Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 27 de abril de 2023

A reflexión sobre a lingua na sociedade: alén dun contido curricular, unha necesidade estratéxica. Propostas para a docencia

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Lingua, e a Universidade de Vigo, a través da súa Área de Normalización Lingüística, lanzan unha guía dirixida a impulsar unha reflexión crítica entre a mocidade respecto da situación social do galego. Este documento ten as súas raíces na Xornada "Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria" (sesión da mañá, sesión da tarde
) desenvolvido o pasado mes de novembro. 

A reflexión sobre a lingua na sociedade: alén dun contido curricular, unha necesidade estratéxica by kiarqu2458 on Scribd

mércores, 26 de abril de 2023

Xornada "Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria". Sesión de tarde

Pola tarde, a xornada Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria celebrada o 16/11/22, tivo o seu acto de apertura, coa participación da deputada provincial de Lingua, María Ortega, quen subliñou que a escola, tanto primaria coma secundaria, é "o alicerce do futuro do idioma", xa que é a poboación máis nova a que "vai facer que a lingua se manteña, permaneza viva e se asente máis do que está". Para Ortega é fundamental unha revisión fonda da actual política educativa verbo da lingua galega nos centros públicos e privados e desenvolver iniciativas para potenciar o uso do galego tamén fóra das aulas. Salientou que non se pode aceptar a situación actual, que conduce na práctica a un abandono progresivo do galego, e subliñou que o corpo docente da lingua galega é fundamental para a promoción da lingua na mocidade. Nese sentido, deu os parabéns a todas as profesoras e profesores involucrados no estudo da UVigo, porque “a pesar de ser minoría”, permiten avanzar no ensino do idioma, sacar conclusións, tomar decisións e chegar a solucións que muden a situación actual. Tras este acto, a xornada continúa con tres novas mesas, centradas no ensino-aprendizaxe sociolinguístico no ensino obrigatorio desde distintas perspectivas, tomando como punto de partida os datos obtidos nas entrevistas realizadas a unha trintena de docentes no marco deste proxecto. 

Doce profesores e profesoras de instituto (representantes dos IES Salvaterra do Miño, IES Fonmiñá, IES Terra de Turonio, IES Alexandre Bóveda, IES Pedro Floriani, IES San Paio, IES Chapela, IES Coruxo, ES Monte Carrasco, IES Johan Carballeira, IES Castelao, e IES de Poio) interviron ao longo da tarde nas tres mesas de debate que completan unha xornada que pode seguirse de xeito virtual e que foron moderadas por Ramallo e os tamén investigadores da UVigo Xabier Benavides e Luís López Alonso. 

 Na mesa titulada "situación e problematización desde o ensino" participaron

  • Esther Álvarez Fernández (IES Salvaterra do Miño) 
  • María Mercedes Torres Hermida (IES Fonmiñá) 
  • Marta Dacosta Alonso (IES Terra de Turonio) 
  • Patricia Lamoso Ferreira (IES Alexandre Bóveda) 
  • Modera: Fernando Ramallo (Universidade de Vigo) 

Na mesa titulada "A praxe (e o ensino da) sociolingüistica na materia Lingua galega e literatura" participaron:

  • Andrea Expósito Loureiro (IES Pedro Floriani) 
  • Eva García Rei (IES San Paio) 
  • Tamara Rial Montes (IES Chapela) 
  • Xosé Ramón Alonso Priegue (IES Coruxo) 
  • Modera: Xabier Benavides da Vila (Universidade de Vigo)

martes, 25 de abril de 2023

Xornada "Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria". Sesión de mañá

O xoves 17/11/22 celebrouse a xornada Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria, organizada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Os actis desenvolvéronse en sesións de mañá e tarde.  

O primeiro bloque está deseñado para debater ao redor da sociolingüística predominante na docencia e a investigación universitarias ademais de para profundar nas posibilidades, debilidades e fortalezas do ensino-aprendizaxe sociolingüístico das e dos futuros docentes de lingua galega. En resumo, trátase de sacar conclusións a partir dunha pregunta chave: Como as universidades galegas están a formar nos saberes sociolingüísticos hogano? Participarán Bieito Silva Valdivia da USC e Xosé Henrique Costas González da Uvigo baixo a moderación de Fernando Ramallo (UVigo).

sábado, 22 de abril de 2023

É túa, pásaa

 

Vídeo musical da campaña de Alingua "É túa. Pásaa!, o lema da campaña da asociaciación no ano 2023,  Esa expresión xa comezou a colocarse nas fachadas dalgúns edificios municipais e continuará facéndose popular como retrouso do tema musical da campaña. Trátase dunha creación orixinal de Fátima Pego, recoñecida cantante e comunicadora, e Grande Amore.

venres, 21 de abril de 2023

"Non son paleta [por falar galego], seralo ti"


Segunda situación do programa da TVG, "Xente marabillosa"
Nesta ocasión a actriz María Mera protagoniza a situación de cámara oculta. Destaco dúas frases dela:
"o galego é o que me dá de comer" e "intento educar ás miñas fillas en galego,  QUE É MOI DIFÍCIL"    

xoves, 20 de abril de 2023

"¡No queremos que aquí se hable en gallego!"


Primeiro vídeo do progerama de cámara oculta "Xente marabillosa".
Neste caso fórzase unha situación de imposición lingüística nunha tenda na que dúas clientas se posicionan contra a discriminación que está a sufrir a empregada dunha tenda. 

luns, 3 de abril de 2023

A santa subvención

 
A Cofradía de la Santa Cruz da Estrada recibe anualmente xenerosas subvencións, tanto do Concello como da Secretaría Xeral de Política Lingüística. 

Basta un pequeno paseo polo perfil de facebook da organización para comprobar que a pretendida normalización é un completo fracaso. O galego só aparece, e daquela maneira, forzado nos impresos xenerosamente subvencionados. Ano tras ano a SXPL desvía fondos públicos para pagar a extravagancias relixiosas dun grupo de veciños refractarios á lingua galega. O desleixo e desprezo pola lingua pódese ver no recorte do cartel no que anuncian as súas actividades. 

"Misa de COFRADES, acto de incorpoarción de nuevos cofrades y simpatizantes"

Nisto consisten as subvencións da SXPL á normalización. No desvío de cartos públicos a amiguiños que, por outra parte, son inimigos declarados da lingua galega. Velaquí, espida, a política lingüística do PP.

domingo, 2 de abril de 2023

Unha lingua para o futuro

 por Víctor F. Feixanes en La Voz de Galicia:

Alumnas de secundaria dun instituto da Coruña pregúntanme polo futuro da lingua galega e amósanme a súa preocupación: «por que o idioma perde falantes? Os nosos avós aínda o falan na aldea, pero os nosos pais xa non». Os pais viñeron vivir á cidade contra finais do pasado século, en realidade xa se criaron na cidade, aquí se coñeceron. Elas, as mociñas, criáronse en castelán. Só cando van á aldea, visitar os avós, senten a lingua arredor, e quixeran que as cousas non fosen así. «Como podemos recuperar o galego?», preguntan.