Aproveitamos que poñemos un artigo deste da foto para comentar que acaba presentar no Parlamento unha proposición impulsou unha iniciativa lexislativa no Parlamento autonómico co obxectivo de garantir por lei a posibilidade de 'restituír' a onomástica na súa forma galega orixinal, así como que a información e rotulación de infraestruturas e servizos figuren, 'polo menos, en galego'.
O primeiro dos artigos da lei reclámalle á Xunta que cumpra e faga cumprir o mandato legal respecto ao uso e difusión oral de todos os topónimos, hidrónimos e calquera accidente xeográfico, na súa forma correcta, a única oficial e legal, é dicir, a que se corresponde coa ortofonía e ortografía galegas.
Ademais, garantirá que nas administracións galegas se usen estas formas en todas as funcións, así como que nas estacións de autobuses, empresas de transportes de viaxeiros e medios de comunicación sexa a fórmula oficial a que apareza. Tamén a Administración de Xustiza operante en Galiza "responderá ao mandato da presente lei", recolle o texto.
Así mesmo, esta normativa pretende que todos os cidadáns teñan dereito por lei ao pleno recoñecemento legal e uso para todos os efectos da forma normativamente correcta en galego dos seus nomes e apelidos, mentres que os interesados poderán obter oficialmente a constancia da forma normativa correcta en galego dos seus nomes e apelidos no Rexistro Civil.
Neste apartado, a proposta de lei apunta que a Xunta "estabelecerá regulamentariamente o procedemento documental que acredite a corrección lingüística no proceso" e que realizará campañas periódicas de información e sensibilización.
Finalmente, a iniciativa impulsada polo Bloque estabelece que os indicadores de sinalización e rotulación dos viarios de circulación en Galiza deben estar, polo menos, en lingua galega. Esta mesma condición adxudícaa ás sinalizacións de estradas e autoestradas, estacións ferroviarias, de autobuses e marítimas, portos de interese xeral, aeroportos abertos ao tránsito comercial ou outras instalacións deste tipo.
por Bieito Lobeira, deputado do BNG, en Terra e Tempo
Un, entre outros moitos, dos presuntos argumentos cos que a reacción intenta desarmar ideoloxicamente ás persoas e movementos defensores da lingua galega é aquel que afirma que o debate lingüístico está "politizado", que debe deixar de ser obxecto de "confrontación política" e que, en consecuencia, cumpre "despolitizalo".
Sería de inxenuos non entender que o estado xeral do idioma galego, hoxe mesmo, non ten a ver coa anomalía política de Galiza no seu devalar histórico como produto da súa dominación española, provocando as evidentes e características alteracións de uso social, mais tamén aquelas que afectan á súa toponimia, antroponimia e mesmo no relativo ao proceso de hibridación lingüística, paso previo á definitiva substitución. Daquela, non hai que "despolitizar" a lingua. Porque a lingua é, en si mesma, un problema político.
Foron e son, por tanto, razóns políticas de raíz económica as que fundamentan a persecución histórica do noso idioma. Non nos enganemos: poderosos intereses económicos precisan dunha Galiza submisa, dócil e anulada na súa consciencia, sen resortes políticos de autodefensa. Porque este é o mellor esquema para seguir a tirar beneficios do noso país polos de sempre. E fronte a iso, é de catón que a toma progresiva de consciencia de pertenza a un pobo, e a defensa dos seus dereitos políticos, económicos e sociais pasa pola asunción práctica da súa identidade, comezando pola lingua. A máis galego, máis dignidade e autoestima colectiva, o que conleva maior determinación para a protección do propio (economía incluida) e a procura de instrumentos políticos (capacidade de libre decisión) para efectivizar eses dereitos. E, á inversa, a autoanulación, o autoodio, o complexo de inferioridade, son as mellores receitas para que o expolio continúe.
Aquí ninguén é inocente. A acusada recentralización política no Estado español, e a intolerancia no recoñecemento da súa diversidade lingüística e cultural, son a coartada ideolóxico-política perfeita para a imposición dun sistema económico depredador (capitalista) que non entende de pobos nin de dereitos nacionais, que só persegue a uniformización de mercados e a obtención de beneficios (acumulación de capital) por calquera vía e do xeito máis imediato posíbel. Neste contexto, a existencia de nacións con consciencia de seu e con soberanía (real, non aparente) son o maior obstáculo para o avanzo dese proxecto económico e social que xera desigualdade e miseria para a humanidade.
Sexamos conscientes, portanto, de que na Galiza a defensa da lingua leva aparellado valores e principios humanos inerentes a conceitos tan fermosos, mais tamén tan devaluados hoxe, como o da democracia, a xustiza, a dignidade, ou a liberdade. Por iso lles doe, aos que pretenden que Galiza siga a manter un rol topicamente subsidiario e colonial, a masiva resposta social que a política lingüística do PP está a orixinar. Por esa razón perverten e prostitúen a linguaxe. Por iso falan de que cumpre "despolitizar" o conflito. Por iso mesmo vinculan a liberdade ao uso do español e asocian mecánicamente lingua galega con imposición. Substituindo a tese tradicional galego=atraso; español=progreso, por unha nova ecuación, máis "moderna" e "elegante". Así, a imposición do español conleva liberdade; o galego, porén, é imposición inquisitorial.
Son a este respecto clarificadoras as palabras do Secretario Xeral do PP (na sucursal galega) e Conselleiro Alfonso Rueda. Nas vísperas do 17 de maio afirmaba que a) o BNG "politizaba" a lingua, e b) as mobilizacións convocadas pola Plataforma Queremos Galego respondían á reivindicación dunha "ditadura lingüística"(sic). Xa lle hai que botar valor para falar de ditadura quen non condea a que se viviu, esa si, na Galiza durante 40 anos, e na que se perseguiron e asasinaron defensores do idioma noso, ou de quen ten nese mesmo partido persoas que participaron directamente na xestión dese rexime fascista, ou algunhas outras que lle seguen a realizar homenaxes a Franco. Ou aqueles que, xa no ámbito lingüístico, tornan a ameazar con represalias e expedientes a aqueles mestres que ousen cometer o terríbel delito de impartir aulas en galego na súa propia Terra...
A loita pola lingua, a loita por Galiza e os seus dereitos foi, é, e vai ser, un camiño duro e longo. Vai precisar de esforzos e sacrificios. Mais tamén de clarificación, comezando pola da linguaxe. Non cometamos o erro de irmos asumindo a linguaxe e metalinguaxe do inimigo, porque iremos perdendo a batalla. Manteñámonos firmes, non abdiquemos na práctica individual nin na reivindicación colectiva do monolingüismo en galego. Veñen tempos duros, mais tamén é certo -e aquí podemos e debemos ser optimistas- que o pobo galego segue a manter, nunha parte moi importante, a determinación de loitar polo seu e non se deixar asimilar. Estámolo a comprobar cada día. E honestamente, con todo o que leva sofrido, é para nos sentir orgullosos de pertencer a esa nación historicamente humillada, mais aínda digna, que ten moito futuro por diante, que se chama Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario