Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 2 de abril de 2023

Unha lingua para o futuro

 por Víctor F. Feixanes en La Voz de Galicia:

Alumnas de secundaria dun instituto da Coruña pregúntanme polo futuro da lingua galega e amósanme a súa preocupación: «por que o idioma perde falantes? Os nosos avós aínda o falan na aldea, pero os nosos pais xa non». Os pais viñeron vivir á cidade contra finais do pasado século, en realidade xa se criaron na cidade, aquí se coñeceron. Elas, as mociñas, criáronse en castelán. Só cando van á aldea, visitar os avós, senten a lingua arredor, e quixeran que as cousas non fosen así. «Como podemos recuperar o galego?», preguntan.

 

Parece unha pregunta inocente. Pero non o é. Están pedindo respostas. Pertencen a unha xeración nova que, aínda que non o pareza, embarullados que estamos na anestesia social, manteñen o espírito crítico, se cadra dun xeito máis instintivo que consciente, case diría que para sobrevivir. Saben que o mundo lles vai pedir respostas, obrigadas a posicionárense diante das encrucilladas que se aveciñan; incluída a propia identidade, alicerces sobre os que construír un proxecto de futuro (persoal e colectivo).

 

Poida que sexan minoría. Sempre foi así. Mais son a panca que ha de mover o mundo.

 

No concello de Ames rematou estes días outra fermosa experiencia: Modo Galego. Actívao, unha invitación a que, con naturalidade e sen obrigacións, coma quen propón un xogo, ou un desafío, rapaciños e rapaciñas usen durante tres semanas a lingua na escola, nos recreos, na casa, cos amigos, coa familia, en todas partes e a todas horas: unha lingua que, na meirande parte dos casos, é lingua de seu, mais que vive agochada nos faiados da memoria (os pais e os avós temos que facer unha reflexión sobre o que isto significa), e alí onde non é lingua de seu convertela en lingua de relación e afectos, invitando a participar nela os que veñen de fóra ou non a teñen viva na casa.

 

Algo imos mellorando. Segundo os barómetros do Goberno de Francia, o galego ocupa o posto número 37 entre os idiomas máis destacados no mundo por cultura e influencia social: 634 escolmados contra case 6.000 que hai no planeta, a inmensa maioría dos cales non sobrevirán ao século. Non ha ser o noso caso, afortunadamente.

 

Velaí as mociñas coruñesas. «E haberá algún método para aumentar o número de galegofalantes?», preguntan. Traballar máis activamente na escola, dende os primeiros anos. Concienciar as familias de que a transmisión da lingua de pais/nais a fillos/fillas é unha riqueza, ademais dun acto de amor. Potenciar o idioma nos medios de comunicación e nas redes sociais. Animar a creación de produtos audiovisuais e interactivos, música, videoxogos, para que a lingua galega estea máis presente nas industrias da comunicación e o ocio. Avivar a lectura. Promover espazos para o galego na administración, na publicidade, no comercio, no deporte… Pero moi especialmente nos dous primeiros ámbitos: a familia (que é o principio de todas as cousas) e a escola.

Ningún comentario:

Publicar un comentario