por José Luis Gómez, director do Xornal, no Xornal de Galicia
A Xunta deulle luz verde ao chamado decreto do plurilingüismo, unha curiosa forma de levar a cabo o pacto pola lingua que propuxo o presidente Núñez Feijóo, cando todos sabemos que se trata dunha medida partidista que rompe consensos de moitos anos ao redor da lingua propia de Galicia. Apenas hai avances no decreto con respecto ao contestado borrador, salvo a renuncia a consultar aos pais por falta de fundamentos xurídicos, como xa alertou o Consello Consultivo, de maneira que as autoridades educativas conservan o seu papel; polo menos de momento.
A maioría absoluta do Partido Popular transfórmase así nunha verdadeira ameaza para o futuro do galego, que en 15 ou 20 anos pode quedar francamente decimado, se este país non é capaz de construír antes outra alternativa de goberno.
Digámolo claro: en Galicia poderase estudar sen falar galego. Se ese era ou obxectivo, xa está conseguido. O presidente Feijóo pagou a súa factura electoral a quen desde posicións radicais declararon a guerra ao idioma propio deste país nunha verdadeira operación de deconstrución nacional.
Co novo decreto, os nenos de ata seis anos de ámbitos castelanparlantes nin tocarán o galego, e cando a esa idade se incorporen ao ensino obrigatorio estudarán o galego pero terán opción a dirixirse aos seus profesores en castelán, polo que pode darse o caso de que moitos deles abandonen as aulas sen saber falar en galego.
Bastarían estes dous puntos para declarar o decreto de Núñez Feijóo contrario ao Estatuto, que establece dúas cousas que non se van a cumprir: que o galego sexa de uso normal e oficial e que a Xunta impulse o seu uso como lingua propia de Galicia. E é que o impulso dunha lingua xa en decadencia nos medios urbanos deste país non se ve por ningunha parte.
Se a Xunta non empeza a promocionar o galego no ensino, onde o vai a facer? Ou seica ignora a Administración de Feijóo que o galego fálase cada vez menos entre os mozos das cidades e ata das vilas de Galicia? De que consensos fala o presidente cando apela ao diálogo pola normalización con PSdeG e BNG?
Non nos chamemos a engano. Cando Feijóo fala de equilibrio total entre galego e castelán, non está decindo a verdade, e cando parece recoñecer o galego como lingua propia de Galicia, asumindo xa que logo un artigo do Estatuto, non está sendo coherente, pois para que asi fose o galego tería que ter un equilibrio real co castelán, que non ten hoxe e menos aínda vai ter con este novo decreto.
É evidente que hai un interese político, de carácter partidario, por marxinar o galego e que o equilibrio do que fala o Partido Popular é unha mera falacia, concibida quizá para manter no engano a algúns dos seus votantes galegoparlantes, que aínda son numerosos e decisivos cada catro anos. Agora ben, o PP ten a responsabilidade que ten, que é moita, pero non é toda. Suponse que os galegos tamén saben o que votan.
Para que logo aínda veñan algúns e digan que os políticos son todos iguais... País
Ningún comentario:
Publicar un comentario