A Real Academia Galega concluía sobre as Bases para a elaboración do decreto:
As Bases que se analizan poderían producir un retroceso no proceso de normalización da lingua galega, que infrinxe a lexislación vixente e maila xurisprudencia emitida polos altos Tribunais e que tampouco se sustenta na mellor organización do proceso pedagóxico senón, unicamente, en promesas electorais que son de dubidosa legalidade e que, por esa razón, non parecen validables polas urnas.
E destacaba dous preceptos legais fundamentais que tanto as Bases como o decreto final incumpren:
Coñecer unha lingua é condición previa para poder exercer o dereito constitucional de usala.
O segundo concepto, tamén solidamente asentado na lei e na xurisprudencia, é a discriminación positiva para corrixir desigualdades históricas: os poderes públicos están obrigados a removeren os obstáculos que impidan ou dificulten a plenitude dos individuos
O centro do ditame do Consello da Cultura de Galicia incidía na necesidade de volver ao PXNLG (Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega) que por ser acordo unánime do parlamento vén a ter as mesmas consideracións legais que unha lei xeral. Nese mesmo ditame indicábase que a dirección a seguir na normativa do decreto debía ser xusto a contraria da que se expoñía nas Bases e que continúa a aparecer reflectida no decreto vixente a partir de mañán:
En ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego como lingua propia de Galicia, co obxectivo de situalo en pé de igualdade co castelán.
Os responsables políticos e o goberno galego deben impulsar un discurso público en que o idioma galego deixe de formularse en termos de problema e pase a comprenderse en termos de recurso ou activo social
Cambiada a redacción pero mantendo o mesmo fondo as Bases convertíronse en Proxecto e pasou polas mans do Consello Escolar quen non chegou a debatelo pois parecíalles tal ataque á lingua e ás leis que saeu adiante unha emenda á totalidade.
O último capítulo foi o ditame do Consello Consultivo. Nas Bases figuraba unha crítica ao decreto 124/2007 que os autores das mesmas repetiron incesantemente, que o Consello Consultivo consideraba un punto das mesmas non axustado a dereito, un punto que xa se sabía que era perfectamente legal baixo sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. No entanto o ditame do Consello Consultivo sobre o Proxecto foi absolutamente demoledor: vai contra a Carta Europea da Linguas Rexionais e Minoritarias, contra a Constitución, contra o Estatuto de Autonomía, contra a Lei de Normalización Lingüística, contra o PXNL,contra distintas sentenzas do tribunal constitucional, contra diversos ditames do Consello Consultivo, contra diversas leis xerais e, eu continúo, vai contra o galego. Ata tal punto este decreto é radical e cargado de ideoloxía racista que elimina de todo o articulado o termo normalización, e substitúe todos os "polo menos" referidos ao uso do galego por "como moito". En palabras do Consello Consultivo: "resulta contrario ao ordenamento xurídico" en máis da metade do seu articulado, precisamente na parte máis substancial do mesmo.
Todas as historias teñen a súa lóxica. Esta tamén e o final non podía ser doutro xeito. O xoves pasado o Consello da Xunta aproba o decreto, cando aínda estaba sen redactar. Calquera espectador un pouco avisado xa o debería sospeitar. Na nosa páxina favorita, a da SXPL, desde o xoves ata hoxe, non aparecían mais que noticias, digámolo así, secundarias, non había decreto por sitio ningún. A SXPL só fixo púbico o decreto hoxe, despois de aparecer publicado no DOG. A razón desta tardanza revélana no xornal El País, mais é doada de adiviñala, o Consello da Xunta aprobou o pasado xoves un decreto que aínda non estaba redactado. Ilegal ata o final.
A primeira resposta xa chegou: a CIG anunciou que "vai presentar Recurso Contencioso-Administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o Decreto do Plurilingüismo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza". Son os primeiros pero non serán os únicos, quen seguira, aínda que fose de lonxe todo este proceso, saberá que todo o mundo se posicionou contra este atentado.
Volveremos co tema. Xa contaremos o que vai pasar coa implantación deste funesto decreto.
Por certo, non só nos ilegalizaron o galego, senón tamén os furanchos. Mañán hei de colocar na entrada do instituto unha ponla de loureiro para indicar que alí se imparten clases de ciencias en galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario