Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Feijóo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Feijóo. Amosar todas as publicacións

xoves, 7 de xullo de 2011

Entre sociópatas desnortados (o caso de Galicia Hoxe)

por Miguel Anxo Fernán Vello, desde o seu Caderno Aberto, sección que mantiña no Galicia Hoxe:


Remataba eu o que acabaría sendo o meu derradeiro artigo en Galicia Hoxe (o artigo número 2.081 dun Caderno Aberto agora xa pechado) dando conta de que o espírito etnocida imposto sobre nós renovaba todos os días, por activa ou por pasiva, o “meu (noso) parte de desaparición”. E esas palabras, ao meu ver, plenamente vixentes e oportunas ecoaron en min ao día seguinte cando tiven noticia directa —golpe xeado de machada— da desaparición de Galicia Hoxe, “único diario en galego”. Vaia aquí, en primeiro lugar, a miña solidariedade e todo o meu afecto persoal cara aos xornalistas, homes e mulleres, que conformaban unha equipa de gran nivel profesional, humano e xornalístico, e vaia tamén nestas liñas o meu agradecemento a Caetano Díaz e a Xosé Manuel Rey Nóvoa, que me permitiron levar a cabo en Galicia Hoxe unha importante experiencia profesional como articulista (exactamente dende o 13 de xuño de 2003 até hoxe), fundamental para min na miña formación como xornalista de opinión e no meu ánimo literario en xeral. Sempre lles estarei agradecido.
Galicia Hoxe foi ao mesmo tempo, para min, un soño e unha realidade, e esa realidade, fermosa no seu deseño formal e recoñecíbel tamén na calidade da súa Redacción, acabou sendo borrada do mapa, que ninguén se engane, tanto pola acción de costas viradas da inmensa maioría dos lectores galeguistas e nacionalistas como polo odio etnocida contra a lingua galega presente no Goberno da Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo. Só unha caste de activa frialdade política e de activo antihumanismo propio de sociópatas explica o asasinato “a sangue frío” (así mesmo falou Caetano Díaz) dun xornal diario, único en galego, que constituía, en tanto medio de comunicación —róubolle agora as palabras, resituándoas, á Real Academia Galega—, o máis importante “elemento basilar no uso público dunha lingua”, porque “a historia da normalización do galego a través dos xornais ofrécenos unha cartografía na que nos situar no mundo” e porque os medios de comunicación son un “baremo decisivo para medir o estado xeral dunha sociedade, do seu apagamento ou da saída á luz”.
Eu non quero, amigas e amigos, deixarme levar por ese tipo de pesimismo que mira aos pés, porque prefiro mirar aos ollos (Chesterton), mais o certo é que coa desaparición de Galicia Hoxe a sociedade galega experimenta un “apagamento” (velaí tamén os casos de Vieiros, A Peneira e A Nosa Terra, entre outros); un apagamento que, aos poucos, cega todo camiño para un tipo de optimismo (outravolta Chesterton) que trate de “estrañarse do mal”. Porque no caso de Galicia Hoxe —2.943 números editados e máis de 130.000 páxinas escritas todas elas en galego— o mal non está só representado pola brigada de demolición feijooniana (a alma cívica e política de Galicia nunca llo perdoará) senón tamén polo desleixo, a neglixencia e o desinterese da maioría do nacionalismo cultural e político galego, fragmentado, enfrascado, desnortado, atomizado, sectarizado. Talvez sexa este, se non o corriximos, o noso máis triste fado.

martes, 21 de xuño de 2011

O 'alumno' de Feijóo supera o mestre

por Cris Moss, no Xornal:


En outubro de 2010, Alberto Núñez Feijóo recibía en Santiago ao balear José Ramón Bauzá, daquela acabado de elixir como líder do PP das illas. Nunha afable xuntanza, Bauzá situaba o modelo político que Feijóo comezaba a implantar en Galicia como guía para o seu propio proxecto.
Poucas datas despois, Xornal de Galicia relataba que Bauzá xa puña en práctica esas receitas políticas no ámbito lingüístico. En diversos foros, prometía abrir unha nova etapa de “liberdade lingüística” nas aulas, baseada no “trilingüismo”, ademais de derrogar un decreto que, curiosamente, aprobara o PP.
Como consecuencia do resultado das eleccións do 22-M, Bauzá é o novo presidentes das Illas Baleares. No seu discurso de investidura, a pasada semana, o popular anunciaba que permitirá a “libre elección da lingua vehicular no ensino” e que implantará un modelo baseado na introdución do inglés.
Onte Bauzá anunciaba a estrutura do seu Goberno, que é tamén unha declaración de intencións. No Executivo balear deixa de existir a Dirección Xeral de Política Lingüística e tamén a Consellería de Cultura. Ambas quedan amalgamadas nunha mera Dirección Xeral de Cultura e Mocidade.

xoves, 19 de maio de 2011

Castelao e a thermomix

por Rafael Cuíña, quen introducindo un novo termo sociolingüístico, o do logaritmo neperiano, explica quen non foi e que non representa Castelao, no Xornal:

Se non escribise un artigo do tenor deste, non podería considerarme unha persoa coherente, nin ser eu mesmo. Desculpe o lector habitual desta columna se falo en primeira persoa para tentar facerlles chegar a opinión dun modesto/molesto militante dun partido que en ocasións saca os pés do testo para denunciar situacións traxicómicas producidas dende as salas de máquinas da súa organización.
Unha ofrenda floral na tumba de Castelao en Bonaval non pode ser un exercicio de cinismo partidista, mantendo unha calculada equidistancia entre o que un afirma e o que un fai. Sempre digo que sen dúbida o rianxeiro é un dos máis importantes símbolos de Galicia, pero está lonxe de representar, tristemente, moitos posuidores da veciñanza civil galega. Castelao non pode representar a un “logaritmo neperiano” político artificial, chamado “galeguismo cordial”. No Partido Popular militamos unha morea de militantes de sentimento galeguista, uns con base máis ideolóxica, outros con pouso máis populista. Militantes que veneran a figura de alguén fundamental para entender esta terra e aos que causa proídos a sistemática prostitución da súa figura por distintos persoeiros situados ideoloxicamente na beira contraria á que pretenden conquistar. Sería moi curiosa unha hipotética visita do Dalai Lama á tumba de Mao Tse Tung, a de Madoff á de Karl Marx, ou a mesma de Quevedo á de Góngora, para encomiar o contrario do que todos os días estou representando.
O pensamento político do rianxeiro é incompatible coa diglosia funcional escondida debaixo do “bilingüismo harmónico”, como o é con calquera medida que produza unha descompensación funcional entre un idioma que parte dunha posición de inferioridade e outro que se potencia, cando a súa superioridade cuantitativa tende a aumentar exponencialmente a costa do propio de Galicia. Mais se engadimos a concepción nacional de Galicia que tiña un e a relación rexión-Estado, que fomentan gran parte dos outros, atoparémonos nun galimatías existencial no que se o minuendo é Galicia e o sustraendo determinadas políticas con filia centralista, o resultado non pode ser outro que o cinismo calculado.
Pretender que Castelao sexa unha thermomix que valga para un roto e para un descosido é, cando menos, perigoso. Porque a calidade do produto pode parecer boa, máis o sabor pode ser en ocasións rexeitado por ser insoportablemente artificial… Ou non?

luns, 16 de maio de 2011

O pacto das letras

Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse o 17 de maio do 2010, ante pleno extraordinario da Real Academia Galega (RAG),  a tratar de establecer "un grande pacto pola lingua", que foi o que sucedeu realmente?
Dez días despois, 27 de xuño, a Xunta aproba o funesto Decreto de Plurilingüismo, contra pais, profesores, partidos, sindicatos e demais axentes sociais. Ulo o pacto?
Ao pouco, (mes de xuño) a Xunta remite aos centros a consulta sobre o uso das linguas en infantil, co obxectivo de reducir o seu uso nesta etapa. A un tempo, nese mesmo mes de xuño,   elimínanse as liñas de galego existententes en 47 centros das cidades para aqueles colexios que as implantaran con carácter voluntario. Estes programas tiñan gran demanda, porén sen explicación ningunha son fulminadas. Este ataque é completo e sistemático, e verifícase e pode comprobarse que tamén se leva a cabo fóra do mundo estrictamente educativo. Despois de desapareceren medios fundamentais para a análise social e política como Vieiros, e case Chuza!, vimos como a divulgación da cultura galega é podada por aquí e por alá na radio e na televisión, ou na arañeira da rede (pensemos na inexplicada eliminación de flocos.tv).
Para tapar as críticas que estaban a chover sobre a aplicación do Decreto de Plurilingüismo, a Consellería de Educación incrementa en 2,3 millóns de euros a partida para a subvencionar a substitución de libros de texto en galego por outros en castelán.
Co inicio do curso non veríamos outra cousa que amezas ao profesorado interesado no ensino e cun compromiso ético coa normalización, atrancos aos Equipos de Normalización. O resultado de todo esta desfeita educativa puidémola ver encarnada neses minutos en que unha concursante de Gran Hermano encheu de prexuízos as ondas e as redes.
Un instulto directo á cidadanía desde o propio parlamento galego tivémolo cando a ILP promovida por Queremos Galego foi rexeitada con mentiras que poñen rubio a calquera que teña un mínimo de respecto pola súa identidade. Todo isto adobado con perversións tales como a campaña "Gallega 100%", na que se pretendía promover a calidade do leite do país., nas trabas para permitir un uso reducido do galego no senado e a prohibición completa nas Cortes do estado,  na evidencia de que na universidade galega se presentan máis teses en inglés ca en galego,  
No mundo da xustiza neste mes de maio cumpriuse un ano da implantación dun programa, o Minerva Nox, que impide o uso do galego nos procedementos xudiciais. Curiosamente a SXPL sobre este tema non di nin unha soa palabra, iso si, négase rotundamente a colaborar co Correlingua porque estas xornadas están orientadas a manifestar e reivindicar o orgullo de usarmos o galego; moi propio desta SXPL que considera "normal" a xudicialización da regulación dos usos do galego no ensino. Cantos recursos van xa contra o decreto?, están o da Mesa, o do STEG, outro da RAG .
Ata tal punto chegou o acoso á lingua galega que ata ProLingua, unha asociación creada sobre a base de que non promoverá accións colectivas, se veu na necesidade de espallar un documento en defensa da Lei de Normalización Lingüística, unha lei que agora se redescubre como o summun da defensa da lingua cando non é máis que un  instrumento lexislativo  tan light que case se volveu transparente. Claro que diante do radicalismo instalado na Xunta, calquer apunte, por mínimo que sexa, que non vaia na dirección dun ataque ao galego, aparece deformada como unha monstruosidade do averno.

Mañán, 17 de maio, é un día incómodo para Feijóo, mais el sabe que só dura 24 horas e que en menos dunha semana previsiblemente unhas eleccións municipais van darlle ao seu partido uns bos resultados que vai volver a usar para continuar co seu  asedio  sistemático ao galego. Así, que se Feijóo tende a man no día de mañán,  pensemos que está a piques de poñer en práctica a chamada Lei de Convivencia e Participación, que na práctica vai consistir no abuso do poder que ten nas súas mans para seguir reducindo o uso do galego no ensino. E despois?, despois máis do mesmo, a seguir tratando a nosa lingua, o noso ben máis prezado, peor que se fose unha lingua estranxeira, e a seguir tratando aos seus defensores como apestados.

sábado, 9 de abril de 2011

Carta aberta de ProLingua ao Presidente da Xunta

Tal e como anunciaran, vai a carta de ProLingua a Feijóo:


Señor Presidente:
Os asinantes, compoñentes da Cerna de ProLingua e en representación dos máis de dous mil membros desta plataforma apartidaria e plural, integrada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión, mais especialmente como galegas e galegos que desexan preservar para as xeracións futuras a nosa milenaria lingua propia, e preocupados polas declaracións que determinados candidatos das próximas eleccións municipais e sinalados dirixentes do Partido Popular de Galicia fixeron, dirixímonos a vostede para lle expoñer as nosas inquietudes sobre dunha hipotética, pero non descartada, reforma da actual Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983) no sentido de diminuír as esixencias que a citada lei contén no sentido da protección da lingua galega.
De se producir tal feito, e de sufrir a nosa lingua un novo decaemento da súa situación legal, queremos lembrarlle que iso significaría
a) Que o Partido Popular de Galicia rompería de forma unilateral o consenso acadado para a promulgación da LNL en 1983.
b) Un abuso de poder dada a escasa lexitimidade democrática que se contén no feito de modificar por maioría simple o que se adoptou por unanimidade.
c) Unha actuación contraria ao espírito da Constitución Española (Art. 3.3), do Estatuto de Autonomía de Galicia (Art. 5.3) e da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (BOE, nº 222 do 15/9/2001), que instan, todos eles, á defensa e promoción da lingua propia de Galicia.
d) Unha constatación pública e evidente da actitude de belixerancia contra o galego que mantén o partido que sostén o goberno de Galicia.
Por todo isto, rogámoslle a vostede que, consonte coa oferta de pacto pola lingua que manifestou no Courel o Día das Letras Galegas do pasado ano, se comprometa publicamente a non promover nin acometer ningunha reforma da LNL que non se produza co mesmo consenso e unanimidade con que a Lei 3/1983 foi aprobada no seu día.
Galicia, 9 de abril de 2011
Se desexas apoiar esta iniciativa, asina a petición online.

P.S.: + información 

mércores, 16 de marzo de 2011

Queremos Galego organiza un acto en defensa do galego

Queremos galego vai poñerlle voz á defensa da nosa lingua o sábado 30 de abril nun acto que seguramente se celabrará no Pazo de Congresos de Santiago. Carlos Callón, voceiro da plataforma, comentou que despois de dous anos do goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo, é moito máis dificil vivir en galego e fixo un chamamento aos votantes do PP descontentos coa política lingüística nesta lexislatura. Velaquí deixo a rolda de prensa na que se presenta a convocatoria.


Queremos Galego convoca un acto nacional o sábado 30 de abril from cig-ensino on Vimeo.

mércores, 2 de marzo de 2011

Feijóo e a volta do “bilingüismo cordial”

por Cris Moss, no Xornal:


O de onte foi un día de celebración para o PP e en especial para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por ser a data na que se cumpría o segundo aniversario da súa vitoria electoral, se ben non protagonizou ningún acto especificamente convocado para conmemorar este cambio político.
O presidente dedicou o día de onte a facer balance non do seu mandato, senón do Xacobeo 2010, cun acto na Cidade da Cultura no que, non obstante, non evitou as referencias á súa vitoria nas urnas. Previamente, e si co gallo da conmemoración, o xefe do Executivo protagonizou ata tres entrevistas radiofónicas.
Nunha delas, na Cadena Cope, Feijóo recuperou a que fora unha constante dos seus discursos como candidato, isto é, a cuestión lingüística. Segundo explicou, unha vez chegados ao ecuador da lexislatura, “o bilingüismo cordial volveu ás aulas” e a “proporción” de idiomas aos libros de texto, di.
Dentro da súa visión das reformas lingüísticas, Feijóo gabouse non só das medidas adoptadas, senón tamén da súa acollida. Obviando as múltiples protestas contra a súa política lingüística, o presidente aseverou que en Galicia “xa non se fala do tema” porque o “bilingüismo cordial” foi “asumido”.

xoves, 17 de febreiro de 2011

Feijóo descubriu ‘O divino ferrete’

por Cris Moss, no Xornal:


O pasado 2010 xurdía no seo do colectivo GalegoLab un proxecto novidoso. Esta plataforma a prol da lingua galega promovía a realización do “primeiro filme pornográfico feito en lingua galega en todas e cada unha das súas etapas”, produción que actualmente se atopa en pleno proceso de realización.

O filme, que será distribuído por Internet con licenza libre, está a ser financiado en boa medida a través de aportacións individuais co chamado “kit do produtor”, un conxunto de camisolas, chapas e o guión –no que participan varios premios Xerais– do filme que é posible adquirir a través da Rede.
Onte, o presidente da Xunta participaba nunha entrevista no programa Hoy por Hoy da Cadena SER e o seu condutor, Carles Francino, descubríalle a existencia do filme, que levará por título O divino ferrete. “¿Qué me dice?”, respostou Alberto Núñez Feijóo ao coñecer a existencia deste proxecto.
“¿Tendrá subvención o no?”, ironizou Francino, “que yo sepa, no”, retrucou Feijóo, que compartía tertulia co estremeño Guillermo Fernández Vara, quen, á súa vez, cuestionou ao galego polo significado de “ferrete”. “Tú que estás cerca de Portugal deberías... cuando lo llame, se lo comentaré”, resolveu Feijóo

martes, 1 de febreiro de 2011

Feijóo múdalle a fonética a Saramago

por Cris Moss, no Xornal:

O titular da Xunta substituíu onte ao portugués Carlos Lage na presidencia da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e marcouse retos. No acto, celebrado no Porto, Alberto Núñez Feijóo apelou, por exemplo, á necesidade de que os cidadáns sintan “orgullo de pertenza” á Eurorrexión.
Se cadra con ese obxectivo, o titular da Xunta botou man en dous treitos do seu discurso das frases nas que o Nobel portugués José Saramago falaba da Península Ibérica coma dunha “balsa de pedra”. Malia a atoparse ante un auditorio lusófono, Feijóo pronunciou o nome “José” con fonética castelá.
Se ben só un dos oradores do acto –representante empresarial e non político– decidiu falar unicamente castelán ante os representantes galegos e portugueses, algunhas das intervencións, a comezar pola do propio Feijóo, si contrastaron coas chamadas á unidade das dúas beiras do Miño do propio acto .
Así, por exemplo, o titular da Xunta gabou a capacidade da Eurorrexión por dar “un grande exemplo” de cooperación, se ben pasou por riba das ligazóns culturais e lingüísticas de Galicia e Portugal para sinalar que, para se coordinar, non foi preciso que ambos territorios “falen, pensen e sintan o mesmo”.

luns, 10 de xaneiro de 2011

O programa lingüístico de Feijóo

Unha nova achega de Filipe Díez, que nestes días anda inspirado. Desta vez, desde o blogue Cadernos de Comunicación e Análise:


Durante os dezaseis anos de gobernos Fraga, o PPdeG implantou unha política lingüística de baixa intensidade contra o galego: o eixo central desa política consistía en manter a posición secundaria do galego, mais sen promover agresións directas contra a lingua propia do país e mantendo unha aparencia de protección xurídica, aínda que carente de efectividade social e exenta de mecanismos de control canto ao seu cumprimento. Así, conxugáronse algúns avanzos simbólicos –como a restauración da toponimia e o monolingüismo da clase política– coa pasividade das autoridades perante o retroceso social da lingua galega e mesmo as discriminacións máis aberrantes contra os seus usuarios. Esa liña de acción, encamiñada a un declinio lento e doce do galego, compatible cunha exaltación folclórica e culturalista, permitiulle a Fraga tecer alianzas cunha parte do galeguismo cultural e dotar o PPdeG dun instrumento esencial para a súa identificación coa maioría social galega.
Feijoo, herdeiro e superador da política lingüística de Fraga
Hoxe, voltamos estar baixo un goberno do PPdeG, pero a situación é ben diferente, fundamentalmente por dous motivos: o avanzo do español como lingua hexemónica nas cidades galegas, coa creación dun corpo social monolingüe nese idioma; e o proxecto centralizador dun PP cada vez máis escorado cara a posicións autoritarias. Feijoo chegou co programa da FAES debaixo do brazo e disposto a dar unha nova volta de parafuso na cuestión da lingua, labor que comezou aínda na oposición ao goberno de coalición PSdeG/BNG, durante o cal o PPdeG deu marcha atrás despois de ter apoiado tanto o Decreto 124/2007 –que aumentaba a porcentaxe mínima de presenza do galego no ensino– como o pacto por un novo Estatuto. Seguindo as ordes do PP central e centralista, Feijoo recuou en ambos asuntos, iniciando unha sorte de cruzada que gañou unha intensidade insólita tras a súa vitoria electoral. Dous foron e son os eixos centrais da acción de goberno de Feijoo en materia lingüística: a primeira, derrogar as prescricións que esixían o coñecemento do galego para o acceso á función pública, deixando os cidadáns usuarios do galego sen garantías de seren atendidos e entendidos na súa lingua e deixando os opositores bilingües sen unha das vazas ao seu favor; a segunda, reducir a presenza do galego no ensino, aspecto no que profundizaremos máis adiante. Nun ambiente social en que todos os ámbitos de prestixio (comunicación, lecer, o comercio, xustiza, relixión...) mostran un abafante predominio do español, tirarlle ao galego a protección na administración pública e no sistema educativo equivale a abandonalo á súa propia sorte. Feijoo sabe diso e está determinado a seguir ese camiño até as últimas consecuencias, co obxectivo de poñer Galiza como exemplo do programa político recentralizador e negador da diversidade que o PP preconiza para o conxunto do Estado español e como antítese da maldade encarnada polos nacionalismos basco e catalán.
Porén, ao goberno de Feijoo saíronlle mal algúns cálculos: así, ao longo do seu primeiro ano de mandato, tivo que facer fronte a tres mobilizacións masivas contra a súa política lingüística e a unha contestación rotunda por parte de institucións como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o Consello Consultivo de Galicia, que lle reprocharon acedamente o contido e a forma de aprobación do Decreto 79/2010. No ano que agora comeza, os plans de Feijoo son nítidos, como se mostrou recentemente coa publicación do borrador dunha nova Lei de Convivencia e Participación no ensino: por un lado, manter e consolidar as agresións á lingua galega; por outro, darlle cobertura xurídica á ofensiva contra o galego no ensino, aprobando unha lei que encha o vacío legal no cal se desenvolveu a anterior etapa; e por último, utilizar a Secretaría Xeral de Política Lingüística como oficina de promoción do galego en ámbitos inocuos (folclorismo e culturalismo) e como gabinete de captación de vontades entre os sectores máis mornos do galeguismo.
O papel da FAES e de Galicia Bilingüe
O proxecto de Feijoo non ten nada de orixinal; polo contrario, está directamente inspirado nas directrices da ultraconservadora FAES presidida por José María Aznar, think tank que pola súa vez adopta os modos de actuar da extrema dereita norteamericana. O ariete social da penetración do discurso da FAES é o minúsculo pero influinte grupo Galicia Bilingüe, que a despeito do seu nome promove a segregación lingüística como modelo educativo e social.
Os pasos definidos pola FAES e publicitados por Galicia Bilingüe consisten en promover a castelanización do ensino coa coartada da liberdade de elección, como antesala do recoñecemento social da existencia de dúas comunidades lingüísticas diferenciadas dentro da sociedade galega. A idea consiste en obrigar a cidadanía galega a optar entre o monolingüismo en español e o monolingüismo en galego, nun xogo vantaxista habida conta do enorme desequilibrio de partida entre ambos idiomas.
Unión de forzas e papel da diáspora galega
Fronte a ese proxecto negador da convivencia, todos os galegos que amamos o noso país, a nosa lingua propia e os valores da liberdade, a xustiza, a igualdade, a tolerancia e a convivencia, debemos facer un frente común. É indispensable unha ampla unidade de acción, entre persoas e colectivos de ideoloxías e intereses diferentes, que permita poñer a defensa do galego e a súa recuperación à altura que merece: ou sexa, como unha necesidade social urxente. Se non actuarmos agora de maneira intelixente e decidida, dentro dunha xeración poderá ser demasiado tarde. A perda do galego suporía unha catástrofe non só lingüística, senón tamén cultural e económica, que debemos evitar en nome dun futuro mellor.
Nesa tarefa de recuperación da lingua galega, o papel da diáspora galega é esencial e hai moitos modos de implicarse nel: preservando a lingua no ámbito familiar, promovendo o coñecemento da realidade cultural da nosa terra, mantendo centros que exaltan a nosa historia e patrimonio, creando asociacións cívicas de defensa da lingua e da identidade galegas, colaborando cos colectivos que existen dentro de Galiza... En fin, mantendo e espallando a conciencia de sermos galegos e a riqueza do que nos foi legado, pois só quen é fiel ás súas raíces pode se proxectar no mundo. E diso sabe moito a nosa diáspora, que nos catro cantos do mundo dá a coñecer o nome de Galiza.

luns, 22 de novembro de 2010

A Secretaría Xeral de Política Lingüística contra Feijóo

No caso de querer facer unha intervención oral en galego, podería facerse no Consello da UE e o Comité das Rexións . En ambos os casos a Representación Permanente de España ante a Unión Europea (REPER) deberá solicitar esta posibilidade ante estes órganos con sete semanas de antelación. A confirmación efectuarase dúas semanas antes da reunión. No caso do Consello, a REPER deberá dar unha previsión indicativa do eventual uso do galego ao inicio de cada semestre.
(Información extraída dunha páxina da SXPL)
Alberto Núñez Feijóo usa o castelán no plenario do Comité das Rexións da UE.
Para saber máis da cuestión, vai unha reportaxe da RTP do 1/1/2006


xoves, 18 de novembro de 2010

A Xunta esquece o galego na UE

A principios de mes oía na Radio Galega como un reporteiro que estaba na Praza do Obradoiro, pasaba a falar en castelán ao decatarse de que os peregrinos aos que estaba entrevistando eran italianos. Os seus prexuízos levávano a considerar o castelán máis internacional que o galego. Na mesma liña actuou Feijóo os pasados días na súa viaxe a Bruxelas. Mellor ca min cóntao neste artigo de Miguel Pardo, no Xornal:


“A presenza das linguas cooficiais supón unha mellor identificación das persoas co proxecto político que representa a UE”. Con esta frase, o ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou a relevancia do feito de que o galego se estrease nas institucións europeas. Foi un 16 de novembro de 2005 no plenario do Comité das Rexións da UE e logo do acordo entre o Estado e este organismo para permitir o uso oficial de “linguas distintas” ao castelán nel.
Xusto cinco anos despois, o pasado martes, o agora xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, empregou o castelán na súa intevención no Comité das Rexións para presentar o ditame co que abordou a posibilidade de abrir novas vías de financiamento para Galicia ante a caída dos fondos estruturais a partir de 2013.
Optou polo castelán Feijóo malia que hai un ano elixira a lingua propia na súa primeira intervención no Comité das Rexións e a pesar de que a normativa europea permitiríalle empregar o galego. Para facelo, bastaría con pedir que a representación permanente de España ante a UE “solicite esa posibilidade ante os órganos correspondentes con sete semanas de antelación”, dando tempo así a que a administración comunitaria facilite os mecanismos necesarios para a tradución. Así o aclara a lexislación e fontes comunitarias consultadas por Xornal.
Esta posibilidade é posible logo de que o presidente do Comité das Rexións, Peter Straub, asinase o acordo co Goberno español aquel 16 de novembro de 2005 no que Touriño interviu en galego. Ao mesmo tempo, o daquela presidente da Generalitat catalá, Pasqual Maragall; o presidente valenciano, Francisco Camps; e o comisionado do lehendakari, José María Muñoa, empregaban o catalán e o vasco para celebrar o acordo.
Á marxe disto, o emprego das linguas cooficiais do Estado na Unión Europea non ten moito máis percorrido. A súa oficialidade é parcial na maioría do resto de institucións comunitarias, xa que o uso do galego queda limitado a traducións oficiais dos actos do Parlamento Europeo e do Consello, traducións dos parlamentarios a todas as linguas da Unión e comunicacións escritas a administracións e a súa correspondente resposta.
A lingua, no entanto, ten outra posibilidade, como cando o ex eurodeputado nacionalista Camilo Nogueira interviu en Bruxelas en galego, engadíndolle un chisco de acento portugués, e aproveitando a oficialidade da lingua do país veciño.

venres, 15 de outubro de 2010

‘Galician language’

por Carme Adán, deputada do BNG,  no Xornal:

Nun país atlántico, do cal o nome poucos lembran, sucedeu hai ben pouco a maior transformación económica que a historia poida escribir. Cando o seu mediático presidente tiña un incremento do paro por riba dos seus veciños peninsulares, o leite o regalaban nas explotacións gandeiras, as centrais térmicas a piques de pechar polo decreto do carbón, astaleiros senlleiros con carga de traballo sen poder conseguir os avais para mantelos, as empresas referencia no téxtil con graves problemas e un sen fin de pequenos comercios pechando en cidades e vilas, decatouse da solución.
Logo dunha apresurada meditación de plató de televisión, o presidente comprendeu que a raíz do problema residía na resistencia da lingua local a desaparecer. Todos os sectores produtivos mudarían de súpeto con só falar inglés. Ben sabía o presidente que nos países anglosaxóns non existía crise e o seu modélico sistema de vida debíase á mellora cerebral que a fonética producía.
Con axilidade inusual decretou eliminar pouco a pouco a lingua local sen que se notara demasiado. “Múdese o sistema educativo para que só se fale inglés” decretou ao pouco. Comentáronlle que non era posíbel, xa que, se reduciran o número de profesores/as, o número de alumnado nas aulas incrementárase e as escolas de idiomas estaban sufrindo un grave ataque institucional en nome da austeridade selectiva.
“O mesmo ten”. Fágase unha boa campaña de marketing e logo a visita do Papa xa proverá. Contan que logo aqueles habitantes perderon a capacidade da fala e pouco despois, sen oikos que coidar, deixaron de existir.
Lectoras e lectores de Xornal de Galicia permítanme esta fabulación de preámbulo nun momento no que asistimos á construción dun ideoloxema que desde moitos espazos se repite e agranda. Os responsábeis de educación, co presidente a cabeza, queren asentar a idea de que temos que elixir entre a lingua inglesa ou a galega. E non deixa de sorprender que a venda desta proposta teña tantos ansiosos compradores. Eu acredito na importancia dun bo dominio das linguas estranxeiras, mais sen o coste de renunciar á propia e non só para o alumnado elixido.
Unha competencia axeitada nas linguas estranxeiras é efectivamente unha inversión de futuro, o mesmo que unha boa competencia en matemáticas, historia ou ciencias naturais. O que está en xogo no sistema educativo actual é ser quen de formar uns cidadáns que rodeados dunha cantidade inxente de información teñen dificultades serias para seleccionala ou entendela, uns cidadáns que saturados pola dialéctica dos valores son incapaces de exercer ningún. Desviar a atención cara etiquetas como centros plurilingües ou Abalar só serve para agochar os problemas dos comedores escolares, o transporte escolar ou a perda de moitos contidos importantes nos centros de ensino.
Lamentábel espectáculo dá o goberno deste país cando emprega fotos a toda cor con bolseiros/as para gabarse da mellora na aprendizaxe de inglés e elimina os desdobres nas aulas de idiomas nas escolas e institutos públicos. Iso si, no seu esforzo de parodia constátese ben que se encargou de enviarlle unha carta a cada un destes bolseiros, que farán funcións de auxiliares de conversa, para explicarlle que o contido do programa “versa sobre la enseñanza de la lengua inglesa a hablantes de español como lengua materna”. Para saber algo sobre esta terra, na que convivirán co alumnado durante nove meses, remíteos á Wikipedia. Ao introducir o termo Galiza, na pantalla só aparece: “pechado por derrubo”.

xoves, 7 de outubro de 2010

Outro radical

Non apela ao consenso social, nin a razóns filolóxicas, tampouco se fundamenta nas leis en vigor. Mais ben fai todo o contrario: arremete contra o acordo e a convivencia cidadá, atenta contra o coñecemento lingüístico e minte e ataca leis fundamentais que son o fundamento do seu goberno. E todo isto, con que fin? Todo para manterse na súa campaña de ataque á lingua galega e ao orgullo de sermos galegos.
O máis grave de todos é que isto faino quen nos debería representar e defender.
Unha pena.

luns, 27 de setembro de 2010

Maiorías e minorías

por Carlos Callón, no Galicia Hoxe:

Ao compañeiro Francisco Romaní, que se nos foi hai pouco, mais que nos lega o exemplo da súa simpatía, da súa entrega polos desfavorecidos e o seu compromiso patriótico

Tras o Consello da Xunta, a Alberto Núñez Feijóo preguntáronlle pola súa opinión sobre o tremendo desfase entre a cantidade de familias que responderon "Galego" no sobre de matrícula da educación infantil nas cidades (arredor do 40%) e a cantidade de nenas e nenos que nestes lugares van ter neste curso o ensino no idioma de Galiza (o 12%). A resposta do presidente foi, máis unha vez, que as maiorías deciden sobre as minorías.
Para alén doutras consideracións, o xefe do Goberno galego segue a mentir cando fala dunha inexistente opción de escolla das familias sobre a lingua da educación dos seus nenos e nenas nos primeiros anos. É radicalmente falso. Trátase dunha mentira deplorábel.
O que el e o seu partido tentan vender como un hipotético "dereito de opción" concrétase nunha pregunta no sobre de matrícula sobre cal é o idioma familiar. Quen responde non sabe (en ningures se informa diso!) que o que está a facer na realidade é votar pola lingua que quere que sexa a de uso normal na aula da súa filla ou fillo. En fin, que se escolle sen saber que se está a escoller nin as dimensións da escolla. Un calote en toda regra co que se pretende varrer o galego nas cidades, evitando que as familias falantes de castelán poidan chegar a solicitar o ensino en galego para os seus pequenos, como ten acontecido no pasado, mesmo no tan castelanizado centro de Vigo.
Mais imaxinemos por un momento que a realidade non é esta, senón o mátrix propagandístico de Núñez Feijóo: que os pais votaron, sumáronse os resultados e fixéronse as distribucións. Sería nese caso xusto e democrático que un 60% da poboación decidise erradicar a lingua que formalmente solicitou o outro 40%? Sería así máis xusto e democrático que máis do 75% das familias que optaron por un dos idiomas non visen atendida a súa petición? A que el chama minoría, a parte da sociedade que fai uso normal da lingua propia do país, pasa a carecer de dereitos? Tan mao é ser galega, ser galego, que mesmo o gobernante que nos considera unha minoría na nosa propia terra nos nega os mínimos dereitos que a nivel internacional se lle recoñecen ás minorías? Que concepción democrática é esa? Que sociedade se constrúe con eses vimbios?
Alberto Núñez Feijóo bota man dos conceptos "maioría" e "minoría" con moita frecuencia e sempre dunha postura de demagoxia belicosa. A idea central é que, xa que o seu partido detenta a maioría absoluta no Parlamento galego, ten capacidade ilimitada e plenipotenciaria para adoptar calquera medida, calquera. É esta unha visión retorta e perversa da democracia, non só discursivamente senón tamén pola vía dos feitos, pois nega a diversidade intrínseca da sociedade; mesmo nega o pluripartidismo, xa que as outras opcións políticas que non son "a maioría", as adxectivadas como "minoritarias", carecerían de lexitimidade e validez para defenderen as súas propostas. Repárese, sobre isto, no que o presidente do PP de Galiza defende nos seus discursos a respecto do nacionalismo galego.
No que di respecto á lingua galega, Feijóo considera que tamén conta co visto e prace social para asfixiala, xa que el gañou as eleccións autonómicas. Mais estamos de novo ante un discurso mentirán.
En primeiro lugar, porque o PP conta coa maioría absoluta na Cámara galega por só un escano: 38 deste partido fronte a 37 da oposición (25 do PSOE + 12 do BNG). Visto así, trátase dunha maioría moi exigua, pola mínima. Que o 50% da poboación goberne, con agresividade e prepotencia, contra o outro 50% non semella un bo camiño para ninguén.
Ademais, se sumarmos os sufraxios individuais, o voto persoal e intransferíbel de cada cidadá ou cidadán, o resultado é que, a suma de PSOE e BNG é de 5.000 apoios por riba do partido gobernante. En fin, que se a xornada das autonómicas a tivermos que considerar como un referendo, cousa que ás veces defenden desde a dereita, deberían recoñecer que ese referendo o perderon. Cal sería, aí, a "maioría" e a "minoría"?
Mais, de acordo, ninguén o cuestiona, o PP conta coa forza suficiente para gobernar nesta lexislatura, de acordo coas actuais regras do xogo. Porén, canto ten de verdade que o desmantelamento da oficialidade do galego que están a practicar a levaban no programa no programa electoral? Onde?! Eu procuro con detemento e insistencia e non encontro ningún documento (nin discurso) onde dixesen, por exemplo, que ían prohibir a docencia en galego de Matemáticas, Física e Química ou Tecnoloxía. Tampouco por ningures figura que varrerían a lingua de Galiza da educación infantil nas cidades. Se isto non o prometeron, cal é o respaldo da maioría á que tanto apelan?.

sábado, 7 de agosto de 2010

Feijóo e a Real Academia Galega

por Manuel Dourado Deira, no Galicia Hoxe:

É realmente triste e lamentable que un presidente de Galicia diga o que dixo da Real Academia Galega, unha institución cuxa primeira e principal obriga é velar pola promoción, renovación e conservación do idioma natural de Galicia; ten que sufriu a afronta que o Sr. presidente de Galicia deste malfadado momento da nosa xa milenaria Historia acusando o ilustre e actual presidente da RAG dunha rara contaminación ideolóxica. ¿Non será xustamente ao revés, Sr. presidente? ¿Non será a súa propia ideoloxía, os intereses partidarios e as súas propias cobizas postas no Goberno central as que o perturban? E, ¿como e por que lle anubou a cabeciña esta sombra de delirio? Pois porque a RAG, no cumprimento do seu deber de velar polo idioma de Galicia non lle gustou nadiña que interpuxese un recurso contra o chamado Decreto do Pluriligüismo. Está no seu deber, reitero, de o facer. Decepcionante e, incluso, punible, cando menos eticamente, sería o contrario: que non o interpuxese. Digo máis: quizais pecou por demasiado tardía porque xa antes o fixeran entidades CIG-Ensino, FETE-UXT e, por suposto, A Mesa pola Normalización Lingüística. E o Sr. Feijóo debe recordar que a RAG non e só o seu presidente, senón toda unha corporación do intelectualmente considerado o melloriño de Galicia. E a ideoloxía de cadaquén como en calquera outra institución é unha opción persoal á que todo cidadán ten dereito, pois na RAG concorre un amplo abano ideolóxico que se dilúe no deber institucional da salvagarda do noso idioma. Pensar cousa distinta é, repito, un delirio. Máis ben tería que ser vostede o que deba reflexionar moi a fondo sobre esa cousa espuria que é o Decreto do Plurilingüismo e retiralo da circulación, porque vostede sabe que ese plurilingüismo é unha artimaña legal para acabar de asfixiar o idioma galego. Sr. presidente, que se lle ve a pluma e o plumeiro da súa intencionalidade, esta si, fortisimamente ideolóxica. Talvez llo impón o autoodio que perturba ao Sr. Rajoy?

martes, 3 de agosto de 2010

Carta aberta a Feijóo

Ata hai ben pouco Xabier P. Docampo escribía as súas marabillosas Cartas Abertas desde Vieiros. Eu invito a que lea isto a ir a esta ligazón para ler algunhas das que publicara alí. Vieiros pechou, porén segue abendo carts abertas.
por Xabier P. Docampo, no Xornal de Galicia:

