por Xosé Lois García, en Galicia Hoxe
Desde a primeira aparición da prensa galega publicada en Cataluña, editouse case toda ela en Barcelona, como é o caso da revista decana, Galicia en Cataluña (Órgano do Centro Galego de Barcelona). O seu primeiro número aparece en xaneiro de 1929 e remata en 1931. Estaba domiciliada na praza Real, 18, sede do Centro Galego. Esta revista tiña como finalidade informar sobre as actividades sociais e sobre temas relacionados co seu funcionamento.
Tiña todas as características dunha publicación elitista e respondía fielmente á nomenclatura daquel centro galego. Estaba escrita en castelán e o uso do galego reducíase a poemas de Rosalía, resaltábase cada mes. Na terceira páxina, titulada: "Galería de figuras regionales", estaba dedicada aos galegos que vivían en Barcelona e que tiñan unha posición económica forte ou unha profesión académica de destaque.
Os que promovían esta revista atacaron nas súas páxinas a Ramón Otero Pedrayo por falar galego en Barcelona. O declive desta publicación coincide coa proclamación da II República en 1931.
No período da guerra civil aparece publicada en Barcelona a revista Nova Galiza (Boletín quincenal dos escritores antifeixistas). Os seus principais mentores foron Castelao e Rafael Dieste. Tiña un contido circunstancial en función de defender e espallar os ideais galeguistas e republicanos.
Tiña una periodicidade quincenal e o primeiro número está datado o 5 de abril de 1937 e o último corresponde a xullo de 1938. Publicáronse 18 números en total. Nova Galiza, respondeu dunha maneira clara aos intereses daquela Galicia mártir e heroica que estaba sometida e asoballada polo franquismo. Foi unha publicación completamente aberta na que colaboraron persoas de tódalas tendencias antifranquistas e que fixo un papel excepcional na cobertura de informar sobre a situación galega e de buscar solidariedade no exterior coas familias dos asasinados, cos presos e cos fuxidos.
En 1948 publícase en Barcelona Alborada (Boletín de la Casa de Galicia), escrita en castelán, e o seu obxectivo era informar da marcha da sociedade aos seus socios. Nesta andaina apareceu Manuel Casado Nieto e Alborada deu un paso a diante ao ter un carácter bilingüe e ao incorporar unha serie de acreditados escritores e, tamén, os máis novos como Manuel María e Novoneyra.
Evidentemente, Alborada estaba dentro das posibilidades que permitía a censura e da maneira de entender esta publicación do Centro Galego a maioría dos seus socios. Pese a todo isto, hai un número de destaque que se publica co gallo do XXV aniversario do pasamento de Castelao, coordinado por Xesús González Gómez e no que colaboraron prestixiosos escritores galegos. Podíamos falar de sete épocas moi definidas e emerxentes de Alborada, todas elas ilustran bastante ben o que foi e o que é o Centro Galego de Barcelona.
Unha das publicacións de circunstancias, publicada en Barcelona, foi O Mallo (Voceiro da Irmandade Democrática Galega). No número 27, páxina 160, da Gran Enciclopedia Galega, lemos: "Publicación fundada en Barcelona no ano 1973 por Xosé Lois García Fernández, que actuaba como o órgano de expresión da organización clandestina Irmandade Democrática Galega (IDGA). De tendencia nacionalista, estaba escrita integramente en lingua galega e incluía artigos centrados na situación social de entón, nos que se denunciaba a política franquista e na que se adoptaba unha postura en prol do autogoberno de Galicia e da defensa da Cultura". O Mallo foi a expresión de loita clandestina que aglutinou moitos traballadores e estudantes galegos localizados na empresa Seat e na Universidade Autónoma de Barcelona. O Mallo, sen dúbida, cumpriu un papel importante en favor da dignidade de Galicia en Cataluña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario