Feijóo, o galego e nós é o título dun libro de artigos recompilados por Xosé María Álvarez Cáccamo que acaba de sair á luz. Reúnense neste volume os artigos xornalísticos de autores como Manuel Rivas, Ferrín, Antón Patiño, Víctor Freixanes, o ex-escritor Suso de Toro ou Marta Dacosta. Precisamente foi polo blogue desta última polo que nos enteramos da publicación do libro. Como aínda non o temos na man temos que botar man precisamente do que nos revela alí Marta Dacosta. Explícasenos quen é ese nós ao que fai referencia o título: "Nós somos a multitude. Somos quen nun período de oito meses... enchemos as rúas e prazas de Compostela en tres sonadas e pacíficas ocasións para declarar a vontade de Galiza fronte á estratexia de destrución dos alicerces da nosa identidade que preside a acción de goberno de Núñez Feijoo." Polo de agora esas tres ocasións xa se convertiron en catro. O noso nós insistiu na súa declaración unha vez máis o pasado 17 de maio.
O Xornal de Galicia destaca as palabras de Francisco Pillado, director de Laiovento, a editorial que publica este libro, que sen lelo xa o estamos a recomendar:
“Esta é outra publicación dunha serie de libros que responde á barbarie. Había que saír na defensa do idioma porque atacan o noso sistema inmunolóxico. É unha obra que recolle unha longa lista de autores do mellor da literatura galega”.“Cando todo isto desapareza, Feijóo será lembrado por este libro e pola resposta que tivo. Pasaralle como a Franco que será lembrado polo que fixo con Miguel Hernández, con Federico García Lorca"
E nós non podemos facer outra cousa máis que destacar a conveniencia contrapoñer ese nós aos outros, aos que negan o galego, aos que o desprezan e minusvaloran. Eche un nós que nos une mediante un fío invisible aos outros Nós, os da xeneración, quen sen apenas referentes se fixeron fortes arredor dese ente pronominal e agora son para nós referencia e punto, outra vez, de partida.
Pois, por nós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario