Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 18 de maio de 2010

Novoneyra

por Ruth Fernández Fernández, en Galicia Hoxe
A voz do Courel tivo onte o seu día grande. Así, os poemas de Uxío Novoneyra escoitáronse en toda Galicia no Día das Letras Galegas, no ano no que se cumpren 125 do pasamento de Rosalía de Castro, a primeira persoa á que se lle dedicaba a festa do 17 de maio alá polo ano 1963 e cumpríndose un centenario da publicación do seu inigualable poemario, Cantares gallegos. Contemporáneo do tamén poeta Manuel María, natural da Terra Chá, Novoneyra aproveitou a súa estadía no Courel, a súa terra natal, despois de ter vivido en Lugo, na Coruña, Compostela e Madrid, para curarse dunha doenza e escribir a súa grande obra, Os eidos, mergullándose de cheo na vivencia da terra. Detrás dese título, ao que volvería con Os eidos 2 e Os eidos. Libro do Courel, virían Elexías do Courel e outros poemas, Muller para lonxe, Do Courel a Compostela 1956- 1986... por citar só as obras máis representativas en galego. A presenza exclusiva da terra do Courel fai que vexamos na obra de Novoneyra un espello do que para el era o microcosmos natal que nutriu os versos nados especialmente para a recitación, con moitos silencios. A miúdo imita coa disposición gráfica a néboa, a auga que esvara, ensaios do que atopamos nos Poemas Caligráficos. Esa preocupación por amosar os elementos da natureza acompáñao nos recursos expresivos dos que bota man, especialmente no que respecta ao nivel fónico, xa que busca amosar, mediante a aliteración, os diversos sons da natureza.
Foi un poeta orixinal, segundo a crítica, que destaca pola concisión dos seus versos e a brevidade das composicións, que conxuga coa estética vangardista que ansiaba proclamar a idea básica da arte pola arte. Preocupado por plasmar a angustia producida pola fraxilidade do home ante a natureza, a historia e o tempo, o poeta deixa a miúdo a súa poesía en suspense, interrompendo o discurso para provocar unha forte emoción, que vai unida á súa dor existencial. Once anos despois da súa morte, Uxío Novoneyra volve estar vivo entre os seus lectores, cantando á súa, tamén nosa, de todos os que a amamos, "Galicia labrega.../ Galicia mariñeira.../ Galicia obreira.../ Galicia irmandiña.../ Galicia viva aínda". Engade na súa famosa Letanía de Galicia, do ano 1968, "recóllote i érgote no verbo enteiro/ (...)/ recóllote pros novos que vein con forza/ (...)/ pros que saben que ti podes ser outra cousa". Galicia é moito, pero pode ser moito máis... sen dúbida, se todos nos unimos e loitamos coa palabra, como o fixeron outros, noutrora. Os que amamos Galicia onte estivemos de festa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario