín "En galego,... máis e mellor" unha chea de anos. Estou seguro que todo aquel que dera dous pasos no traballo normalizador dun centro de ensino coñece a publicación. Cando esta Carta Xeométrica botou a andar xa saíran xa polo menos unha ducia de números. Non é nada fácil manterse durante tanto tempo, tal e como o fan con este boletín desde ese colexio, e moito menos nestes tempos nos que difundir e demostrar unha actitude de amor e afouteza pola lingua propia está desde mal visto ata penalizado desde os sumidoiros do poder.
Hoxe práceme comentar o feliz encontro da publicación do colexio de Tui con este blogue. No nº62 do boletín do colexio fan referencia a unha entrada de hai uns días na que comentaba unha viñeta do caricaturista Luis Davila. Só podo facer unha cousa, agradecerlle a Ricardo Alonso a mención e felicitalo polo seu labor nesas terras do sur da provincia.

xoves, 4 de xuño de 2015

Xogando para o galego

O profesor do IES de Melide, Paco Veiga foi premiado polo Servizo de Normalización Lingüística e Cultural da Terra de Melide pola súa defensa do galego. Paco Veiga é un dos impulsores da AGXPT (Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional), punto de referencia fundamental para construir un proxecto de normalización do galego arredor do xogo.
A importancia do xogo como ferramenta para levar á lingua por un camiño sen prexuízos e de uso natural podemos vela decote no traballo que Nito Ferrer publica en  Enredamos ou noutras achegas como este bonito traballo do Equipo de Normalización do CPI Virxe da Cela (Monfero)

xoves, 23 de outubro de 2014

O Plan Xeral de Normalización Lingüística na educación




Nesta presentación compáranse as medidas tomadas polo bipartito e os gobernos do PP en relación ao Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL). Tómanse como base o propio PXNL e os decretos 124/2007 sobre o uso e promoción do galego no ensino non universitario, e o decreto 79/2010, de ataque aos avances normalizadores propostos polo primeiro destes dous decretos. Ademais recórdanse algunhas das decisións máis importantes tomadas nestes 10 últimos anos respecto á política lingüística educativa.
Se alguén pasa por esta entrada recoméndolle que non deixe de botarlle un ollo ás conclusións finais.
Quixera destacar algunhas destas conclusións que, penso eu, quedan ben certificadas nesta presentación:


  • Observamos nas medidas do goberno PSOE-BNG continuas referencias ao PXNL
  • Nas iniciativas dos gobernos do PP non se fai ningunha referencia ao PXNL
  • O decreto 124/2007 recolle o esencial do PXNL, repetindo incluso as mesmas expresións
  • O decreto 79/2010 está inzado de medidas contrarias ás promovidas no PXNL
  • A única saída que ten o goberno do PP de manter a súa gresiva política lingüística contra a normalización é establecendo o imperio da mentira.
  • O PP preséntase como defensor do PXNL; isto significa que ten medo de que se coñeza e divulgue a verdade.
  • O PP necesita mentir para ocultar o extremismo da política lingüística antigalega que está a practicar.
  • Canto maior sexa o coñecemento social deste radicalismo maior será o rexeitamento que padecerá.



mércores, 18 de decembro de 2013

Proxecto de toponimia de Silleda


Toponimia. Unha introdución con exemplos from As Ferreiras Silleda

Esta excelente presentación é a introdución que o profesor do meu centro, Xoán Carlos Porral usou para introducir ao alumnado algúns aspectos importantes da toponimia. Invito a facer un repaso pola presentación na que se ofrece o caso dun topónimo de Chantada: A Fonte dos Meniños como exemplo do valor dun topónimo como garante identitario e referente patrimonial, neste caso por medio dunha lenda.
A explicación ofrecida mediante esta presentación é un paso máis nun proxecto iniciado por Xoán Carlos hai dous anos, cando recompilaron e explicaron os nomes de todas as parroquias e aldeas do concello de Silleda. Agora o que se pretende é comenzar a recoller a chamada microtoponimia e para iso conta coa colaboración da profesora Celia Lamela. Xa se puxeron en contacto con varias asociacións culturais do concello para colaborar no proxecto.  Ademais a arquitectura fundamental desta iniciativa está realizada pois cóntase con esta ficha de recollida de topónimos xunto cunha explicación de como utilizala. A isto hai que engadir varios outro documento no que se pode consultar a ficha cuberta con varios casos.
Todo un luxo para o ENDL do instituto.

martes, 12 de novembro de 2013

Presentación do Proxecto de Normalización do CPI Virxe da Cela



Presentación dun Proxecto de Normalización para un CPI Virxe da Cela (Monfero) de pequenas dimensións (un total de 160 alumnos), nunha contorna rural de maioría galegofalante, e cun ENDL formado por só catro profesores.
Destacaría unha cuesitón: que os membros do Equipo de Normalización están orgullosos do seu proxecto e cren firmemente na dignificación do traballo normalizador, un aspecto fundamental para o seu desenvolvemento. Aparecen moi ben explicadas as liñas xerais do labor normalizador.
O que eu vexo repasando as diapositivas da presentación é moito traballo, moita ilusión, e, desafortunadamente, pouco presuposto. Conviña que a Administración pensara moi ben o que fai cando reduce os presupostos dos ENDL.
Agradécese a divulgación da estrutura do proxecto pois pode dar pautas de referencia a outros equipos que compartan algunha das características do centro para o que foi elaborado o que se presenta aquí.
Vía Xesteira, un blogue do que sentírmonos orgullosos.

mércores, 10 de xullo de 2013

domingo, 7 de xullo de 2013

Analise da LOMCE por Mariló Candedo



Conferencia de Mariló Candedo analizando o Anteproxecto da LOMCE, na xornada O Sistema Educativo na LOMCE, do 12/01/2013, organizada pola CIG-Ensino e a AS-PG.
Invito a quen pase por aquí a escoitar as atinadas reflexións de Mariló Candedo e fago outra invitación a facelo seguindo a presentación de power-point da conferencia que engado aquí abaixo. Toda unha clarifica
Un aviso, a pesar do reloxo, o tempo da conferencia é dun total de 50 minutos.



Para completar a xornada, un par de artigos da mesma autora en Praza Pública:
A propósito do tupperwert: Os menús da Lomce (I)
A propósito do tupperwert: Os menús da Lomce (II)



luns, 29 de abril de 2013

Presentación sobre Roberto Vidal Bolaño



Cóntanse por centos as aportacións anuais dos Equipos de Normalización á dignificación e achegamento á lingua de noso. Basta con botar unha ollada diaria ao Planetaki dos ENDL Nesta ocasión recollo esta presentación da revista O Bico da Ría unha presentación realizada polo Equipo do IES Félix Muriel sobre Roberto Vidal Bolaño.

mércores, 20 de febreiro de 2013

A conferencia de Olimpio Arca sobre Ramón Verea


O pasado mes de novembro, como unha máis das actividades arredor do Día da Ciencia en Galego  no IES Pintor Colmeiro, Olimpio Arca Caldas, autor da máis completa biografía de Ramón Verea ( inventor da primeira máquina de calcular que realizaba os produtos directamente alá polo ano 1878)
Olimpio lémbranos que debemos recuperar a nosa historia. Os libros de texto falan de Isaac Peral como inventor do submarino, de Juan de la Cierva como inventor do autoxiro. Porén non falan de José Rodríguez, o matemático de Bermés, nin de Domingo Fontán, o xeógrafo de Portas, ou como é o caso que nos ocupa, de Ramón Verea, quen fixo un dos avances máis importantes na historia do cálculo.

A conferencia
O mestre Olimpio Arca Caldas ilustrounos co seu profundo saber sobre o inventor galego e explicounos que o seu obxectivo fundamental era dar a coñecer a historia que nos roubaron para que non teñamos orgullo de nós mesmos. Por iso deixounos para que compartísemos a presentación que nos ofreceu xunto coas súas notas.



Reitero o agradecemento do Equipo de Normalización do IES Pintor Colmeiro a Olimpio Arca por permitir que comunidade internauta poida coñecer de quen  máis sabe sobre Ramón Verea a biografía deste inventor.
A seguir o relatorio desta presentación.