Señor Presidente: En anterior carta xa lle dicía que non había ser aquela a única que lle tería que escribir, así que aquí andamos outra vez e non porque eu o desexe, senón que acabo de ler as súas declaracións verbo do feito de que a RAG presentase un recurso en contra do chamado Decreto de Plurilingüismo.
Abráiase de que se teña producido tal recurso e recrimina o feito. Señor Feijóo, non cre vostede que calquera galego, se considera que nese decreto hai elementos de ilegalidade, o que debe facer é poñer os medios para que se impida a súa posta en funcionamento? Eu confiaba en que vostede actuara así sempre que osme que algo vai en contra das leis, pero polo visto non hai tal, e cre que se deben pasar por alto certas falcatruadas. Por que? Porque as fai vostede e non outro? Di vostede que a RAG non recorreu os decretos de Fraga, pois se neles advertiu algunha materia de ilegalidade e non actuou, mal feito.
Ademais, por que lle parece mal que os tribunais digan se o que decretou é conforme á lei ou non? Non quererá dicir que sabe que o Decreto ten cousas que non son totalmente acaíadas ao dereito? Se é así iso chámase prevaricación, ben o sabe. E se non é así pois estea tranquilo que non haberá lixo.
Tamén deduzo que non lle gusta o presidente da RAG (como tal presidente quero dicir, que lle supoño respecto para as persoas), pero aí teño que lle lembrar que foi democraticamente elixido polos académicos, que son os que teñen que facer tal cousa. Elixírono a maioría deles (como a vostede o elixiron case a maioría dos galegos), e agora o señor Méndez Ferrín é o presidente da Academia con plena lexitimidade e legalidade.
Tan é así que até aqueles que escribían artigos denigratorios para el como candidato a presidente, agora, en raposeira manobra, prémiano e gábano. O cinismo non lle ten cancelas!
Afirma que os seus compromisos electorais están por enriba das institucións. Teña coidado coa soberbia, que pode botalo a perder a vostede. As institucións públicas, señor Feijóo, pódense mudar e, mesmo, suprimir sempre que se faga por medios democráticos, pero están por enriba de calquera de nós mentres existan, do contrario isto sería a casa de tócame Roque.
Pero, no tocante á Academia, a súa soberbia é un pinchacarneiro inútil: vostede pasará, ninguén o lembrará e a RAG seguirá aí, farturenta ou en precario, mais prevalecerá. Xa sobreviviu a outros máis bravos ca vostede.
Eu ben sei que di estas cousas porque despreza a todos cantos non o votamos. Nunca quixo ser presidente dos galegos, só quería e quere dar satisfacción aos que o votaron. E nin sequera a todos, porque tamén despreza a cantos non comparten ese compromiso que adquiriu, vostede saberá con quen, de baleirar Galicia de calquera signo de identidade diferenciada que puidese haber.
A súa disposición a converter Galicia ­nunha “región de España” coma outra calquera (e digo isto sen menosprezo ningún para as comunidades autónomas que veñen definidas como tales rexións) e a iso é ao que lle mete máis dedicación de todo canto fai.
A lingua é o máis claro e querido signo de identidade diferenciada de Galicia, ben que o sabe, e a Academia ten que protexelo de calquera acción que poña en perigo a súa supervivencia e neste caso o perigo vén de vostede e do seu goberno. Non presentar o recurso sería unha grave irresponsabilidade por parte da RAG.

A RAG si está no seu sitio

por Rafael Cuíña, no Xornal de Galicia:

Poderíamos falar de perigosa “regra de tres” á afirmación do presidente do goberno galego cando fala referíndose á Real Academia Galega como institución pouco útil se é o brazo dunha ideoloxía. E falo de perigosa, porque ese concepto sería perfectamente aplicable a determinadas actuacións do executivo galego, que poden vir viciadas polo erro de crer, de xeito irrefutable, que representan a ese falso concepto chamado “maioría silenciosa”.

Do mesmo xeito que afirmabamos hai uns días que Feijoo é un político de capacidade moi por riba da media do que se ve na política galega, o xusto é denunciar que neste caso erra estratexicamente ao criticar a unha institución autónoma como é a Real Academia, que ten todo o dereito a non compartir os postulados do presidente galego e, no seu caso, denunciar un decreto sobre a lingua galega que non considera axustado á legalidade vixente.
O camiño debera ser que esa proposta que o titular de San Caetano afirma estar encima da mesa do chamado pacto “polo galego” deixase de ser unhas etéreas verbas baleiras e se concretase en necesarias realidades.
Se algúns pensan que o “pensamento único” debe ser o “único dos pensamentos”, atoparanse enfronte institucións como a que garante e vela polas nosas letras, ás que os seus membros non teñen pinta de tremerlle o pulso, ante presións pouco xustificadas.
Probablemente, o presidente da Real Academia chegase moito máis lonxe na súa denuncia contra o decreto que esta Xunta promove, e que tantos sectores sociais están soldando na súa contra, mais a moderación e espírito de consenso que precisa o cargo, fai que Ferrín, que non é precisamente un calquera das nosas letras, exerza de equilibrista sobre unha corda á que algúns queren pringar de escorregadizo aceite.
O bilingüismo cordial protéxese tamén exercendo en liberdade –esa famosa liberdade da que tanto falan os promotores do monolingüismo– a defensa e promoción do idioma galego, dende responsables e racionais teses académicas, por riba do interese partidario.
Teño a plena certeza de que así o fai a institución presidida por Méndez Ferrín, mais en ocasións, e lamentándoo moito, non o teño tan claro, no caso de Núñez Feijóo... Ou non?

luns, 2 de agosto de 2010

Ameazas á RAG

"Alá a Academia co que fai". Así ameazou Feijóo á Real Academia Galega nunha entrevista para o Faro de Vigo.
En Brétemas comentan outros aspectos da entrevista, relacionados coa Educación, os Servizos Sociais e a Sanidade,  e na Nosa Terra destacan a seguinte frase: 'A RAG non é útil se é o brazo dunha ideoloxía'.
Destas ameazas eu conclúo que a RAG fixo moi ben presentando un recurso, parece que moi ben fundamentado, contra o funesto decreto de plurilingüismo.
P.S.: No Galicia Hoxe tamén se fala do tema con máis información. Entre outras, destacan a seguinte frase de Feijóo: "hai moi poucos galegos que estean na RAG"
P.S.: Continúan os artigos. "Non hai comentarios" , O ano no que a RAG decidiu petar na mesa

sábado, 31 de xullo de 2010

Presentación de "Feijóo, o galego e nós"

O libro, "Feijóo, o galego e nós" editado por Laiovento e coordinado por Xosé María Álvarez Cáccamo, do que xa falamos neste mesmo blogue noutras ocasións,  foi presentado por Xulio López Valcárcel, Xabier P. Docampo, Pilar García Negro e o editor Francisco Pillado. Tamén sacado do blogue O levantador de minas.