Presentación da biografía de Ramón Verea, por Olimpio Arca Caldas

1. Único retrato que coñecemos do estradense Ramón silvestre Verea García, home de mentalidade renacentista, orgulloso sempre e en todas as esferas da sociedade, da súa nacionalidade española e defensor a ultranza do labor de España no mundo.
Prestixioso escritor e inventor esquecido nas enciclopedias e nos libros de texto durante moitos anos, o meso que outros científicos galegos. As primeiras novas que tiven de Ramón Verea pertencen á prestixiosa revista “La Ilustración gallega y asturiana”. Buscaba eu máis datos acerca da persoa de Bernardo Rodríguez, outro emigrante estradense que desempeñou en Arxentina o cargo de bibliotecario na Universidade de Bos Aires.
Antes de entrar na extraordinaria e fecunda biografía de Verea,  paréceme importante coñecer os vieiros que me levaron a saber da súa apaixoada vida. Na devandita revista “La Ilustración” comentaba un anaco da súa vida o biógrafo Pérez Morris e, consultado o Espasa, comprobei que nacera na parroquia de Curantes.
O seguinte paso levoume aos cemiterios desa parroquia, coa esperanza de atopar nas lápidas dos panteóns posibles familias de Verea. Non había ningunha, en troques, aparecían moitos Brea. Comprendín que a ausencia do apelido Verea estaría motivada polas inscircións que os casteláns fixeran nos libros do resitro civil creado no 1870, así os Meixide pasaran a Meijide, os Texo a Tejo, os Docampo a Campos.
No Museo de Pontevedra atopo os dous volumes da colección da súa gran revista “El Progreso”, fonte segura de documentos autobiográficos para coñecer vida e escritos do noso personaxe. Estes volumes foran doados no seu día oa Museo Provincial por Pedro Trapote, único axente da revista en Pontevedra.
                Logo desta sinxela introdución, analizarei a vida e obra de Ramón Verea como escritor e inventor. Nace Verea o día 11 de decembro do 1833 na parroquia de San Miguel de Curantes, xurisdición
de Tabeirós, incorporada máis tarde ao concello da Estrada.
                No libro sacramental número 3, folio 140, do arquivo da devandita fegresía atópase a inscrición do bautizo do neno Ramón Silvestre Verea García. Oficia este sacramento, coa licencia experesa do párroco Miguel Silvestre de Lago, o presbítero Francisco Porto y Vila, tío avó do neófito. Medra Ramón no seo dunha familia labrega acomodada e, orientado no apecto cultural e relixioso polo Parente crego.

mércores, 6 de febreiro de 2013

En galego... máis e mellor

Velaquí un exemplo dun traballo continuado no tempo. Trátase dun pequeno boletín que edita mensualmente o ENDL do CEIP de Randulfe.
Neste número, xa van polo 38, fan referencia á campaña "O galego, o noso medio natural". Tamén divulgan unha viñeta de Davila e outra que trata o tema da exclusión do galego en infantil, tidada dun folleto elaborado pola CGENDL sobre "O que supón o decreto".
Un bo exemplo do traballo que se realiza na normalización no ensino.


martes, 2 de outubro de 2012

Ppt da política lingüística da lexislatura 2009-2012

A lexislatura do goberno do PP na Xunta de Galiza con Feijoo como presidente caracterizouse polo desprezo e contínuos ataques á lingua galega, levados a cabo desde o propio goberno galego contra a lingua que ten a obriga legal de protexer e promocionar. Estes son tan só algúns exemplos.

xoves, 19 de xaneiro de 2012

Por que é bo que os nenos e as nenas aprendan ben o galego

Por que é bo que os nenos e as nenas aprendan ben o galego

View more presentations from Coordinadora Galega ENDL


Presentación dun tríptico elaborado polo ENDL da EOI de Pontevedra. Un exemplo dos documentos que deben elaborar e distribuir os Equipos de Normalización. Simple e claro.

luns, 9 de xaneiro de 2012

Decálogo para ser lingüísticamente sostibles

Decálogo para ser lingüísticamente sostibles